Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación SALMA, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
Primeiro. O 8 de xaneiro de 2021, Ana Lucía González Novás, presidenta do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo. A Fundación SALMA foi constituída en escritura pública, outorgada na Coruña, o 3 de decembro de 2020, por Ana Lucía González Novás que actúa no seu propio nome e dereito, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número de protocolo 1967.
Esta escritura foi emendada por outra outorgada ante o mesmo notario o 29 de decembro de 2020, co número 2198 do seu protocolo.
Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto o desenvolvemento de actuacións tendentes á promoción da saúde mental e do benestar social da poboación galega, contribuíndo a facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades e non discriminación para a plena inclusión social das persoas con discapacidade por enfermidade mental ou TEA.
Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.
Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Ana Lucía González Novás, presidenta; David Río González, vicepresidente; Ana María Río Novás, como secretaria, e Miguel Carlos Plaza Cancela, vicesecretario.
Sétimo. A Comisión, integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación SALMA, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.
Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, do 9 de marzo de 2021 (DOG núm. 53, do 18 de marzo), clasificouse de interese sanitario a Fundación SALMA e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación SALMA, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación SALMA.
Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.
Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación, e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021
Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade