Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 13 de abril de 2021 Páx. 18947

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, e se establece a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento MT402A).

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

Segundo o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, co previsto no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e co establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, este é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, e conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

A persoa titular da consellería é a autoridade superior da Consellería e a presidenta do Instituto de Estudos do Territorio, e, con tal carácter, está investida das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

II

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, de conformidade co Convenio Europeo da Paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe; e o artigo 6 ao tratar os fins das actuacións das administracións públicas en materia de paisaxe, dispón que estas deben atender, como mínimo, entre os seus fins, á protección da paisaxe, entendida como todas aquelas accións que teñan como fin a preservación e conservación dos elementos máis significativos e característicos dunha paisaxe.

Pola súa banda, o artigo 9 do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, de 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe teñen, entre outras funcións, fixar as condicións para a preservación e recuperación de valores paisaxísticos, así como definir as actuacións precisas para a preservación, mellora ou recuperación dos valores paisaxísticos.

III

De conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 244/2011, do 29 de decembro, ao Instituto de Estudos do Territorio correspóndelle o exercicio das competencias relativas a promoción, deseño, execución e seguimento de programas ou accións e actividades formativas de concienciación para a sustentabilidade dirixidas ao conxunto da sociedade de Galicia e nas súas institucións, públicas e privadas, en especial, mediante a educación e formación nas materias de urbanismo, ordenación do territorio e paisaxe; o apoio e o asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe, e de colaboración e coordinación con outras administracións e sectores da sociedade; a posta en marcha de instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes, tales como os catálogos da paisaxe de Galicia, as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro que se entendese como necesario para o cumprimento dos puntos anteriores; así como avaliar o estado de conservación das paisaxes de Galicia, analizar as súas transformacións e previsible evolución e realizar estudos e propostas en materia de paisaxe.

Igualmente correspóndelle formar, sensibilizar e concienciar á sociedade galega na necesidade de protexer e xestionar debidamente as nosas paisaxes: promover a colaboración e a cooperación en materia de paisaxe, así como calquera outra que teña relación co seu obxecto e fins.

A paisaxe é un elemento que coadxuva a mellorar a nosa calidade de vida e benestar, xa que a contorna preceptiva das persoas inflúe notablemente na súa vida cotiá, por este motivo é importante acadar e protexer a rica e extensa diversidade paisaxística de Galicia.

IV

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, busca mellorar e protexer a riqueza paisaxística de Galicia, para o que conta con instrumentos con que asegurar a súa axeitada protección, xestión e ordenación.

Dentro destes instrumentos destacan o Catálogo das paisaxes de Galicia e as Directrices de paisaxe, polo que a determinación das actuacións subvencionables a través da presente resolución se referirá a determinados impactos paisaxísticos que deron lugar á identificación de ámbitos de especial atención paisaxística (AEAP) por parte do Catálogo das paisaxes de Galicia.

Promóvese, deste xeito, unha cultura de dignificación do territorio galego en que a participación da sociedade resulta estratéxica, fomentando o coidado da riqueza paisaxística en ámbitos especialmente sensibles dos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia, desenvolvendo así un dos obxectivos previstos tanto neste instrumento como na Estratexia galega da paisaxe, como é a concienciación e sensibilización da sociedade, así como a posta en valor da paisaxe galega, achegando á cidadanía unhas axudas que permitan recoñecer a todos os cidadáns a relevancia do seu papel e a importancia da responsabilidade compartida na mellora e conservación da esencia de Galicia no eido do respecto paisaxístico.

En consecuencia, con cargo aos créditos do Instituto de Estudos do Territorio asignados para esta finalidade, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 10 dos estatutos do Instituto de Estudos do Territorio, aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para o ano 2021 para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos (código de procedemento MT402A).

Os seus principais obxectivos son aumentar a sensibilidade cidadá en relación coas alteracións ou impactos en relación coa paisaxe, é dicir, nas cales diversas actuacións xeraron transformacións que deterioraron o carácter ou a calidade da paisaxe; así como sensibilizar e fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos de conformidade cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia (código de procedemento MT402A).

2. En concreto, poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

• Tratamento de paredes medianeiras vistas, mediante cobertura con materiais de revestimento, pintado ou tratamento vexetal, adaptadas aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

• Revestimento e pintado de fachadas actualmente rematadas en ladrillo cerámico ou bloque de formigón sen revestir, adaptados aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

• Renovación do acabamento exterior das fachadas de edificacións (paramentos e carpintarías) que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento, para substituílo por solucións adaptadas á Guía de cor e materiais de Galicia.

• Remate exterior de cubertas realizadas con pranchas de fibrocemento, mediante a instalación ben de tella cerámica, ben de lousa, en función do material tradicional da comarca, de acordo coas recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia.

• Acondicionamento e mellora de peches de predios de gran dimensión (altura superior a 1,50 metros), mediante a substitución de muros opacos por solucións diáfanas ou sebes vexetais adaptadas aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

• Revestimento de muros de cerramento de predios realizados con bloques de formigón, con fábrica de pedra semellante á cachotaría tradicional, adaptada aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

• Substitución de celosías e outros tipos semellantes de pezas prefabricadas de cerámica ou de formigón, en cerramentos de predios, por solucións diáfanas ou sebes vexetais adaptadas aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

Terceiro. Requisitos para a obtención da subvención

1. Só caberá presentar unha solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Para os efectos desta convocatoria, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións susceptibles de definición individualizada para as cales se solicita subvención.

2. A persoa ou entidade solicitante deberá ter e acreditar a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou inmobles en que se pretende realizar as actuacións, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no punto 20.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a presentación dunha copia da escritura de propiedade ou de calquera outro dereito real sobre o ben ou recurso.

3. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito acreditarase na fase de xustificación, sen prexuízo da declaración responsable na fase de solicitude.

Cuarto. Gastos subvencionables e contía da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución.

2. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os materiais e a man de obra.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

3. Non son gastos subvencionables:

a) Os gastos correntes de funcionamento da persoa/entidade beneficiaria.

b) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

c) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso ou o elemento sobre o cal se propón a actuación en perfecto uso ou estado.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

5. O importe da subvención será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 3.000 €.

Quinto. Subcontratación

1. As persoas e entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención.

2. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as persoas beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación da obra, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Sexto. Financiamento. Compatibilidade

1. As subvencións obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 1.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.541E.780.00, código de proxecto 2021 00002, dos orzamentos do Instituto de Estudos do Territorio para o ano 2021, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e existe crédito suficiente previsto na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

Sétimo. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar ao recoñecemento da axuda:

a) As persoas físicas titulares dun ben inmoble, recurso ou elemento, así como aqueles que posúan calquera título válido en dereito que autorice a realización da actuación solicitada.

b) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

2. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa solicitante.

No caso de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos números anteriores deberán ser cumpridos por todos os seus membros.

Oitavo. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal que irá acompañado dos documentos que se especifican no punto 9º.

A presentación electrónica será obrigatoria para as comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e abranguerá ata o 31 de maio de 2021.

Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por cubrirse na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta resolución.

5. A presentación da solicitude leva consigo a aceptación por parte de quen as formule, dos termos desta convocatoria.

Noveno. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algún destes suxeitos presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

b) Anexo II, de certificado do/dos acordo/s da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de nomeamento do presidente, do administrador e/ou secretario da comunidade de propietarios, de aprobación da realización das obras, de solicitar a axuda deste programa e de facultar o presidente como representante para realizar a tramitación da axuda.

c) Memoria técnica das actuacións das accións, que deberá conter, como mínimo, descrición de traballos ou actividades, relación valorada, orzamento detallado, e co IVE desagregado, calendario e prazo aproximado de execución.

d) Documentación que acredite a titularidade, ou calquera título de disposición válido en dereito que autorice a realización da actuación solicitada.

e) Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar: exteriores e da contorna en que se aprecie o elemento ou elementos obxecto da actuación.

3. Igualmente, deberase presentar unha declaración responsable da persoa solicitante ou do seu representante, incluída no anexo I desta resolución, na cal se fará constar:

• O conxunto de todas as axudas solicitadas ou recibidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración; ou, na súa falta, declaración de non ter presentada ningunha outra solicitude de axuda para as mesmas actuacións.

• Que o beneficiario se encontra ao día das súas obrigas tributarias e fronte á seguridade social, e que non ten pendente de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro, de conformidade co previsto no artigo 20.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao tratarse de subvencións que non superan os 3.000 euros individualmente e se conceden con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, Transferencias de capital destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

• Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

• Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• Que non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

No caso de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, este requisito deberá ser cumprido por todos os seus membros.

• Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

• Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan no punto 20º das bases reguladoras.

• Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.

• Que, no caso de que sexa preceptivo, se compromete, de non contar con elas, a solicitar as autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

• Que ten a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no punto 20º.

• Que os materiais e acabamentos propostos son conformes coas indicacións que se recollen nas Guías a que se fai referencia no punto 2º.

Décimo. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta da titularidade catastral.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo terceiro. Órganos competentes

O Instituto de Estudos do Territorio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá á persoa que exerza a dirección do organismo ditar a resolución de concesión.

Décimo cuarto. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas persoas beneficiarias que cumpran cos requisitos.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Décimo quinto. Resolución

1. O órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio para a súa resolución. A dita proposta conterá o número de expediente, a denominación e NIF da persoa solicitante, a data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa ou entidade solicitante á cal se lle concede a subvención e a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que, polo seu obxecto, non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as persoas solicitantes.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será dun (1) mes desde a data de presentación de solicitude de axuda. Transcorrido este, a solicitude de concesión de axuda poderase entender desestimada por silencio administrativo.

5. Unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia, que suporá a inadmisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

Décimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sétimo. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada pola persoa titular da dirección do Instituto de Estudos do territorio poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

Décimo oitavo. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio logo da instrución do correspondente expediente.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Décimo noveno. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas ou entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

3. A presentación da renuncia tras o dito prazo, agás suposto de forza maior, así como a perda do dereito ao cobramento da subvención, serán causa de inadmisión da solicitude de subvención na convocatoria da anualidade seguinte para o mesmo obxecto, se a houber.

Vixésimo. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co presentado á subvención ou, se é o caso, ao modificado coa autorización do Instituto de Estudos do Territorio.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

3. Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación do investimento.

5. Someterse ás actuacións de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Comunicarlle ao Instituto de Estudos do Territorio a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. As persoas beneficiarias, cando se trate de persoas físicas e xurídicas que teñan obriga, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

Vixésimo primeiro. Xustificación da subvención

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro 2021.

2. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar, de conformidade co previsto no punto 8 desta resolución, mediante a modalidade de conta xustificativa, de conformidade co artigo 51 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, copia da documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. A memoria incluirá fotografías das zonas reformadas que amosen as obras realizadas obxecto da subvención, así como de todos elementos e demais actuacións de mellora de imaxe, e do material obxecto da subvención.

c) De conformidade co previsto no artigo 29.3 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000 euros, prevista para o contrato menor, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

d) Declaración responsable de que o beneficiario se encontra ao corrente das súas obrigas tributarias e fronte á seguridade social, e de que non ten pendente de pago débedas coa comunidade autónoma nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro, de conformidade co previsto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao tratarse de subvencións que non superan os 3.000 euros individualmente e se conceden con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, Transferencias de capital destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

e) Memoria económica do custo das actividades realizadas, que aplicado a esta subvención, consiste nunha factura ou lista de facturas, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas, nas que se deberá indicar:

• A actuación, das descritas no punto 2º e recollidas na correspondente resolución de concesión, a que corresponde.

• Data e número da factura.

• Importe, IVE excluído.

• Provedor: nome ou razón social e CIF ou NIF.

• Descrición dos bens ou servizos proporcionados.

• Forma de pagamento.

• Data de pagamento.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

f) Solicitude da comunicación previa realizada ante o Concello para o desenvolvemento das actuacións obxecto da subvención, ou, de ser o caso, as autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

3. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas polo Instituto de Estudos do Territorio na resolución de concesión da subvención, ou coas modificacións autorizadas, e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

Se a xustificación non alcanza o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

4. Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público da financiación de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Vixésimo segundo. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Vixésimo terceiro. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Ademais das causas indicadas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo co establecido no artigo 14.1.n) dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no punto 20º e, concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Procederá o reintegro parcial da subvención concedida nos seguintes supostos:

a) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

b) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período mínimo establecido no punto 20º suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo cuarto. Control

1. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Vixésimo quinto. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que poderá ser substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto de Estudos do Territorio.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo sexto. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo sétimo. Normativa reguladora

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, así como supletoriamente as disposicións da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no disposto nesta resolución de bases.

Vixésimo oitavo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file