Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 21 de abril de 2021 Páx. 20227

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2021 pola que se ordena a publicación do Acordo do 30 de marzo de 2021 polo que se aproba a Instrución relativa á remisión telemática dos contratos formalizados polas entidades do sector público de Galicia e da relación anual daqueles.

En cumprimento do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 30 de marzo de 2021, polo que se aproba a instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos contratos formalizados polas entidades do sector público de Galicia e da relación anual daqueles, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 30 de marzo de 2021,
polo que se aproba a instrución relativa á remisión telemática ao
Consello de Contas de Galicia dos contratos formalizados polas entidades
do sector público de Galicia e da relación anual daqueles

A contratación é unha das áreas da actividade do sector público que maior volume de recursos económicos xestiona, motivo que explica que sexa unha materia dotada tradicionalmente dunha específica regulación e que constitúa un dos obxectivos prioritarios na actividade fiscalizadora do Consello de Contas de Galicia.

A Lei 6/1985, do 6 de abril, do Consello de Contas de Galicia, dispón no artigo 4, epígrafe c, que estarán sometidos á fiscalización por este órgano os contratos celebrados pola Administración autonómica e os das entidades previstas no punto 1 do artigo 2, nos casos nos que así se estableza ou naqueles casos que o Consello de Contas considere conveniente.

A norma de referencia no ámbito da contratación das entidades que integran o sector público é a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (en diante LCSP), mediante a que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Esta lei, no seu artigo 335, recolle as obrigas de remisión da información contractual ao Tribunal de Contas ou órgano externo de fiscalización correspondente da Comunidade Autónoma (OCEX) polas entidades pertencentes ao sector público.

O citado artigo dispón que deberá enviarse, dentro dos tres meses seguintes á formalización do contrato, unha copia certificada do documento mediante o que se formalizou aquel, acompañada dun extracto do expediente do que se derive, sempre que o prezo de adxudicación supere determinados importes segundo o tipo de contrato, ou, no caso de acordos marco, que o seu valor estimado exceda esas contías. Así mesmo, recóllese a obriga de remitir a copia certificada e o extracto do expediente aos que se fixo referencia anteriormente, relativos aos contratos baseados nun acordo marco e aos contratos específicos celebrados no marco dun sistema dinámico de adquisición sempre que o prezo de adxudicación do contrato exceda, en función da súa natureza, das contías sinaladas no mencionado precepto.

Establece tamén o deber de comunicar as incidencias na execución dos contratos indicados –modificacións, prórrogas ou variacións de prazos, variacións de prezo, nulidade e extinción–, todo iso sen prexuízo das facultades recoñecidas ao Tribunal de Contas e aos OCEX para reclamar cantos documentos e antecedentes consideren pertinentes en relación cos contratos de calquera natureza e contía.

Ademais, o devandito artigo dispón que se remitirá unha relación do resto de contratos subscritos incluídos os contratos menores, excepto aqueles que, sendo o seu importe inferior a cinco mil euros, se satisfagan a través do sistema de anticipo de caixa fixa ou outro sistema similar para realizar pagamentos menores. Na relación consignarase a identidade do adxudicatario, o obxecto do contrato e a súa contía.

O artigo 335 da devandita lei habilita ao Consello de Contas a promulgar instrucións que determinen a forma e procedemento para facer efectivas as remisións de contratos cuxa obriga se establece nese mesmo artigo, así como a reclamar cantos datos, documentos e antecedentes considere pertinentes en relación cos contratos de calquera natureza e contía.

O artigo 43 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas establece que esta Institución poderá determinar a forma en que os órganos de contratación cuxa información contractual estea incluída no ámbito do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico, Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (PCPG) ou outros rexistros públicos da Comunidade Autónoma cumprirán as súas obrigas de rendición coa remisión dos contratos aos citados rexistros.

Conforme a esta habilitación, óptase por considerar cumprido o deber de remisión ao Consello da información e documentación contractual por parte destes centros e entidades co envío de información ao dito Rexistro e a publicación da documentación exixida na PCPG, e polo tanto sen necesidade de que envíen ningunha documentación ao Consello de Contas.

A instrución regula no punto II o réxime xeral de remisión de información contractual para as entidades que non inscriban os contratos no Rexistro; e no apartado III, o réxime aplicable ás que remiten aquela información ao Rexistro, establecendo neste caso que sexa o órgano responsable do Rexistro quen subministre a información directamente ao Consello de Contas.

O actual estado de informatización do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia e da PCPG permite avanzar en termos de interoperabilidade entre ambas as entidades cara á utilización dunha vía telemática única a través da que o Consello poderá acceder, en tempo real, á información do Rexistro e da PCPG, o que axilizará o proceso e facilitará o tratamento e utilización da información recibida.

Así, o Consello de Contas de Galicia, ao abeiro do disposto nos artigos 7.3.b) e 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora da Institución, e demais de xeral e pertinente aplicación, na sesión do seu Pleno do 30 de marzo de 2021, acordou aprobar a seguinte Instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas dos contratos formalizados polas entidades do sector público de Galicia e da relación anual daqueles.

I. Obxecto e ámbito de aplicación.

A presente instrución do Consello de Contas de Galicia regula a información e a documentación que debe ser posta á disposición desta Institución por parte de todas as entidades do sector público da Comunidade Autónoma incluídas no artigo 2.1 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, en cumprimento das obrigas legais de remisión de contratos recollidas no artigo 335 da LCSP e no artigo 43 do Regulamento de réxime interior do Consello.

As entidades locais quedan excluídas do ámbito de aplicación desta instrución e regúlanse pola súa instrución específica, aprobada polo Pleno deste Consello de Contas mediante Resolución do 5 de outubro de 2018.

II. Documentación que deben remitir ao Consello as entidades do sector público autonómico de Galicia que non inscriban os contratos no Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia.

II.1. Documentación que teñen que remitir ao longo do exercicio:

Dentro dos tres meses seguintes ao acto da formalización do contrato ou o acordo marco, os órganos, organismos e entidades do sector público autonómico deberán remitir ao Consello de Contas copia do documento no que se formalizou o contrato ou o acordo marco, sempre que o prezo de adxudicación do contrato ou o valor estimado no caso de acordo marco exceda das seguintes contías:

– 600.000 euros, tratándose de obras, concesións de obras, concesións de servizos e acordos marco.

– 450.000 euros, tratándose de subministracións.

– 150.000 euros, se son de servizos ou contratos administrativos especiais.

Esa remisión da copia do documento de formalización deberá acompañarse dun extracto do expediente do que se derive, que estará integrado polos datos e documentos que se especifican no anexo I desta instrución.

As obrigas esténdense á comunicación, tamén no prazo de tres meses desde a súa formalización, das modificacións, prórrogas, variacións de prazos, de prezo e do importe final, nulidade e extinción normal ou anormal dos contratos sinalados. A comunicación destas incidencias realizarase tamén remitindo os documentos de aprobación e, se é o caso, formalización.

Estas obrigas abarcan tamén aqueles contratos que, polo seu importe inicial, non fosen remitidos en cumprimento do artigo 335 da LCSP, pero que fosen obxecto de modificacións posteriores á súa celebración e que, illada ou conxuntamente, elevasen o prezo total do contrato por enriba dos límites sinalados no punto anterior para cada tipo de contrato.

Os expedientes de contratación que desen lugar a múltiples adxudicatarios –e por tanto a múltiples contratos– pola existencia de lotes ou partidas deberán anotarse baixo un único número de orde, debendo relacionarse a continuación os datos correspondentes a cada un dos contratos derivados daquel, aínda que só se deberá remitir a documentación correspondente a aqueles lotes cuxo prezo de adxudicación supere as contías sinaladas anteriormente, que se corresponden coas establecidas no artigo 335.1 da LCSP.

Nos casos de contratos baseados en acordos marco ou de contratos específicos dentro dun sistema dinámico de adquisición, tendo en conta que, de acordo co artigo 153.1 da LCSP, non resulta necesaria a formalización, remitirase, xunto ao extracto do expediente que corresponda conforme o anexo antes citado, copia certificada do documento no que se adxudicaron, ou, se é o caso, formalizaron, cando o seu importe de adxudicación exceda, en función da súa natureza, as contías anteriormente sinaladas. Nos contratos baseados nun acordo marco e nos contratos específicos dentro dun sistema dinámico de adquisición que, en aplicación do artigo 153.1 da LCSP, non fosen obxecto de formalización, atenderase á data de adxudicación.

Ademais, deberanse remitir os acordos marco dos que se deriven os contratos suxeitos á obriga de rendición ante este órgano de control, calquera que sexa a súa contía.

Aos efectos desta instrución, entenderase por prezo de adxudicación o importe de adxudicación do contrato, incluído o IVE ou outros impostos indirectos que, en todo caso, deberanse indicar como partida independente.

No caso dos acordos marco, atenderase ao seu valor estimado nos termos que establece o artigo 101 da LCSP.

Nos expedientes de contratación que desen lugar a múltiples adxudicatarios pola existencia de lotes ou prestacións diferenciadas, entenderase por prezo de adxudicación o importe agregado, IVE ou outros impostos indirectos incluídos que deberán especificarse nunha partida independente, de todos os lotes integrantes do expediente.

II.2. Documentación que deben remitir unha vez concluído o exercicio correspondente:

Os órganos, organismos e entidades do sector público autonómico deberán remitir anualmente ao Consello de Contas, antes do 1 de marzo do exercicio seguinte ao que se refiran, unha base de datos coa relación dos seguintes contratos e encargos a medios propios subscritos:

A) Contratos suxeitos á LCSP formalizados no exercicio precedente, incluíndo os contratos menores adxudicados nese exercicio, excepto aqueles que, sendo o seu importe inferior a 5.000 euros, se satisfagan a través do sistema de anticipo de caixa fixa ou outro sistema similar para realizar pagos menores. Esta relación incluirá os contratos subvencionados aos que se refire o artigo 2.2 da LCSP.

Para efectos da súa inclusión nas relacións dos contratos, nos expedientes de contratación que desen lugar a múltiples adxudicatarios, e polo tanto a múltiples contratos, pola existencia de lotes ou prestacións diferenciadas, no modelo establecido para relacionar os contratos só se deberá anotar un único número de orde por cada expediente de contratación e farase constar o importe total dos contratos do expediente, relacionando a continuación, sen modificacións do número identificativo do expediente, os datos correspondentes a todos os contratos derivados daquel, consignando o número de lote que en cada caso proceda.

Con obxecto de uniformar o criterio que se vaia seguir na inclusión dos contratos na relación anual, atenderase ao ano da súa formalización e unicamente se incluirá o contrato primitivo (sen modificacións e demais incidencias posteriores á formalización).

No caso dos contratos menores, en defecto de formalización atenderase á data de aprobación do gasto.

As relacións que formulen os órganos de contratación deberán incluír tamén os contratos específicos que se financien a través do sistema de contratación centralizada, ao abeiro do previsto nos artigos 227 e seguintes da LCSP ou nos artigos 2.11 e 41 da Lei 31/2007, do 30 de outubro, sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais, reguladora dos procedementos de contratación nos sectores excluídos, iso sen prexuízo da inclusión polas centrais de contratación dos devanditos contratos nas súas relacións.

B) Contratos de compravenda, doazón, permuta, arrendamento e demais negocios xurídicos sobre bens inmobles que foran formalizados no exercicio precedente, sempre que os ingresos ou gastos xerados, ou o seu valor no caso de doazón ou permuta, sexan de importe superior a 50.000 euros, IVE e demais impostos indirectos excluídos.

C) Encargos a medios propios personificados aos que se refiren os artigos 32 e 33 da LCSP.

As bases de datos deberán remitirse ao Consello de Contas cos datos que figuran no anexo II desta instrución.

No suposto de non terse celebrado ningún contrato ou encarga a medios propios, as entidades remitirán unha certificación negativa que conteña esta declaración conforme ao anexo III.

III. Réxime aplicable ás entidades que remiten información contractual ao Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia.

O Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia, regulado polo Decreto 103/2016, do 28 de xullo, ten por obxecto, segundo o artigo 2, a centralización da operativa da xestión e explotación da información relativa aos contratos formalizados e aos contratos menores adxudicados pola Administración xeral da Xunta de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico, e responder como sistema oficial de información dos contratos públicos.

Conforme coa habilitación establecida no artigo 43 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, este órgano de fiscalización considera cumprido o deber de remisión ao Consello da información e documentación contractual por parte daqueles centros e entidades co envío de información ao dito Rexistro e a publicación da documentación exixida na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, e polo tanto, sen necesidade de que envíen ningunha documentación ao Consello de Contas.

Para estes efectos, dentro dos cinco días seguintes ao remate de cada trimestre natural, o órgano responsable do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico remitirá ao Consello de Contas unha base de datos dos contratos inscritos, con toda a información que conste no Rexistro, así como unha base de datos das encargas a medios propios publicados na plataforma de Contratos Públicos de Galicia (CPG), que recolla, como mínimo, os datos que se especifican no anexo II desta instrución.

IV. Colaboración co Tribunal de Contas.

O cumprimento do deber de remisión da información contractual a que se refire esta instrución por parte das entidades integrantes do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia realizarase con independencia dos sistemas e mecanismos de colaboración que se leven a cabo entre este órgano de control autonómico e o Tribunal de Contas.

No caso das entidades locais a que se refire o artigo 2.b) da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, farase a remisión de dita información contractual ao Consello de Contas de Galicia a través da Plataforma de rendición de contas das entidades locais, e producirá efectos ante o Tribunal de Contas.

V. Medios telemáticos e sinatura electrónica.

O envío da información, documentación ou comunicacións relacionadas nos parágrafos anteriores será efectuado polos procedementos telemáticos habilitados na sede electrónica do Consello de Contas de Galicia, nos que conste a certificación das relacións enviadas.

Na remisión das bases de datos de contratos polo órgano responsable do Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia que se envíen ao Consello por un procedemento telemático específico, deixarase igualmente constancia desta remisión cunha comunicación remitida á sede electrónica do Consello de Contas.

A información remitida deberá estar asinada electronicamente, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, mediante firma electrónica consistente na utilización de claves concertadas nun rexistro previo como usuario.

VI. Requirimento doutra documentación.

Con independencia da información e documentación sinalada nas epígrafes anteriores, o Consello de Contas poderá requirir o envío de documentación adicional en relación cos contratos de calquera natureza e contía, en aplicación do artigo 43 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas e dos artigos 335.3 da LCSP.

Os requirimentos deberán ser atendidos nos prazos e termos neles indicados en cumprimento do deber de colaboración co Consello de Contas de Galicia que teñen todas as entidades integrantes do sector público, a teor do artigo 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, na redacción dada pola Lei 8/2015, do 7 de agosto.

VII. Disposición adicional.

Considéranse órganos de contratación para os efectos de remisión de documentación conforme esta instrución os órganos unipersoais ou colexiados que, en virtude de norma legal ou regulamentaria ou disposición estatutaria, teñan atribuída a dita competencia de forma orixinaria.

VIII. Entrada en vigor.

Esta instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Respecto dos contratos formalizados no exercicio 2020, a remisión da relación anual de contratos a que se refiren os puntos II.2 e III.B) desta instrución deberá realizarse no prazo de 30 días desde a entrada en vigor desta.

ANEXO I

Información trimestral dos expedientes de contratación a remitir
polo Rexistro de Contratos ou directamente polas entidades
que non a envíen ao rexistro

1. Datos referentes á adxudicación do contrato:

a) Ano de formalización do contrato.

b) Entidade contratante.

c) Número de expediente/Clave do contrato.

d) Obxecto do contrato.

e) Tipo de contrato.

f) Procedemento de adxudicación.

g) Publicidade: diarios ou boletíns e datas de publicación.

h) Adxudicatario.

i) Data de adxudicación.

j) Data de formalización.

k) Importe de licitación, incluído IVE.

l) Importe de adxudicación, incluído IVE.

m) Prazo de execución.

2. Documentación a poñer a disposición do Consello a través da Plataforma de contratos ou a aportar en formato pdf:

a) Documento de formalización do contrato.

b) Documentación xustificativa do contrato na que se determinen a natureza e extensión das necesidades que pretenden cubrirse co contrato proxectado, así como a idoneidade do seu obxecto e contido para satisfacelas.

c) Prego de cláusulas administrativas particulares ou documento que o substitúa.

d) Proposta de adxudicación do contrato xunto cos informes de valoración de ofertas que, se é o caso, se tivesen emitido.

ANEXO II

Relación anual de contratos formalizados

1. Datos referentes á adxudicación do contrato:

a) Ano de formalización do contrato.

b) Entidade contratante.

c) Número de expediente/Clave do contrato.

d) Obxecto do contrato.

e) Tipo de contrato.

f) Procedemento de adxudicación.

g) Publicidade: diarios ou boletíns e datas de publicación.

h) Adxudicatario.

i) Data de adxudicación.

j) Data de formalización.

k) Importe de licitación, incluído IVE.

l) Importe de adxudicación, incluído IVE.

m) Prazo de execución.

2. Datos referentes aos contratos menores:

a) Ano de formalización do contrato.

b) Entidade contratante.

c) Número de expediente/Clave do contrato.

d) Obxecto do contrato.

e) Tipo de contrato.

f) Adxudicatario.

g) Data de aprobación do gasto.

h) Importe de adxudicación, incluído IVE.

3. Encargos a medios propios:

a) Obxecto da encomenda: obra/servizos/outros.

b) Denominación.

c) Entidade encomendante.

d) Entidade encomendada.

e) Data da formalización.

f) Data finalización.

g) Orzamento da encomenda.

h) Compensación pola execución.

ANEXO III

Certificación negativa

Don/dona...........................................................................................................................

Cargo...................................................................................................................................

Entidade..............................................................................................................................

Certifico:

Que no exercicio.................. esta entidade non formalizou ningún contrato que se deba incluír na relación anual que debe presentarse ao Consello de Contas de Galicia.

E para que así conste ante o Consello de Contas de Galicia, expido a presente certificación.

........................., .......... de......................... de............