Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 22 de marzo de 2021 Páx. 15579

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 16 de marzo de 2021 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A).

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, establece que lle corresponden á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no marco das actuacións estratéxicas do Goberno galego para facer fronte á crise causada pola COVID-19, vai proceder á convocatoria de concesión de axudas económicas dirixidas a propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista de Galicia, estimulando a demanda e reducindo o impacto económico negativo derivado do cesamento e das restricións da actividade comercial, como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

A axuda farase efectiva a través dos bonos Activa comercio, que poderán ser utilizados nos establecementos comerciais retallistas radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e adheridos ao programa.

Os usuarios dos citados bonos Activa comercio serán as persoas físicas maiores de idade que teñan a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, parte activa, fundamental e imprescindible para levar a cabo esta campaña de dinamización e reactivación económica do seu comercio de proximidade.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, prevé a posibilidade de contar con entidades colaboradoras no procedemento de xestión e pagamento de axudas públicas. Neste sentido, o seu artigo 9 establece que será entidade colaboradora aquela que, actuando en nome e por conta do órgano concedinte para todos os efectos relacionados coa subvención, entregue e distribúa os fondos públicos ás persoas beneficiarias cando así se estableza nunhas bases reguladoras ou colabore na xestión da subvención.

Así mesmo, no artigo 13.4 dispón que, cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, se seleccionarán previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación e a colaboración formalizarase mediante convenio, salvo que polo obxecto da colaboración resulte de aplicación plena a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase o procedemento para a selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas económicas que se farán efectivas a través dos bonos Activa comercio, de acordo coa orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación pola que se estableza o procedemento de concesión destes (código de procedemento CO301A).

Artigo 2. Obxecto da colaboración

O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio.

Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, segundo o modelo que figura como anexo I desta convocatoria.

Artigo 3. Requisitos e condicións de solvencia

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, e que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.

– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.

A entidade financeira colaboradora actuará en nome do órgano concedinte para todos os efectos relacionados coa subvención, entregando e distribuíndo os fondos públicos aos comerciantes adheridos ao programa.

Artigo 4. Prazo de duración

O prazo de duración da colaboración estenderase desde o momento da sinatura do correspondente convenio ata o 31 de decembro de 2021.

O convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras

Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

2. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

3. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

4. Actuar en nome e por conta da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, entregando e distribuíndo as axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio.

5. Conservar a documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a sinatura do convenio de colaboración.

6. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; e as demais disposicións vixentes sobre a materia.

7. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Criterios de selección da entidade colaboradora

Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación deste procedemento de selección son os seguintes:

– Proposta técnica que describa coa amplitude e detalle precisos todos os elementos necesarios para a articulación da colaboración solicitada (ata 70 puntos).

– Experiencia no desenvolvemento de campañas similares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo especialmente en conta o alcance e a amplitude da campaña en función do número da poboación (ata 30 puntos).

Artigo 7. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se inclúe como anexo II desta orde.

O prazo máximo de presentación das solicitudes será de cinco días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Escritura de constitución/modificación.

– Poderes acreditativos da representación da persoa que asina a solicitude de participación.

– Proposta técnica, memoria e toda a documentación que, a xuízo da entidade, permita á Administración valorar a solicitude conforme os criterios obxectivos fixados no artigo 6.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. NIF da entidade solicitante.

2. DNI/NIE da persoa representante.

3. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

4. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

5. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de cinco días naturais contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución deste procedemento, así como para realizar a proposta de resolución ao conselleiro/a, e corresponderá á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

ANEXO I

Convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e ... para a entrega e distribución dos fondos das axudas

do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio

Santiago de Compostela, ... de ... de 2021.

Reunidos:

Dunha parte:

Francisco José Conde López, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, nomeado para o dito cargo polo Decreto 112/2020, do 6 de setembro, actuando en nome e representación da Xunta de Galicia no uso das facultades atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Doutra parte:

..., con DNI ..., actuando en nome e representación de ..., na súa condición de ..., en virtude das facultades emanadas de ...

Ambas as dúas partes interveñen no nome e representación das súas respectivas institucións no exercicio das competencias que lles están legalmente atribuídas, e recoñécense mutua e reciprocamente capacidade para obrigarse mediante o presente convenio nos termos que nel se conteñen e, para o efecto,

Manifestan:

Primeiro. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, no marco das actuacións estratéxicas do Goberno galego para facer fronte á crise causada pola COVID-19, vai proceder á convocatoria de concesión de axudas económicas dirixidas a propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista de Galicia, estimulando a demanda e reducindo o impacto económico derivado do cesamento e das restricións da actividade comercial como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

A axuda farase efectiva a través dos bonos Activa comercio, que poderán ser utilizados nos establecementos comerciais retallistas radicados en Galicia e adheridos ao programa.

Os usuarios dos citados bonos Activa comercio serán as persoas físicas maiores de idade que teñan a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e son parte activa, fundamental e imprescindible para levar a cabo a campaña de dinamización e reactivación económica do comercio de proximidade.

Segundo. A entidade ..., conforme a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación do ... de ... de 2021, resultou seleccionada como entidade financeira colaboradora na entrega e distribución dos fondos do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio.

Terceiro. Ambas as partes, por razóns de eficacia na xestión e co fin de acadar unha mellor prestación dos servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes

Cláusulas:

Primeira. Obxecto da colaboración

Constitúe o obxecto do presente convenio establecer o marco da colaboración entre as partes asinantes para a xestión e distribución dos fondos das axudas económicas que se van convocar para fortalecer o sector comercial retallista de Galicia, estimulando a demanda e reducindo o impacto económico derivado do cesamento e das restricións da actividade comercial como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Segunda. Entidade colaboradora

... é unha entidade colaboradora que cumpre cos artigos 3 e 6 da orde pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras para a xestión das axudas económicas dirixidas a propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista de Galicia, estimulando a demanda e reducindo o impacto económico derivado do cesamento e das restricións da actividade comercial como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Terceira. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido na orde pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade financeira colaboradora para a xestión do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio, obrígase ao seguinte:

1. Entregar e distribuír as axudas do programa mediante a habilitación dunha plataforma tecnolóxica específica e das aplicacións informáticas máis adecuadas para a posta en marcha, a eficaz execución e o seguimento do programa de tal forma que permita ter un seguimento, control e rastrexabilidade da emisión dos bonos, da súa troca nos comercios adheridos e do seu pagamento, de acordo coas previsións establecidas na cláusula segunda.

2. Ter operativas a plataforma e/ou aplicacións informáticas, habilitando o procedemento operativo antes da entrada en vigor da orde de convocatoria do programa.

3. Utilizar a imaxe do programa definida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo en todos os soportes físicos e dixitais.

4. Por á disposición da Dirección Xeral de Comercio e Consumo os seguintes informes:

– Usuarios dados de alta no programa.

– Comercios dados de alta no programa.

– Número de bonos descargados (localidade, provincia).

5. Ser a depositaria dos fondos transferidos e entregar e distribuír os fondos públicos aos comerciantes adheridos ao programa, sen ningún custo ou requisito adicional dos previstos no programa e con independencia de que sexan clientes/as da entidade, cunha periodicidade semanal.

Estes fondos en ningún caso se considerarán integrantes do seu patrimonio.

6. Xestionar, controlar e supervisar o correcto destino dos fondos depositados na conta para o programa e, de ser o caso, coas instrucións específicas dadas pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

7. Informar do saldo dispoñible dos bonos unha vez alcanzada a súa data de caducidade ou na fin do programa, coa finalidade de realizar o reembolso dese saldo, se é o caso, á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

8. Comunicar á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a través do correspondente ficheiro, as operacións de liquidacións e transferencias de aboamento realizadas, cunha periodicidade semanal.

9. Reintegrar os fondos públicos no suposto de incumprimento dos requisitos e obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e coas demais disposicións vixentes sobre a materia.

Deberase manter a xestión das bases de datos do programa á marxe das bases de datos da clientela da entidade financeira, e non se poderá utilizar para ningún fin distinto da propia administración e xestión dos bonos.

11. Dispoñer de libros e rexistros contables para facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.

12. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

13. Cumprir cos requisitos e obrigas impostas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, particularmente, co disposto nos seus artigos 10 e 12, así como polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Cuarta. Obrigas da Dirección Xeral de Comercio e Consumo

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo comprométese a:

1. Con carácter previo ao inicio do programa, librar o crédito necesario para realizar o pagamento do total dos bonos trocados dentro do período subvencionable establecido na correspondente orde de convocatoria.

2. Definir a imaxe do programa en todos os soportes físicos e dixitais.

3. Facilitar o contido das declaracións das altas dos usuarios e dos comerciantes, así como das autorizacións expresas en materia de protección de datos, nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa e no presente convenio.

4. Autorizar as liquidacións, con carácter previo á súa transferencia.

5. Compensar os gastos en que incorra a entidade colaboradora ao abeiro do artigo 13.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Operativa da xestión das axudas

– A entidade colaboradora habilitará as aplicacións informáticas tecnicamente máis idóneas para dar de alta os usuarios dos bonos Activa comercio, e identificará respecto de cada un deles a seguinte información:

• Nome e apelidos.

• Localidade de residencia (código postal).

• Maioría de idade.

• DNI.

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

– Habilitación da solución técnica para a descarga dixital dun bono por parte dos usuarios.

Cada persoa usuaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou en varios dos comercios retallistas adheridos ao programa. A súa aplicación efectuarana os propios establecementos e, para tal efecto, a entidade colaboradora habilitará os mecanismos e canles necesarios.

Cada bono terá o valor determinado na orde de convocatoria do programa. Este importe irase reducindo en función do valor da compra de acordo cos criterios establecidos na devandita orde de convocatoria.

O período de validez dos bonos será de tres meses desde a data fixada para o seu lanzamento.

O uso da aplicación e a descarga do bono polo usuario suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que será informado convenientemente.

Para estes efectos, por medio dunha declaración responsable o usuario deberá manifestar, baixo a súa responsabilidade, que cumpre cos requisitos establecidos na orde correspondente e que os datos indicados son certos. Así mesmo, deberán constar as autorizacións correspondentes en materia de protección de datos persoais nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa e no presente convenio

– A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, mediante convocatoria pública, establecerá o prazo para que os comercios retallistas interesados en adherirse ao programa bonos Activa comercio se dean de alta na aplicación tecnolóxica habilitada pola entidade colaboradora para o efecto.

Na alta dos comercios deberá quedar constancia da seguinte información:

▪ Nome e apelidos/nome fiscal.

▪ Domicilio fiscal en Galicia.

▪ NIF/CIF.

▪ Nome, apelidos e DNI do representante.

▪ Nome comercial.

▪ Enderezo do establecemento comercial.

▪ Número de teléfono móbil.

▪ Correo electrónico.

▪ IAE principal.

▪ Data de alta da actividade principal.

▪ Número de traballadores da empresa ou autónomo.

▪ IBAN da conta bancaria.

▪ Páxina web do establecemento comercial.

A alta e o uso da aplicación polos comerciantes suporá a aceptación das condicións e obrigas do programa e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que será informado convenientemente.

Para estes efectos, os comerciantes deberán asinar dixitalmente unha declaración responsable manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados.

O sistema establecido estará habilitado de tal forma que permita á Dirección Xeral de Comercio e Consumo bloquear ou dar de baixa altas na aplicación.

O importe máximo de bonos que pode trocar cada empresa será o establecido na orde de convocatoria do programa.

A entidade colaboradora habilitará o sistema de funcionamento e troca dos bonos de tal forma que queden rexistrados o importe e concepto da compra, a identificación do bono e o importe descontado.

A entidade colaboradora deberá entregar e distribuír aos comerciantes o importe dos bonos trocados na conta bancaria indicada para tal efecto.

Sexta. Compensación económica

A compensación económica a favor de ... polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do presente programa é de 90.000,00 euros, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Sétima. Protección de datos

As partes asinantes virán obrigadas en materia de protección de datos a cumprir co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos); coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e coas demais disposicións vixentes sobre a materia.

As partes deberán respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos, datos e informacións que lles sexan confiados para a formalización do programa ou que sexan elaborados con ocasión da súa execución, salvo que a comunicación derive dunha obriga legal ou mandato xudicial.

A entidade colaboradora, como encargada do tratamento dos datos, ten encomendado o labor de recollida, rexistro e almacenamento dos datos persoais necesarios para a tramitación dos bonos Activa comercio segundo as directrices establecidas pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e garante expresamente, respecto dos datos de carácter persoal que se traten durante a xestión dos devanditos bonos:

a) Que adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a súa conservación e seguridade e evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado.

b) Que non os comunicará a terceiras persoas.

c) Que gardará o segredo profesional respecto destes.

d) Que os utilizará única e exclusivamente para os efectos previstos neste convenio.

As obrigacións anteriormente citadas non exclúen nin contraveñen as obrigas que se citarán como condición de encargado do tratamento.

Oitava. Encargo do tratamento

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten a condición de responsable do tratamento de datos persoais e a entidade colaboradora ten a condición de encargada do tratamento; a entidade colaboradora comprométese ás seguintes condicións:

1. Tratar por conta da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación os datos de carácter persoal necesarios para a xestión dos bonos Activa comercio. A tipoloxía de datos tratados e as categorías de interesados serán unicamente os recollidos nesta orde. O tratamento poderá consistir na recollida, rexistro, conservación, consulta, supresión e destrución da información.

2. Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, ou os que recolla para a súa inclusión, só para a finalidade obxecto deste encargo. En ningún caso poderá utilizar os datos para fins propios; neste suposto, será considerada como responsable do tratamento.

3. Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o RXPD, a LOPDGDD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos, informará inmediatamente o responsable.

4. Levar por escrito, cando proceda segundo o artigo 30 do RXPD, un rexistro das actividades de tratamento efectuadas por conta do responsable, que inclúa o contido previsto no referido artigo.

5. Non comunicar os datos a terceiras persoas, salvo que conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, nos supostos legalmente admisibles. O encargado pode comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste último.

6. Manter o deber de segredo respecto dos datos persoais a que teña acceso en virtude do presente contrato, mesmo despois de que finalice o seu obxecto.

7. Garantir que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, do que as informará convenientemente. O encargado manterá á disposición do responsable a documentación acreditativa do cumprimento desta obrigación.

8. Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.

9. Asistir o responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, a través de medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que este poida cumprir coa súa obrigación de responder as solicitudes dos interesados nos prazos previstos pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitará ao responsable, por requirimento deste e coa maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que os afectados solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, este informaraos, a través de calquera medio fidedigno, de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

10. No caso de que o obxecto da contratación prevexa a recollida de datos directamente polo adxudicatario, este facilitará a información relativa aos tratamentos de datos que se vaian realizar no momento de recadar os datos. A redacción e o formato en que se facilitará a información débense acordar co responsable e cumprirán en todo caso as exixencias previstas no RXPD e na LOPDGDD.

11. Notificar ao responsable do tratamento, de forma inmediata e implementando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo de que teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia, de ser o caso, á Axencia Española de Protección de Datos, conforme o previsto no artigo 33 do RXPD.

12. Dar apoio ao responsable do tratamento na realización das avaliacións de impacto relativas á protección de datos e na realización das consultas previas á autoridade de control, cando cumpra.

13. Implantar, nos casos que aplique, as previsións recollidas no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS). En todo caso, implantará as medidas de seguridade necesarias para:

13.1. Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanentes dos sistemas e servizos de tratamento.

13.2. Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais de forma rápida, en caso de incidente físico ou técnico.

13.3. Verificar, avaliar e valorar, de forma regular, a eficacia das medidas técnicas e organizativas implantadas para garantir a seguridade do tratamento.

13.4. Seudonimizar e cifrar os datos persoais, se for necesario.

14. Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das súas obrigacións, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos por entidades acreditadas ou, en caso de non existiren, facilitando a realización das auditorías ou as inspeccións que realice o responsable ou outro auditor autorizado.

15. Designar un delegado de protección de datos, se corresponde segundo o previsto no artigo 37 do RXPD e no artigo 34 da LOPDGDD, e comunicar a súa identidade e datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na AEPD.

16. Devolver ao responsable, unha vez cumpridas as prestacións obxecto do presente convenio, os datos persoais e, de ser o caso, os soportes onde consten. A devolución suporá o borrado total dos datos existentes nos equipamentos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este último poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres poidan derivar responsabilidades da execución da prestación.

Novena. Prazo de duración

O presente acordo entrará en vigor o día da súa sinatura e os seus efectos estenderanse ata o 31 de decembro de 2021.

O convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Décima. Interpretación do convenio

As cuestións xurdidas acerca da interpretación, modificación ou efectos do convenio serán resoltas pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e os seus acordos poñerán fin á vía administrativa.

Contra estes acordos cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou poderá interpoñerse directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se o dito acto for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo primeira. Resolución do convenio

Son causas de resolución deste convenio:

1. O transcurso do prazo de vixencia do convenio sen que se acordase a súa prórroga.

2. O acordo unánime das partes asinantes.

3. O incumprimento total ou parcial das estipulacións contidas nas cláusulas ou no articulado da orde pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes de axudas en curso.

4. Calquera outra causa distinta das anteriores prevista na lexislación vixente.

Para os efectos do reintegro das subvencións, aplicarase o disposto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Décimo segunda. Xustificación e inspección

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa subvencional.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos adheridos, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá cancelar a súa adhesión ao programa bonos Activa comercio, comunicando a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir a troca e pagamento dos bonos.

Os comercios retallistas adheridos están obrigados a facilitar canta información sexa requirida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo e os restantes órganos de control no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Décimo terceira. Natureza administrativa

O presente convenio ten natureza administrativa e queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que poida presentar.

Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo.

As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo cuarta. Réxime xurídico

Para todo o non previsto neste convenio observarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como as restantes normas xerais de dereito administrativo.

E en proba da conformidade cos termos do presente convenio, as partes asínano e rubrícano no lugar e na data indicados na cabeceira.

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía,
Empresa e Innovación

xxx

missing image file
missing image file