Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 3 de marzo de 2021 Páx. 12784

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e da necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Pontevedra (expediente IN407A 2020/012-4).

Feitos:

Primeiro. O 19 de febreiro de 2020, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada reforma LMTA LOZ803A en Salcedo.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste na substitución do cableamento existente e a retirada de 4 postes que se encontran en mal estado, por tres postes adecuados para os novos tensados que quedarán na mesma posición e se eliminará un poste dos existentes debido á proxección dun van de maior lonxitude. As obras sitúanse na parroquia de Salcedo, no concello de Pontevedra.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

Terceiro. Mediante escrito do 3 de xuño de 2020, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora. Ademais, para aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 2 de setembro de 2020 e 5 de setembro de 2020 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio, non compareceu ningunha persoa interesada.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 3 de xuño de 2020 publicada nos seguintes medios:

DOG: 26 de xuño de 2020.

BOPPO: 25 de xuño de 2020.

Xornal Faro de Vigo: 30 de xuño de 2020.

Taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra desde o 10 de xuño de 2020 ao 23 de xullo de 2020 conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Rosalía Campos Allende e María Teresa Couso Cerqueiro. A seguir resúmese o seu contido:

Rosalía Campos Allende propón que se desprace a zapata que se sitúa na metade da parcela, pois asegura que causa un grave prexuízo e a inhabilita para calquera uso.

María Teresa Couso Cerqueiro solicita, no que respecta á parcela nº 6, que o novo poste siga no mesmo lugar onde está o existente e que recúen a liña a un dos laterais da parcela evitando que atravese a propiedade pola metade.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

En relación coa proposta de Rosalía Campos Allende, a empresa promotora informa de que o trazado da liña é o existente e os apoios irán no mesmo lugar que os actuais e que orixinan unha mínima afección, que neste caso é de 0,64 m² do solo.

No que respecta ás alegacións de María Teresa Couso Cerqueiro informa que debe achegar documentación acreditativa da titularidade, xa que na relación de bens e dereitos afectados polas obras a parcela figura a nome de Manuel Fernández Couso. Tamén destaca que o apoio proxectado que afecta a parcela nº 6 se colocará no mesmo lugar do actual e que o trazado da liña non sufrirá variación e manterá as mesmas servidumes aéreas sobre as propiedades existentes na actualidade, así como as mesmas posibilidades edificatorias que antes da presentación deste proxecto.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas máis salientables do proxecto Reforma LMTA LOZ803A en Salcedo, para a que UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, son:

– LMT área a 20 kV (actuación 1) con condutor LA-110 mm² Al de 115 metros de lonxitude, con orixe no poste nº 1 proxectado no tramo LOZ803A0118 e final no poste nº 2 proxectado no mesmo tramo.

– LMT área a 20 kV (actuación 2) con condutor LA-110 mm² Al de 85 metros de lonxitude, con orixe no poste nº 2 proxectado no tramo LOZ803A0118 e final no poste nº 28 do mesmo tramo.

As instalacións están situadas no lugar de Cabanas, na parroquia de Salcedo, no concello de Pontevedra.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor exponse o seguinte:

Cómpre indicar que o proxecto de UFD consiste na reforma da LMTA LOZ803A substituíndo apoios e respectando o trazado existente.

Por outra parte, no que atinxe ás demais alegacións, cómpre indicar que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,..), así como das afeccións reais do proxecto sobre as parcelas afectadas.

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada reforma LMTA LOZ803A en Salcedo, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condición establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, a fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 8 de febreiro de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra