Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 7 de abril de 2021 Páx. 18068

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 53/2021, do 18 de marzo, polo que se modifica o Estatuto da Axencia Galega das Industriais Culturais, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo.

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 1 crea a Axencia e adscríbea á consellería con competencias en materia de cultura da Xunta de Galicia.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece, no seu artigo 54.3, que os estatutos das entidades instrumentais se aprobarán mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo de informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda. Do mesmo xeito, o artigo 55.1 sinala que a modificación dos estatutos das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico se levará a cabo mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellaría de adscrición, logo do informe favorable das consellarías competentes en materia de administracións públicas e de facenda.

No ano 2012 aprobouse o Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (DOG núm. 135, do 16 de xullo).

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, no artigo 6.b) establece a adscrición da Axencia Galega das Industrias Culturais á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O presente decreto modifica o estatuto da Agadic coa finalidade de incorporar algunhas adaptacións necesarias na estrutura administrativa da Axencia, recollida na sección terceira do capítulo V do dito estatuto, en prol da optimización do seu funcionamento.

En primeiro lugar, dótase dun departamento de coordinación xeral e xerencia. A diversidade de funcións dos distintos departamentos da Axencia fai necesaria a creación dun departamento transversal que facilite a coordinación e o asesoramento en cuestións de índole xurídico-administrativa aos departamentos técnicos, sen prexuízo das funcións de asesoramento xurídico previstas no artigo 5 do estatuto.

Así mesmo, entre as funcións do Departamento de Coordinación Xeral e Xerencia inclúense funcións relacionadas coa elaboración e tramitación do anteproxecto anual de orzamentos a que se refire o novo artigo 50 bis do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Por outra banda, o Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, preveu, na súa disposición adicional quinta, a integración na Axencia do Centro Galego de Artes da Imaxe, polo que cómpre adscribilo ao Departamento de Política Audiovisual, como unidade que se encargará da salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego. Ademais, a denominación do Centro Galego das Artes da Imaxe muda pola de Filmoteca de Galicia, co obxecto de que a cidadanía poida identificar mellor as funcións que desenvolve este centro, así como para dotar de coherencia e homoxeneizar a súa nomenclatura coa dos centros que desempeñan iguais funcións nos ámbitos estatal e doutras comunidades autónomas.

Do mesmo xeito, redefínense as competencias do departamento de xestión, afondando nas funcións de xestión e administración dos servizos xerais, e introdúcese a denominación de departamentos técnicos para aqueles con funcións relacionadas coas políticas culturais, a política audiovisual, a produción teatral e a música e a danza.

Finalmente, modifícanse a denominación e as funcións do Departamento de Produción Coreográfica, que pasa a chamarse Departamento de Música e Danza, máis acorde coas súas novas tarefas.

Revísase tamén o artigo referido á regulación do persoal directivo, ao verse afectado pola modificación da estrutura orgánica da Agadic.

Esta nova estrutura está amparada pola competencia autonómica de autoorganización, conforme os artigos 27.1 e 28.1 do Estatuto de autonomía, e atende aos principios da actuación administrativa do artigo 103.1 da Constitución española.

A presente disposición adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, por canto se trata dunha modificación mínima necesaria, orientada a mellorar a eficacia no funcionamento da axencia, e proporcionada aos seus obxectivos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de marzo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais

O estatuto da Axencia Galega das Industriais Culturais, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, queda modificado como segue:

Un. O artigo 22 queda redactado como segue:

Artigo 22. O Departamento de Coordinación Xeral e Xerencia

1. Correspóndelle ao Departamento de Coordinación Xeral e Xerencia o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) A asistencia e o apoio técnico xurídico e normativo nos temas de competencia da Axencia.

b) A asistencia á dirección na elaboración do proxecto de plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles e de acordo co contrato plurianual de xestión.

c) A asistencia á dirección na elaboración e tramitación do anteproxecto anual de orzamentos.

d) A asistencia e o apoio no exercicio das funcións relativas ás materias de transparencia e seguridade da información e protección de datos persoais.

e) A xestión dos expedientes de contratación e a xestión patrimonial da Axencia.

f) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, modernización, métodos de traballo e de mellora da xestión da Axencia.

g) A asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dirección da Axencia.

2. A persoa titular do Departamento de Coordinación Xeral e Xerencia, con nivel orgánico equivalente ao de subdirección xeral, terá a condición de persoal directivo e será nomeado e separado polo Consello Reitor por proposta da dirección da Axencia, segundo o sinalado no artigo 35, entre persoal funcionario do subgrupo A1.

Dous. Engádese un artigo 22 bis coa seguinte redacción:

Artigo 22 bis. O Departamento de Xestión

Ao Departamento de Xestión, baixo a dependencia directa da persoa titular da dirección da Axencia, corresponderanlle as funcións de xestión e administración dos servizos xerais que darán soporte administrativo aos distintos departamentos da Axencia, a xestión dos recursos humanos, a xestión económico-financeira e a recompilación e difusión de coñecemento e documentación nas materias competencia da Agadic.

Tres. O artigo 23 queda redactado como segue:

Artigo 23. Os departamentos técnicos

Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección da Agadic existirán catro departamentos técnicos, á fronte dos cales existirá unha coordinadora ou coordinador: o Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais, o Departamento de Política Audiovisual, o Departamento de Produción Teatral e o Departamento de Música e Danza.

Catro. O artigo 25 queda redactado como segue:

Artigo 25. Departamento de Política Audiovisual

1. Ao Departamento de Política Audiovisual correspóndelle o desenvolvemento das políticas de promoción das industrias audiovisuais.

2. As funcións da persoa coordinadora do Departamento de Política Audiovisual son:

a) Establecer programas de cooperación con outros centros de similares características.

b) Impulsar a relación entre os distintos axentes culturais galegos no ámbito do audiovisual e posibles aliados no exterior.

c) Impulsar a recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe.

d) Desenvolver cantas outras funcións lle sexan especificamente encomendadas pola dirección da Agadic dentro do ámbito previsto no número 1.

Cinco. O artigo 27 queda redactado como segue:

Artigo 27. O Departamento de Música e Danza

1. Ao Departamento de Música e Danza correspóndenlle o desenvolvemento, a promoción e o impulso do fomento da música e da danza.

2. A persoa coordinadora do Departamento de Música e Danza terá as seguintes funcións:

a) Realizar as actuacións necesarias para o impulso do fomento da música e da danza.

b) Impulsar a relación entre os distintos axentes culturais galegos no ámbito do departamento e promover, no dito ámbito e dentro dos límites da acción exterior autonómica, alianzas no exterior

c) Exercer a dirección do Centro Coreográfico Galego.

d) Desenvolver cantas outras funcións lle sexan especificamente encomendadas pola dirección da Agadic dentro do ámbito previsto no número 1.

Seis. O artigo 35.1 queda redactado como segue:

Artigo 35. Persoal directivo

1. Constitúen o persoal directivo da Agadic as persoas coordinadoras dos diferentes departamentos, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das funcións asignadas a elas.

2. O persoal directivo da Axencia é nomeado e separado polo Consello Reitor, logo de proposta motivada da dirección da Axencia. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade e competencia profesional, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

3. Cando o persoal directivo da Axencia teña a condición de funcionario, quedará na situación administrativa que corresponda segundo a lexislación vixente que lle resulte aplicable.

4. Cando o persoal directivo da Axencia teña a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma competentes en materia de orzamentos e de función pública.

5. O persoal directivo está suxeito, no desenvolvemento das súas funcións, á avaliación de acordo cos criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle foron fixados.

6. O persoal directivo poderá percibir unha parte da súa retribución como parte variable da retribución e vinculada á consecución dos obxectivos fixados, de acordo cos criterios e coas porcentaxes que estableza o Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia e co Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición adicional. Modificación da relación de postos de traballo

A Agadic propoñerá as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Axencia, derivadas da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Disposición transitoria. Adscrición provisional do persoal

Mentres non se aprobe a modificación da relación de postos de traballo, facúltase a persoa titular da dirección da Agadic para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para a adaptación ou, se é o caso, asignación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela.

Disposición derradeira primeira. Filmoteca de Galicia

O Centro Galego das Artes da Imaxe muda a súa denominación pola de Filmoteca de Galicia. A Filmoteca de Galicia adscríbese organicamente á Axencia Galega das Industrias Culturais, con dependencia funcional do Departamento de Política Audiovisual.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade