Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 23 de marzo de 2021 Páx. 15925

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2021 pola que se determinan as condicións de adhesión das empresas turísticas ao programa Bono turístico #QuedamosenGalicia2 e se abre o prazo para a presentación das solicitudes de participación (código de procedemento TU985C).

O Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, posto en marcha pola Xunta de Galicia para o ano 2020 consistiu nun amplo abano de actuacións encamiñadas a estimular o turismo interno, co obxectivo de inxectar liquidez ao sector e promover a súa recuperación nun momento no que a crise sanitaria non permitiu o desenvolvemento normal da súa actividade.

Entre as iniciativas que se desenvolveron, o Bono turístico #QuedamosenGalicia foi un exemplo da colaboración público-privada, unha alizanza estratéxica entre a Administración autonómica, a través da Axencia Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo, para afrontar conxuntamente unha crise inesperada e o seu un impacto negativo no sector.

A pandemia segue a estar presente neste ano 2021 e segue castigando especialmente o sector do turismo, polo que cómpre seguir apostando por instrumentos de colaboración público-privada que permitan reactivar este piar fundamental da nosa economía.

Os resultados da experiencia do Bono turístico no 2020 foron valorados positivamente polo sector, xa que lle permitiu incrementar a demanda nun momento especialmente complexo que, desafortunadamente, aínda está presente.

Por este motivo, a Administración autonómica, comprometida co sector e coa cidadanía de Galicia, deseña esta nova edición do bono turístico para que, no momento en que se eliminen as restricións que afectan a mobilidade e impiden o propio proceso da viaxe, teñamos unha ferramenta que motive os galegos e galegas para percorrer os ricos e variados destinos turísticos da nosa comunidade.

Con esta finalidade, a Axencia Turismo de Galicia destina ao financiamento deste programa a contía de dous millóns de euros (2.000.000 €) con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021. Este importe poderá ser incrementado con outros recursos propios ou doutras entidades que desexen participar nesta iniciativa.

O Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2 é una tarxeta de prepagamento, que se entregará ás persoas que resulten beneficiarias do procedemento aberto para os efectos, que se activará no momento en que a persoa beneficiaria cumpra cos requisitos determinados neste. A tarxeta prepagamento, que emitirá a entidade bancaria colaboradora, estará operativa ata o 15 de decembro do 2021, data na que perderá toda a súa vixencia. Poderá ser empregada nos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes, así como nos seus servizos asociados, que se adhiran ao programa a través da presente convocatoria.

Para a instrumentalización desta axuda económica e conforme o procedemento establecido na Resolución da Dirección da Axencia Turismo de Galicia do 1 de marzo de 2021, a entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A. resultou seleccionada como entidade colaboradora na xestión das axudas.

En consecuencia, procede agora a selección das empresas turísticas que desexen participar no programa, dado que esta tarxeta só poderá ser utilizada nos establecementos e/ou axencias adheridas a este.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é establecer o procedemento e as condicións que deben reunir os establecementos turísticos de aloxamento e as axencias de viaxes para a participar no programa Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2 (código de procedemento TU985C).

Segundo. Requisitos dos solicitantes

Poderán solicitar a súa adhesión aquelas empresas, empresarios ou agrupacións empresariais que dispoñan de aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e tamén as axencias de viaxe que, con independencia do lugar no que radique a súa sede social, desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.

Todas estas empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria, ter coñecemento da sinatura que se lle proporcionou no momento da alta no nomeado Rexistro e dispor de TPV con número de comercio que os identifiquen no servizo de pagamentos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.

Terceiro. Duración da prestación

Os servizos, actividades ou produtos turísticos poden prestarse desde o día da entrega pola entidade colaboradora da tarxeta prepagamento aos beneficiarios e ata o 15 de decembro de 2021, no que este programa quedará extinguido.

Cuarto. Relacións coas persoas beneficiarias do programa

As persoas beneficiarias do Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2 poderán consumir os servizos ofertados para este programa no establecemento adherido. No caso de que se faga reserva previa, esta pode ser realizada directamente no establecemento ou en calquera web de central de reservas que non implique prepagamento desta, sendo necesario que o pagamento se realice no propio establecemento.

As persoas beneficiarias poderán utilizar o saldo da súa tarxeta de forma total ou parcial, así como completar os pagamentos, de non ter saldo suficiente, con outras formas de pagamento admitidas polo establecemento turístico.

Quinto. Incompatibilidade

O programa Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2 é incompatible con outros programas similares desenvolvidos pola Axencia Turismo de Galicia polo que esta tarxeta prepagamento non poderá utilizarse para a adquisición de produtos e servizos incluídos noutros programas distintos deste.

Sexto. Prazo e forma de presentación das solicitudes e das declaracións responsables

1. O prazo de presentación das solicitudes de adhesión das empresas turísticas estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata a finalización do programa, o 15 de decembro de 2021.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As empresas solicitantes deberán declarar responsablemente, segundo o modelo do anexo I, o seguinte:

– Que todos os datos que se achegan na solicitude son certos.

– Que cumpre e asume todos os requisitos e condicións recollidos na resolución para a adhesión ao programa.

– Que procede a rexistrar na plataforma Turespazo a súa oferta ou, no caso das axencias de viaxe, o seu paquete turístico.

4. Ademais da solicitude de participación, sinalada nos puntos anteriores, as empresas que se presenten deberán rexistrarse na plataforma Turespazo, no caso que non o estean, no enderezo https://turespazo.turismo.gal.

As empresas que se adhiran ao programa poderán presentar nesta plataforma as súas ofertas específicas de:

– Aloxamentos/servizos ou produtos específicos que se oferten, se é o caso, para a promoción do programa.

– Paquetes turísticos, no caso das axencias de viaxe.

As ditas ofertas e paquetes aparecerán na web de Turismo de Galicia nun lugar destacado só para coñecemento dos beneficiarios do programa.

O Clúster de Turismo colaborará coa Axencia Turismo de Galicia nas relacións coas empresas que soliciten á adhesión ao programa no seu asesoramento e resolución de dúbidas na operativa do programa.

Sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitavo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Noveno. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo. Valoración das solicitudes

Constitúese unha comisión mixta con representantes da Axencia Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia para a análise da evolución do proceso de adhesión dos establecementos e/ou axencias de viaxes así como das ofertas que se presenten.

As solicitudes iranse avaliando a medida que se vaian presentando e, no caso de solicitudes incompletas, solicitarase toda a documentación que sexa necesaria aos solicitantes.

Poderanse retirar aquelas solicitudes que se repitan ou non acheguen algunha novidade con respecto a outra xa admitida, así como aquelas que se consideren non axeitadas, ofensivas ou que non se axusten aos obxectivos definidos neste programa.

O cumprimento dos requisitos establecidos na presente convocatoria determinará a inclusión automática da solicitude do interesado na lista de aloxamentos e/ou axencias de viaxes adheridos ao programa publicada na parte da web da Axencia Turismo de Galicia dedicado ao programa.

Décimo primeiro. Obrigas dos solicitantes

Os solicitantes obríganse ao cumprimento das seguintes condicións na prestación dos servizos ou produtos:

a) Cumprimento das medidas de prevención de riscos sanitarios e laborais establecidas pola autoridade sanitaria, laboral ou turística para a prevención de contaxios derivados da COVID-19.

b) Dispor dunha terminal de punto de venda (TPV) para a realización da transacción de compra do servizo ou actividade turística a través da tarxeta moedeiro Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2. Para os efectos da validación da TPV, o establecemento adherido deberá facilitar o/os número/s de comercio de que dispoña á entidade bancaria.

c) Unha empresa que xa estivo adherida á campaña Bono turístico#Quedamos en Galicia do ano 2020 debe volver adherirse, cos datos requiridos, para poder participar na campaña 2021

Décimo segundo. Publicidade

Os establecementos adheridos deberán incluír en toda a documentación e soportes do programa a imaxe corporativa da Xunta de Galicia e a imaxe do programa Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2 utilizándoa nos produtos e servizos turísticos ofertados con carácter xeral.

A relación das empresas adheridas figurará na web da Axencia Turismo de Galicia xunto a produtos e/ou servizos que teñan ofertado xa sexan de carácter xeral ou os especificamente creados para o programa Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2.

Décimo terceiro. Resolución da adhesión

Serán causas de resolución da adhesión as seguintes:

– O incumprimento total ou parcial de calquera das cláusulas establecidas na presente resolución.

– O acordo unánime de todos as partes.

– A decisión xudicial declarativa da nulidade da adhesión.

Ademais das causas de resolución, a adhesión ao programa extinguirase polo cumprimento do seu prazo, o 15 de decembro de 2021.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file