Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 16 de abril de 2021 Páx. 19622

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO de delegación de competencias para a xestión, liquidación e recadación en voluntaria e executiva, así como para a revisión de actos ditados da taxa polo abastecemento de auga.

O Pleno da corporación provincial, na sesión ordinaria realizada o día 29 de xaneiro de 2021, aceptou por unanimidade a delegación do Concello de Montederramo na Deputación Provincial do exercicio das competencias de xestión, liquidación e recadación en voluntaria e executiva e revisión dos actos ditados da taxa polo abastecemento de auga do dito concello, de conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local, nas condicións recollidas no acordo de delegación:

«Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Montederramo a favor da Deputación Provincial, mediante acordo plenario do 30 de novembro de 2020, nas condicións recollidas no acordo de delegación:

Primeiro

Delegar na Deputación Provincial de Ourense, de acordo co disposto na normativa mencionada, as facultades que este concello ten atribuídas en materia de xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva, así como a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos:

– Taxa polo abastecemento de auga domiciliaria.

– Canon da auga.

A delegación abranguerá as actuacións pendentes dos últimos catro anos e anteriores non prescritas sobre os mesmos tributos, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no presente acordo.

Segundo

En virtude da delegación conferida, será competencia da Deputación Provincial de Ourense a xestión, liquidación e recadación, así como a revisión dos actos ditados dos tributos delegados, que comprenderá, entre outras, as seguintes funcións:

– Recepción e tramitación de declaracións, autoliquidacións, comunicacións de datos e demais documentos con transcendencia tributaria.

– Recoñecemento e denegación de exencións e bonificacións.

– Realización das liquidacións conducentes á determinación das débedas tributarias.

– Emisión de listas cobratorias e documentos de cobramento.

– Realización de actuacións de control do cumprimento da obriga de presentar declaracións tributarias e doutras obrigas formais.

– Realización de actuacións de verificación de datos, comprobación de valores e de comprobación limitada.

– Emisión de certificados tributarios.

– Liquidacións de xuros por demora.

– Resolución dos expedientes de devolución de ingresos indebidos.

– Resolución dos recursos que se interpoñan contra os actos anteriores.

– Actuacións para a asistencia e información ao contribuínte referidas ás anteriores materias.

– Aprobación e mantemento dos censos tributarios.

– Tramitación de solicitudes de aprazamento e fraccionamento.

– Ditar providencias de constrinximento e expedir relacións certificadas de debedores.

Terceiro

De conformidade co disposto no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e no artigo 8 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co obxecto de facilitar o exercicio das competencias delegadas na Deputación Provincial de Ourense, a entidade delegante deberá prestarlle a esta a colaboración necesaria, especialmente nos seguintes aspectos:

– Poñer á disposición dos servizos tributarios da Deputación os seus rexistros e bases de datos que conteñan información de interese tributario, respectando en todo caso o que establece a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e as normas que a desenvolven. Esta colaboración implica a obriga do Concello de remitir os padróns (por única vez) para os efectos de que a Deputación proceda á súa informatización e, así mesmo, a relación de debedores dos últimos 4 anos, para os efectos de poder iniciar a executiva; a Tesouraría/Secretaría municipal expedirá, para tal efecto, certificación das débedas pendentes, para a xestión de débedas anteriores aos últimos 4 anos; a Tesouraría/Secretaría municipal expedirá, ademais, certificación de que as débedas non están prescritas e indicará as diferentes datas de notificación da débeda en executiva; remitir á Deputación as altas, transferencias, baixas, cambios de domicilio e demais circunstancias que poidan afectar a liquidación dos tributos de que teñan coñecemento; remitir as domiciliacións existentes; remitir as ordenanzas fiscais aplicables.

– Remitir á Deputación calquera solicitude ou recurso que afecte os tributos obxecto de delegación, tales como solicitudes de exención ou bonificación, solicitudes de aprazamento ou fraccionamento, solicitudes de domiciliación, recursos de reposición...

– Localizar suxeitos pasivos, contribuíntes, obrigados ao pagamento ou debedores, certificando ou informando respecto da súa veciñanza ou non no termo municipal, da posesión ou carencia de bens e do exercicio ou non de actividades.

– Expor publicamente no taboleiro de anuncios do Concello e noutros lugares de costume dos edictos que se diten no exercicio das competencias delegadas.

A Deputación Provincial porá á disposición do Concello os medios necesarios para a subministración da colaboración e dará conta periodicamente dos resultados da xestión das competencias delegadas, poñendo á súa disposición na sede electrónica da Deputación información sobre a situación dos recursos xestionados.

Cuarto. Outras condicións da delegación

1. Para o exercicio das facultades delegadas, o servizo aterase ao ordenamento local e á lexislación aplicable, de acordo co establecido na Lei reguladora das facendas locais, así como á Ordenanza fiscal xeral de xestión, inspección e recadación tributaria da Deputación Provincial de Ourense (BOP nº 66, do 23 de marzo de 2015) e á Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación pola Deputación Provincial de Ourense (BOP nº 210, do 12 de setembro de 2014).

2. Polo exercicio das funcións delegadas no presente acordo, a Deputación Provincial percibirá as compensacións económicas previstas na vixente Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación pola Deputación Provincial de Ourense. As cantidades a que dea lugar a devandita compensación económica serán retiradas das entregas e liquidacións correspondentes que se realicen ao Concello.

3. A devolución dos ingresos indebidos que, de ser o caso, se produzan, ocasionará a dedución da cantidade correspondente das liquidacións que deban renderse ao Concello.

A compensación de débedas en período voluntario que, de conformidade coa lexislación aplicable, poida acordar o Concello requirirá a intervención do servizo para a súa realización; en calquera caso deberán entenderse como débedas cobradas para os efectos do premio de cobranza e das recargas ou participacións que á Deputación Provincial poida corresponder nestas.

4. Os anticipos á conta da recadación rexeranse polo disposto na ordenanza fiscal antes mencionada. En todo caso, non se concederán anticipos sobre a recadación da taxa de recollida do lixo, dado que os gastos do servizo son asumidos integramente pola Deputación Provincial, ao estar delegada a xestión nesta última.

5. As cantidades que correspondan pola recadación obtida serán transferidas ao Concello trimestralmente, acompañadas da documentación xustificativa, e renderanse anualmente, polo servizo, á conta da súa xestión recadatoria. Das ditas cantidades deduciranse, se é caso, as liquidacións emitidas polo Servizo de Xestión Tributaria e Recadación pola prestación dos distintos servizos efectuada pola Deputación, tales como recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria, verteduras, canceiras ou calquera outro.

Quinto. Entrada en vigor e prazo de vixencia

Unha vez aceptada pola Deputación Provincial, a presente delegación entrará en vigor con efectos do 1 de xaneiro de 2021.

A presente delegación estará vixente por un período de catro anos, e quedará tacitamente prorrogada, por períodos iguais de catro anos, se ningunha das partes manifesta expresamente a súa vontade en contra comunicándoo á outra cunha antelación non inferior a seis meses á súa finalización ou á de calquera dos períodos de prórroga.

Sexto. Causas de resolución

O presente acordo de delegación poderá resolverse polas seguintes causas:

– Por mutuo acordo entre as partes.

– Por denuncia de calquera das dúas partes, formulada cunha antelación mínima de seis meses ao remate de cada ano natural. En todo caso, a efectividade da resolución por denuncia de parte entenderase referida sempre ao 1 de xaneiro do exercicio seguinte.

– Por incumprimento de obrigas esenciais recollidas no presente acordo de delegación.

Sétimo

O presente acordo deberá de notificarse á Deputación Provincial de Ourense, para os efectos de que acepte a delegación aquí conferida.

Oitavo

Unha vez aceptada a delegación pola Deputación Provincial, o presente acordo publicarase no Boletín Oficial da provincia e no da Comunidade Autónoma, para xeral coñecemento, de acordo co previsto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Ourense, 9 de febreiro de 2021

José Manuel Baltar Blanco
Presidente da Deputación Provincial de Ourense