Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 8 de marzo de 2021 Páx. 13582

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de Galicia con poboación inferior a 20.000 habitantes, para o ano 2021 (código de procedemento MT300A).

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 27.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, creada polo Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 181, do 7 de setembro), desenvolvido polo Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm.190, do 18 de setembro), en virtude do establecido no artigo 1 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo (DOG núm.79, do 25 de abril) polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española, e que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

O artigo 13.1.m) do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, establece que corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo a realización de actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

O modelo territorial galego caracterízase pola súa diversidade, pois xunto ás sete grandes cidades que concentran, na súa área de influencia, o 57 % da poboación galega, conflúen, por unha banda, un conxunto de vilas de pequeno e mediano tamaño que contribúen ao equilibrio territorial e á cohesión social e, por outra banda, un importante número de entidades singulares de poboación de tamaño desigual e de diferente tipoloxía, distribuídas polo territorio de maneira dispersa, que dotan dunha especial singularidade o espazo rural da nosa comunidade autónoma.

O conxunto de vilas dispersas pola nosa xeografía articula e centraliza a vida económica, social e cultural do territorio que se atopa baixo a súa área de influencia. Constitúen verdadeiros motores de dinamización social e económica ao se converteren en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

A súa influencia vén determinada por diversos factores como accesibilidade ao núcleo, o nivel de servizos, e actividades de lecer que subministra ao conxunto da poboación, e o seu papel como centro comercial para a economía da zona.

A finalidade perseguida é a de humanizar as vilas galegas, atendendo á realidade sociodemográfica de cada unha delas, aplicando unha nova visión sobre as nosas urbes enfocada no futuro e nas persoas.

Polo tanto, é preciso acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas e servizos, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación, perseguindo os seguintes obxectivos:

1. Promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social.

2. Mellorar as dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación, co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos da nosa comunidade autónoma.

3. Fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de xeito que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificada pola propia natureza destas e a súa concesión vén determinada polo cumprimento por parte dos concellos dos requisitos establecidos na propia orde.

En consecuencia, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas aos concellos de Galicia con poboación inferior a 20.000 habitantes, para a creación e mellora de infraestruturas, e se procede á convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento MT300A).

O procedemento de concesión destas axudas tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

A xestión das subvencións obxecto desta convocatoria realizarase de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter unha poboación inferior a 20.000 habitantes. Para estes efectos, considerarase o número de habitantes o recollido no último padrón municipal aprobado polo Real decreto 743/2019, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2019. No caso de que na data de publicación desta orde estivese publicado o real decreto referido ás cifras de poboación do ano seguinte, tomarase este último de referencia.

2. Ter remitida ao Consello de Contas a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario 2019 antes do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda.

3. Non estar incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

4. Acreditar a viabilidade do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude. Este requisito acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

Para os efectos desta orde entenderase que existe plena viabilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención sexan compatibles co planeamento municipal vixente, se acredite a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a execución das ditas actuacións e de todas as autorizacións e informes sectoriais previos que precise por razón de materia e emprazamento.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos destinados á creación ou mellora de infraestruturas, dotacións e instalacións vinculadas á prestación dos servizos municipais, que sexan compatibles co planeamento municipal vixente, consistentes na humanización e melloras urbanas de rúas ou de espazos públicos e que cumpran as recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos.

Para estes efectos, defínese:

a) Actuacións de humanización: actuacións que supoñan aumentar a superficie do espazo público para o seu uso polas persoas viandantes en detrimento do seu uso por vehículos de motor.

b) Actuacións de melloras: obras que doten de redes de servizos urbanos (abastecemento, recollidas de augas, iluminación pública, soterrado de cables de telefonía e electricidade), reforma ou formación de beirarrúas en vías de titularidade pública, supresión de barreiras arquitectónicas e, en xeral, obras que melloren a utilización polas persoas dos espazos públicos.

2. Cada concello só poderá solicitar axuda para unha actuación das descritas anteriormente. Cando o órgano instrutor observe que un concello participa en máis dunha actuación, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

3. As actuacións deberanse iniciar no exercicio 2021. Os prazos da súa execución terán en conta as datas límite de xustificación que se especifican no artigo 12 desta convocatoria. Para tal efecto, o período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2022, conforme as condicións que se especifican no artigo 12 desta orde de axudas.

En ningún caso serán obxecto de axuda:

a) As actuacións que non sexan compatibles co planeamento municipal ou que non conten coas autorizacións sectoriais que resulten preceptivas.

b) A adquisición de terreos.

c) Os proxectos de redes de luz pública que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias; ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos e pezas illadas en mobiliario ou equipamentos.

d) A adquisición ou substitución de equipamentos para tratamento e xestión de residuos sólidos urbanos, que non formen parte de xeito conxunto en proxectos relativos as actuacións a) e b) do punto 1 do presente artigo.

e) A adquisición de vehículos.

Artigo 4. Crédito e importe máximo das subvencións

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2021 08 04 521A 7620 (código de proxecto 2015 00235) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, destinándose para tal finalidade un total de dous millóns trescentos tres mil seiscentos sesenta e catro euros con trinta e catro céntimos (2.303.664,34 €) distribuídos nas seguintes anualidades:

2021: 1.357.232,67 € (58,92 % respecto do orzamento total da orde).

2022: 946.431,67 € (41,08 % respecto do orzamento total da orde).

2. A axuda económica será o 70 % do investimento subvencionable, co límite máximo de sesenta e sete mil setecentos sesenta euros (67.760,00 €) por concello (IVE incluído), ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

3. O pagamento realizarase na parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, sen que poida exceder a porcentaxe fixada para cada anualidade no punto primeiro sobre o crédito total. Os beneficiarios deberán considerar as actuacións e o seu cofinanciamento na mesma anualidade orzamentaria que o órgano concedente da axuda.

4. Unha vez esgotada a contía máxima fixada no punto 1 deste artigo, así como, de ser o caso, as ampliacións de crédito efectuadas, publicarase o esgotamento da contía máxima fixada e acordarase a inadmisión das posteriores solicitudes; a dita publicación farase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; neste caso, o órgano concedente procederá a publicala nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitude

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Esta obriga de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

3. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén no anexo I, asinada pola persoa representante da entidade local solicitante, en que se faga constar:

– O conxunto de todas as axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

– Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención. Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

– Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicional das presentes bases reguladoras.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do anexo II da persoa que ten a titularidade da secretaría da entidade local en que se faga constar:

1º. O acordo do órgano competente da entidade local polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde e o acordo deberá estar adoptado antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que se deberá consignar a denominación e o orzamento de cada unha delas, así como o orzamento total.

O incumprimento deste requisito constituirá causa de inadmisión da solicitude.

2º. Que a conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2019 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia, debendo acreditarse no certificado que a remisión da conta ao Consello de Contas se efectuou antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, polo cal se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas certificacións en que non se faga constar a dita data de remisión.

O incumprimento deste requisito constituirá causa de inadmisión da solicitude.

3º. A viabilidade urbanística do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude.

Para efectos desta orde, entenderase que existe plena viabilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención sexan compatibles co planeamento municipal vixente, se acredite a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a execución das ditas actuacións e de todas as autorizacións e informes sectoriais previos que precise por razón da materia e do emprazamento.

O incumprimento deste requisito constituirá causa de inadmisión da solicitude.

4º. Que no momento de presentar a solicitude o concello dispón dun proxecto ou anteproxecto da/s obra/s que se vaian realizar co seguinte contido mínimo:

Memoria explicativa.

Orzamento detallado.

Planos a escala suficiente.

Os concellos que resulten beneficiarios deberán presentar o proxecto ou anteproxecto da/s obra/s que se vaian realizar por medios electrónicos nun prazo de cinco días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión. No caso de que o proxecto ou anteproxecto da/s obra/s supere os tamaños máximos establecidos, ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro do prazo previsto e indicando o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) Memoria xustificativa da necesidade das actuacións para as cales se solicita a subvención, asinada pola persoa representante da entidade local.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade solicitante ante calquera Administración. Neste caso, a entidade solicitante deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade solicitante.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade solicitante a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das entidades solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa, ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade solicitante, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente, ou non se achega na súa totalidade, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 desta lei.

Artigo 7. Instrución

1. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

2. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o artigo 6 da presente orde, é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

3. O órgano instrutor será o Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, segundo establece a disposición adicional primeira, as resolucións relativas aos procedementos asociados a esta orde.

Artigo 8. Resolución, notificación e modificación

1. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será dun mes, contado a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada na presente orde.

3. A resolución notificaráselles a todos os concellos interesados, na forma prevista no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo o establecido no artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As resolucións ditadas ao abeiro da presente orde esgotan a vía administrativa e contra elas os concellos interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Unicamente se aceptarán como supostos que habiliten a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato segundo o establecido no artigo 205 punto 1 e 2.b) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 9. Aceptación

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención de conformidade co artigo 21.5 da Lei de subvencións.

3. Os concellos beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

4. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 12 desta orde.

c) Incumprimento da obriga de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme coas prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

6. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación que afecte a natureza do investimento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 11. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións que integran o proxecto subvencionado e que constitúe o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. A entidade beneficiaria deberá acreditar as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 12. Xustificación e pagamento

1. As entidades beneficiarias deberán executar as actuacións subvencionadas e presentar a conta xustificativa, dentro dos prazos determinados na resolución de concesión da axuda e o consecuente recoñecemento das obrigas conforme o establecido nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, segundo o seguinte procedemento:

1.1. Para as axudas que recollan só a anualidade de 2021, o prazo de execución material das actuacións será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2021, e o prazo de presentación da documentación xustificativa será ata o 15 de decembro de 2021.

1.2. Para as axudas cuxa contía se distribúa nas anualidades de 2021 e 2022, observáranse as seguintes regras:

a) Para a xustificación do importe da anualidade de 2021, o prazo de execución material das actuacións será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2021, e o prazo de presentación da documentación xustificativa será ata o 15 de decembro de 2021.

b) Para a xustificación da anualidade de 2022, o prazo de execución material das actuacións será o comprendido entre o 1 de decembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022, e o prazo de presentación da documentación será ata o 15 de novembro de 2022.

2. A conta xustificativa estará integrada polos seguintes documentos:

a) Declaración responsable asinada polo representante do concello beneficiario segundo o modelo do anexo III desta orde, en que se faga constar:

• O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

• De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.

• Que o concello beneficiario non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que as entidades locais beneficiarias están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedoras por resolución de procedemento de reintegro.

b) Certificación emitida no modelo do anexo IV polo/a secretario/a do concello beneficiario relativa:

• Á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na cal se faga constar de forma detallada: o cumprimento da finalidade da subvención e os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

• Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade do gasto correspondente á execución do proxecto subvencionado.

• Que, segundo informe do/a secretario/a do concello, a contratación das obras, equipamentos ou servizos se realizou consonte a normativa de contratación do sector público.

Nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deberá facerse constar:

• As tres ofertas que deben solicitar, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 10 desta orde.

• Que se cumpriu o establecido nos artigos 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, especialmente que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 13. Libramento das subvencións

1. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axuda, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 16. Incumprimento de obrigas

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades solicitantes avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades solicitantes deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades solicitantes da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade solicitante dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

b) Nos seguintes teléfonos:

• Para consultas técnicas sobre os proxectos e documentación relativa a eles: 981 54 43 82.

• Para consultas de tipo administrativo e xestión: 981 54 43 89 e 981 54 43 62.

c) No enderezo electrónico: sxurb@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación u outros incidentes das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer obrigas e propoñer os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, de 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido de la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo as facultades sinaladas no título II da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativas aos procedementos de reintegro.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file