Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 22 de marzo de 2021 Páx. 15739

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2021 (código de procedemento VI422E, Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021).

BDNS (Identif.): 553398.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa para esta convocatoria:

a) As persoas físicas, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios.

b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As agrupacións de persoas propietarias, ás cales lles será de aplicación o previsto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xullo.

d) As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.

Segundo. Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a financiar actuacións de rehabilitación de edificios e/ou vivendas ao abeiro do Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021.

A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 143, do 30 de xullo, modificada pola Resolución do 18 de outubro de 2019 (DOG núm. 204, do 25 de outubro).

Cuarto. Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.6, proxecto 2018 0006, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, cun importe de 680.000 euros para a anualidade 2021.

2. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no marco do Plan 2018-2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Non obstante o anterior, o prazo de presentación de solicitudes rematará, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o que será obxecto de publicación no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo