Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 15 de marzo de 2021 Páx. 14704

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 4 de marzo de 2021 pola que se habilita electronicamente o procedemento administrativo de prazo aberto en materia de fundacións de interese galego, protectorado desta consellería, e se habilita na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento MT001A).

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia. Con ela dáse continuidade ao recoñecemento legal do dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración por medios electrónicos, que xa realizaba a, actualmente derrogada, Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O artigo 12 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas establece que as administracións públicas deberán garantir que as persoas interesadas poden relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, para o que porán á súa disposición os canais de acceso que sexan necesarios, así como os sistemas e aplicacións que, en cada caso, se determinen.

Así, esta medida foi configurada como una liña prioritaria de actuación polo Goberno galego posto que existen procedementos administrativos estáticos ou de prazo aberto para a presentación de solicitudes que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia (Orde do 15 de setembro de 2011, DOG núm. 138, do 23 de setembro) aínda recollen a presentación exclusivamente presencial por parte dos seus destinatarios. Os procedementos novos estarán dispoñibles electronicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto da cidadanía.

A tramitación electrónica con carácter xeral é optativa para as persoas físicas, que poderán elixir, en todo momento, se se comunican coas administracións públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigas a través de medios electrónicos ou non. Pola contra, están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento: as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, e os traballadores autónomos e as traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da dita actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público; e polo tanto esta obriga de acordo ao artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, alcanza ás fundacións, coma organizacións constituídas sen fin de lucro que, por vontade dos seus creadores, teñen afecto de modo duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral, e coma entidade é, polo tanto, un suxeito obrigado.

De acordo co establecido no artigo 66 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando a Administración nun procedemento en concreto estableza expresamente modelos específicos de presentación de solicitudes, estes serán de uso obrigatorio pola persoas interesadas.

A cidadanía ten que ser a primeira e principal beneficiaria do acceso electrónico e a Administración queda obrigada a transformarse nunha administración electrónica rexida polo principio de eficacia que proclama o artigo 103 da Constitución.

Por outro lado, o Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.30 atribúe á Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23.

De conformidade co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, correspóndenlle a esta as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados na Constitución española e no propio Estatuto.

En definitiva, a regulación dos procedementos administrativos obxecto desta norma realízase en diversa normativa sectorial; a presente orde limítase a habilitar a presentación electrónica das correspondentes solicitudes, mediante a súa incorporación á sede electrónica da Xunta de Galicia, co obxecto de que os usuarios poidan relacionarse coa Administración con medios electrónicos.

Así pois, en cumprimento da normativa citada, o procedemento estará dispoñible telematicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e a cidadanía.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto adaptar e habilitar a presentación electrónica de solicitudes do procedemento administrativo de prazo aberto dirixido ás fundacións, cuxo protectorado é exercido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, código de procedemento MT001A.

2. Así mesmo, para o devandito procedemento suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode exixir para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

3. O dito procedemento habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurarán na Guía de procedementos e servizos regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012.

Inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

4. A regulación do dito procedemento queda circunscrita ao ámbito competencial desta consellería e ao desenvolvemento da súa tramitación na Comunidade Autónoma de Galicia e a súa habilitación na sede electrónica da Xunta de Galicia, estando prevista na normativa, estatal básica e autonómica que se detalla de seguido:

– Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG núm. 242, do 19 de decembro).

– Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

– Lei 50/2002, de 26 de decembro, de fundacións (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego (DOG núm. 22, do 2 de febreiro).

– Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego (DOG núm. 22, do 2 de febreiro).

– Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado (BOE núm. 307, do 24 de decembro).

– Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos (BOE núm. 283, do 24 de novembro).

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. De conformidade co artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos. No procedemento regulado nesta orde que se detalla a continuación, as solicitudes dos actos aos que se refiren os artigos 21 e 22 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura no anexo I a esta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

– Inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica, presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Documentación

1. A documentación complementaria, que figura no anexo de solicitude do procedemento, poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante.

En todas as solicitudes de inscrición e de expedición de certificacións rexistrais deberán presentar:

– Xustificante de pagamento da taxa correspondente.

E segundo o tipo de solicitude, a seguinte documentación:

– Copia autorizada da escritura pública.

– Certificación/acta do acordo adoptado polo padroado (expedida polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a).

– Documento acreditativo da designación e aceptación do cargo de membro do padroado.

– Escritura pública/documento privado con sinatura lexitimada por persoa que dea fe pública no caso de cese por renuncia.

– Resolución xudicial ou administrativa.

– Plan de actuación.

– Documentación contable: Balance; Memoria; Conta de resultados.

– Libros para legalizar: actas; contas; diario.

– Acreditación da representación legal da Fundación con copia da escritura notarial da representación.

– Outro/s débense especificar.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para isto, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos previstos na presente orde, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As persoas interesadas deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente, para o que deberán crear e manter a súa dirección electrónica habilitada única a través de Notifica.gal, de conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas que se realicen polos órganos e entidades do sector público autonómico de Galicia practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, dirección electrónica habilitada única. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Información do estado de tramitación

A información personalizada sobre o estado de tramitación dos procedementos, a relación dos actos de trámite realizados, a indicación do seu contido, así como a data na que foron ditados, estarán á disposición na carpeta cidadá, con independencia da canle de presentación de solicitudes.

Artigo 8. Resolución e silencio administrativo

1. De conformidade co artigo 49 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, as autorizacións que, de acordo coa presente lei, corresponda efectuar ao protectorado se entenderán concedidas se non se recibira resolución expresa no prazo dun mes, a contar desde a presentación da solicitude.

2. Os prazos empezarán a computarse o día en que a solicitude teña entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Transcorridos os prazos citados sen notificación da resolución, poderá entenderse estimada a solicitude de inscrición correspondente, de conformidade co establecido no artigo 28 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 9. Taxas

A inscrición dos actos efectuarase mediante a presentación da solicitude, acompañada da documentación correspondente aos actos suxeitos á inscrición contemplados no artigo 20 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego e do xustificante do abono da taxa correspondente conforme ao previsto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. As taxas están dispoñibles na páxina da Atriga:

http://www.atriga.gal/documents/16561/30785634/Tarifas-vigentes-2021-es.pdf/964bfa58-7405-4a02-9738-85f6448a2e45

Consellería de: Medio Ambiente, Territorio e Vivenda Código 15.

Servizo de: Secretaría Código 01.

Códigos específicos para Fundacións: 30.46.00 Actuacións en materia de fundacións.

30.46.01 Inscrición inicial no Rexistro de Fundacións.

30.46.02 Inscrición de modificación de estatutos.

30.46.03 Inscrición de modificación do órgano de goberno (ceses, nomeamentos, substitucións, aceptacións).

30.46.04 Inscrición de delegacións de facultades, revogacións e apoderamentos.

30.46.05 Inscrición de fusión, escisión e extinción.

30.46.06 Inscrición do alleamento, o gravame e o aluguer de bens.

30.46.07 Inscrición de accións de responsabilidade contra os membros do órgano de goberno.

30.46.09 Inscrición de intervencións temporais.

30.46.10 Outros actos sometidos a inscrición.

30.46.11 Obtención de informacións ou certificacións do Rexistro.

– Primeiro folio.

– Seguintes folios (por unidade).

30.46.12 Expedición de listados de entidades inscritas.

– Primeiro folio.

– Seguintes folios (por unidade).

30.46.13 Anotacións de calquera clase nos expedientes ou subministración de datos non incluídos nos apartados anteriores.

30.46.14 Expedición de copia de estatutos.

30.46.15 Dilixenciado de libros (actas, diario, contas, etc).

Disposición adicional primeira. Actualización dos modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser actualizados co obxecto de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte (20) días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file