Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 12 de abril de 2021 Páx. 18610

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 31 de marzo de 2021 pola que se modifica parcialmente a Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para realizar prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea, afectada polas consecuencias do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria causada pola COVID-19.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, ten, entre outras funcións, a proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e o seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa (FGE), segundo o Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

O 20 de decembro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 242, a Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea. Tal e como se establece no artigo 4 da citada orde, o número de bolsas en cada modalidade e os seus importes determinaranse con base no importe anual reflectido no orzamento de gastos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea como transferencia de financiamento á FGE para o programa de bolsas.

Ao abeiro da Orde do 7 de decembro de 2018, o 28 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 18, o Anuncio do 27 de decembro de 2019 polo que se convocan cinco bolsas para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N).

O 3 de xullo de 2020 ditouse a resolución do director da Fundación Galicia Europa de outorgamento das bolsas convocadas con base no anuncio do 27 de decembro de 2019 (DOG número 18, do 28 de xaneiro). A citada resolución foi publicada na páxina web da Fundación Galicia Europa o 7 de xullo de 2020, de acordo co regulado no artigo 14.8 da Orde do 7 de decembro de 2018.

Ao abeiro do establecido na citada resolución, outorgáronse cinco bolsas de formación. Tres das bolsas están centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas comunitarias que máis afectan a Galicia. Para esta modalidade valoráronse preferentemente as titulacións de grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas. Unha destas bolsas desenvólvese na oficina da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e as outras dúas bolsas na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

Outra das bolsas está destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas, co obxectivo de que a persoa beneficiaria se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos. A citada bolsa desenvólvese na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

Outra das bolsas vai dirixida a técnicos superiores en Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado. A citada bolsa desenvólvese na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a Fundación Galicia Europa ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea (UE) seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. A Fundación Galicia Europa prestará apoio aos distintos departamentos e entidades da Xunta de Galicia, así como ás restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión, e colaborará na preparación de viaxes e visitas institucionais das autoridades de Galicia ás institucións e órganos da Unión, así como das autoridades das citadas institucións e órganos a Galicia. Deste xeito, a finalidade destas bolsas é a de apoiar a formación en asuntos comunitarios das persoas beneficiarias, procurando favorecer coa experiencia adquirida a súa integración laboral.

No artigo 3 da Orde do 7 de decembro de 2018 establécese que o programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de doce (12) meses e que a convocatoria anual da FGE determinará a duración exacta das bolsas. Pola súa vez, no artigo 16.4 determínase que as bolsas será indivisibles, improrrogables e incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

Ao abeiro do previsto na resolución de outorgamento das bolsas convocadas mediante o Anuncio do 27 de decembro de 2019 (DOG do 28 de xaneiro de 2020), a incorporación das persoas bolseiras materializouse o 1 de setembro de 2020 e o período de formación rematou o 31 de agosto de 2021.

A incorporación das persoas bolseiras produciuse nun momento de relaxación das medidas adoptadas para o control da pandemia provocada pola COVID. Porén, mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse de novo o estado de alarma para conter a propagación do virus. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estendeuse desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021.

Do mesmo xeito, de acordo coas medidas adoptadas polo Goberno Belga na situación do estado de emerxencia sanitaria, o teletraballo pasou a ser a modalidade habitual de prestación de servizos, circunstancia que afecta tanto as persoas bolseiras e traballadoras das institucións comunitarias como as da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas. De feito, as persoas bolseiras con destino na dita oficina están nos seus domicilios desde o mes de outubro, sen que se prevexa que se poidan incorporar de xeito presencial á oficina nun curto espazo de tempo. A persoa bolseira e o persoal da Fundación Galicia Europa na oficina de Santiago de Compostela tamén se encontran prestando os seus servizos en réxime de semipresencialidade.

A situación descrita anteriormente determina que as persoas bolseiras non poidan participar de xeito activo e pleno da actividade ordinaria das institucións comunitarias e das entidades que se relacionan con estas, entre as cales está a Fundación Galicia Europa. A propia Comisión Europea adoptou a Decisión do 14 de abril de 2020 para acordar a prórroga dos programas de prácticas por mor da COVID, para tentar deste xeito garantir unha inmersión plena na actividade da institución das persoas beneficiarias das bolsas de prácticas. Pola súa vez, no eido nacional, o artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19, prevé a posibilidade de prórroga das ordes e resolucións de convocatoria de subvencións. Ben que no citado real decreto lei se alude ao Real decreto 463/2020, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, por ser o que estaba vixente no momento da aprobación da norma, o certo é que a citada previsión debe ser extensible ao estado de alarma agora vixente en virtude do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro.

Ademais do exposto, a incerta evolución da pandemia dificulta enormemente unha nova convocatoria de bolsas, na medida en que se descoñece a evolución do gromo de coronavirus e as dificultades que podería levar consigo para os efectos sanitarios o desprazamento aos países de destino.

Dadas as circunstancias anteriormente citadas, a Fundación Galicia Europa considera conveniente propor unha prórroga da convocatoria actual, permitíndolles ás persoas bolseiras completar a súa formación en materia de asuntos comunitarios, tendo en conta que esta formación se viu fortemente impactada polos acontecementos relatados, impedíndolles acadar os obxectivos inicialmente pretendidos coa bolsa concedida.

Por todo o exposto, en prol do interese xeral, considérase necesario e conveniente ampliar a duración das bolsas outorgadas mediante a Resolución do 3 de xullo de 2020, ao abeiro das bases establecidas na Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N).

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; polo Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación extraordinaria do prazo de duración das bolsas da FGE previsto no artigo 3 da Orde do 7 de decembro de 2018

Ampliar, de xeito extraordinario pola situación derivada da COVID-19, en 12 meses o prazo previsto no artigo 3 da Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N).

En consecuencia, o prazo de duración das bolsas outorgadas ao abeiro da Resolución do 3 de xullo de 2020, do director da Fundación Galicia Europa, prorrógase ata o 31 de agosto de 2022.

Artigo 2. Contía e financiamento da prórroga

O importe total da prórroga é de 83.366,80 euros, coa seguinte distribución:

1. Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento persoal a cada bolseiro): 500 euros. Esta contía só se prevé para os supostos de novas incorporacións ante a renuncia dos bolseiros actuais. As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados e non exixen a constitución de garantías de acordo co artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Estes pagamentos débense xustificar no prazo dun mes desde a realización dos desprazamentos e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa.

2. Seguridade social: 3.000 euros, en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

3. Seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica: 366,80 euros. O sistema sanitario belga é un sistema sanitario con copagamentos. Coa finalidade de anular o impacto que este feito puidese ter na asistencia sanitaria das persoas bolseiras no país de destino, prevese a subscrición dun seguro adicional de viaxe e enfermidade por parte da FGE para as persoas bolseiras na oficina de Bruxelas.

O importe total de cada bolsa distribuirase do seguinte xeito:

1. Para a bolsa con destino na oficina da FGE en Santiago de Compostela:

a) Retribución bruta (pagamento ao bolseiro): 13.200 euros.

b) Seguridade Social: 600 euros.

2. Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Bruxelas:

a) Retribución bruta (pagamento ao bolseiro): 16.200 euros.

b) Seguridade Social: 2.400 euros.

As retribucións brutas aboaranse en 12 mensualidades ao final de cada mes pola parte proporcional que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa ningunha incidencia no seu desenvolvemento.

A xustificación debe presentarse con carácter previo aos pagamentos mediante a presentación da seguinte documentación:

1. Unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

2. Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Os informes que xustifiquen a actividade realizada durante o mes.

O financiamento destas bolsas enmárcase na epígrafe de gastos por axudas e outros, axudas monetarias, con cargo á conta 65001 Axudas monetarias individuais, na cal existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Fundación Galicia Europa.

Conta

2021

2022

Total

65001

29.366,80

54.000,00

83.366,80

Artigo 3. Comunicación da prórroga e listaxe de reserva

Coa entrada en vigor da presente orde, a Fundación Galicia Europa comunicaralles ás actuais persoas beneficiarias das bolsas a nova duración, co obxecto de que manifesten por escrito a súa conformidade no prazo de dez días contados desde a recepción da notificación.

No caso de que a persoa beneficiaria manifeste a súa non disposición para a realización total ou parcial da estadía, deberá comunicalo no mesmo prazo á Fundación Galicia Europa, quen emitirá resolución expresa autorizando ou denegando as pretensións solicitadas.

A denegación, de ser caso, dará lugar a unha nova concesión, e empregarase a prelación da listaxe de reserva.

Segundo o disposto no artigo 14.8 da Orde do 7 de decembro de 2018, pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea, publicarase na páxina web da Fundación Galicia Europa a listaxe definitiva de persoas adxudicatarias da prórroga ou, de ser o caso, da nova bolsa.

As persoas adxudicatarias incorporaranse segundo o establecido nesta e terán as mesmas obrigas que as persoas candidatas inicialmente seleccionadas.

A renuncia á bolsa dará lugar á perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo