Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 30 de marzo de 2021 Páx. 17165

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 16 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases que rexen os premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS327A).

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece, no seu artigo 1, que as políticas públicas dirixidas á xuventude terán como finalidade mellorar a calidade de vida da xente nova, especialmente a través do acceso á información en materia xuvenil e mediante a participación activa dos mozos e mozas no desenvolvemento sustentable, económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén establece a citada lei, no seu artigo 33, que a Administración xeral da Comunidade Autónoma exercerá as súas competencias a través da consellería competente en materia de xuventude, á cal lle corresponden, entre outras, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

De acordo co artigo 9 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, a Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor e potenciará entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do cal formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade.

Pola súa parte, o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, establece que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado é un dos órganos de dirección nos cales se estrutura a Consellería de Política Social.

De acordo co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

A Consellería de Política Social entende que, en cumprimento do mandado legal e para lograr unha verdadeira participación da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, sobre todo no contexto actual derivado da situación da crise sanitaria da COVID-19, é fundamental impulsar actuacións e apoiar os proxectos que desenvolvan os mozos e as mozas galegos en distintos ámbitos. Así, no exercicio das competencias propias e co fin de recoñecer e distinguir, de maneira institucional, as mellores iniciativas da nosa xuventude, visibilizar o seu talento e as capacidades, e servir de modelo e testemuña para a sociedade civil en xeral, a consellería decidiu fomentar estas iniciativas a través dunha nova convocatoria dos premios Talento Mozo Galicia, logo do éxito da súa primeira edición.

Atendendo ao colectivo de persoas físicas a que vai destinada a convocatoria e que pode presentar solicitude, considérase xustificado establecer a obriga de relacionarse coa Administración convocante a través de medios electrónicos, dado que as cualidades que xustifican poder optar aos premios implican que se pode entender acreditado o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para tal fin.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto a regulación do procedemento de concesión dos premios ao talento mozo na Comunidade Autónoma de Galicia para o recoñecemento de traxectorias excelentes e proxectos impulsados e postos en marcha por mozos e mozas galegos, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2021.

2. Cos premios Talento Mozo Galicia tratarase de recoñecer e visibilizar o talento e as capacidades da xuventude galega, nas modalidades de ciencia, rural, deporte, empresa e cultura e creación.

3. O código de procedemento administrativo é BS327A.

Artigo 2. Procedemento e modalidades

1. O procedemento de concesión dos premios Talento Mozo Galicia tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada Lei 9/2007.

2. Os premios Talento Mozo Galicia que se convocan terán as seguintes modalidades:

a) Ciencia.

b) Rural.

c) Deporte.

d) Empresa.

e) Cultura e creación.

Artigo 3. Premios

1. Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas no artigo 2, cuxa dotación económica será de 5.000 euros por modalidade.

As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicos e estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

2. As persoas premiadas recibirán, ademais da dotación económica do premio, unha distinción honorífica e un diploma acreditativo.

Artigo 4. Orzamento

Para o financiamento destes premios destínase un crédito de 25.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.313A.480.1, consignada na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Artigo 5. Persoas destinatarias e requisitos

Poderán optar aos premios Talento Mozo Galicia as persoas mozas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter entre 18 e 35 anos na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

2. Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

3. Contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio a que concorra. Para estes efectos, os méritos que motivan a candidatura deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.

4. Cumprir coas obrigas previstas no artigo 18 para as persoas premiadas.

Artigo 6. Compatibilidade dos premios

A obtención do premio é compatible con outros outorgados coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados.

Artigo 7. Solicitud e prazo de presentación

1. As persoas que concorren a esta convocatoria de premios deberán presentar a súa solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. Para poder optar aos premios Talento Mozo Galicia as persoas solicitantes deberán acreditar documentalmente, na forma prevista no artigo seguinte, que reúnen as cualidades que xustifiquen poder optar ao premio na modalidade de que se trate.

4. Unha mesma persoa non poderá presentarse como candidata a máis dunha modalidade de premio. No suposto de que se produza esta situación, a solicitude non será admitida a trámite.

5. As persoas gañadoras en edicións anteriores a esta convocatoria non poderán volver presentarse nin na modalidade na que resultasen premiadas nin en ningunha outra.

6. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria individualizada descritiva do proxecto ou traxectoria que opta ao premio, na modalidade de que se trate, que poña de manifesto os seus aspectos máis relevantes e valiosos e que conteña expresa mención dos méritos en que se fundamente a solicitude (anexo II).

b) Curriculum vitae da persoa candidata.

c) Documentación oficial acreditativa dos méritos alegados. Sen esta acreditación, os citados méritos non se terán en conta polo xurado.

2. A persoa solicitante achegará, así mesmo, as publicacións, fotografías, apoios por parte de persoas físicas ou xurídicas e demais documentación nos que se asente a súa candidatura.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Emenda das solicitudes

Se na solicitude se apreciaren defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor previsto no artigo 12 requirirá a persoa solicitante para que no prazo de 10 días, contado desde o seguinte ao da notificación, que se efectuará a través de publicación de conformidade co disposto no artigo 19, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 21.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 20 e seguintes da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

c) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Instrución do procedemento

O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia. Unha vez completos os expedientes remitiraos ao xurado previsto no artigo seguinte para a súa valoración e unha vez emitido por este o informe previsto no artigo 14, elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver o procedemento.

Artigo 13. Xurado dos premios Talento Mozo Galicia

1. Para a valoración dos expedientes constituirase un xurado cuxos membros serán designados pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude, que será quen desempeñe a súa presidencia.

O xurado estará formado por un máximo de doce membros, que serán designados entre persoas destacadas no ámbito institucional e/ou social pola súa relevancia profesional e persoal en cada unha das modalidades dos premios.

2. O xurado, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Na composición do xurado procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. A secretaría do xurado, con voz pero sen voto, corresponderalle a unha persoa funcionaria da citada dirección xeral, nomeada por resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude.

5. No caso de ausencia de calquera das persoas que compoñen o xurado, ou da persoa secretaria deste, será substituída por outra persoa nomeada, así mesmo, pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude conforme os mesmos criterios de elección recollidos no número 1 e 4 deste artigo.

Artigo 14. Valoración das solicitudes admitidas

1. Coa finalidade de elaborar a proposta de concesión, o xurado examinará e valorará as solicitudes presentadas para as distintas modalidades en función dos seguintes criterios específicos por modalidade, que se deduzan da memoria presentada e dos méritos acreditados pola persoa solicitante:

a) Ciencia.

1º. Valorarase o grao de excelencia da traxectoria da persoa moza no ámbito da súa investigación, tendo en conta a repercusión que esta tivo ou ten no conxunto da sociedade e na comunidade científica (ata un máximo de 20 puntos).

2º. Índice de produción científica (ata un máximo de 20 puntos).

3º. Apertura de novos eidos ou espazos de investigación no ámbito científico que axuden a dar resposta aos retos tecnolóxicos ou sociais actuais e emerxentes (ata un máximo de 20 puntos).

4º. Estudos ou iniciativas relacionadas co impacto da COVID-19 (ata un máximo de 20 puntos).

b) Rural.

1º. Valorarase o grao de excelencia da traxectoria da persoa moza no eido da súa actividade, tendo en conta a repercusión que a mesma tivo ou ten na sociedade ou no ámbito de influencia (ata un máximo de 20 puntos).

2º. Contribución da actividade para axudar á posta en valor do medio rural, desde un punto de vista innovador e moderno, como espazo de oportunidades para a mocidade (ata un máximo de 20 puntos).

3º. Actividades que promovan a dinamización económica e demográfica da zona na que se asenten (ata un máximo de 20 puntos).

4º. Iniciativas innovadoras relacionadas co impacto da COVID-19 (ata un máximo de 20 puntos).

c) Deporte.

1º. Valorarase o grao de excelencia na traxectoria da persoa moza no ámbito deportivo, tendo en conta a repercusión que esta tivo ou ten no conxunto da sociedade e na propia comunidade deportiva (ata un máximo de 20 puntos).

2º. Carreiras deportivas que sirvan como exemplo de transmisión de valores, co fin de xerar un efecto multiplicador entre a xuventude centrado nos valores do esforzo, traballo e superación (ata un máximo de 20 puntos).

3º. Promoción de hábitos de vida saudables (ata un máximo de 20 puntos).

4º. Impacto da traxectoria deportiva a nivel nacional e internacional, favorecendo así tamén o coñecemento e posta en valor dos deportistas galegos no panorama mundial (ata un máximo de 20 puntos).

d) Empresa.

1º. Valorarase o grao de excelencia e calidade do proxecto da persoa moza, tendo en conta a repercusión que esta tivo ou ten no conxunto da sociedade (ata un máximo de 20 puntos).

2º. Proxectos innovadores, orixinais e de vangarda vinculados, fundamentalmente, ao sector primario, turismo ou industria 4.0 (ata un máximo de 20 puntos).

3º. Contribución do proxecto á mellora da economía galega no referido á creación de postos de traballo, xeración de riqueza ou apertura de novas oportunidades de negocio (ata un máximo de 20 puntos).

4º. Iniciativas innovadoras relacionadas co impacto da COVID-19 (ata un máximo de 20 puntos).

e) Cultura e creación.

1º. Valorarase o grao de excelencia da traxectoria da persoa moza no eido da súa actividade cultural e/ou creativa, tendo en conta a repercusión que esta tivo ou ten na sociedade ou no sector cultural (ata un máximo de 20 puntos).

2º. Apertura de novos eidos de produción ou investigación cultural baixo un prisma actual e moderno que sempre respecte, ou mesmo anove, o tradicional (ata un máximo de 20 puntos).

3º. Impacto da traxectoria a nivel nacional e internacional (ata un máximo de 20 puntos).

4º. Iniciativas innovadoras relacionadas co impacto da COVID-19 (ata un máximo de 20 puntos).

2. O xurado emitirá un informe-valoración das solicitudes para cada modalidade, que elevará ao órgano instrutor. O órgano instrutor, en vista do informe valoración do xurado, poderá propor que se declare deserta algunha modalidade por non reunir os méritos suficientes ningunha das candidaturas presentadas.

Artigo 15. Resolución

1. O órgano instrutor, en vista do expediente e do informe valoración do xurado, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución dos premios para cada modalidade ou declaración de deserta, de ser o caso.

2. O órgano competente para resolver será a dirección xeral competente en materia de xuventude, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

3. A resolución será notificada de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia nos termos sinalados no artigo 19.

4. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar a resolución expresa, os interesados poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 16. Entrega de premios

A entrega de premios Talento Mozo Galicia realizarase, de ser posible, nun acto público de carácter institucional co fin de visibilizar e pór en valor as persoas gañadoras en cada unha das modalidades.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Malia o anterior, poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Obrigas das persoas premiadas

As persoas premiadas deberán:

a) Acreditar, con carácter previo á concesión e ao pagamento dos premios, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Reintegrar, total o ou parcialmente, o importe do premio no suposto de incumprimento dos requisitos e das condicións establecidas para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na restante normativa que sexa de aplicación. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) Comunicarlle á dirección xeral competente en materia de xuventude, as modificacións que se produzan nos requisitos e nas condicións que determinaron a concesión do premio. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.

e) Comunicarlle á dirección xeral competente en materia de xuventude as obtención doutras axudas para a mesma traxectoria e/ou proxecto. Para estes efectos, a persoa solicitante debe incluír no anexo I a declaración relativa a outras axudas e, con posterioridade á presentación da solicitude, comunicar a súa obtención, de ser o caso.

f) Cumprir cos requisitos e coas obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, e coas restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.

Artigo 19. Publicación dos actos e resolucións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

2. A relación de persoas premiadas de cada especialidade será publicada, así mesmo, na páxina web http://xuventude.xunta.es

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

A Consellería de Política Social transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias dos premios previstos nesta orde.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar cantos actos sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file