Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 23 de marzo de 2021 Páx. 16068

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2021, da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, de inicio do proceso de selección de adxudicatario/a de vivenda de promoción pública para o expediente PO2004/702, conta 15, na rúa Observatorio, número 17, baixo cuberta, letra B, no concello de Lalín.

De acordo co que se establece no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 8 de marzo de 2021,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección dunha persoa adxudicataria para unha vivenda de promoción pública, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro.

– Características da vivenda:

• Número de vivendas: 1.

• Localización da vivenda: r/ Observatorio núm.17, baixo cuberta B, Lalín.

• Superficie útil da vivenda: 64,69 m2.

• Número de dormitorios: 2.

• Anexos: un rocho e unha praza de garaxe.

• Data de cualificación definitiva: 12.2.2009.

– Composición familiar: 1, 2 ou 3 membros.

Segundo. Réxime de adxudicación

A vivenda adxudicarase en propiedade ou arrendamento. Será obrigatoria a adxudicación en réxime de arrendamento cando os ingresos ponderados dos solicitantes, computados os da totalidade dos membros da unidade familiar ou convivencial en que estea integrado, non superen 1,5 veces o Iprem.

Terceiro. Condicións xerais dos/as beneficiarios/as

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter expedida a credencial de inscrición ou a solicitude de inscrición presentada no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Lalín á data desta resolución de inicio, e que estean anotados para as vivendas de protección oficial de promoción pública (sección I).

2. Ter ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o Iprem.

3. Residir ou traballar no concello onde se localiza a vivenda, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

4. Carecer de vivenda en calidade de propietario/a, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:

a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que se atopen ao corrente no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador e as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda ou calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

b) Acreditar que a vivenda da que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertar ao IGVS a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.

c) A tenza doutra vivenda respecto da que non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015, do Instituto Galego da Vivenda e Solo).

Cuarto. Condicións xerais de carácter económico

1. Réxime de compravenda.

a) Os estudos económicos das vivendas de promoción pública serán elaborados con base no 100 % do módulo aplicable a cada metro cadrado de superficie útil das vivendas, segundo a área xeográfica en que estean situadas, vixente no momento da cualificación definitiva da promoción.

Neste procedemento de adxudicación os estudos económicos iniciais destas vivendas conservarán a súa validez ata que cumpran cinco anos, que se contarán desde a data de cualificación definitiva.

Do sexto ao décimo quinto ano, ambos inclusive, os estudos económicos serán elaborados aplicando o 80 %, e do décimo sexto ao trixésimo ano, o 70 % do valor do módulo aplicable segundo a zona territorial determinada na cualificación definitiva, vixente no momento da transmisión (artigo 21 do Decreto 253/2007).

b) O prezo de venda fixarase en atención ao valor da vivenda e aos ingresos ponderados dos adxudicatarios, e serán os seguintes:

I. Para os/as adxudicatarios/as con ingresos familiares ponderados comprendidos entre 2 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (Iprem) e 2,5 veces o Iprem: o 70 % do valor da vivenda segundo o estudio económico. Se existisen rochos e garaxes vinculados o prezo destes será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

II. Para os/as adxudicatarios/as con ingresos familiares ponderados comprendidos entre 1,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples e 2 veces o Iprem: o 60 % do valor da vivenda segundo o estudio económico. Se existisen rochos e garaxes vinculados o prezo destes será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

III. Para os/as adxudicatarios/as con ingresos familiares ponderados ata 1,5 veces o Iprem: o 50 % do valor da vivenda segundo o estudo económico. De existir rochos e garaxes vinculados, o prezo destes será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente.

c) As vivendas venderanse aprazando a totalidade do prezo, que producirá un xuro máximo anual do 5 % e devolverase en 30 anos en cotas mensuais, integradas por capital e xuros.

Cando no momento da adxudicación definitiva do grupo efectuada pola Comisión Provincial de Vivenda o tipo de xuro anteriormente establecido for superior ao fixado polo Consello de Ministros para os convenios que subscriba o Ministerio de Fomento coas entidades prestamistas para o financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo, entenderase que este último será o tipo de xuro aplicable.

d) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de compravenda, logo de pagamento por parte do adxudicatario dos gastos e impostos que procedan.

2. Réxime de arrendamento.

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibido en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións a que houbera lugar.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte do adxudicatario da fianza correspondente.

Quinto. Procedemento de adxudicación

De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas ou con solicitude de inscrición presentada no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia ata a data desta resolución de inicio para o concello de Lalín.

Do sorteo resultará unha lista de adxudicatarios provisionais, cuxa orde de confección virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.

O feito de resultar adxudicatario provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario definitivo, mentres non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

Sexto. Sorteo

De acordo co previsto no artigo 22.2.h) do mencionado Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, xa que a vivenda ten dous dormitorios, realízase un sorteo entre unidades familiares ou convivenciais de 1, 2 ou 3 membros.

Do sorteo correspondente resultará unha lista de preadxudicatarios/as provisionais e de espera, cuxa orde de confección virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.

Sétimo. Número de solicitantes que integrará a lista de espera

Serán dez as persoas demandantes seleccionadas entre todas as que figuren inscritas ou con solicitude de inscrición presentada ata a data desta resolución de inicio do procedemento, segundo a composición da unidade familiar (1, 2 e 3 membros).

A orde de confección da referida lista virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.

Oitavo. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Lalín, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional os/as solicitantes que se consideren prexudicados no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación, para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Noveno. Asignación de vivendas

Unha vez finalizado o procedemento, a Área Provincial do IGVS procederá á asignación da vivenda ás persoas integrantes da lista por rigorosa orde de prelación. Esta asignación deberá ser notificada ao/á adxudicatario/a. Tal notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

• Tipo de vivenda.

• Superficie útil.

• Réxime de adxudicación.

• Prezo de venda ou renda.

Os adxudicatarios definitivos disporán dun prazo de quince días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación, e no caso de aceptar, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Décimo. Data do sorteo

O sorteo celebrarase ante notario ás 10.00 horas do día 13 de abril de 2021 en Pontevedra, na sala de xuntas da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sito na rúa Alcalde Hevia nº 7 de Pontevedra.

Pontevedra, 8 de marzo de 2021

José Manuel González González
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra