Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 21 de abril de 2021 Páx. 20241

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2021 pola que se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código de procedemento VI420A).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación. Dentro das súas funcións está a de garantir os dereitos a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica. Para estes fins e de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presidenta do citado organismo ditou a Resolución do 4 de abril de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e se abre a súa convocatoria para o ano 2019.

O elevado do número de solicitudes presentadas, tanto naquela convocatoria como na do ano 2020, aconsellan realizar unha nova, co ánimo de seguir apoiando os esforzos que están a levar a cabo as comunidades de propietarios/as destas vivendas para a adecuación dos seus edificios aos requisitos de seguridade, habitabilidade, accesibilidade e funcionalidade.

En consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas polo Decreto 97/2014, do 24 de xullo, como presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2021, con financiamento plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante, IGVS) que teñan máis de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados (código de procedemento VI420A).

Segundo. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Resolución do 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e se abre a súa convocatoria para o ano 2019. A citada resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 77, do 23 de abril de 2019.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación dos orzamentos do IGVS 2021 0881 451A 7810. O crédito será de 1.000.000,00 euros, destinando, para tal fin, 50.000 euros, con cargo ao ano 2021, e 950.000 euros, con cargo ao ano 2022.

2. A persoa titular da dirección xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (en adiante, RLSG), polo que se aproba o seu Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

Cuarto. Órganos competentes

1. A instrución dos procedementos corresponderalles ás xefaturas de área do IGVS da provincia onde se atope o edificio.

2. A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Co obxecto de realizar a selección dos beneficiarios, constituirase unha comisión de selección, presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS e da que tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade, que realizará as funcións de secretaría.

– Dirección Técnica de Xestión do Patrimonio, Fianzas e Inspección.

– Servizo de Calidade.

– Servizo da Oficina Técnica.

– Xefaturas territoriais.

4. O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Quinto. Beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS que, no momento de presentar a súa solicitude, teñan mais de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados, sempre e cando que non recibisen outra axuda deste organismo para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta resolución e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da resolución de bases do 4 de abril de 2019 e conforme a disposición orzamentaria existente.

Sexto. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

2. As ditas actuacións poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, sempre que non teñan comezado antes do 1 de xaneiro do ano 2021 e non teñan executado mais dun 60 % do custo total das obras.

3. Non serán subvencionables as actuacións que teñan custos pagados con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano correspondente á convocatoria nin aquelas que teñan pagamentos efectuados por un importe superior ao 60 % do custo da obra con anterioridade á data da correspondente solicitude.

Sétimo. Orzamento subvencionable

1. O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das actuacións subvencionadas solicitadas, que estará integrado polo custo das obras, o custo dos honorarios facultativos, e o custo das licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións.

2. En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da «Base de datos da construción de Galicia», vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes. Para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos; subsidiariamente, requirirase a conformidade dos servizos técnicos do IGVS. O acceso á devandita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través do seguinte enlace: http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/588

Oitavo. Intensidade das axudas desta convocatoria

A contía nas subvencións será do 60 % do orzamento aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 5.000 euros por vivenda.

Noveno. Solicitude e documentación que se debe presentar

1. A solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta e asinada, deberá presentarse coa seguinte documentación:

a) Certificado expedido pola persoa secretaria da comunidade no que consten os acordos adoptados pola xunta de persoas propietarias de solicitar a axuda, de executar as actuacións solicitadas e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención, no caso de non ser a persoa que exerza a presidencia da comunidade.

b) Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, desagregadas por tipo de actuacións, de acordo co ordinal sexto desta resolución. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar nesta memoria a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.

c) Orzamento estimado das obras, desagregado por cada actuación, así como dos demais gastos que se consideren necesarios para as actuacións e sexan subvencionables.

d) Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

e) Calquera outro documento que a comunidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase a comunidade solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, será tido por desistido, logo de resolución ditada para o efecto.

Décimo. Presentación da solicitude

A solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Décimo primeiro. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segundo. Prazo de presentación da solicitude

1. O prazo de presentación da solicitude de axuda será de dous meses, contados dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo rematará no mesmo día no que se publique esta resolución, no mes do vencemento do prazo. Se no mes do vencemento non tivese día equivalente a aquel no que comezara o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Se este último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Décimo terceiro. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarto. Criterios de valoración das solicitudes admitidas

Para os efectos da concesión da subvención, as solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos criterios que a continuación se sinalan:

I. Tipo de actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade, ata un máximo de 8 puntos.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade, ata un máximo de 7 puntos.

c) Adecuación das condicións de funcionalidade, ata un máximo de 6 puntos.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade, ata un máximo de 5 puntos.

Nas actuacións a), b) e c), as obras declaradas urxentes, segundo os informes técnicos, incrementarán a súa puntuación en 2 puntos. Se as obras son relativas a actuación d) e no edificio viven persoas discapacitadas, con mobilidade reducida ou maiores de 65 anos, incrementarase a súa puntuación en 2 puntos, sempre que o solicitante acredite tal circunstancia mediante documentos ou certificados oficiais.

II. Antigüidade do edificio, segundo a data da cualificación definitiva:

– Ata 20 anos, 1 punto.

– Máis de 20 anos, 2 puntos.

2. Non se valorarán como actuacións de seguridade estrutural aqueles traballos que, como consecuencia da realización de actuacións de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade, requiran de obras de adaptación estrutural.

3. No caso de empate, terase en conta o número de vivendas dos edificios, tendo prioridade a actuación que afecte máis número de vivendas; de continuar co empate, a prioridade determinarase por orde da data de presentación da solicitude no rexistro. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela na que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Décimo quinto. Resolución de concesión

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións.

2. As resolucións de concesión da subvención comprenderán o orzamento subvencionable, o importe da subvención, o prazo máximo para a finalización das obras e a data límite para a solicitude de pagamento.

3. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva, por se puidesen ser atendidas, ben co crédito que quedase libre, de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2 a) e b) da LSG.

Décimo sexto. Prazo da resolución da concesión

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberá entenderse desestimada.

Décimo sétimo. Recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, que se poderá interpoñer no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Décimo oitavo. Xustificación e solicitude de pagamento

1. A comunidade de propietarios/as beneficiaria da axuda deberá rematar, xustificar e presentar a solicitude de pagamento na anualidade indicada na súa resolución, que en ningún caso poderá ser posterior á anualidade final prevista na convocatoria, ano 2022.

2. Para solicitar o pagamento da subvención deberá presentar o modelo de solicitude de pagamento (anexo II), debidamente cuberto e asinado, xunto coa seguinte documentación:

– Certificado final da dirección de obra, se procede.

– Certificado das instalacións tramitado ante o organismo correspondente, cando proceda.

– Fotografías que mostren as obras executadas.

– Factura/s de todos os gastos subvencionables.

– Licenza e xustificación das taxas e tributos satisfeitos.

– Xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables, de acordo co artigo 42.2 do RLSG.

No caso que a comunidade de propietarios/as cedese o dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/s, (anexo III) para realizar as obras obxecto desta axuda, de acordo co trixésimo segundo da resolución de bases, estarán exentos da presentación os xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos. Considéranse xustificantes de pagamento os certificados ou anotacións en conta das transferencias bancarias realizadas coa identificación do importe, da persoa que a ordena e da persoa receptora.

3. A persoa titular da xefatura de área remitirá a proposta de pagamento ao órgano competente pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, á vista do informe técnico e da documentación achegada. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo noveno. Renuncia

A comunidade de propietarios/as beneficiaria poderá renunciar á subvención por calquera medio que permita a súa constancia ao IGVS, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vixésimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

– Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante.

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia estatal da administración tributaria (AEAT).

– Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Vixésimo segundo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo terceiro. Información á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Vixésimo cuarto. Información ás persoas interesadas

En relación con este procedemento administrativo, poderase obter documentación e información adicional a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da Xunta: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos. ou na páxina web oficial do IGVS: http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada

b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.

Vixésimo quinto. Eficacia

Esta resolución produce efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file