Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 22 de marzo de 2021 Páx. 15535

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 46/2021, do 4 de marzo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia Lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, e asignou as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, segundo a estrutura establecida no Decreto 214/2020, do 3 de decembro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia acordou en Asemblea Xeral a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante Decreto do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día catro de marzo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que figuran como anexo.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos, que foron aprobados polo Decreto 114/2008, do 22 de maio, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

CAPÍTULO I

Natureza, competencia e funcións

Artigo 1. Natureza e réxime xurídico

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é unha corporación de dereito público, amparada pola lei, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia rexerase por estes estatutos e a lexislación autonómica e estatal aplicable, sen prexuízo das leis que regulen o exercicio da profesión, así como polos distintos regulamentos, que non poderán ir contra o disposto nestes estatutos.

Artigo 2. Principios constitutivos, ámbito territorial, sede e emblema

Son principios constitutivos da estrutura e do funcionamento do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia a igualdade das persoas colexiadas ante as normas colexiais, a electividade de todos os cargos colexiais, a adopción democrática dos acordos e a súa liberdade de actuación dentro do respecto ás leis.

O seu ámbito territorial é o da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa sede está situada na rúa Espiñeira, 10 baixo, 15706 Santiago de Compostela.

O emblema do Colexio estará constituído por un anagrama inspirado na letra grega «psi».

Artigo 3. Fins

1. Son fins do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia:

a) O ordenamento do exercicio da profesión de psicólogo ou psicóloga en todas as súas formas e especialidades, a representación exclusiva dela e a defensa dos intereses profesionais das persoas colexiadas cando estean suxeitas a colexiación obrigatoria.

b) Vixiar o exercicio da profesión, facilitar o coñecemento e cumprimento de todo tipo de disposicións legais que afecten a profesión de psicólogo ou psicóloga, e facer cumprir a ética profesional e as normas deontolóxicas do psicólogo e da psicóloga, así como velar polo axeitado nivel de calidade das prestacións profesionais das persoas colexiadas; para iso promoverá a súa formación e perfeccionamento e cooperará na mellora dos estudos universitarios da Psicoloxía.

c) Fomentar a promoción e o desenvolvemento técnico e científico da profesión e da ciencia psicolóxica, a solidariedade profesional e o servizo da profesión á sociedade.

d) Impulsar e desenvolver a mediación, facilitando o acceso e administración desta, incluída a designación de mediadores no caso de constituírse o Colexio como institución de mediación de conformidade co disposto na lexislación vixente.

e) A defensa dos consumidores e usuarios dos servizos dos profesionais da psicoloxía.

2. O disposto no número anterior enténdese sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial.

3. Para o cumprimento dos seus fins o Colexio relacionarase coa Administración autonómica a través da consellería competente en materia de colexios profesionais e con aquelas que teñan a titularidade nos diferentes ámbitos de intervención profesional.

4. Dentro dos correspondentes marcos competenciais, o Colexio poderá establecer tamén relacións con outras administracións, institucións e organismos de dentro e fóra de Galicia.

5. O Colexio relacionarase igualmente con outras asociacións e colexios profesionais. Participará, igualmente, no Consello Xeral da Psicoloxía do Estado español de acordo coa lexislación e a normativa que sexa de aplicación.

Artigo 4. Funcións

Para o cumprimento dos seus fins, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia exercerá as seguintes funcións:

a) Facilitar ás persoas colexiadas o exercicio da profesión procurando o seu maior nivel de emprego así como o seu perfeccionamento profesional continuado, colaborando coas administracións públicas e a iniciativa privada en canto sexa necesario.

b) Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante calquera Administración pública, institución, tribunal, entidade e particular, para o cal pode exercer o dereito de petición conforme a lei e propoñer cantas reformas lexislativas considere xustas para a defensa da profesión.

c) Asumir a representación da psicoloxía profesional galega no ámbito estatal e, se for o caso, no internacional.

d) Ordenar no seu ámbito competencial o exercicio profesional das persoas colexiadas e das sociedades profesionais de psicoloxía, velando para que se desempeñe dignamente e conforme criterios deontolóxicos e con respecto aos dereitos dos particulares e das particulares, exercendo para o efecto a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial nos termos previstos na lei e nestes estatutos.

e) Garantir unha eficaz organización e funcionamento colexial promovendo a participación e o funcionamento de seccións e comisións especializadas e fomentando as actividades e servizos comúns de interese colexial e profesional na orde cultural, asistencial e de previsión. Para estes efectos poderá establecer a colaboración con outros colexios ou entidades.

f) Administrar a economía colexial mediante a elaboración e a aprobación de orzamentos anuais de ingresos e gastos, repartindo equitativamente as cargas coa fixación de cotas e contribucións, coas facultades de recadación e xestión necesarias.

g) Organizar actividades de perfeccionamento e actualización científico-profesional das persoas colexiadas na orde formativa e investigadora, tales como cursos, xornadas, congresos, publicacións e cantas outras se orienten aos obxectivos citados.

h) Elaborar as normas deontolóxicas, elixir a Comisión de Ética e Deontoloxía do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e aprobar o seu regulamento de funcionamento.

i) Defender os colexiados e colexiadas no exercicio dos dereitos que lles correspondan polo desenvolvemento das súas funcións profesionais ou con ocasión delas.

j) Procurar a harmonía e colaboración entre as persoas colexiadas actuando con respecto aos límites establecidos na Lei de defensa da competencia, mesmo intervindo en vía de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre elas, así como, se for caso, resolver mediante laudo por instancia das persoas interesadas as discrepancias xurdidas no cumprimento das obrigas dimanantes do exercicio da profesión.

k) Adoptar as medidas conducentes a evitar a intrusión profesional e o exercicio irregular da profesión, denunciando e perseguindo ante a Administración e os tribunais de xustiza os casos que sexan coñecidos pola Xunta de Goberno.

l) Emitir informe, nos termos previstos nas disposicións aplicables, sobre os proxectos de lei e disposicións de calquera outro rango que se refiran ás condicións xerais do exercicio profesional, incluso titulación requirida e incompatibilidades con outras profesións, así como exercer cantas funcións lle sexan encomendadas pola Administración pública colaborando con ela para o mellor cumprimento dos seus fins.

m) Participar, cando sexa requirido nos consellos e organismos consultivos das distintas administracións públicas, en materias da súa competencia profesional, emitir informe sobre os plans de estudo propios da titulación de psicóloga ou psicólogo, colaborar na formación práctica das futuras persoas tituladas e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos psicólogos e psicólogas.

n) Facilitar aos tribunais de xustiza a relación de persoas colexiadas que poidan ser requiridas como peritas en asuntos xudiciais, ou designalas por si mesmo cando proceda.

o) Emitir de oficio ou cando sexa requirido pola respectiva Administración pública informes e ditames en procedementos xudiciais e administrativos en que se susciten cuestións que afecten materias de competencia profesional. En especial, atender as peticións de información relativas ás persoas colexiadas e sobre as sancións firmes que se lles teñan imposto nos termos regulados polas leis.

p) Cumprir e facer cumprir as persoas colexiadas os estatutos profesionais e regulamentos colexiais, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

q) Velar pola correcta distribución e uso das probas e material psicolóxico.

r) Crear seccións profesionais e delegacións territoriais e elaborar os seus regulamentos respectivos.

s) Crear o Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e mantelo actualizado.

t) Dispoñer dun servizo de atención ás persoas consumidoras e usuarias que tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións presenten tanto as propias persoas interesadas como as organizacións de consumidores e usuarios. Este servizo debe permitir que os consumidores e usuarios se poidan comunicar co Colexio por vía telemática, a través da páxina web e do sistema de portelo único de acordo co previsto na lexislación sobre colexios profesionais.

u) Cantas outras funcións lle atribúan as disposicións legais ou redunden en beneficio dos intereses profesionais das persoas colexiadas ou da profesión.

CAPÍTULO II

Da adquisición, denegación e perda da condición
de colexiada ou colexiado

Artigo 5. Incorporación ao colexio. Clases

1. Teñen dereito a se incorporar ao Colexio as persoas graduadas, licenciadas e doutoras en Psicoloxía, as licenciadas e doutoras en Filosofía e Letras –sección ou rama de Psicoloxía– e as licenciadas e doutoras en Filosofía e Ciencias da Educación –sección ou rama de Psicoloxía–. Poderá tamén incorporarse ao Colexio quen obtivese a acreditación correspondente que permita o exercicio profesional, conforme o sistema xeral de recoñecemento de títulos de ensino superior legalmente establecido.

2. Poderán solicitar a súa incorporación ao Colexio todas as persoas físicas ou xurídicas que, reunindo os requisitos exixidos nestes estatutos, desexen desenvolver a súa profesión no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A incorporación ao Colexio como persoa física poderá realizarse como colexiado ou colexiada exercente e como colexiado ou colexiada non exercente.

Serán non exercentes aquelas persoas colexiadas que, tendo o doutoramento en Psicoloxía, non teñan algunha das titulacións sinaladas no número 1 e demais requisitos exixidos para a colexiación.

Para obter a colexiación, ademais de ter a titulación requirida, haberá que solicitalo por escrito á Xunta de Goberno, achegando a correspondente documentación acreditativa, e aboar as cotas correspondentes. A solicitude de incorporación poderá facerse de forma presencial na sede do Colexio ou por vía electrónica a través do portelo único. Neste caso, xuntarase por vía telemática a documentación necesaria, sen prexuízo das comprobacións que o Colexio poderá realizar, conforme a lei, para a verificación da autenticidade e veracidade dos documentos achegados.

4. Igualmente, poderá continuar como persoa colexiada xubilada quen se atope en situación de retiro do exercicio da profesión e así o solicite. As persoas colexiadas xubiladas manterán os seus dereitos colexiais aboando unha cota diferenciada e de menor contía que será fixada anualmente pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

5. Admitida pola Xunta de Goberno a incorporación da persoa solicitante ao Colexio, asignaráselle un número de colexiación, persoal e intransferible, e expediráselle un carné profesional que acredite como psicólogo ou psicóloga colexiada.

6. Do mesmo xeito, abriráselle un expediente persoal en que se rexistrarán os seus antecedentes académicos e profesionais, estando a persoa colexiada obrigada a proporcionar e facilitar en todo momento as variacións da súa actividade profesional e aquelas outras de carácter persoal necesarias para manter actualizados os ditos antecedentes, salvagardando o respecto necesario ao previsto en materia de protección de datos de carácter persoal na normativa aplicable vixente.

Artigo 6. Obrigatoriedade de colexiación, cando así o estableza unha lei estatal, e de inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

1. A incorporación ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é requisito indispensable e obrigatorio para o exercicio profesional nos termos previstos na lexislación estatal vixente.

2. As sociedades profesionais que teñan como obxecto social a psicoloxía soamente poderán exercer a súa actividade por medio de profesionais da psicoloxía, segundo o disposto na normativa vixente sobre sociedades profesionais, e están obrigadas a inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

3. As sociedades profesionais non poderán ser electoras nin elixibles e carecerán de voto na Asemblea Xeral, sen prexuízo dos dereitos individuais das psicólogas e psicólogos colexiados pertencentes a elas. As sociedades profesionais terán dereito aos servizos que o Colexio teña establecidos e deberán aboar a cota correspondente que poida establecer para cada exercicio a Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

Artigo 7. Causas de denegación

1. A colexiación poderá ser denegada nos seguintes casos:

a) Por non acreditar a titulación requirida.

b) Por non aboar as cotas colexiais establecidas.

c) Por terse ditado sentenza firme contra da persoa interesada que a condene a inhabilitación para o exercicio profesional.

d) Por ter sido expulsado ou expulsada doutro colexio profesional de psicoloxía sen ter obtido a rehabilitación preceptiva.

2. Obtida a rehabilitación, cumpridas as condenas ou sancións e desaparecidos os obstáculos que propiciasen a denegación de incorporación, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, sen outro trámite que o da súa comprobación, poderá resolver admitindo a inscrición.

3. O acordo denegatorio de colexiación, que deberá comunicarse á persoa solicitante debidamente razoado, non esgota a vía administrativa.

Artigo 8. Perda da condición de colexiada ou colexiado

1. Pérdese a condición de colexiada ou colexiado:

a) A petición propia, mediante comunicación á Xunta de Goberno do cesamento no exercicio da profesión, sen prexuízo das obrigas profesionais ou corporativas pendentes de cumprimento.

b) Por pena de inhabilitación para o exercicio profesional imposta por sentenza xudicial firme.

c) Por cumprimento de sanción disciplinaria imposta, consonte o previsto nestes estatutos.

2. A Xunta de Goberno poderá acordar a suspensión cautelar da colexiación a partir do coñecemento fidedigno da apertura de xuízo oral ou procesamento dunha persoa colexiada por delito que na súa condena poida levar unida a inhabilitación profesional. Esta decisión deberá adoptarse mediante resolución motivada, logo de audiencia da persoa interesada e a instrución do correspondente expediente.

3. No caso de sobrevir incapacidade física e/ou psíquica probadas que impidan o exercicio profesional, a persoa interesada poderá optar entre darse de baixa no Colexio ou continuar colexiada como non exercente.

Artigo 9. Reincorporación ao Colexio

1. A reincorporación ao Colexio rexerase polas mesmas normas da incorporación e a persoa solicitante debe acreditar, se for o caso, a rehabilitación e/ou o cumprimento da pena ou sanción, cando esta sexa o motivo da súa baixa.

2. Para que a reincorporación sexa efectiva, a persoa solicitante deberá satisfacer a débeda pendente, se a tiver.

CAPÍTULO III

Dos dereitos e deberes dos colexiados e colexiadas

Artigo 10. Dereitos dos colexiados e colexiadas

Son dereitos das persoas colexiadas no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia:

a) Exercer a profesión de psicólogo ou psicóloga.

b) Ser asistidas, asesoradas e defendidas polo Colexio, de acordo cos medios de que este dispoña e nas condicións que regulamentariamente se fixen, en cantas cuestións se susciten con motivo do exercicio profesional.

c) Ser representadas pola Xunta de Goberno do Colexio, cando así o soliciten, nas reclamacións de calquera tipo dimanantes do exercicio profesional.

d) Utilizar os servizos e medios do Colexio nas condicións que regulamentariamente se fixen.

e) Participar como elector ou electora ou elixible en cantas eleccións se convoquen no ámbito colexial, intervir de xeito activo na vida do Colexio e recibir información das actuacións dos seus órganos de goberno.

f) Participar nas sesións da Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados.

g) Formar parte das comisións e seccións segundo o que regulamentariamente se estableza.

h) Presentar á Xunta de Goberno escritos de suxestión, petición ou queixa e recibir dela a contestación oportuna.

i) Recibir información regular sobre a actividade colexial e canta sexa de interese profesional a través dos medios de difusión informativa de que o Colexio dispoña.

As persoas colexiadas non exercentes poderán ser electoras pero non elixibles para os órganos de goberno do Colexio.

Artigo 11. Deberes dos colexiados e colexiadas

Son deberes das persoas colexiadas no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia:

a) Exercer a profesión eticamente e, en particular, consonte as normas deontolóxicas establecidas no Código deontolóxico do/da psicólogo/a promulgado polo Colexio.

b) Cumprir as normas corporativas, así como os acordos adoptados polos órganos de goberno do Colexio.

c) Aboar as cotas e contribucións establecidas.

d) Comunicar ao Colexio, dentro do prazo de trinta días, os cambios de residencia ou domicilio.

e) Desempeñar responsablemente os cargos para os cales se elixise e as responsabilidades que lle fosen encomendadas.

f) Non prexudicar os dereitos profesionais ou corporativos doutras persoas colexiadas.

g) Cooperar coa Xunta de Goberno nas cuestións de interese xeral e, en particular, prestar declaración e facilitar información nos asuntos de interese colexial cando lle sexa requirido, sen prexuízo do segredo profesional.

CAPÍTULO IV

Dos principios básicos reguladores do exercicio profesional

Artigo 12. Exercicio da profesión

A profesión de psicóloga e psicólogo pode exercerse de maneira liberal, individual ou asociadamente, e tamén a través de relación de natureza laboral con calquera entidade pública ou privada ou, se procede, a través de relación de natureza funcionarial.

O exercicio profesional deberá ser conforme as normas deontolóxicas contidas no Código deontolóxico do/da psicólogo/a aprobado polo Colexio, que son de obrigado coñecemento e cumprimento.

Pode consultarse o Código deontolóxico na páxina web do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Artigo 13. Fundamentos do exercicio da profesión

O exercicio da profesión baséase na independencia de criterio profesional, a adecuada atención ao cliente e o servizo á comunidade.

a) A psicóloga ou psicólogo non debe aceptar ningún traballo que atente contra a súa autonomía profesional ou aqueles en que se susciten problemas que non poidan ser asumidos no estado actual da técnica.

b) A psicóloga ou psicólogo deberá manter unha formación científica e técnica continuada para obter unha mellor capacitación profesional.

c) Nos seus traballos, informes e diagnósticos, deberá distinguir coidadosamente o que presenta a nivel de hipótese daquelas conclusións que poidan considerarse fundamentadas.

d) A psicóloga ou psicólogo ten o dereito e o deber de gardar o segredo profesional.

Artigo 14. Publicidade e competencia desleal

A psicóloga ou psicólogo estará sometido, en canto á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, á lexislación sobre defensa da competencia, competencia desleal e publicidade.

Artigo 15. Dereitos do cliente ou clienta e/ou persoa usuaria

O cliente ou clienta e, se for o caso, quen exerza a súa representación legal, debe coñecer os obxectivos e posibles consecuencias de calquera proceso ou tratamento que se vaia realizar. En todo caso, a psicóloga ou psicólogo respectará a autonomía, a liberdade de decisión e a dignidade do cliente, clienta e/ou persoa usuaria. Cando se atope diante de intereses persoais ou institucionais contrapostos, procurará a psicóloga ou psicólogo realizar a súa actividade coa máxima imparcialidade. A prestación de servizos nunha institución non exime da consideración, do respecto e da atención ás persoas que poidan entrar en conflito coa institución mesma e das que a psicóloga ou psicólogo, naquelas ocasións en que lexitimamente proceda, deberá de facerse valedor ante as autoridades institucionais.

Artigo 16. Traballos escritos

Todos os traballos profesionais que teñan que emitirse documentalmente, tales como informes, ditames, diagnósticos e análogos, deberán ser asinados pola persoa profesional, expresando o seu número de colexiación e responsabilizándose do seu contido e oportunidade.

CAPÍTULO V

Dos órganos de goberno do Colexio: constitución,
competencia e funcionamento

Artigo 17. Órganos de goberno do Colexio

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia dótase dos seguintes órganos de goberno e de representación colexial: a Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados, a Xunta de Goberno e o decano ou decana.

A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados, cuxas competencias se desenvolven no artigo 21, é o órgano soberano de decisión do Colexio, ao que compete a elección da Xunta de Goberno e do decano ou decana, así como a súa remoción mediante a moción de censura, segundo o procedemento establecido nestes estatutos.

A Xunta de Goberno é o órgano executivo de dirección e administración do Colexio. O decano ou decana é o órgano presidencial a que compete a execución dos acordos da Xunta de Goberno e a representación legal do Colexio.

Artigo 18. Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados. Convocatorias e constitución

A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados, constituída por todas as persoas colexiadas, poderá reunirse en sesión ordinaria ou extraordinaria, logo de convocatoria do decano ou decana.

As sesións estarán presididas pola decana ou decano –que moderará as xuntanzas concedendo ou retirando a palabra– actuando como secretario ou secretaria quen o sexa da Xunta de Goberno, que levantará acta da reunión, co visto e prace do decano ou decana.

As sesións ordinarias da Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados serán convocadas sempre cunha anticipación mínima dun mes á data da súa celebración, mediante comunicación a todas as persoas colexiadas, con expresión do lugar e hora de celebración para primeira e segunda convocatoria, así como da orde do día.

A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados constituirase validamente en primeira convocatoria cando estean presentes a maioría absoluta dos seus membros e en segunda, que se producirá media hora máis tarde da primeira, sexa cal for o número de asistentes, coa excepción da convocada para a moción de censura ao decano ou decana ou á Xunta de Goberno, que requirirá para quedar validamente constituída o quórum establecido no artigo 21.h) destes estatutos.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todas as persoas integrantes e sexa declarada a urxencia do asunto por maioría simple de votos emitidos.

Artigo 19. Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados. Réxime de sesións

A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados realizará, polo menos, dúas xuntanzas ordinarias ao ano para coñecer e decidir sobre os asuntos da súa competencia. Poderá xuntarse con carácter extraordinario por iniciativa da Xunta de Goberno ou por petición do quince por cento das persoas colexiadas, que irá dirixida ao decano ou decana e que deberá expresar a orde do día dos asuntos que tratar. A decana ou decano realizará de inmediato a convocatoria da Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados extraordinaria para a súa celebración dentro do prazo de trinta días e coa orde do día proposta.

Artigo 20. Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados. Acordos

A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados adoptará as súas decisións por maioría simple, maioría absoluta ou maioría cualificada dos asistentes segundo o previsto nestes estatutos.

Artigo 21. Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados. Competencias

Serán competencias da Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados, ademais da elección do decano ou decana e da Xunta de Goberno conforme o procedemento establecido nestes estatutos, as que deseguido se expresan e que se exercerán polos sistemas de maioría previstos no artigo 20.

a) Aprobación das actas das sesións (maioría simple).

b) Coñecemento e aprobación da memoria anual de actividades, balance económico e orzamento do Colexio que lle presentará a Xunta de Goberno ao comezo de cada exercicio (maioría simple).

c) Autorización para o investimento de bens colexiais por proposta da Xunta de Goberno (maioría simple).

d) Elección dunha comisión censora de contas formada por tres dos seus membros coa misión de supervisión e inspección da actividade económica e contable do Colexio cando o considere oportuno (maioría absoluta).

e) Aprobación das propostas de cooptación de membros para suplir baixas na Xunta de Goberno por proposta desta (maioría absoluta).

f) Aprobación de cotas extraordinarias (maioría absoluta).

g) Nomeamento de Xunta de Goberno provisoria no suposto de imposibilidade de goberno da Xunta de Goberno (maioría absoluta).

h) Aprobación de moción de censura contra o decano ou decana e a Xunta de Goberno (maioría cualificada de dous terzos). Para estes efectos a moción de censura deberá ser proposta a trámite polo menos polo 15 % das persoas colexiadas, mediante solicitude de convocatoria expresamente cursada de Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados extraordinaria para ese fin con esta única orde do día, e que requirirá para quedar validamente constituída a presenza do 15 % das persoas colexiadas. A aprobación da moción de censura suporá a apertura inmediata dun novo proceso electoral e o nomeamento dunha Xunta de Goberno provisoria nos termos reflectidos no artigo 22.3.

i) Aprobar o Código deontolóxico profesional (maioría cualificada de dous terzos).

j) Aprobar os nomeamentos e cesamentos de membros da Comisión de Ética e Deontoloxía e do Valedor ou Valedora dos Colexiados e Colexiadas, así como os seus respectivos regulamentos de funcionamento, por proposta da Xunta de Goberno (maioría cualificada de dous terzos).

k) Aprobación, por proposta da Xunta de Goberno, da creación, composición e regulamento de funcionamento do Consello Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (maioría cualificada de dous terzos).

l) Aprobación do outorgamento de premios ou distincións colexiais a iniciativa propia ou por iniciativa da Xunta de Goberno (maioría cualificada de dous terzos).

m) Creación de delegacións e seccións e aprobación dos seus regulamentos por proposta e logo de informe favorable da Xunta de Goberno (maioría cualificada de dous terzos).

n) Aprobación do regulamento electoral e das súas modificacións (maioría cualificada de dous terzos).

o) Solicitar a comparecencia ante a Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados da Xunta de Goberno ou calquera outro órgano colexial para acadar informacións que se xulguen necesarias (maioría absoluta).

p) Deliberar e acordar sobre todas as demais cuestións que someta á súa competencia a Xunta de Goberno ou lle atribúan estes estatutos.

Artigo 22. Xunta de Goberno. Composición

1. A Xunta de Goberno estará constituída polo decano ou decana, o vicedecano ou vicedecana, o secretario ou secretaria, o vicesecretario ou vicesecretaria, o tesoureiro ou tesoureira e oito vogais. Adoptará as súas decisións colexiadamente dun xeito democrático.

A Xunta de Goberno será elixida cada catro anos como máximo, por elección directa de todos os colexiados e colexiadas, que votarán listas pechadas e completas con especificación de cargos e segundo o previsto nestes estatutos.

2. Cáusase baixa na Xunta de Goberno por:

a) Falecemento.

b) Expiración do termo ou prazo para o cal foi elixida ou elixido.

c) Padecer enfermidade que incapacite para o exercicio do cargo.

d) Renuncia.

e) Traslado de residencia fóra do ámbito territorial do Colexio.

f) Aprobación pola Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados dunha moción de censura.

g) Ter ditada resolución sancionadora firme en expediente disciplinario.

h) Baixa colexial.

i) Falta de asistencia ás sesións da Xunta de Goberno cando esta sexa inxustificada e se produza a dúas sesións consecutivas ou a tres non consecutivas no prazo de doce meses.

3. Cando a Xunta de Goberno se atope ante a imposibilidade de gobernar como consecuencia de voto de censura, cesamento de máis da metade dos seus membros elixidos en votación directa colexial, cesamento da decana ou decano e da vicedecana ou vicedecano, ou imposibilidade material de se xuntar, a Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados nomeará unha Xunta provisoria de tres integrantes que dirixirá a administración do Colexio ata a constitución dunha nova Xunta de Goberno nacida no proceso electoral que convocará no prazo máximo de dous meses.

4. Cando os cesamentos na Xunta de Goberno sexan inferiores á metade dos seus integrantes provenientes de elección directa colexial, e con excepción do decano ou decana e do vicedecano ou vicedecana, a Xunta de Goberno propoñerá as persoas candidatas para a cobertura das vacantes á Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados que deberá autorizalas. As persoas candidatas referendadas pola Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados incorporaranse á Xunta de Goberno con todos os dereitos e obrigas propios do cargo que ocupen ata rematar o período de mandato previsto nas eleccións precedentes.

Artigo 23. Xunta de Goberno. Reunións e convocatorias

A Xunta de Goberno reunirase cantas veces sexa convocada polo decano ou decana, por iniciativa propia ou por petición dun terzo dos seus compoñentes. En calquera caso reunirase, polo menos, unha vez cada dous meses.

A convocatoria será feita pola decana ou decano a través de comunicación aos seus integrantes, cunha antelación mínima de corenta e oito horas á data de reunión e con expresión da orde do día, do lugar e da hora da primeira e segunda convocatoria (entre as cales debe mediar un prazo de media hora).

A Xunta de Goberno quedará validamente constituída cando se atopen presentes todos os seus membros na primeira convocatoria ou calquera que for o seu número na segunda, sendo, en todo caso, necesaria a presenza do decano ou decana e do secretario ou secretaria, ou de quen os substitúa. Poderá constituírse tamén sen mediación de convocatoria formal cando, atopándose presente a totalidade dos seus integrantes, acepten por unanimidade a súa constitución.

Presidirá as reunións o decano ou decana, e o secretario ou secretaria levantarán acta da sesión co visto e prace da decana ou decano, que deberá ser aprobada na mesma sesión ou na seguinte.

Os seus acordos serán validamente aprobados por maioría simple das persoas asistentes.

Artigo 24. Funcións do decano ou decana e dos cargos da Xunta de Goberno

1. Corresponde á decana ou decano:

a) Exercer a representación do Colexio con todos os dereitos e atribucións que se deducen das leis, regulamentos e normas colexiais.

b) Convocar, presidir e moderar tanto a Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados como a Xunta de Goberno, e coordinar e dirixir as tarefas desenvolvidas por esta.

c) Conferir apoderamento para cuestións xudiciais, logo de autorización da Xunta de Goberno.

d) Autorizar coa súa sinatura todo tipo de documentos colexiais, a apertura de contas correntes, a constitución e cancelación de todo tipo de fianzas e depósitos e o movemento de fondos de acordo coas propostas da tesoureira ou tesoureiro.

2. A vicedecana ou vicedecano substituirá a decana ou decano nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que a decana ou decano lle encomenden.

3. A secretaria ou secretario desempeñará as seguintes funcións:

a) Redactar e dar fe das actas das sesións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Goberno.

b) Custodiar a documentación do Colexio, os expedientes das persoas colexiadas e o Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

c) Expedir certificacións de oficio ou por instancia de parte interesada, co visto e prace do decano ou decana.

d) Expedir e tramitar comunicacións e documentos, dando conta deles á Xunta de Goberno e ao órgano competente a quen corresponda.

e) Exercer a xefatura do persoal administrativo e de servizos necesarios para a realización das funcións colexiais, así como organizar materialmente os servizos administrativos.

f) Redactar a memoria de xestión anual para a súa aprobación na Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados.

g) Auxiliar o decano ou decana na súa misión e orientar cantas iniciativas de orde técnica e socio-profesionais deban adoptarse.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretaria ou secretario.

4. A vicesecretaria ou vicesecretario auxiliará e compartirá as funcións da secretaria ou secretario e substituirao nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade. No caso de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario ou secretaria e do vicesecretario ou vicesecretaria, un membro da Xunta de Goberno elixido por ela substituirao e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno que estean relacionadas co seu cargo.

5. A tesoureira ou tesoureiro deberá reflectir a súa xestión nos libros habituais, debidamente legalizados e reintegrados, asumindo a responsabilidade da recadación e custodia de fondos, coidará da execución do orzamento, pagamentos e contabilidade colexial e informará, polo menos trimestralmente, do seu desenvolvemento á Xunta de Goberno.

6. Os vogais e as vogais desempeñarán as misións que lle sexan encomendadas pola Xunta de Goberno, asistirán ás súas reunións e deliberacións e formarán parte de cada unha das comisións ou grupos de traballo que se constitúan no Colexio.

Artigo 25. Competencias da Xunta de Goberno

Son competencias da Xunta de Goberno:

a) Exercer a representación do Colexio.

b) Executar os acordos que a Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados adopte no ámbito das súas competencias.

c) Manifestar en forma oficial e pública a opinión do Colexio nos asuntos de interese profesional.

d) Presentar estudos, informes e ditames cando lles sexan requiridos ou por iniciativa propia, asesorando deste xeito a Administración. Para estes efectos a Xunta de Goberno poderá formar grupos de traballo e estudo ou designar as persoas colexiadas que considere oportuno para preparar tales estudos ou informes.

e) Designar, cando for oportuno, representantes do Colexio en calquera ámbito, logo de consulta aos órganos do Colexio directamente relacionados co obxecto da representación.

f) Acordar o exercicio de accións e a interposición de recursos administrativos e xurisdicionais.

g) Propoñer á Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados para a súa aprobación os nomeamentos ou cesamentos de persoas colexiadas integrantes da Comisión de Ética e Deontoloxía, así como o do Valedor ou Valedora dos Colexiados e Colexiadas e os seus respectivos regulamentos de funcionamento. Igualmente con quen substitúa as vacantes que se poidan producir na composición da propia Xunta de Goberno.

h) Propoñer á Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados para a súa aprobación a creación do Consello Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a súa composición e o seu regulamento de funcionamento.

i) Propoñer á Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados a creación de seccións e delegacións provinciais e a aprobación dos seus regulamentos.

j) Regular os procedementos de incorporación, baixa, pagamento de cotas e outras contribucións.

k) Exercer as facultades disciplinarias previstas nos estatutos e, máis en particular, a imposición de sancións.

l) Organizar as actividades e servizos de carácter cultural, profesional, asistencial e de previsión en beneficio das persoas colexiadas.

m) Recadar as cotas e contribucións establecidas, elaborar o orzamento e o balance anual, executar o orzamento e organizar e dirixir o funcionamento dos servizos xerais do Colexio.

n) Informar as persoas colexiadas das actividades e acordos do Colexio e preparar a memoria anual da súa xestión.

o) Propoñer á Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados o outorgamento de premios ou distincións colexiais.

p) Resolver os recursos contra a denegación de incorporación ao Colexio.

q) Resolver os recursos contra actos ou acordos dos órganos do Colexio Oficial de Psicoloxía, cando proceda.

r) Dirimir os conflitos que poidan suscitarse entre as seccións ou delegacións do Colexio ou entre colexiados ou colexiadas.

s) Convocar as eleccións a órganos de goberno.

t) Crear consellos asesores de carácter temporal para funcións de apoio e asesoramento á propia Xunta de Goberno en asuntos da súa competencia.

u) Nomear e cesar, cando proceda, os membros da Comisión para a Defensa da Profesión.

v) Interpretar os estatutos e regulamentos do Colexio e promover a súa modificación, cando proceda, así como someter calquera asunto de interese xeral á deliberación e acordo da Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados.

Artigo 26. A Comisión Permanente

A Xunta de Goberno poderá actuar en Comisión Permanente, que estará constituída polo decano ou decana, o vicedecano ou vicedecana, o secretario ou secretaria, o vicesecretario ou vicesecretaria e o tesoureiro ou tesoureira. A Comisión Permanente asumirá as funcións que nela delegue a Xunta de Goberno en Pleno.

As súas decisións deberán ser ratificadas pola Xunta de Goberno.

CAPÍTULO VI

Da estrutura interna do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Por proposta da Xunta de Goberno, e logo de aprobación da Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados, poderán crearse seccións, comisións e grupos de traballo, que constitúen o modo de organización interna da actividade do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, con funcións de elaboración de estudos, informes e propostas que deberán ser aprobados polo órgano correspondente. Configúranse como espazo de participación democrática, de discusión e representación dos ámbitos en que a profesión se desenvolve, e deben servir de apoio e colaboración entre os colexiados e colexiadas.

Sección 1ª. Das seccións

Artigo 27. Creación de seccións profesionais

Para o mellor cumprimento dos fins colexiais nos distintos ámbitos de intervención psicolóxica e o desenvolvemento da ciencia psicolóxica, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia poderá crear seccións que se rexerán polo seu regulamento de réxime interior e polo disposto nestes estatutos. Dentro da estrutura colexial as Seccións profesionais dependen organicamente da Xunta de Goberno e do decano ou decana. A súa creación ou disolución será aprobada pola Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados por proposta e logo de informe da Xunta de Goberno.

Artigo 28. Seccións. Ámbito e composición

A sección agrupa todas aquelas persoas colexiadas no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia integradas nun ámbito disciplinario e profesional cunha identidade definida e recoñecida, e que cumpran os requisitos específicos de formación ou experiencia científica e profesional establecidos regulamentariamente para pertenceren a ela.

Artigo 29. Seccións. Regulamento marco

A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados aprobará, por proposta da Xunta de Goberno, un regulamento marco das seccións profesionais que conterá as seguintes alíneas:

a) Natureza, fins e funcións.

b) Da constitución, modificación e disolución das seccións. Do seu regulamento de réxime interior.

c) Membros. Da adquisición e perda da condición de membro. Dereitos e deberes dos membros.

d) Competencias dos órganos directivos.

e) Réxime económico e administrativo.

Artigo 30. Seccións. Fins e funcións

1. Os fins e funcións de cada sección deberán ser establecidos no seu regulamento e axustaranse ao disposto nestes estatutos e no regulamento marco das seccións.

2. Deberán incluírse cando menos os seguintes fins:

a) Potenciar o desenvolvemento científico, técnico e profesional, a investigación e a formación, no ámbito disciplinario da sección.

b) Promover a cooperación e o intercambio de información e experiencia profesional entre os membros da sección.

c) Velar polo exercicio competente da profesión no ámbito que lle é propio e por unha práctica da profesión acorde co Código deontolóxico do/da psicólogo/a establecendo, se for o caso, os criterios ou requisitos de cualificación recomendables para un adecuado exercicio profesional.

3. Entre as funcións deberán incluírse as seguintes:

a) Funcións de potenciación do desenvolvemento científico profesional a través da organización de actividades de intercambio científico e profesional (congresos, xornadas, cursos de formación, etc.), das publicacións periódicas e non periódicas, do apoio e iniciativa na realización de investigacións ou estudos específicos e doutras que, se for o caso, poidan contribuír a este fin.

b) Funcións que permitan velar polo prestixio da profesión, entre as cales cómpre mencionar a acreditación de profesionais e dos programas de formación de posgrao dese ámbito específico.

c) Funcións de estudo e elaboración de informes para a súa elevación á Xunta de Goberno, sobre o ámbito de actividade e finalidade para a cal foron creadas.

Artigo 31. Seccións. Estrutura

As seccións estarán formadas pola Asemblea de Socios e Socias e a Xunta Directiva.

A Asemblea de Socios e Socias é o órgano supremo da Sección e estará constituída por todos os membros da sección, coas obrigas e dereitos que se establezan nos regulamentos correspondentes.

A Xunta Directiva das seccións, elixida na Asemblea de Socios e Socias, estará constituída pola presidenta ou presidente, a vicepresidenta ou vicepresidente, a secretaria ou secretario, a tesoureira ou tesoureiro e un mínimo de tres vogais. Serán nulos os acordos dos órganos directivos das seccións que non respecten as competencias doutros órganos colexiais establecidos nestes estatutos ou pretendan suplantalos. Os acordos deberán ser ratificados pola Xunta de Goberno do Colexio.

Artigo 32. Requisitos para a creación dunha sección

a) A sección deberá representar un ámbito de identidade disciplinario e profesional recoñecido.

b) Constitución dunha comisión xestora que dirixirá a solicitude de creación á Xunta de Goberno avalada por un mínimo de 30 persoas colexiadas e acompañada dun informe xustificativo da conveniencia.

c) Presentación á Xunta de Goberno para a súa aprobación da proposta de regulamento de réxime interior axustado ao regulamento marco de seccións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

d) Aprobación da súa creación polos órganos de goberno competentes do Colexio, logo de cumprimento do procedemento que se prevexa no regulamento marco de seccións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Sección 2ª. Dos grupos de traballo

Artigo 33

As persoas colexiadas poderán crear grupos de traballo no marco colexial coa única limitación de que o seu obxecto se adecúe aos fins e ás funcións colexiais previstos nestes estatutos e non colidan coas competencias e funcións doutros órganos colexiais. O seu funcionamento deberá ser autorizado pola Xunta de Goberno, unha vez valorados o seu obxectivo e funcións, así como, se procede, o informe previo da sección ou seccións coas que se relacione a súa actuación.

Sección 3ª. Das comisións

Artigo 34

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia poderá crear comisións que se rexerán polo seu regulamento de réxime interno e polo disposto nestes estatutos. Dentro da estrutura colexial, as comisións dependen organicamente da Xunta de Goberno e do decano ou decana, coa excepción da Comisión de Ética e Deontoloxía.

1. Existirán polo menos as seguintes comisións:

a) Comisión de Ética e Deontoloxía, que se regulará segundo o previsto nos artigos 35, 36, 37 e 38 dos presentes estatutos, así como polo seu regulamento de réxime interior.

b) Comisión para a Defensa da Profesión, que se regulará segundo o previsto nos artigos 39 a 43 dos presentes estatutos, así como polo seu regulamento de réxime interior.

2. A Xunta de Goberno, por proposta do seu decano ou decana, poderá nomear outras comisións distintas das anteriores cando circunstancias de calquera índole así o aconsellen, dándolles o carácter que se considere conveniente.

3. O réxime de funcionamento das comisións será establecido mediante o correspondente regulamento de cada unha delas, respectando o regulamento marco, que será aprobado pola Xunta de Goberno, coa excepción do regulamento da Comisión de Ética e Deontoloxía, que deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral.

4. Os estudos, propostas e conclusións de cada comisión serán remitidos á Xunta de Goberno, a cal decidirá o destino final deles.

Artigo 35. Da Comisión de Ética e Deontoloxía. Composición

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia constituirá entre os seus membros a Comisión de Ética e Deontoloxía, que estará formada por unha presidenta ou presidente, unha secretaria ou secretario e entre tres e cinco vogais, coas atribucións propias dos seus cargos.

A Comisión de Ética e Deontoloxía disporá de independencia e autonomía respecto dos demais órganos colexiais, e pode solicitar de todos eles cantos antecedentes, informes e documentos considere necesarios. Contará cos medios persoais e materiais imprescindibles para o desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 36. Da Comisión de Ética e Deontoloxía. Elección

Os membros da Comisión de Ética e Deontoloxía, coa expresión do cargo que ocuparán nela, serán elixidos ou cesados pola Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados, co voto favorable das dúas terceiras partes das persoas asistentes, por proposta da Xunta de Goberno, que a formulará, asemade, co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus integrantes.

O mesmo sistema se seguirá para a cooptación de membros para suplir baixas de membros da Comisión. Neste caso, a persoa cooptada levará a cabo as súas funcións durante o período de tempo que lle reste por cumprir á persoa titular substituída.

Os membros da Comisión de Ética e Deontoloxía serán elixidos para un período de catro anos, que se pode renovar por períodos de dous anos ata un máximo de oito. A Xunta de Goberno informará a Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados da continuidade dos membros da Comisión.

A Comisión de Ética e Deontoloxía renovarase parcialmente un máximo de tres membros cada vez, e sen que coincida, en ningún caso, a renovación dos cargos da presidencia e da secretaría.

Os integrantes da Comisión de Ética e Deontoloxía que cesen por finalización da súa misión quedarán como suplentes durante un período de catro anos e asumirán as funcións que se establezan regulamentariamente.

Artigo 37. Da Comisión de Ética e Deontoloxía. Competencias

A Comisión de Ética e Deontoloxía ten como competencias:

a) Función formativa/divulgativa:

– Promover comportamentos éticos no exercicio da profesión a través dos instrumentos educativos que xulgue oportunos.

– Desenvolver o Código Deontolóxico, as normas reguladoras do correcto exercicio profesional e a normativa reguladora dos procedementos de actuación propios da Comisión.

b) Función consultiva: dar resposta ás cuestións que se formulen respecto a temas relacionados coa normativa deontolóxico-profesional.

c) Función disciplinaria: emitir informes de carácter vinculante no referido á cualificación disciplinaria dos actos profesionais que se sometan á súa valoración por razóns deontolóxicas.

d) Comisión electoral: constituírse en Comisión Electoral cando proceda e desempeñar as funcións que lle son propias.

Artigo 38. Da Comisión de Ética e Deontoloxía. Funcionamento

Os sistemas de funcionamento e adopción de decisións da Comisión de Ética e Deontoloxía estableceranse regulamentariamente. En calquera caso, deberá adoptar os seus acordos por maioría absoluta.

A Comisión de Ética e Deontoloxía presentará ante a Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados informes anuais da súa actividade sen prexuízo da protección da información de carácter confidencial que obtivese como froito das súas actuacións.

Artigo 39. Da Comisión para a Defensa da Profesión. Definición e obxectivos

A Comisión para a Defensa da Profesión é un órgano colexial de carácter deliberante e consultivo que actúa por delegación da Xunta de Goberno e que ten como obxectivo promover o recoñecemento social e o prestixio da psicoloxía, con independencia do ámbito de intervención, mediante o desenvolvemento das accións e actividades que poidan contribuír á garantía dun servizo profesional de calidade, incluíndo a prevención da intrusión profesional, da práctica irregular e da competencia desleal.

Artigo 40. Da Comisión para a Defensa da Profesión. Funcións

A Comisión para a Defensa da Profesión terá, entre outras, as seguintes funcións:

1. Fomentar e potenciar o recoñecemento da psicoloxía como profesión ao servizo da sociedade.

2. Potenciar a toma de conciencia por parte das psicólogas e psicólogos da necesidade e importancia da colexiación profesional.

3. Velar para que os servizos profesionais da psicoloxía sexan prestados por persoas físicas ou xurídicas coas debidas garantías de formación, colexiación e boa praxe.

4. Deseñar e difundir unha imaxe mediática asociada á importancia da profesionalidade dentro da intervención psicolóxica.

5. Propoñer á Xunta de Goberno a adopción de medidas fronte á intrusión profesional, a práctica irregular e a competencia desleal.

Artigo 41. Da Comisión para a Defensa da Profesión. Composición e estrutura

A Comisión para a Defensa da Profesión será designada pola Xunta de Goberno e estará formada por un coordinador ou coordinadora, membro da propia Xunta de Goberno, e entre tres e cinco vogais.

Artigo 42. Da Comisión para a Defensa da Profesión. Funcionamento

O sistema de funcionamento, competencias e adopción de decisións da Comisión para a Defensa da Profesión estableceranse regulamentariamente. En calquera caso, deberá adoptar os seus acordos por maioría absoluta.

A Comisión para a Defensa da Profesión presentará informes anuais da súa actividade sen prexuízo da protección da información de carácter confidencial que obtivese como froito das súas actuacións.

Artigo 43. Da Comisión para a Defensa da Profesión. Da relación coa Comisión de Ética e Deontoloxía

A Comisión para a Defensa da Profesión deberá manter unha actuación coordinada coa Comisión de Ética e Deontoloxía e informar, nos casos en que corresponda, daquelas actuacións que se exerzan en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas, ou que non se axusten á ética e á deontoloxía profesional, sen excluír as persoas físicas ou xurídicas que faciliten o exercicio profesional irregular.

CAPÍTULO VII

Do Valedor ou Valedora dos Colexiados e Colexiadas

Artigo 44. O Valedor ou Valedora dos Colexiados e Colexiadas

A figura do Valedor ou Valedora dos Colexiados e Colexiadas ten como obxecto a defensa dos seus dereitos e lexítimos intereses, tanto diante da actuación dos diferentes órganos colexiais, agás a Comisión de Ética e Deontoloxía, como pola intervención de terceiros.

O Valedor ou Valedora dos Colexiados e Colexiadas pode actuar como consecuencia dun escrito de queixa formulado por un colexiado ou colexiada ou por varios, ou de oficio.

A proposta da Xunta de Goberno será elixida pola Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados, por maioría cualificada de dous terzos, para un período de cinco anos. Poderá elixirse Valedor ou Valedora calquera colexiado ou colexiada do Colexio cunha antigüidade mínima de cinco anos ininterrompidos de colexiación, que non teña sido sancionado por infracción deontolóxica e que estea ao día nas súas obrigas económicas co Colexio.

Anualmente renderá contas da súa xestión presentando un informe á Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados e exercerá as súas funcións con autonomía e segundo o seu criterio desempeñando as seguintes competencias:

a) Admisión ou rexeitamento motivado das queixas recibidas, logo de apertura do correspondente expediente.

b) Actuación de oficio diante de actos ou resolucións de calquera órgano colexial que poida vulnerar dereitos das persoas colexiadas ou ser contrarios a estes estatutos.

c) A mediación en conflitos profesionais entre persoas colexiadas.

d) Calquera outra que veña recollida no regulamento de funcionamento da institución do Valedor ou Valedora dos Colexiados e Colexiadas e faga referencia á defensa dos seus intereses.

A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados, por proposta da Xunta de Goberno, aprobará o devandito regulamento por maioría cualificada de dous terzos.

CAPÍTULO VIII

Da participación das persoas colexiadas nos órganos de goberno
e na actividade colexial. Do réxime electoral

Artigo 45. Dereito das persoas colexiadas a participar na elección de cargos

Todas as persoas colexiadas teñen dereito a participar como electoras para formar os órganos de goberno do Colexio, así como nas actividades científicas, sociais, culturais, organizativas ou de calquera outro tipo que desenvolva o Colexio, conforme o previsto nas normas colexiais. Só poderán ser elixibles os colexiados e colexiadas exercentes.

Exceptúase quen se atope cumprindo sanción que ocasione a suspensión dos seus dereitos colexiais.

Artigo 46. Eleccións

As eleccións á Xunta de Goberno realizaranse cada catro anos como máximo. A convocatoria de eleccións será realizada cun mínimo de tres meses de antelación á data da súa celebración, pola Xunta de Goberno ou pola Xunta de Goberno provisoria no caso do cesamento da anterior. A convocatoria de eleccións especificará a composición da Comisión Electoral, a data de celebración, o calendario electoral, o procedemento de votación, escrutinio e proclamación, así como os recursos procedentes e os medios colexiais postos á disposición das persoas candidatas concorrentes.

Para todos os efectos electorais só serán electoras ou electores e elixibles as persoas colexiadas que teñan tal condición o día da convocatoria das eleccións. As comunicacións previstas neste capítulo só se lle remitirán a elas e só estas estarán lexitimadas para interpor reclamacións e recursos sobre o proceso electoral.

O día da votación existirán unha ou varias mesas electorais na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Existirá a posibilidade do voto por correo.

Artigo 47. Presentación e proclamación de candidatura.

Para concorrer ás eleccións á Xunta de Goberno, deberán presentarse candidaturas completas, pechadas e con expresión da persoa proposta para cada cargo, mediante escrito dirixido ao presidente ou presidenta da Comisión Electoral e avalado por un mínimo de 100 electores e electoras que con sinatura válida en dereito expresarán o seu apoio á presentación da candidatura. Ningunha persoa poderá prestar o seu aval a máis dunha candidatura.

Poderán presentarse candidaturas no prazo de 45 días naturais contados desde o día da convocatoria de eleccións, a partir dos cales e no prazo de cinco días, a Comisión Electoral proclamará as candidaturas validamente presentadas e comunicarao a todos os colexiados e colexiadas. Fronte a esta decisión e no prazo de cinco días, calquera persoa electora poderá presentar reclamación á proclamación, que a Comisión Electoral resolverá noutros cinco días realizando a proclamación definitiva.

Será elixida a candidatura á Xunta de Goberno que obteña máis votos. De haber unha única candidatura concorrente, será proclamada, sen necesidade de votación, finalizado o proceso electoral. En caso de igual número de votos entre as candidaturas máis votadas, repetirase o proceso electoral.

Artigo 48. Da Comisión Electoral

A Comisión Electoral constituirase no momento da convocatoria de eleccións á Xunta de Goberno e nos procesos electorais realizados nas seccións ou delegacións, e ten como competencias a proclamación de candidaturas, a proclamación de resultados, a recepción e resolución de reclamacións sobre o proceso electoral, a supervisión do proceso e a adopción das medidas que xulgue oportunas para preservar a igualdade das persoas colexiadas ante aquel e a súa pureza democrática, mesmo a de suspensión do proceso electoral en curso.

A Comisión Electoral estará formada por tres membros procedentes da Comisión de Ética e Deontoloxía: a presidenta ou presidente, a secretaria ou secretario e unha ou un vogal elixido entre os seus membros que desempeñarán as mesmas funcións que lles son propias na Comisión de Ética e Deontoloxía.

Nas súas actuacións estará especialmente apoiada polo secretario ou secretaria da Xunta de Goberno e o asesor ou asesora xurídica do Colexio.

Artigo 49. Mesas electorais

As mesas electorais estarán formadas por un presidente ou presidenta, dous vogais e un secretario ou secretaria que non sexan candidatos.

Os membros das mesas elixiranse por sorteo supervisado pola Comisión Electoral entre o conxunto de electores. As persoas candidatas poderán designar un interventor ou interventora para cada mesa no prazo das vinte e catro horas anteriores ao inicio da votación.

Artigo 50. Votación

As persoas colexiadas exercerán o seu dereito ao voto nas papeletas e sobres oficiais proporcionados polo Colexio. Poderán exercelo directamente presentándose ante a súa mesa electoral na xornada electoral e identificándose mediante DNI ou carné colexial ou documento acreditativo da identidade legalmente recoñecido, e depositarán o seu voto nunha urna precintada.

A secretaria ou secretario deberá anotar nas oportunas listaxes o nome das persoas colexiadas que depositaron o seu voto.

Igualmente, admitirase o voto electrónico cando se dean as condicións legais e técnicas para a súa emisión, o que se explicitará en cada convocatoria de eleccións.

Artigo 51. Voto por correo

Poderase exercer o voto por correo certificado. Para este fin, as persoas colexiadas que vaian exercer este dereito deberán solicitalo por escrito á Comisión Electoral, que lles remitirá a documentación necesaria: certificación de autorización de voto por correo, papeletas, sobre de papeleta e un sobre máis grande.

A persoa colexiada remitirao ao presidente ou presidenta da mesa electoral principal xuntando a certificación de autorización de voto, unha fotocopia asinada para o efecto do carné colexial ou do DNI da persoa votante ou de calquera outro documento acreditativo da identidade legalmente recoñecido, non caducado, e o outro sobre pechado en que irá a papeleta oficial de voto. Só se considerarán válidos os votos por correo recibidos na mesa electoral principal antes da hora de peche da votación.

Artigo 52. Actas de votación e escrutinio

Cada secretario ou secretaria de mesa levantará acta das votacións e das súas incidencias, que deberá ser asinada por todos os membros da mesa e polas interventoras e interventores, se os houber, que poderán facer constar as súas queixas. Terminada a votación realizarase o escrutinio, que será público, e incluirase na acta o resultado.

A mesa principal comprobará que os votos enviados por correo ou, se for o caso, electronicamente, no prazo regulamentario corresponden a electores e electoras que non o exerceron directamente, e procederá a continuación a abrir os sobres introducindo as papeletas na urna para o seu posterior escrutinio, e conservando os sobres exteriores como proba potencial ante posteriores reclamacións e remitirá acta de votación á Comisión Electoral.

Serán nulas as papeletas que conteñan emendas, riscaduras ou modificacións que poidan inducir a erro e os sobres que conteñan máis dunha papeleta.

No prazo de vinte e catro horas a secretaria ou secretario de cada mesa remitirá ao presidente ou presidenta da Comisión Electoral as actas de votacións e as listas de votantes. A Comisión Electoral resolverá, con carácter definitivo, as reclamacións dos interventores ou interventoras e adoptará as decisións oportunas ante as demais incidencias rexistradas.

A Comisión Electoral, despois de resolver as reclamacións que poidan presentarse, proclamará definitivamente os resultados e comunicaraos ás persoas colexiadas e á Consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de colexios profesionais.

Artigo 53. Anulación das votacións e repetición das eleccións

Cando, á vista das incidencias ou queixas formuladas, a Comisión Electoral decida anular a votación nunha ou varias mesas electorais, a Xunta de Goberno procederá a convocala de novo para que se celebre no prazo máximo de dous meses, suspendendo ata entón a proclamación dos resultados definitivos.

Cando, unha vez contabilizados pola Comisión Electoral os votos validamente emitidos, se produza un empate entre dúas ou máis candidaturas, a Xunta de Goberno procederá á convocatoria inmediata dun novo proceso electoral.

Artigo 54. Recursos en materia electoral

Contra as decisións da Comisión Electoral poden recorrerse nos prazos establecidos nos artigos anteriores deste capítulo, sen prexuízo dos demais recursos previstos nas leis, que en calquera caso non paralizarán o proceso electoral nin a executividade das decisións impugnadas, salvo sentenza firme.

CAPÍTULO IX

Do réxime económico. Da auditoría e da Comisión Censora de Contas

Artigo 55. Recursos económicos e patrimonio do Colexio

O Colexio deberá contar cos recursos necesarios para o cumprimento dos seus fins e as persoas colexiadas están obrigadas a contribuír ao seu sostemento.

Artigo 56. Procedencia dos recursos económicos do Colexio

Son recursos económicos do Colexio aqueles procedentes da recadación das cotas ordinarias, extraordinarias e de incorporación de colexiados e colexiadas, da percepción de taxas ou pagamentos por servizos, da recepción de subvencións, legados ou doazóns e da obtención de rendementos da actividade colexial, publicacións, ditames ou informes, e dos seus propios bens e dereitos.

A recadación e xestión dos recursos económicos é competencia da Xunta de Goberno.

Artigo 57. Do orzamento e balance económico. Da auditoría

Cada ano natural a Xunta de Goberno elaborará balances económicos e orzamentos anuais que incluirán a totalidade de gastos e ingresos colexiais, así como a distribución de recursos entre as diferentes estruturas organizativas do Colexio, e que presentará á Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados para a súa aprobación.

Os balances e contas de resultados do Colexio serán auditados anualmente en cada exercicio, así como cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Artigo 58. Execución do orzamento anual

A execución do orzamento e a dirección dos servizos do Colexio estarán a cargo da Xunta de Goberno, sen prexuízo das funcións que poidan atribuírse a seccións e delegacións.

Artigo 59. Da Comisión Censora de Contas

A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados poderá elixir por maioría absoluta a Comisión Censora de Contas formada por tres dos seus membros, que poderán examinar a contabilidade colexial cando o consideren oportuno e están obrigados ao segredo sobre o coñecido no exercicio da súa función, sen prexuízo da súa obriga de informar das súas actuacións a Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados.

O seu funcionamento deberá establecerse regulamentariamente.

A Xunta de Goberno garantirá en todo momento o libre acceso da Comisión Censora de Contas á documentación contable que requira para o cumprimento da súa función.

CAPÍTULO X

Do réxime xurídico dos actos do colexio e recursos contra eles

Artigo 60. Dos acordos

Os acordos e normas dos órganos de goberno do Colexio que teñen eficacia xurídica serán aqueles sometidos a dereito público e deberán ser públicos, de forma que poidan ser coñecidos por todas as persoas colexiadas.

Notificaranse individualmente ás persoas interesadas os acordos que afecten os seus dereitos e intereses.

Artigo 61. Arquivamento de actas

O arquivamento e a conservación de actas dos diversos órganos colexiais, así como a documentación contable, levaranse cos sistemas técnicos adecuados, sempre que garantan suficientemente a autenticidade.

Artigo 62. Sometemento ás leis e estatutos dos actos colexiais

Todos os actos do Colexio estarán sometidos, no non previsto especificamente nos presentes estatutos, ás normas legais e regulamentarias aplicables.

Artigo 63. Das notificacións

As notificacións deberán ser cursadas no prazo de dez días a partir da data en que o acto fose ditado e deberán conter o texto íntegro da resolución, con indicación de se é ou non definitivo na vía administrativa, a expresión dos recursos que procedan, órgano ante o que teñan que presentarse e prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer, se for o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 64. Nulidade e anulabilidade dos actos dos órganos colexiais

Cando o Colexio actúe como entidade de dereito público, serán nulos de pleno dereito os seguintes actos dos órganos colexiais:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos cales se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición de rango legal.

Son anulables os actos que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

Artigo 65. Revisión de actos nulos

Cando a decana ou decano teña coñecemento da existencia dun acto nulo ou anulable ditado no exercicio de funcións públicas, actuará conforme as disposicións legais establecidas para a revisión de actos nulos, anulables ou establecidas para a revogación de actos administrativos.

Unha vez iniciado o procedemento de revisión de oficio, o decano ou decana poderá declarar a suspensión da execución do acto.

Artigo 66. Recursos contra os actos dos órganos colexiais

O réxime de recurso estará suxeito, en tanto o Colexio actúe en exercicio de funcións públicas, á lexislación vixente.

Os actos e acordos da Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados e da Xunta de Goberno poñen fin á vía administrativa. Contra eles pódese interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto ou acordo.

CAPÍTULO XI

Do réxime disciplinario e de distincións

Artigo 67. Aceptación da disciplina colexial

Por virtude da colexiación as persoas colexiadas e as sociedades profesionais aceptan a competencia disciplinaria do Colexio, conforme a da normativa vixente, que integra as competencias para previr e corrixir exclusivamente as infraccións dos deberes colexiais e as normas de deontoloxía profesional que se establezan con carácter xeral.

O procedemento do réxime disciplinario será o establecido regulamentariamente.

Artigo 68. Clasificación das faltas

As faltas clasificaranse en leves, graves e moi graves.

Son faltas leves:

a) O incumprimento dos Estatutos e regulamentos colexiais, así como das normas e das decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

b) A desatención aos requirimentos de informes e outros documentos que realice o Colexio.

c) A falta de respecto ás compañeiras e compañeiros, sempre que non implique grave ofensa.

d) O incumprimento das normas sobre publicidade profesional.

e) A infracción das normas deontolóxicas contidas no Código deontolóxico que non teñan carácter grave ou moi grave.

Son faltas graves:

a) O incumprimento reiterado dos Estatutos e regulamentos colexiais, así como das normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

b) As ofensas graves aos compañeiros e compañeiras.

c) Os actos e omisións que atenten contra a moral, dignidade ou prestixio da profesión.

d) A infracción grave do segredo profesional, con prexuízo para terceiros.

e) A emisión de informes ou expedición de certificados faltando á verdade.

f) O incumprimento dos deberes que corresponden aos cargos electos nos órganos colexiais.

g) A infracción das normas deontolóxicas contidas no Código deontolóxico do/da psicólogo/a que non teña o carácter de leve ou moi grave.

h) A acumulación, no período dun ano, de tres ou máis sancións por falta leve.

Son faltas moi graves:

a) A acumulación de dúas ou máis faltas graves no prazo dun ano.

b) Calquera conduta constitutiva de delito doloso cometida no exercicio da profesión.

Artigo 69. Sancións

1. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia promoverá medidas de conciliación e mediación extradisciplinaria naqueles casos que se consideren susceptibles de levar a cabo.

2. Para a imposición de sancións deberá gardarse a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo de infracción e a sanción que se aplique. En todo caso, para a cualificación e a graduación da sanción aplicable teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) O grao de intencionalidade, imprudencia ou neglixencia.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) A contumacia demostrada ou o desacato ao órgano competente durante a tramitación do expediente.

d) A reiteración.

3. As faltas leves serán sancionadas mediante apercibimento por escrito, con constancia no expediente da persoa colexiada.

4. As faltas graves serán sancionadas con suspensión do exercicio profesional ou, se for o caso, con suspensión do mandato da persoa infractora por un período de ata 3 meses. Determínase a seguinte graduación da sanción:

a) Grao mínimo: dun día ata un mes.

b) Grao medio: dun mes e un día ata dous meses.

c) Grao máximo: de dous meses e un día ata tres meses.

5. As faltas moi graves serán sancionadas con suspensión do exercicio profesional ou, se for o caso, con suspensión do mandato da persoa infractora por un período superior a tres meses ou, se for o caso, coa perda da condición de colexiado ou colexiada. Determínase a seguinte graduación da sanción:

a) Grao mínimo: de tres meses e un día ata seis meses.

b) Grao medio: de seis meses e un día ata un ano.

c) Grao máximo: perda da condición de colexiado ou colexiada.

6. Como sanción complementaria ou alternativa poderase impoñer a obriga de realizar actividades de formación profesional e/ou deontolóxica.

Artigo 70. Prescrición

1. Prescrición das infraccións: as infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

2. Prescrición das sancións: as sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

Artigo 71. Imposición de sancións

A imposición de sancións ás persoas colexiadas é competencia da Xunta de Goberno, logo de instrución de expediente en que, en todo caso, se dará audiencia á persoa interesada, observando, ademais, os principios establecidos por disposicións legais ou regulamentarias para a tramitación destes procedementos.

A Xunta de Goberno dará traslado do coñecemento das presuntas faltas á Comisión de Ética e Deontoloxía cando o contido destas sexa concernente á cualificación disciplinaria dos actos profesionais. A Comisión de Ética e Deontoloxía instruirá o correspondente expediente nomeando instrutor ou instrutora e valorando o contido dos feitos, con observancia das disposicións legais ou regulamentarias reguladoras dos procedementos disciplinarios e, finalmente, emitirá ditame para resolución pola Xunta de Goberno.

Contra a imposición de sancións caberá recurso na forma prevista nestes estatutos e nas leis aplicables, sen prexuízo doutros que a persoa interesada considere oportuno interpor.

Artigo 72. Inasistencia ás reunións dos órganos de goberno do colexio

Os membros da Xunta de Goberno que deixen de asistir inxustificadamente a dúas sesións consecutivas ou a tres non consecutivas dentro do prazo de doce meses do correspondente órgano poderán ser cesados no seu cargo por acordo da Xunta de Goberno, que non requirirá de formación de expediente previo.

Artigo 73. Premios e distincións

A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados, a proposta da Xunta de Goberno ou por iniciativa propia, decidirá sobre o outorgamento de premios, distincións ou honras a persoas ou entidades que co seu esforzo teñan contribuído excepcionalmente ao progreso da psicoloxía en Galicia. A Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados adoptará a súa decisión favorable co apoio das dúas terceiras partes dos asistentes.

CAPÍTULO XII

Do Consello Social

Artigo 74. O Consello Social

O Consello Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é o órgano estable de asesoramento, análise e estudos sobre a profesión naquelas cuestións que lle sexan encomendadas polos órganos de goberno do Colexio.

A súa composición e regulamento de funcionamento serán propostos pola Xunta de Goberno á Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados para a súa aprobación por maioría cualificada de dous terzos.

CAPÍTULO XIII

Da sede electrónica

Artigo 75. O portelo único. A sede electrónica

A sede electrónica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é o enderezo electrónico a través do cal os colexiados e colexiadas, e a cidadanía en xeral, poden acceder á información, servizos e trámites dispoñibles en liña, de acordo coa normativa vixente e o regulamento da sede electrónica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. O enderezo é www.copgalicia.gal.

Os colexiados e colexiadas poderán utilizar a sede electrónica para formalizar todos os trámites necesarios para a colexiación e o exercicio da profesión e todos aqueles trámites necesarios para co Colexio a través dun portelo único de acceso por vía electrónica e a distancia.

Para garantir unha mellor defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, estas poderán utilizar o portelo do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a consulta da información a que estea obrigado o Colexio, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta.

Así mesmo, a sede electrónica serve de vía para a reclamación e resolución de queixas referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados e colexiadas.

No dito portelo existirán formularios tipo para a presentación de todos os trámites necesarios (solicitudes, queixas...), así como o procedemento de tramitación deles.

No suposto de apreciarse que se precisa a colaboración doutros colexios profesionais de distinto ámbito territorial, a comunicación farase a través das súas distintas sedes electrónicas.

Artigo 76. Da xestión por medios electrónicos

O Colexio é o responsable da integridade, veracidade e actualización da información e dos servizos a que pode accederse a través da sede electrónica, a cal funcionará de acordo cos principios de transparencia, publicidade, accesibilidade, seguridade, interoperabilidade, neutralidade, dispoñibilidade e calidade, exixidos pola lexislación vixente.

Nos termos exixidos pola lexislación vixente, a sede electrónica disporá dun rexistro electrónico único, de acceso libre e gratuíto, que permitirá a recepción e remisión de solicitudes, escritos e comunicacións as vinte e catro horas todos os días do ano, sen prexuízo das paradas técnicas que sexan imprescindibles.

O órgano colexial responsable da xestión e seguridade da sede electrónica é a Xunta de Goberno, a que tamén corresponde, a través da Secretaría, a coordinación e a supervisión do cumprimento das disposicións legais, tecnolóxicas e administrativas aplicables.

Os documentos electrónicos deberán adecuarse á lexislación vixente.

Artigo 77. Notificacións a través da sede electrónica

Conforme a lexislación vixente, as notificacións de resolucións e actos administrativos dos órganos colexiais competentes en cada caso practicaranse preferentemente a través de medios electrónicos.

Todas as notificacións que se practiquen en papel deberán ser igualmente postas á disposición da persoa interesada na sede electrónica do Colexio para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

CAPÍTULO XIV

Das incompatibilidades

Artigo 78. Incompatibilidade de cargos colexiais

Son incompatibles entre si os cargos de decana ou decano, de presidenta ou presidente de seccións e de delegacións.

É incompatible ser membro da Comisión Censora de Contas con formar parte da Xunta de Goberno ou presidir seccións ou delegacións.

É incompatible con calquera outro cargo colexial definido nestes estatutos o cargo de membro da Comisión de Ética e Deontoloxía e o de Valedor ou Valedora dos Colexiados e Colexiadas.

CAPÍTULO XV

Da reforma dos estatutos

Artigo 79. A reforma dos estatutos

A reforma dos presentes estatutos require o acordo da Asemblea Xeral de Colexiadas e Colexiados co voto favorable das dúas terceiras partes dos votos emitidos.

CAPÍTULO XVI

Da disolución do Colexio e do réxime de liquidación

Artigo 80. Disolución do Colexio

A disolución do Colexio por cesación dos seus fins só poderá ser acordada polo voto afirmativo de dous terzos dos asistentes á Asemblea Xeral. Tamén poderá ser disolto, se for o caso, en cumprimento dunha disposición legal.

Artigo 81. Réxime de liquidación

No caso de disolución do Colexio, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora, sometendo á Asemblea Xeral de colexiadas e colexiados propostas do destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigas pendentes, e adxudicándoos a calquera entidade non lucrativa de ámbito galego que cumpra funcións relacionadas coa psicoloxía e de interese social.

Disposición adicionaI primeira

Como colexio único do ámbito galego, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia exercerá as facultades que a lexislación autonómica outorgue aos consellos de colexios de Galicia.