Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 16 de marzo de 2021 Páx. 15062

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais da categoría de celador/a, polo sistema reservado a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 27 de outubro de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 230, do 13 de novembro) iniciouse o prazo de inscrición de aspirantes nas listas de selección temporal de persoal estatutario da categoría de celador/a, polo sistema reservado a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

De conformidade coa base quinta desta resolución, para a primeira xeración de listas poderanse formalizar as solicitudes desde o día 16 de novembro de 2020 ata o 15 de decembro de 2020, ambos incluídos. Os méritos computables serán os causados ata o 30 de novembro de 2020, que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Logo de finalizado o prazo anteriormente indicado, e de conformidade co disposto na base sexta da Resolución do 27 de outubro de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 230, do 13 de novembro), esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no primeiro proceso de xeración de listas de selección temporal de persoal estatutario da categoría de celador/a, polo sistema reservado a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

Segundo. As listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as, coa asignación aos primeiros da puntuación e da orde de prelación provisionais acadadas, atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/pola solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. As persoas excluídas, respecto da causa e/ou causas concretas da súa exclusión, así como as persoas admitidas, respecto dos resultados provisionais de baremación, poderán presentar reclamación perante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitiva das persoas aspirantes admitidas nas referidas listas.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos