Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 21 de abril de 2021 Páx. 20239

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2021 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 21 da Resolución do 10 de abril de 2019, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES), anualidade 2019 (Diario Oficial de Galicia número 74, do 16 de abril de 2019).

Mediante o Real decreto 72/2019, do 15 de febreiro (Boletín Oficial del Estado número 41, do 16 de febreiro de 2019), establecéronse as bases reguladoras do programa de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES).

De acordo co disposto no artigo 21 da Resolución do 10 de abril de 2019, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES), o prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 12 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión. Ademais, o prazo de execución das actuacións en ningún caso poderá exceder o 30 de xuño de 2021.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá acordar a ampliación dos prazos establecidos, de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

O Inega pretende prorrogar os prazos de execución e xustificación das actuacións subvencionadas cando as empresas que non esgotasen o prazo de xustificación e execución dos investimentos o soliciten; no presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, por cuestións orzamentarias, de procedemento de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores; ademais non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Eliminar a data límite de xustificación establecida no artigo 21 das bases da convocatoria, que queda redactado do seguinte xeito:

«O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 12 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da LPACAP.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia