Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 13 de abril de 2021 Páx. 18835

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 26 de marzo de 2021 pola que se regula o procedemento de aprobación de centros e institutos de investigación do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED431J).

A investigación actual de fronteira, responsable coa súa contorna económica e social, desenvólvese cada día máis en estruturas organizativas que involucran un gran número de persoas e infraestruturas traballando conxuntamente en contextos moi competitivos e cada vez máis internacionalizados. Como consecuencia deste marco cómpre crear ecosistemas que permitan integrar estas capacidades e favorecer unha adecuada interacción entre elas e todos os recursos que é preciso mobilizar.

Conscientes desta necesidade, tanto as universidades galegas como a Xunta de Galicia, hai tempo que iniciaron toda unha serie de accións e políticas que permitisen integrar e fortalecer capacidades a través da promoción e financiamento de estruturas organizativas estables de investigación cunha dinámica de funcionamento superior á do grupo que permitisen afrontar os retos que a investigación de excelencia e a transferencia de coñecemento á sociedade abordan hoxe.

En efecto, para avanzar na implantación dunha estratexia que permitise en Galicia a creación de centros e institutos de I+D+i máis fortes e capaces de competir en contextos nacionais e internacionais, a consellería competente en materia de universidades iniciou no ano 2008 o Programa de agrupacións estratéxicas de investigación, no que se pretendía facer un esforzo adicional no obxectivo de consolidación e estruturación, que consistía en propiciar a agrupación e organización dos grupos de investigación máis dinámicos en torno a estruturas de investigación de dimensión superior ao grupo, tales como institutos de investigación, centros de referencia ou unidades de investigación doutros tipos. As agrupacións de persoal investigador de ámbito superior ao grupo aparecían definidas como estruturas organizativas esenciais da actividade investigadora das universidades, constituídas como unha ferramenta para acadar obxectivos tales como interdisciplinariedade, masa crítica suficiente para garantir a eficiencia da tarefa investigadora, visibilidade, logro da excelencia investigadora, aumento da obtención de coñecementos de interese socioeconómico e, en xeral, mellor utilización dos recursos e capacidades dispoñibles no SUG.

Este programa tivo a súa continuidade, con diversos axustes ao longo de varios anos, con convocatorias específicas en 2008, 2009, 2012, 2015 e 2018, no que resultaron beneficiarias ata 15 agrupacións distintas das tres universidades galegas.

En paralelo coas axudas para a creación e fortalecemento deste tipo de estruturas no seo das universidades galegas, as propias universidades empezaron a favorecer instrumentos propios de integración e suma de capacidades creando unha serie de centros de investigación que, na súa meirande parte, coincidiron con aquelas estruturas que estaba a financiar a propia administración autonómica.

Algunhas destas agrupacións estratéxicas e centros propios das universidades evolucionaron e consolidáronse ao abeiro da Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema universitario de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), que asentou as bases do Programa de centros de investigación do SUG.

Xa no ano 2019 a Xunta de Galicia renovou e reforzou, por medio dunha convocatoria en concorrencia competitiva, o seu compromiso por desenvolver para Galicia un programa de centros de investigación no seo do SUG. O programa para o seu desenvolvemento mobiliza importantes recursos e asenta como piares de funcionamento do sistema a estruturación das unidades, a mellora da cualificación de todo o persoal que as integran, a avaliación externa e o rendemento de contas.

No marco xurídico, en Galicia o instrumento fundamental que permite despregar esta estratexia de centros de I+D+i universitarios, activando os procesos de agrupación e especialización da investigación e instando as universidades á realización das reformas oportunas nesta dirección é a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia que, no seu artigo 5, establece que as universidades poderán estar integradas polas estruturas mencionadas na Lei orgánica 6/2001 de universidades, ou identificadas nos estatutos de cada universidade pública ou nas normas de organización e funcionamento interno no caso de universidades privadas que, no ámbito das estruturas de I+D+i, serán:

– Institutos universitarios de investigación.

– Unidades de investigación de excelencia.

– Escolas de doutoramento.

– Calquera outro centro ou unidade deseñada para este fin por cada universidade nos seus estatutos ou normas de organización e funcionamento interno.

A dita Lei 6/2013 indica no seu artigo 17 cales son os criterios xerais que teñen que rexer no deseño xeral das unidades de I+D+i para, no seu artigo 19, tratar de maneira específica a creación, modificación e supresión dos centros de I+D+i no ámbito do SUG.

Ben é certo que o desenvolvemento do artigo refírese no detalle de maneira constante aos institutos universitarios de investigación pero, do espírito da lei e do articulado de carácter xeral, é coherente entender que todas as precisións que se realizan sobre os institutos son tamén obrigadas, como mínimo, para o resto das estruturas definidas no artigo 5 da citada lei.

Complementariamente os plans galegos de financiamento universitario poñen de manifesto o consenso acadado entre a Xunta e as tres universidades para definir un marco estable de financiamento e que inclúen nos seus indicadores os centros de investigación como elementos de valor e de cómputo para criterios de reparto de fondos.

Por outra banda, o Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, establece no seu artigo 9 que é competencia da Secretaría Xeral de Universidades:

– Fomentar a excelencia dos campus universitarios e emitir informe sobre a creación dos campus de especialización e a creación das estruturas de investigación.

– A promoción e xestión eficiente e integradora dos recursos e capacidades de investigación do Sistema universitario de Galicia para a súa posta en valor no marco do Sistema de innovación e, particularmente, a promoción da coordinación das universidades galegas no establecemento de programas, infraestruturas e actuacións en materia de investigación.

– Contribuír á ordenación e complementariedade das capacidades investigadoras do Sistema universitario de Galicia, seguindo criterios de excelencia e consolidación no ámbito dos obxectivos que establezan os plans do Goberno galego en materia de investigación e innovación.

Correspóndelle especificamente á Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria a elaboración dos criterios para a acreditación de centros e unidades do Sistema universitario de Galicia.

A atribución destas competencias, unidas ao marco financeiro, permítenlle á consellería despregar políticas de mellora da I+D+i do SUG, destinadas á excelencia investigadora e ao servizo aos intereses de Galicia, consonte a un modelo de estruturado da I+D+i que se conforma considerando o SUG como un todo a partir dos seguintes principios:

– Financiamento basal estrutural da I+D+i.

– Formación e retención do mellor talento investigador.

– Integración e estruturación das capacidades de I+D+i do sistema.

– Fortalecemento das gobernanzas da I+D+i.

Co obxectivo último de contribuír á mellora continua do sistema de agrupación das capacidades de I+D+i do SUG e para ordenar o marco administrativo de desenvolvemento e aprobar a regulación pola que se instrumenten os procesos de creación de centros e institutos de investigación do SUG esta orde pon en marcha un procedemento para a súa aprobación no que poderán participar as universidades galegas cando o consideren necesario para a mellor consecución dos seus fins.

En virtude de todo o anterior, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para a tramitación, por petición das universidades do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG), da aprobación (segundo o establecido no artigo 19 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do SUG) de centros e institutos de investigación do SUG, de acordo coas definicións do artigo 2 desta orde (código de procedemento ED431J).

Artigo 2. Definicións

1. Para os efectos desta orde enténdense como centros e institutos de investigación do SUG aquelas estruturas de I+D+i mencionadas como tales no artigo 5 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do SUG. Corresponderalles ás universidades propoñentes caracterizar e categorizar cada unhas das unidades de I+D+i que se sometan a aprobación no marco desta orde.

2. En función da súa titularidade os centros e institutos de investigación do SUG poden clasificarse como:

Propios: creados por unha única universidade ao abeiro desta orde e da súa propia normativa interna.

Interuniversitarios: constituídos conxuntamente con outras universidades mediante convenio ou acordo específico e de acordo co procedemento fixado nesta orde. Para que un centro ou instituto de investigación do SUG teña a consideración de interuniversitario será preciso que participe nel máis dunha universidade do SUG e que a participación de cada unha delas teña un carácter decisivo pola achega de persoal, medios e/ou infraestruturas. A mera adscrición dalgún persoal investigador ou técnico non é suficiente para acadar a condición de interuniversitario. Correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades unha vez analizada a proposta, e de acordo cos informes externos, propor a consideración do carácter interuniversitario.

Mixtos: constituídos conxuntamente con outros organismos públicos de investigación, con administracións públicas, incluída a propia Xunta de Galicia, con centros do Sistema público de saúde e con outros centros públicos ou privados sen ánimo de lucro, mediante convenio ou acordo específico segundo o procedemento regulado nesta orde.

Adscritos: cando se incorporen estruturas xa existentes mediante convenio ou acordo cunha institución pública ou privada.

3. En función do seu perfil os centros e institutos de investigación do SUG admiten diferentes orientacións, nas que poden primar aspectos diversos, en función da súa estrutura e campo de actuación. No sentido máis básico pódense contemplar os seguintes:

Perfil investigador: naqueles casos nos que o seu ámbito de actuación acade a súa máxima eficacia cando poida medirse por parámetros nos que primen aspectos de produción científica sen prexuízo doutros parámetros de medida que evidencien as súas capacidades.

Perfil innovador: naqueles casos nos que o seu ámbito de actuación acade a súa máxima eficacia cando poida medirse por parámetros de innovación e transferencia.

Estes perfís poderán ser acumulativos variando o seu peso ponderal no enfoque da unidade de I+D+i.

4. Outras definicións:

Comisión Asesora do Programa (CAP): órgano colexiado, creado ao abeiro da Orde do 11 de agosto de 2016, e modificado pola Orde do 19 de setembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros e institutos de investigación do SUG, con funcións de asesoramento, orientación e proxección exterior das accións do programa.

Comité de Avaliación Externa (CAE): órgano colexiado, nomeado pola Secretaría Xeral de Universidades para a avaliación das propostas de creación de centros de investigación. A súa composición poderá ser variable en función do perfil e das características do centro que se avalíe e incluirá expertos externos ao SUG.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

A presente orde aplicarase aos centros e institutos de investigación das universidades do SUG definidos no artigo 2.1 sempre que cumpran todos os requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 4. Competencia

1. A Xunta de Galicia, de acordo co disposto na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do SUG, é competente para aprobar, por solicitude das universidades interesadas, centros e institutos de investigación creados polas universidades de acordo co disposto nos seus estatutos.

2. Correspóndelle á Secretaria Xeral de Universidades o desenvolvemento e a tramitación do procedemento administrativo definido nesta orde.

Artigo 5. Inicio do procedemento

O procedemento terá que iniciarse por aquela universidade do SUG que ostente a titularidade do centro ou instituto de investigación, ou máis dunha cando a estrutura teña carácter interuniversitario.

Artigo 6. Requisitos

Os centros e institutos de investigación que as universidades presentan para a súa aprobación pola Xunta de Galicia, deberán ter iniciado o seu proceso de creación polas universidades cumprindo co sinalado nos seus estatutos vixentes e as disposicións xerais da Lei 6/2013 do SUG.

Adicionalmente, para os efectos da tramitación da súa aprobación por parte da Xunta de Galicia, os centros e institutos de investigación do SUG que se acollan ao proceso de aprobación regulado nesta orde terán que cumprir uns requisitos, tanto na súa solicitude inicial como nas súas modificacións e ao longo da súa existencia, que acrediten unha calidade investigadora de alto nivel, comprometida co desenvolvemento de Galicia ao tempo que cuns altos niveis de autofinanciamento e viabilidade científica.

Estes requisitos concrétanse en:

– Contar cunha base suficiente de persoal investigador, persoal de apoio e de infraestruturas para levar a cabo as súas funcións de forma adecuada. Corresponderalle á Comisión Asesora do Programa e ao Comité Avaliador Externo analizar e estudar a proposta que se presente e determinar se a dita proposta garante o correcto funcionamento do centro e/ou instituto atendendo ao seu campo e materia de investigación.

– O persoal investigador unicamente poderá estar adscrito e formar parte dun único centro no ámbito do SUG, agás no caso dos interuniversitarios nos que, durante un período de 2 anos desde a súa creación, poderá admitirse unha dedicación parcial compartida con outro centro de I+D+i de ata o 30 %. O persoal de apoio administrativo e de servizos non estará suxeito a esta limitación, pero en todo caso haberá de constar o seu tempo de dedicación.

– Acreditar unha expectativa de autofinanciamento suficiente e unha acción eficaz con impacto nunha investigación de calidade.

– Contar cun sistema de gobernanza apropiado e eficaz que permita xestionar unha capacidade suficiente de acción propia dentro do marco da institución á que pertence.

– Contar cun sistema de rendición de contas rigoroso ante os seus órganos reitores.

Artigo 7. Formalización e presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. É un procedemento aberto polo que se pode iniciar en calquera momento a partir do día seguinte á súa publicación no DOG por solicitude da universidade o dunha das universidades que iniciaron o procedemento de acordo co establecido no artigo 5.

Artigo 8. Documentación complementaria

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación e incluirá:

1. Acordo favorable do Consello de Goberno da/das universidade/s propoñente/s.

2. Informe favorable da Asesoría Xurídica da/das universidade/s propoñente/s.

3. Informe favorable do Consello Social da/das universidade/s propoñente/s.

4. Certificación da Secretaría Xeral da/das universidade/s solicitante/s de que a creación da unidade de I+D cumpre con todos os procedementos internos previstos na regulamentación da propia universidade e actualizados de acordo co disposto na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do SUG.

5. Descrición: resumo executivo da proposta, nome e acrónimo da unidade, e persoa que ocupa o cargo de representación máxima no caso de estar nomeada.

6. Certificación do persoal investigador, persoal técnico e persoal de xestión que se integra coas súas categorías, roles e funcións. No persoal que figura na relación de postos de traballo da universidade especificarase cal é o que está adscrito á unidade coa súa porcentaxe de dedicación. No caso do persoal contratado indicarase a duración e fonte de financiamento dos seus contratos.

7. Documentación que acredite:

a) Excelencia científica, técnica ou artística.

– Sistema de gobernanza e regulamento de réxime interno.

– Organización interna do centro por áreas científicas e funcionais.

– Axenda científica.

– Indicadores de excelencia.

– Sistemas de monitorización externos, incluíndo a proposta dun comité asesor externo que, cunha periodicidade de, cando menos, catro anos realizará unha análise da evolución da unidade.

– RRI: Plan de igualdade.

b) Conveniencia estratéxica para o desenvolvemento económico e social de Galicia.

– Xustificación da necesidade de creación do centro ou instituto.

– Plan estratéxico ou documento análogo para un período de catro anos.

– Benchmarking e posicionamento do centro ou instituto, con referencias explícitas cando menos ao ecosistema galego, ao estatal, ao Norte de Portugal e/ou outros internacionais que se consideren relevantes.

c) Centros e institucións participantes e, no seu caso, as condicións da participación das administracións públicas e relación con outras infraestruturas científicas do SUG. Xuntaranse os convenios ou documentos do acordo que regulen as relacións entre as partes. Neste caso específico estes documentos deberán estar informados polas asesorías xurídicas de cada unha das entidades partícipes.

d) Documentación que acredite a expectativa de autofinanciamento.

– Estudo de viabilidade económica, plan financeiro ou documento análogo. Neste documento, que se redactará para un período de 4 anos, incluiranse as partidas orzamentarias de custo estrutural da unidade que asume a entidade ou entidades que a albergan.

– Carteira de servizos.

e) Inmoble/s que ocupará, con descrición gráfica e textual indicando as superficies de uso exclusivo; infraestruturas propias de investigación e/ou aquelas ás que tería acceso preferente.

f) Evidencias e indicadores que sustenten a documentación presentada e que permitan o posterior seguimento e avaliación.

A documentación terá que ser permanentemente actualizada e dispoñible na universidade para a súa comprobación polo persoal da Administración autonómica que realice funcións de inspección, avaliación, acreditación e planificación, de acordo co previsto no capítulo III, da inspección das universidades, da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do SUG.

A documentación indicada irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade ou universidades correspondentes.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar trala tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento, como se dispuxo no artigo 4.2 desta orde, correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde.

No caso de que algunha solicitude non reúna os requisitos exixidos (ou falte documentación) o órgano instrutor do procedemento notificará por medios electrónicos as deficiencias observadas nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, e dará un prazo de 10 días hábiles para que, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as universidades solicitantes poidan mellorar a solicitude, formular reclamacións, emendar erros e falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades.

Unha vez transcorrido o prazo sen que se emenden as deficiencias observadas, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, e a Secretaría Xeral de Universidades ditará unha resolución na que se recollan tales extremos. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto anteriormente, poderá requirirse á universidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Non axustarse aos termos desta orde, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación desta orde.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Procedemento para a aprobación

Correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, como órgano instrutor do procedemento, determinar que o expediente reúne a documentación solicitada e se esta documentación é coherente de acordo á tipoloxía para a que se solicita a acreditación.

Cando o expediente conteña toda a documentación requirida seguiranse os trámites, que se relacionan, segundo a seguinte secuencia:

– Avaliación externa da proposta de acordo co procedemento que se describe no artigo 14 desta orde.

– Ditame da Comisión Asesora Externa do Programa de centros de investigación do SUG (unicamente no caso de centros de I+D+i).

– Emisión de informe polo órgano competente en materia de universidades.

– Información pública do inicio do trámite para os efectos do disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Este período informativo será polo período de vinte días hábiles.

– Informe do Consello Galego de Universidades.

A persoa titular da consellería competente en materia de universidades ditará resolución motivada no prazo de oito meses contados desde a presentación da solicitude de acreditación, indicará os prazos de recurso, admitirá ou denegará a continuación do trámite do procedemento de aprobación.

A) No caso de que todos os informes e ditames (preceptivos e vinculantes) sexan favorables, a Secretaría Xeral de Universidades, logo da resolución indicada no parágrafo anterior, tramitará a proposta ante o Consello da Xunta nos termos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

B) No caso de que a unidade non obteña todos os informes favorables, logo da resolución da persoa titular da consellería competente en materia de universidades, esa unidade de I+D+i (ou calquera outra proposta substancialmente análoga) non pode volver presentarse para a súa creación ata pasados dous anos desde a súa notificación.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa, poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O transcurso do prazo máximo legal para resolver este procedemento e notificar a resolución suspenderase, cando se soliciten os informes preceptivos establecidos nesta orde, polo tempo que medie entre a súa petición, que se comunicará aos interesados, e a recepción do informe, que igualmente se comunicará a estes. Este prazo de suspensión non excederá en ningún caso de tres meses. No caso de non recibirse o informe seguirá o procedemento.

A non resolución dentro do prazo indicado faculta aos interesados para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 14. Avaliación externa

O proceso de avaliación, previsto no artigo 13, basearase na realización dunha avaliación a cargo dun panel de expertos externos ao SUG (Comité de Avaliación Externa).

Este comité, nomeado pola Secretaría Xeral de Universidades, será o encargado de analizar a documentación remitida polos propoñentes e manter unha reunión cos representantes da unidade de I+D+i que se pretende crear. A Secretaría Xeral de Universidades poderá ditar as instrucións oportunas para regular o seu funcionamento.

O proceso de avaliación dividirase nas seguintes fases:

Fase preliminar: o Comité de Avaliación elaborará un informe preliminar de avaliación baseándose na análise e revisión da documentación achegada e a información complementaria obtida, se se estima oportuno, nunha entrevista cos responsables universitarios, que poderán estar acompañados dalgunha das persoas garantes comprometidas na creación do centro ou instituto. No informe de avaliación preliminar figurarán as consideracións sobre as dimensións avaliadas –organización e gobernanza, estratexia, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo, rendición de contas, información pública e transparencia–.

O informe poderá conter orientacións sobre os aspectos ou recomendacións que deben ser abordados para a mellora do proxecto de centro ou instituto para a súa aprobación.

Fase intermedia: en vista dos resultados da avaliación preliminar, a/as entidade/s promotora/s poderán optar por continuar o procedemento coa documentación xa achegada, reformular a súa proposta elaborando no prazo de tres meses un documento que dea cumprimento ás observacións ou modificacións propostas, ou desistir do procedemento. No caso de que a/as entidade/s promotora/s opte/n por reformular a proposta, esa acción implicará a suspensión do prazo de resolución por un máximo de tres meses.

Fase final: de acordo con toda a documentación recollida, o Comité de Avaliación elaborará o informe final de avaliación, que será remitido á Secretaría Xeral de Universidades.

Disposición adicional única

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición, poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesario unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria única. Vixencia doutras aprobacións

Para os efectos do disposto nesta orde considérase que os oito centros recoñecidos na Orde do 19 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do SUG, poden empregar a denominación de Centros de Investigación do SUG ata ao 30 de novembro de 2022. As universidades titulares destes centros, deberán tramitar a súa aprobación nos termos sinalados nesta orde antes desa data, agás naqueles casos que xa teñan sido creados con anterioridade por decreto da Xunta de Galicia. De non facelo, eses centros perderán a súa condición ao remate das axudas. No caso de que o procedemento se inicie antes do remate da axuda non será preciso presentar a documentación solicitada no artigo 8, punto 7.b) desta orde, así mesmo, considerarase que non é preciso someter a proposta ao ditame da Comisión Asesora do Programa (CAP) e ao Comité de Avaliación Externa (CAE).

Disposición adicional única. Instrucións de desenvolvemento

Facúltase á Secretaría Xeral de Universidades para ditar as instrucións oportunas para o correcto desenvolvemento do proceso de aprobación.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Esta orde poderá ser recorrida mediante recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file