Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 8 de marzo de 2021 Páx. 13641

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2021 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes para as subvencións para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, convocadas mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2021 (procedemento administrativo PR608A).

Con data do 9 de febreiro de 2021, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2021-2023 (procedemento administrativo PR608A).

No artigo 2 da convocatoria disponse que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo vence o 9 de marzo de 2021.

En atención a solicitudes de ampliación do dito prazo realizadas por axentes interesados na convocatoria nas cales se pon de manifesto que o prazo inicial previsto fai inviable a presentación da documentación requirida dado o alto volume de entidades de poboación (290) sobre as que resulta preciso realizar replanteos, estudos de cobertura e viabilidade para poder realizar unha proposta coa calidade necesaria, tendo en conta que se trata de documentación cuxa entrega presenta polo tanto dificultades especiais e que non existe ningún impedimento xurídico, considerase axeitado ampliar o prazo inicialmente establecido.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Amplíase o prazo de presentación de solicitudes para as subvencións para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, convocadas mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2021, ata o 23 de marzo de 2021, inclusive.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia