Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 18 de marzo de 2021 Páx. 15411

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2021 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección, do 10 de marzo de 2021, polo que se modifica o Acordo do 13 de decembro de 2019 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) (código de procedemento MR701D).

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), na súa reunión do 10 de marzo de 2021, acordou modificar as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), que foron aprobadas polo Acordo do 13 de decembro de 2019, código de procedemento MR701D.

De conformidade coas facultades que teño conferidas en virtude do artigo 10.2.a) do Regulamento da Agader, aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 10 de marzo de 2021, polo que se modifica o Acordo do 13 de decembro de 2019 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), código de procedemento MR701D.

O citado acordo incorpórase a esta resolución como anexo.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do Consello de Dirección da Agader do 10 de marzo de 2021 polo que se modifica o Acordo do 13 de decembro de 2019 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), código de procedemento MR701D.

A tramitación dunha nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que regula novos instrumentos para a posta en valor dos terreos agroforestais e a recuperación demográfica do medio rural, representa unha grande oportunidade para o desenvolvemento rural do territorio galego. Por todo iso, o programa Leader debe prever a posibilidade de dar soporte a proxectos vinculados a estes instrumentos, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e as actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como son os plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo. Por outra banda, tamén resulta de interese dar apoio a través do programa Leader a plans ou a actuacións integrais de desenvolvemento rural enmarcados en plans estratéxicos supramunicipais. Con esta finalidade, estase a tramitar a correspondente modificación do PDR de Galicia 2014-2020.

Tendo en conta o anterior, o Consello de Dirección da Agader, logo da tramitación do expediente nos termos establecidos na lexislación vixente,

ACORDA:

Primeiro. Modificar o Acordo do 13 de decembro de 2019 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), código de procedemento MR701D, para o cal se modifican no seu anexo I (bases reguladoras) as seguintes letras:

a) O número 3 do artigo 26 queda redactado da seguinte forma:

«3. Poderán realizarse pagamentos á conta, que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada.

O número de pagamentos á conta non poderá ser superior a tres por cada expediente».

b) Engádeselle un número 3 ao artigo 36, coa seguinte redacción:

«3. Sen prexuízo do disposto nos números 1 e 2 deste artigo, tamén serán subvencionables os investimentos que estean vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras regulados na normativa vixente. Estes proxectos poderán incluír actuacións de produción agraria en aldeas modelo, proxectos de mobilidade de terras, permutas de predios agroforestais ou outros instrumentos de mobilización ou recuperación da terra agraria».

c) Engádeselle un novo parágrafo ao artigo 47, coa seguinte redacción:

«No ámbito desta ficha de elixibilidade, tamén serán subvencionables os investimentos vinculados ou incluídos no programa de actuacións de plans estratéxicos ou actuacións integrais promovidos por Agader. Poderán incluírse tamén actuacións no solo de núcleo rural das aldeas modelo, vinculadas a proxectos de rehabilitación, rexeneración e renovación do espazo urbano, enerxías renovables, TIC e economía circular».

d) Engádeselle un novo parágrafo ao artigo 49, coa seguinte redacción:

«Poderán ser subvencionables os investimentos de natureza non produtiva que estean vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras regulados na normativa vixente, así como as actuacións no solo de núcleo rural das aldeas modelo, vinculadas a proxectos de rehabilitación, rexeneración e renovación do espazo urbano, enerxías renovables, TIC e economía circular».

e) Suprímese o último parágrafo do artigo 58.2.a).

Segundo. Este acordo aplicarase desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ben que a súa eficacia queda condicionada á aprobación da correspondente modificación do PDR de Galicia 2014-2020.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.