Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 8 de marzo de 2021 Páx. 13578

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 10 de febreiro de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Aranga (A Coruña) para a clasificación de solo urbanizable industrial con ordenación detallada dun sector do SUND I3.

O Concello de Aranga solicita a aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal referida, en virtude do artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Aranga dispón dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da CMATI do 16.12.2013.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 5.2.2018 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe ambiental estratéxico o 22.3.2018, no cal resolveu non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

4. Emitiron informes municipais previos á aprobación inicial, a secretaria-interventora en datas 23.10.2017 e 6.5.2019 e o arquitecto en datas 21.11.2017 e 8.4.2019.

5. O Concello Pleno do 16.5.2019 aprobou inicialmente a modificación, que foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 19 de xuño de 2019 e La Voz de Galicia do 21 de xuño de 2019), sen se presentar ningunha alegación, segundo a certificación municipal do 21.8.2019.

6. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

– Demarcación de estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento) do 20.3.2019, favorable.

– Informe da Subdelegación do Goberno na Coruña do 9.9.2019.

– Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Economía e Empresa) do 25.7.2019.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do 29.8.2019.

– Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático sobre solos contaminados do 24.9.2019.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 27.9.2019.

– Augas de Galicia do 28.10.2019 e 18.2.2020.

– Instituto de Estudos do Territorio do 21.11.2019.

– Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal do 18.11.2019.

8. Rematado o prazo previsto segundo o artigo 60.7 da LSG para a emisión dos informes solicitados o 26.11.2019, o da Dirección Xeral de Defensa do Monte enténdese emitido en sentido favorable.

9. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Coirós, Curtis, Guitiriz, Irixoa, Monfero e Oza-Cesuras. Responderon os concellos de Coirós, Curtis e Irixoa.

10. O arquitecto municipal emitiu informes en datas 3.6.2019, 17.3.2020 e 11.6.2020.

11. A secretaria-interventora municipal emite informes previos á aprobación provisional o 26.5.2020 e o 11.6.2020.

12. O Concello Pleno do 16.6.2020 aprobou provisionalmente a modificación e acordou abrir un período de exposición pública de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 13 de xullo de 2020) sen se presentar ningunha alegación.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. A modificación ten por obxecto clasificar como solo urbanizable industrial e ordenar detalladamente un ámbito de 14.690 m2, clasificado actualmente como solo urbanizable non delimitado industrial e que se corresponde cunhas instalacións industriais existentes xurdidas á marxe do planeamento e os seus terreos contiguos. O desenvolvemento deste solo urbanizable non delimitado industrial está condicionado polo PXOM ao outorgamento das licenzas de edificación correspondentes ao 70 % do aproveitamento lucrativo no sector I-1 de solo urbanizable delimitado industrial, sector que se encontra aínda sen urbanizar. Ademais, ordena un ámbito situado entre o anterior e a estrada nacional VI que se encontra clasificado como solo rústico de protección de infraestruturas, que considera como sistema xeral viario e no cal define unha zona axardinada. A modificación en conxunto atinxe a 16.749 m2.

2. A modificación ampárase na disposición transitoria sétima da LSG, relativa a asentamentos xurdidos á marxe do planeamento urbanístico antes da entrada en vigor da LOUG, que non se integra na malla urbana ou na rede de núcleos, e que precisa de accións de recualificación para acadar os obxectivos de calidade de vida, cohesión social e integridade ambiental e paisaxística, polo que debe clasificarse como solo urbanizable cunha edificabilidade total do sector que non exceda do dobre da realmente existente.

III. Análise e consideracións.

1. En referencia ao informe emitido no trámite de consultas ambientais pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 5.2.2018, púidose observar:

– O proxecto inclúe as determinacións para o solo urbanizable que establecen o artigo 56.1 da LSG e os artigos 126,127 e 128 do seu regulamento.

– A ordenación pormenorizada conta coas determinacións establecidas no artigo 68, puntos e), f) e g) da LSG.

– Prevense prazas de aparcadoiro de titularidade pública de acordo co disposto no artigo 42.c) da LSG.

– Inclúese un estudo económico das actuacións de urbanización previstas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do Concello de Aranga para a clasificación de solo urbanizable industrial con ordenación detallada dun sector do SUND I3.

Segundo. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao Concello.

Quinto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda