Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 12 de abril de 2021 Páx. 18603

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 31 de marzo de 2021 pola que se modifica parcialmente a Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación, afectada polas consecuencias do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria causada pola COVID-19.

O 10 de xaneiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 7, a Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación.

Ao abeiro da Orde do 17 de decembro de 2018, o 22 de xuño de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 122, a Resolución do 9 de xuño de 2020 pola que se convoca unha bolsa para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

O 1 de outubro de 2020 ditouse a resolución do director da Fundación Galicia Europa de outorgamento da bolsa convocada ao abeiro da Resolución do 9 de xuño de 2020. A citada resolución foi publicada ese mesmo día na páxina web da Fundación Galicia Europa, de acordo co regulado no artigo 14.8 da Orde do 17 de decembro de 2018.

Ao abeiro da citada resolución outorgouse unha bolsa para a formación de titulados/as superiores universitarios para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación na oficina da FGE en Bruxelas.

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a Fundación Galicia Europa ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea (UE) seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. A Fundación Galicia Europa prestará apoio aos distintos departamentos e entidades da Xunta de Galicia, así como ás restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión e colaborará na preparación de viaxes e visitas institucionais das autoridades de Galicia ás institucións e órganos da Unión, así como das autoridades das citadas institucións e órganos a Galicia.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa segundo o Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico. Os estatutos de GAIN atribúenlle, entre outras funcións, as de ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A importancia da innovación e da investigación para o tecido empresarial de Galicia, a formación da mocidade neste ámbito, así como o coñecemento dos programas europeos de apoio a estas políticas, son elementos primordiais para un crecemento competitivo e sustentable da economía galega, o que require un esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións das persoas tituladas superiores universitarias que inician a súa actividade neste sector.

Por este motivo, a Axencia Galega de Innovación, a través das transferencias de financiamento do seu orzamento de gastos, financia un programa de bolsas, que se desenvolven fundamentalmente na oficina da FGE en Bruxelas, de formación en proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación e en seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación.

O obxectivo das bolsas é que as persoas bolseiras adquiran coñecementos prácticos sobre políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, a identificación das convocatorias e a participación nas reunións das redes de cooperación rexional en que participa a Xunta de Galicia para promover a participación galega en iniciativas de I+D+i, concretamente ERRIN (European Regions Research and Innovation Network) e Vanguard Initiative.

No artigo 3 da Orde do 17 de decembro de 2018 establécese que o programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de doce (12) meses e que a convocatoria anual da FGE determinará a duración exacta das bolsas. Pola súa vez, no artigo 16.4 determínase que as bolsas será indivisibles, improrrogables e incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

Ao abeiro do previsto na resolución de outorgamento da bolsa convocada mediante a Resolución do 9 de xuño de 2020 (DOG do 22 de xuño de 2020), a incorporación da persoa bolseira materializouse o 3 de novembro de 2020 e o período de formación rematou o 2 de novembro de 2021.

A incorporación da persoa bolseira produciuse nunha situación de pandemia mundial motivada pola COVID-19. Mediante o Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, declarouse de novo o estado de alarma para conter a propagación do virus. Esa declaración afectou todo o territorio nacional e a súa duración inicial estendíase, conforme o disposto no seu artigo 4, ata as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020. Conforme o artigo 2 do Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, a prórroga establecida no dito real decreto estendeuse desde as 00.00 horas do día 9 de novembro de 2020 ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021.

Do mesmo xeito, de acordo coas medidas adoptadas polo Goberno Belga na situación do estado de emerxencia sanitaria, o teletraballo pasou a ser a modalidade habitual de prestación de servizos, circunstancia que afecta tanto as persoas bolseiras e traballadoras das institucións comunitarias como as da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas. De feito, as persoas bolseiras con destino na dita oficina están nos seus domicilios desde o mes de outubro, sen que se prevexa que se poidan incorporar de xeito presencial á oficina nun curto espazo de tempo.

A situación descrita anteriormente determina que as persoas bolseiras non poidan participar de xeito activo e pleno da actividade ordinaria das institucións comunitarias e das entidades que se relacionan con estas, entre as cales se atopan as redes de cooperación rexional en que participa a Xunta de Galicia para promover a participación galega en iniciativas de I+D+i, concretamente ERRIN (European Regions Research and Innovation Network) e Vanguard Initiative.

A propia Comisión Europea adoptou a Decisión do 14 de abril de 2020 para acordar a prórroga dos programas de prácticas por mor da COVID, para tentar deste xeito garantir unha inmersión plena na actividade da institución das persoas beneficiarias das bolsas de prácticas. Pola súa vez, no eido nacional, o artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19, prevé a posibilidade de prórroga das ordes e resolucións de convocatoria de subvencións. Ben que no citado real decreto lei se alude ao Real decreto 463/2020, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, por ser o que estaba vixente no momento da aprobación da norma, o certo é que a citada previsión debe ser extensible ao estado de alarma agora vixente en virtude do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro.

Ademais do exposto, a incerta evolución da pandemia dificulta enormemente unha nova convocatoria de bolsas, na medida en que se descoñece a evolución do gromo de coronavirus e as dificultades que podería levar consigo para os efectos sanitarios o desprazamento aos países de destino.

Dadas as circunstancias anteriormente citadas, a Fundación Galicia Europa considera conveniente propor unha prórroga da convocatoria actual, para lle permitir á persoa bolseira completar a súa formación en materia de asuntos comunitarios, tendo en conta que esta formación se viu fortemente impactada polos acontecementos relatados, impedíndolle acadar os obxectivos inicialmente pretendidos coa bolsa concedida.

Por todo o exposto, en prol do interese xeral, considérase necesario e conveniente ampliar a duración da bolsa outorgada mediante a Resolución do 1 de outubro de 2020, ao abeiro das bases establecidas na Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación (código de procedemento PR770M).

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; polo Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo,

DISPOÑO:

Artigo1. Modificación extraordinaria do prazo de duración da bolsa da FGE previsto no artigo 3 da Orde do 17 de decembro de 2018

Ampliar, de xeito extraordinario pola situación derivada da COVID-19, en 12 meses o prazo previsto no artigo 3 da Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación (código de procedemento PR770M).

En consecuencia, o prazo de duración da bolsa outorgada ao abeiro da Resolución do 1 de outubro de 2020, do director da Fundación Galicia Europa, prorrógase ata o 2 de novembro de 2022.

Artigo 2. Contía e financiamento da prórroga

O importe total desta bolsa é de 18.041,70 euros, coa seguinte distribución:

1. Retribución bruta (pagamento ao persoal bolseiro): 16.200 euros.

As retribucións brutas aboaranse en 12 mensualidades ao final de cada mes pola parte proporcional que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa ningunha incidencia no seu desenvolvemento.

A xustificación debe presentarse con carácter previo aos pagamentos mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

b) Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Os informes que xustifiquen a actividade realizada durante o mes.

2. Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento ao persoal bolseiro): 1.100 euros. Esta contía só se prevé para os supostos de novas incorporacións ante a renuncia dos bolseiros actuais. As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados e non exixen a constitución de garantías de acordo co artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Estes pagamentos débense xustificar no prazo dun mes desde a realización dos desprazamentos e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa.

3. Seguridade Social: 650 euros, en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

4. Seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica: 91,70 euros. O sistema sanitario belga é un sistema sanitario con copagamentos. Coa finalidade de anular o impacto que este feito puidese ter na asistencia sanitaria das persoas bolseiras no país de destino, prevese a subscrición dun seguro adicional de viaxe e enfermidade por parte da FGE para as persoas bolseiras na oficina de Bruxelas.

O financiamento desta bolsa enmárcanse na epígrafe de gastos por axudas e outros, axudas monetarias, con cargo á conta 65001 Axudas monetarias individuais, na cal existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Fundación Galicia Europa.

Conta

2021

2022

Total

65001

3.901,70 €

14.140,00 €

18.041,70 €

Artigo 3. Comunicación da prórroga e listaxe de reserva

Coa entrada en vigor da presente orde, a Fundación Galicia Europa comunicará á actual persoa beneficiaria a nova duración, co obxecto de que manifeste por escrito a súa conformidade no prazo de dez días contados desde a recepción da notificación.

No caso de que a persoa beneficiaria manifeste a súa non disposición para a realización total ou parcial da estadía, deberá comunicalo no mesmo prazo á Fundación Galicia Europa, que emitirá resolución expresa en que autorice ou denegue as pretensións solicitadas.

A denegación, de ser o caso, dará lugar a unha nova concesión, e empregarase a prelación da listaxe de reserva.

Segundo o disposto no artigo 14.8 da Orde do 17 de decembro de 2018, pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación, publicarase na páxina web da Fundación Galicia Europa a listaxe definitiva da persoa adxudicataria da prórroga ou, de ser o caso, da nova bolsa.

A persoa adxudicataria incorporarase segundo o establecido nela e terá as mesmas obrigas que a persoa candidata inicialmente seleccionada.

A renuncia á bolsa dará lugar á perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo