Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 16 de abril de 2021 Páx. 19577

V. Administración de xustiza

Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo

EDICTO (CPU 78/2021).

Fernando Vázquez Orge, letrado da Administración de xustiza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo.

Polo presente fago constar: que nos autos de formulación cuestión de ilegalidade 78/2021 recaeu auto do teor literal:

«Auto nº 24/2021.

En Lugo, once de marzo de dous mil vinte e un.

Vistos por min, Olalla Díaz Sánchez, maxistrada xuíza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, o presente incidente rexistrado co nº 78/2021, relacionado co procedemento abreviado nº 296/2019 seguidos por instancia de:

Unión de Policías Locais de Galicia, representada e defendida pola letrada Dolores Carpintero Vázquez, fronte ao Concello de Guitiriz, representado e asistido polo letrado da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Otero Bouza.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 28 de xuño de 2019 a representación procesual indicada no encabezamento presentou recurso contencioso-administrativo fronte á desestimación do recurso de reposición formulado contra o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local do Concello de Guitiriz, publicado no BOP de Lugo número 83, con data do 10.4.2019, polo que se procede á aprobación das bases reitoras da convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de Policía local, reservada para a mobilidade horizontal, en desenvolvemento da oferta de emprego público do ano 2019. 2. A dita sentenza foi confirmada pola Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Primeira, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (autos de recurso de apelación nº 230/2020), que ditou sentenza nº 560/2020 o 4 de novembro de 2020. Con data do 29.1.2021 recibíronse as actuacións do TSX, xunto coa certificación literal da referida sentenza ditada pola sala que ten o carácter de firme. Con todo, remitido por erro o expediente administrativo á Administración local, solicitouse novamente, quedando estes autos pendentes de resolución.

Segundo. Admitido a demanda, tramitouse polas canles do procedemento abreviado (PA nº 296/2019), e o 24 de xaneiro de 2020 ditouse Sentenza nº 4/2020, estimando a demanda.

A dita sentenza foi confirmada pola Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Primeira, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (autos de recurso de apelación nº 230/2020), que ditou Sentenza nº 560/2020 o 4 de novembro de 2020.

Con data do 29.1.2021 recibíronse as actuacións do TSX, xunto coa certificación literal da referida sentenza ditada pola sala que ten o carácter de firme. Con todo, remitido por erro o expediente administrativo á Administración local, solicitouse novamente, quedando estes autos pendentes de resolución».

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Sobre os previos pronunciamientos xudiciais.

a) A decisión da Sentenza nº 4/2020 ditada por este xulgado dispuxo:

«Que estimando como estimo o recurso contencioso-administrativo interposto pola representación procesual de Unión de Policías Locais de Galicia fronte ao Concello de Guitiriz, seguido como proceso abreviado número 296/2019 ante este xulgado, contra o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local do Concello de Guitiriz, publicado no BOP de Lugo núm. 83, do 10.4.2019, polo que se procede á aprobación das bases reitoras da convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de policía local, reservada para a mobilidade horizontal, en desenvolvemento da oferta de emprego público do ano 2019; debo declarar e declaro a nulidade de pleno dereito do punto 2.b) das bases desa convocatoria en canto exixe unha idade máxima de 46 anos (que falten máis de doce anos para pasar á situación de segunda actividade) aos aspirantes.

En consecuencia, debo condenar e condeno o Concello de Guitiriz a eliminar esa condición das súas bases, e publicalas novamente no BOP, concedendo un novo prazo aos interesados na participación á quenda de mobilidade na provisión dunha praza de policía local.

Firme que sexa a presente sentenza, exporase, cuestión de ilegalidade ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia respecto do contido do artigo 35.e) do Decreto 243/2008, do 16 de outubro».

b) A anterior resolución xudicial foi confirmada en apelación por Sentenza nº 560/2020, o 4 de novembro de 2020, ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Primeira, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (autos de recurso de apelación nº 230/2020).

Segundo. Sobre a normativa aplicable.

Dispón o artigo 27.1 LXCA: «Cando un xuíz ou tribunal do contencioso-administrativo ditase sentenza firme estimatoria por considerar ilegal o contido da disposición xeral aplicada, deberá expor a cuestión de ilegalidade ante o tribunal competente para coñecer do recurso directo contra a disposición».

E engade o artigo 123 da mesma lei: «1. O xuíz ou tribunal exporá, mediante auto, a cuestión de ilegalidade prevista no artigo 27.1 dentro dos cinco días seguintes a que conste nas actuacións a firmeza da sentenza. A cuestión deberá cinguirse exclusivamente a aquel ou aqueles preceptos regulamentarios cuxa declaración de ilegalidade servise de base para a estimación da demanda. Contra o auto de formulación non se dará recurso ningún. 2. Neste auto acordarase emprazar as partes para que, no prazo de quince días, poidan comparecer e formular alegacións ante o tribunal competente para fallar a cuestión. Transcorrido este prazo, non se admitirá a comparecencia».

E preceptúa tamén o artigo 124 da LXCA que: «1. Exposta a cuestión, o secretario xudicial remitirá urxentemente, xunto coa certificación do auto de formulación, copia testemuñada dos autos principais e do expediente administrativo. 2. Acordará igualmente a publicación do auto de formulación da cuestión no mesmo xornal oficial en que o fose a disposición cuestionada».

Por último, o artigo 126.5 da LXCA precisa que: «A sentenza que resolva a cuestión de ilegalidade non afectará a situación xurídica concreta derivada da sentenza ditada polo xuíz ou tribunal que expuxo aquela».

Terceiro. Sobre a formulación da cuestión de ilegalidade.

De conformidade co contido da normativa que se acaba de sinalar, e o acordado na decisión da Sentenza firme ditada por este xulgado o 24 de xaneiro de 2020 procede expor a cuestión de ilegalidade á Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao recaer nela a competencia para coñecer do recurso directo fronte á disposición xeral autonómica cuestionada (artigo 10.1.b) da LXCA).

En concreto, de acordo co razoado na sentenza e que serviu de base para estimar a pretensión exposta por Unión de Policías Locais de Galicia, cuéstionase a ilegalidade do requisito de idade recollido na letra e) do artigo 35 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais. E iso por canto se aprecia que incorre nun vicio de nulidade á luz do razoado na sentenza ditada por este xulgado nos autos de PA nº 269/2019 na que se determinou que: «o requisito recollido no artigo 35.e) do decreto incorre nun vicio de nulidade sobrevinda pois a Lei 9/2016 é posterior a este e, ademais, de rango superior; a non reforma do Decreto do ano 2008 ou a falta dun desenvolvemento regulamentario non pode avalar unha situación discriminatoria que resulta contraria á Lei de 2016». E de igual modo, a sala do TSX de Galicia, na súa Sentenza do 4 de novembro de 2020, concluíu: «…o regulamento contravén claramente o establecido na Lei 9/2016…».

En virtude do exposto e en nome do rei,

Parte dispositiva.

Acordo expor a cuestión de ilegalidade ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fronte ao artigo 35 apartado e) do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Emprácense as partes para que, no prazo de quince días, poidan comparecer e formular alegacións ante a referida sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Unha vez verificado devandito emprazamento, remítase urxentemente ao Tribunal Superior de Xustiza unha certificación deste auto, á que se achegará unha copia testemuñada dos autos principais e do expediente administrativo; e procédase á publicación do presente auto de formulación da cuestión no mesmo xornal oficial en que o fose a disposición cuestionada. Unha vez verificado devandito emprazamento, remítase urxentemente ao Tribunal Superior de Xustiza unha certificación deste auto, á que se achegará unha copia testemuñada dos autos principais e do expediente administrativo; e procédase á publicación do presente auto de formulación da cuestión no mesmo xornal oficial en que o fose a disposición cuestionada.

Lévese testemuño desta resolución aos autos principais, e notifíquese ás partes, coa indicación de que é firme, polo que contra este non cabe interpoñer recurso ordinario ningún.

Así, por este auto, acórdao, mándao e asínao SSª; dou fe.

A maxistrada xuíza

A letrada da Administración de xustiza

Concorda ben e fielmente co seu orixinal ao que me remito e, para que así conste, estendo e asino o presente testemuño.

Lugo, 11 de marzo de 2021

A letrada da administración de xustiza