Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 19 de abril de 2021 Páx. 19919

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto de Estudos do Territorio

ANUNCIO do 5 de abril de 2021 polo que se acorda someter a información pública o Plan de acción da paisaxe na Ribeira Sacra.

O artigo 12 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e o artigo 22 do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, dispoñen que a consellería competente en materia de paisaxe elaborará plans de acción para a protección, xestión e ordenación da paisaxe naqueles territorios declarados como espazos naturais protexidos segundo o disposto na normativa galega vixente en materia de patrimonio natural, así como nas áreas de especial interese paisaxístico (AEIP) identificadas nos catálogos da paisaxe.

Tamén se poderán elaborar plans de accións da paisaxe noutras zonas que, como consecuencia dos seus especiais valores paisaxísticos ou do seu estado de deterioración, precisen medidas de intervención e protección.

O plan de acción axustarase ás determinacións contidas nas directrices de paisaxe para o territorio a que se refira, de conformidade cos obxectivos de calidade paisaxística establecidos, e incluirá, ademais, unha proposta de medidas para o mantemento, mellora, recuperación ou rexeneración das paisaxes presentes no seu ámbito.

O procedemento de elaboración dos catálogos da paisaxe, das directrices de paisaxe e dos plans de acción da paisaxe regúlase nos artigos 12 e 13 do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, que establece que se iniciará por acordo da persoa titular da consellería competente en materia de paisaxe, así como que lle corresponde ao Instituto de Estudos do Territorio a coordinación e dirección e, de ser o caso, a realización dos traballos de redacción dos instrumentos a que se refire o artigo 12, garantindo o previsto no artigo 9.4 da Lei 7/2008.

O 26 de marzo de 2021, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou o acordo de inicio de elaboración do Plan de acción da paisaxe na Ribeira Sacra.

Continuando coa súa tramitación, de conformidade co disposto no artigo 12.4 do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, coa Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública galega e a Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, co fin de garantir unha maior participación da cidadanía neste trámite administrativo,

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública, durante un prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o Plan de acción da paisaxe na Ribeira Sacra.

Segundo. O texto do Plan de acción poderá consultarse no portal de transparencia da Xunta de Galicia https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/procedementos-de-informacion-publica

Terceiro. As persoas físicas e xurídicas interesadas e a cidadanía en xeral poderán presentar as alegacións que consideren oportunas ao indicado Plan de acción:

• Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo:

departamento.xuridico.iet@xunta.gal

• Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido ao Instituto de Estudos do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

Francisco Barea Paz
Director do Instituto de Estudos do Territorio