Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 14 de abril de 2021 Páx. 19091

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras do sector do espectáculo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR820O).

A pandemia da COVID-19 está a producir unha emerxencia sanitaria a nivel global, ata o punto de declararse o estado de alarma no noso país, para a xestión da crise, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, que incluíu grandes limitacións na actividade ata a actualidade.

As ditas limitacións afectan notablemente as actividades relacionadas co sector do espectáculo, que tiveron unha extensa paralización no seu exercicio. Estas actividades concéntranse precisamente na primavera e verán, épocas duramente afectadas por todo tipo de restricións.

Precisamente, para paliar as consecuencias desta situación, regulouse a figura dos expedientes de regulación temporal de emprego, en diante, ERTE, que supón a suspensión con carácter temporal dos contratos ou a redución de xornada por un tempo determinado cando existan causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción derivadas de forza maior, como foi a pandemia.

Posteriormente, regulouse o Real decreto lei 17/2020, do 5 de maio, polo que se aproban medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-2019, fixando a data da situación legal de desemprego no 14 de marzo de 2020.

Agora ben, as persoas traballadoras que desenvolven a súa actividade no sector do espectáculo, en moitos casos non puideron acollerse aos citados ERTES nin ao Decreto lei 17/2020 precisamente pola singularidade do seu desempeño, en Galicia.

A contratación deste persoal no noso territorio prodúcese cun alto índice de estacionalidade, pola multitude de eventos e festas populares na xeografía galega, e, xeralmente, prodúcense baixo a modalidade de obra ou servizo determinado limitado a un evento ou actuación determinada e, polo tanto, este persoal non figuraba nos cadros de persoal das empresas nin están de alta no réxime de seguridade social para poder percibir esas rendas.

O colectivo resultou moi afectado por esta situación, desde o persoal inscrito como artistas en espectáculos públicos ata as persoas de carácter técnico suxeitas ao réxime xeral.

E é por isto que a Consellería de Emprego e Igualdade recoñece a este sector como un ramo practicamente paralizado, de tal xeito que os seus profesionais sufriron unha drástica perda de ingresos, e ante a súa situación crítica é necesario apoiar o persoal traballador e paliar na medida do posible as situacións de desamparo.

Á Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, con base no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, que establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle a execución das competencias en materia de política laboral e relacións laborais.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar as axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras do sector do espectáculo con motivo da paralización da súa actividade a causa das medidas adoptadas ocasionadas pola COVID-19, así como a fixación dos criterios e requisitos para a súa concesión para o ano 2021.

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código de procedemento TR820O.

Artigo 2. Normativa reguladora

As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e ao disposto nesta orde de bases.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas, nos termos recollidos na presente orde, as persoas traballadoras que reúnan os seguinte requisitos:

a) Que estivesen contratadas por conta allea en empresas cuxa actividade económica se encadre nos códigos 5920, 7021, 7721, 7739, 8552, 9001, 9002, 9003 e 9004, da Clasificación nacional de actividades económicas en centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia cumprindo a seguinte condición:

– Acreditar durante o ano 2019 un mínimo de 50 días nas empresas cos códigos CNAE sinalados e que este tempo, ademais, constitúa como mínimo o 75 % das xornadas totais traballadas nese ano.

No suposto de contratos a tempo parcial, estes computaranse proporcionalmente á súa xornada de traballo.

b) Acreditar que durante o período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020 estivese contratado por conta allea un máximo de 7 días.

2. Non poderán ser beneficiarias as persoas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Contía da axuda

A contía da subvención consistirá nunha axuda de 500 euros mensuais, durante os meses en que non se tivese recoñecida ningunha prestación pública dentro do período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020.

Os períodos inferiores ao mes serán rateados proporcionalmente.

Artigo 5. Compatibilidade

1. As axudas recibidas ao abeiro desta orde serán incompatibles con outras axudas públicas que se percibisen para a mesma finalidade.

A percepción desta axuda é incompatible coa percepción da prestación por desemprego, invalidez ou xubilación ou calquera outra de carácter público durante o período recollido no artigo 4 desta orde.

Artigo 6. Procedemento de concesión da axuda

1. O procedemento de concesión das axudas ao abeiro desta orde será o de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.

2. En todo caso, a resolución de concesión da axuda estará supeditada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria que se habilite na correspondente convocatoria anual.

3. O crédito que se estableza inicialmente poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Se despois da correspondente ampliación o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. No caso de coincidencia na data de presentación ente dous ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

Artigo 7. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes de axuda serán formalizadas directamente pola persoa traballadora ou por persoa representante debidamente acreditada.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 10, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 9. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Informe de vida laboral da persoa solicitante emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social polo período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e a data de publicación desta orde.

b) Certificados de empresa dos períodos traballados acreditados no artigo 3.1.a) que reflictan expresamente os códigos CNAE de actividade das citadas empresas.

c) No caso de non ser posible dispor dos certificados de empresa previstos no punto b), os contratos de traballo coas empresas con códigos de actividade nº 90, «Actividades de creación, artísticas e espectáculos» ou actividade con código núm. 93, «Actividades deportivas, recreativas e de lecer».

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberá presentarse unha copia dixitalizada dos documentos indicados nos puntos anteriores.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. As persoas interesadas poderán actuar por medio de representantes para os efectos de presentación da solicitude, a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo I da presente orde.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa física solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría da Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

De acordo co artigo 5 desta orde, comprobarase, ademais, se se percibiron outras axudas ou rendas de carácter público durante o período previsto no artigo 4 desta orde:

f) Consulta do histórico das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas (RPSP), Incapacidade Temporal, Maternidade e Paternidade.

g) Consulta da percepción de prestación de desemprego.

h) Consulta da percepción da renda de integración social de Galicia na data concreta.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar eses documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Tramitación e resolución das axudas

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales elaborará a proposta de resolución.

2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, a persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás persoas interesadas.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, ou contra as desestimacións por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicarse por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias destas axudas as seguintes:

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

3. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou ingresos que se percibisen para a mesma finalidade.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 16. Modificación da resolución

Unha vez recaída a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Emprego e Igualdade iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impediran dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 19. Base de datos nacional de subvencións

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Crédito orzamentario

As axudas recollidas nesta orde de convocatoria fináncianse con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.324A 480.0 proxecto 2020 00009 que figura na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe total de 500.000 euros.

O pagamento das axudas reguladas nesta orde efectuarase unicamente na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo. Esta conta terá que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Consellería de Emprego e Igualdade non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente orde poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional segunda. Bases reguladoras

As presentes bases reguladoras terán carácter permanente. Non obstante, no caso de ser preciso, procederase á súa modificación nos termos regulamentariamente establecidos.

Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, así como para a convocatoria anual das ditas axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file