Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 21 de abril de 2021 Páx. 20258

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 12 de abril de 2021 pola que se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código de procedemento VI420A).

BDNS (Identif.): 558242.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS que, no momento de presentar a súa solicitude, teñan máis de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados, sempre e cando que non recibisen outra axuda deste organismo para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta resolución e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da resolución de bases do 4 de abril de 2019 e conforme a disposición orzamentaria existente.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2021, con financiación plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante, IGVS) que teñan máis de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados (código de procedemento VI420A).

Terceiro. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Resolución do 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (DOG núm. 77, do 23 de abril).

Cuarto. Importe

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación dos orzamentos do IGVS 2021 0881 451A 7810. O crédito será de 1.000.000,00 euros, destinando, para tal fin, 50.000 euros, con cargo ao ano 2021, e 950.000 euros, con cargo ao ano 2022.

A contía nas subvencións será do 60 % do orzamento aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 5.000 euros por vivenda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitude de axuda será de dous meses, contados dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O prazo rematará no mesmo día no que se publique esta resolución, no mes do vencemento do prazo. Si no mes do vencemento non tivera día equivalente a aquel no que comezara o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Se este último día fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo