Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2021 Páx. 17396

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 16 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS508B).

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, establece que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado é un dos órganos de dirección en que se estrutura a Consellería de Política Social.

O Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, establece que corresponden á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

A Lei 10/2011, do 28 de novembro, establece entre as súas prioridades o fomento da acción voluntaria, promovendo o coñecemento público das actividades de acción voluntaria e o recoñecemento social das persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria, e prevé no seu artigo 25 incentivos e apoios a entidades e a persoas voluntarias.

A Consellería de Política Social considera de máximo interese, por tanto, colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado e recoñece o labor que as persoas voluntarias e as entidades achegan á sociedade, ao contribuír á súa transformación e influír no desenvolvemento comunitario, máxime nestes momentos en que a pandemia da COVID-19 derivou nunha ampla manifestación de solidariedade e onde a acción voluntaria xoga un importante papel de atención social no contexto actual de emerxencia sociosanitaria, realizando aquelas actividades permitidas baixo medidas hixiénico-sanitarias e preventivas necesarias para favorecer a súa contención.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia e obxectividade na concesión das axudas e subvencións; ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para a convocatoria destas axudas existe crédito adecuado e suficiente na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Finalmente, nesta orde inclúense medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, no relativo á publicación das axudas concedidas.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021 (procedemento BS508B).

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polas entidades de carácter privado sen ánimo de lucro, sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria consonte o artigo 3 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia nalgunha das seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:

1º. Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como á promoción e captación de voluntariado.

2º. Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.

3º. Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación: local, comarcal, etc.

b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:

1º. Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.

2º. Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web.

c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando, de xeito transversal, as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

Tendo en conta o contexto actual de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, terán unha especial consideración as campañas de sensibilización e posta en valor do voluntariado como elemento estrutural e de apoio na mellora social, así como a formación orientada á prevención e asunción de protocolos en materia COVID-19 ou en materia de coordinación e traballo en rede de entidades orientada a seguir mellorando a resposta ante a pandemia, sempre que se realicen con estrito cumprimento dos protocolos e das medidas establecidas polas autoridades sanitarias competentes.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

As beneficiarias das axudas serán as entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2021, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de intervención que prevé a Estratexia de acción voluntaria 2016-2018, nas cales se engloban os distintos obxectivos estratéxicos marcados pola Lei 10/2011, do 28 de novembro, de conformidade cos seus artigos 3 e 5.

Artigo 3. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para poder ser beneficiarias destas axudas, de conformidade co establecido no artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán condicións imprescindibles:

a) Que as entidades de acción voluntaria de carácter privado estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades privadas non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, presentasen solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

d) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. Pola contra, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

Artigo 4. Crédito total

As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0, por un importe de cento corenta e cinco mil catrocentos quince euros (145.415 €), de acordo co establecido na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. Serán conceptos subvencionables os gastos que deriven directamente das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021, entre as cales se inclúen a contratación laboral de persoal técnico, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a contratación de persoal experto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, ou os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste.

En ningún caso os gastos indirectos que se imputen ás actividades poderán superar o 20 % do importe subvencionable efectivamente xustificado.

2. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.

3. A contía máxima da axuda por proxecto non poderá superar a cantidade de 4.000 euros nin o 75 % do orzamento total do proxecto presentado. A contía da axuda por proxecto calcularase de forma proporcional á puntuación obtida de acordo cos criterios de valoración do artigo 12, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I procedemento BS508B), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades de acción voluntaria interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, obxectivos, identificación de problemas e número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto e do número de días que participará cada unha delas, así como dun orzamento desagregado do custo de todas as actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Emenda de defectos

1. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social poderá requirir á entidade solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución

1. O Servizo de Voluntariado e Participación será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha Comisión de Valoración que estará composta polos seguintes membros:

a) Presidenta/e: a/o xefa/e da Sección de Voluntariado.

b) Vogais: dous técnicos do Servizo de Voluntariado e Participación.

3. Actuará como secretario da Comisión de Valoración unha/un funcionaria/o do Servizo de Voluntariado e Participación, que participará con voz pero sen voto.

4. O órgano instrutor poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

5. Unha vez avaliadas as solicitudes segundo os criterios de valoración do artigo 12, a Comisión de Valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada para cada entidade. Do dito informe daráselle traslado ao órgano instrutor para que propoña a denegación ou concesión das axudas, así como, neste último caso, a contía da axuda correspondente a cada entidade.

6. Se, por calquera causa, algún dos compoñentes da Comisión de Valoración non pode asistir, será substituído pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Artigo 12. Criterios de valoración

A valoración das solicitudes será realizada pola Comisión de Valoración do artigo 11.2. No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

a) Coherencia xeral do proxecto, consonte os seguintes criterios (ata 35 puntos):

1º. Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de persoas beneficiarias e persoas voluntarias que van participar no proxecto (ata 11 puntos).

2º. Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade (ata 4 puntos).

3º. Secuencia lóxica da intervención: situación de que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, con que se conta e os que terán que incrementar (ata 12 puntos).

4º. Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade (ata 8 puntos).

b) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega previndo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/do responsable de voluntariado (ata 20 puntos).

c) Capacidade económica da entidade (ata 15 puntos):

1º. A maior achega financeira da entidade ao proxecto (ata 7,5 puntos).

2º. Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado (ata 7,5 puntos).

d) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos).

e) Facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 15 puntos).

Artigo 13. Resolución

1. No prazo máximo de quince días desde que o órgano instrutor formule a proposta de resolución, a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ditará a correspondente resolución motivada, que lles será comunicada aos interesados.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, que se considerarán ditadas polo órgano delegante.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os cinco meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Se a resolución non fose notificada aos interesados no prazo a que se refire o número anterior, poderá entenderse desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.

5. Notificada a resolución polo órgano concedente, a entidade beneficiaria disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contrario, entenderase tacitamente aceptada, tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

2. Adicionalmente, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse complementariamente só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío desta notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Notificada a resolución polo órgano concedente de conformidade co disposto no número 1, a entidade beneficiaria disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contrario, entenderase tacitamente aceptada, tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e poderán ser impugnadas potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

2. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, tal e como establece o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, procederá a impugnación directa ante o Tribunal Superior de Xustiza, órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación se o acto é expreso, e de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.

Artigo 16. Xustificación da axuda concedida

1. Unha vez notificado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación é o día 8 de novembro de 2021. O interesado deberá presentar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación que xustifique o cumprimento das accións do proxecto subvencionado e que comprenderá:

a) Memoria das actividades realizadas no proxecto de voluntariado.

b) Memoria económica en que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante copia de factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.

c) Anexo II. Xustificación.

d) Anexo III xunto coa seguinte documentación:

1º. Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil dos gastos realizados e documentación acreditativa do pagamento. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, polo que todas as facturas se deberán presentar xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse ademais acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade.

2º. Respecto dos gastos de manutención e desprazamento que fosen satisfeitos directamente ás persoas voluntarias, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias dos recibos bancarios xustificativos do pagamento onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI e o concepto polo cal se retribúe.

3º. Respecto dos seguros, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias participantes no proxecto de voluntariado.

4º. Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal, as entidades de acción voluntaria achegarán necesariamente as copias das nóminas xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111. En canto ás partidas que se refiran a colaboracións de carácter temporal, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI, o concepto polo cal se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.

5º. Cando se trate de persoas que colaboren en programas a cambio dunha gratificación, deberán presentarse as copias dos recibos e o correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

6º. En canto aos fondos propios, de os haber, a entidade deberá acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.

7º. Declaración responsable do representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes, entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, segundo o anexo IV da orde.

2. O Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano competente para a instrución do procedemento, poderá solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que considere oportunos. No caso de que a entidade beneficiaria non os remita dentro do prazo que se sinale, isto comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente para os efectos previstos neste artigo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a beneficiaria das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 17. Concorrencia de subvencións públicas e modificación da resolución

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Pagamento da axuda

O pagamento da subvención realizarase unha vez que o órgano concedente comprobe a xustificación presentada pola beneficiaria da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento total do proxecto presentado coa solicitude, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe, de acordo co artigo 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, poderán realizarse pagamentos á conta que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada e ata o máximo do 50 % da subvención concedida. O pagamento restante terá lugar no momento da completa xustificación por parte da beneficiaria da finalidade e demais condicións para as cales se lle outorgou a subvención. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

Artigo 19. Pagamentos anticipados

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 80 % da subvención concedida. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

2. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se for o caso, se concedesen, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades de acción voluntaria privadas que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como a calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios.

d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social. Para isto deberase incorporar a imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

h) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tamén son obrigas das entidades beneficiarias desta subvención as referidas no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita.

Artigo 21. Fiscalización e control

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Reintegro das axudas ou subvencións

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención; no segundo caso, procederase ao reintegro da parte proporcional do proxecto non xustificado.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na presente orde.

d) Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a regularidade das actividades e a concorrencia doutras axudas.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios cando diso derive a imposibilidade de acadar o obxecto, sempre que afecten o modo en que se conseguen os obxectivos, ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou ao cumprimento do obxecto.

De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer o gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional terceira. Incremento do crédito

Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, para o cal se tramitará o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade cos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2021.

Disposición adicional cuarta. Infraccións e sancións

As entidades beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normas de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar cantos actos e instrucións sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file