Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 28 de abril de 2021 Páx. 21174

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a proxectos desenvolvidos por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que contribúan a garantir e fortalecer a súa viabilidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT207C).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo da Xunta de Galicia que, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O obxectivo da Axencia é consolidar o sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a difusión e comercialización de bens e servizos culturais de calidade.

Por outra banda, a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, establece no seu capítulo III que a Xunta de Galicia velará pola pervivencia das salas de exhibición cinematográfica sitas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade e fomentará a exhibición de cine mediante axudas outorgadas conforme os criterios que se determinen regulamentariamente.

O día 30 de abril de 2020, por acordo do Consello da Xunta de Galicia, apróbase o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, co que se adoptou un paquete de medidas dirixidas ao sector cultural co obxectivo de paliar esta crise e reactivar o sector cultural e turístico, que se fixo público o día 5 de maio de 2020. Un dos obxectivos do plan é reforzar as estruturas de programación e distribución e potencialas a través do Xacobeo 2021, e entre os seus eixes de actuación encádranse as «Medidas de apoio ao sector audiovisual».

A expansión da COVID-19 está a xerar unha crise sanitaria sen precedentes e que na terceira onda deu lugar a que se declarase un novo estado de alarma mediante Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, para conter a propagación da infección SARS-CoV-22, que foi prorrogado ata o 9 de maio de 2021 polo Congreso dos Deputados. Durante a súa vixencia a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan as medidas no territorio da Comunidade Autónoma, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto no citado real decreto.

A situación da evolución epidemiolóxica xeral en Galicia exixiu unha intensificación das medidas de prevención para evitar a propagación e conter a enfermidade, polo que se ditou a Orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica pero que está a ocasionar un detrimento do emprego, unha maior crise económica e o futuro incerto xerado pola pandemia, e que está a ter un impacto nos proxectos culturais e as súas programacións que se enfrontan a grandes dificultades tanto polos problemas de liquidez como pola interrupción da actividade económica, tendo especialmente un impacto negativo no sector da exhibición cinematográfica galega, que ve ameazada a súa supervivencia ao coincidir as medidas preventivas e de redución da capacidade con profundos cambios no modelo de consumo de películas e coa excesiva dependencia de títulos procedentes dos grandes estudos cinematográficos extracomunitarios que condiciona, en gran medida, a programación das carteleiras.

Neste contexto considérase necesario establecer unha convocatoria de axudas directas a aqueles solicitantes que cumpran cos requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados, o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia. Xustifícase a excepcionalidade por canto non é necesaria a comparación de proxectos entre si e porque a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos con rapidez en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continua.

En consecuencia, e no uso das atribucións que me foron concedidas en virtude do disposto pola Lei 4/2008, do 23 de maio, e o Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, apróbase a convocatoria pública de subvencións a proxectos desenvolvidos por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que contribúan a garantir e fortalecer a súa viabilidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, de conformidade coas seguintes

Bases

Primeira. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións de concorrencia non competitiva establecidas pola Agadic para proxectos de empresas de exhibición cinematográfica comercial, que contribúan a garantir e fortalecer a súa viabilidade, favorecer a captación de público, promover a difusión do cine comunitario e doutras cinematografías con baixa cota de pantalla en España, e fortalecer a actividade empresarial, e convocalas para o ano 2021.

2. Os proxectos que se financien deberán conter accións relacionadas cunha ou varias das propostas que se relacionan a continuación:

2.1. Implantación de tecnoloxía dixital para a venda de entradas ou adaptación dos sistemas xa existentes aos condicionantes derivados da pandemia, compra de dispositivos para o control de accesos, produción de vídeos ou outros materiais explicativos das medidas de seguridade adoptadas.

2.2. Campañas orientadas á reapertura e/ou á captación de público: estudos de impacto, campañas individuais ou colectivas de comunicación e márketing, deseño e realización dos materias utilizados nas ditas campañas, compra de espazos publicitarios e outras accións dirixidas ao fin proposto.

2.3. Programacións especiais ou regulares, dun mínimo dunha semana consecutiva en carteleira, de cine galego (autoria e/ou produción galega): áreas temáticas, monográficos de autores, curtametraxes...

2.4. Programacións especiais ou regulares, dun mínimo dunha semana consecutiva en carteleira, de cinema europeo ou de terceiros países con baixa representación na cota de pantalla anual por número de sesións.

2.5. Realización de campañas orientadas á promoción da cinematografía galega como poden ser eventos de presentación de películas, organización de coloquios relacionados cos títulos exhibidos, presenza de autores e membros do equipo nas proxeccións ou outros que fomenten a interacción entre as películas e o seu público.

2.6. Promocións de entradas a prezo especial ou invitacións dirixidas ao público infantil ou xuvenil e a colectivos profesionais especialmente recoñecidos pola súa implicación durante a pandemia sanitaria.

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou calquera organismo dependente. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos desta resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A xestión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

5. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Salvo cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CT207C, poderase obter información a través do seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: htpp://agadic.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77 e 881 99 60 78.

c) Enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Taboleiro de anuncios da Agadic.

e) Presencialmente.

Terceira. Normativa aplicable

A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta Resolución aprobatoria das bases de subvencións a proxectos desenvolvidos por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que contribúan a garantir e fortalecer a súa viabilidade e se convocan para o ano 2021; o Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

Cuarta. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, titulares ou arrendatarios salas de exhibición cinematográfica independentes, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente para a exhibición comercial de películas cinematográficas.

2. Só se poderá presentar un único proxecto por local. As empresas titulares de máis dun local poderán presentar un máximo de tres proxectos.

3. As salas deberán estar en funcionamento un mínimo de tres meses durante o período subvencionable, salvo por imposibilidade derivada da COVID-19.

Quinta. Requisitos das persoas solicitantes

1. As persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a exhibición comercial de películas cinematográficas, no suposto de persoas xurídicas.

b) Estar dados de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe 963.1, cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Contar cun establecemento ou ser arrendatario del na Comunidade Autónoma de Galicia habilitado como cine, de conformidade coa definición que destes establecementos se determina no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia (punto III.1.1 do anexo) ou ben aqueles habilitados anteriormente a este decreto e que se estean adaptando as tipoloxías da vixente normativa.

d) Realizar a actividade entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2021.

2. No poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto de circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

3. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sexta. Créditos, contías e límites máximos

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, por esgotamento do crédito, sen necesidade de prelación dos proxectos entre si, e una vez esgotado o crédito orzamentario, non se concederán novas axudas, de conformidade co disposto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O criterio de repartición farase por orde de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia sempre que reúnan os requisitos establecidos nestas bases para ser beneficiarios.

3. O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 350.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic para el año 2021, código de proxecto 2015-0003.

4. A contía máxima de axuda poderá chegar ao 100 % do custo do proxecto e quedará suxeita aos seguintes límites:

– Cines de 1 a 3 pantallas: ata 9.000 euros.

– Cines de 4 a 6 pantallas: ata 11.000 euros.

– Cines con 7 ou máis pantallas: ata 13.000 euros.

Estas contías poderanse incrementar nos seguintes casos:

– Para os cines situados en localidades de menos de 25.000 habitantes, a cantidade máxima establecida poderá acadar 1.000 euros máis.

– Para os cines nos que máis do 50 % das películas non nacionais programadas se proxecten en versión orixinal e sexan computadas sobre a totalidade de sesións realizadas durante o período subvencionable, a cantidade máxima establecida poderá acadar 2.000 euros máis.

Sétima. Inicio do procedemento

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Oitava. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, considerarase que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Novena. Documentación complementaria

1. Ademais da solicitude (anexo I) as persoas interesadas nesta subvención presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

1.1. Certificado do acordo social de solicitude da axuda, se o solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda e as súas modificacións, se o solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia:

1.4. Nomeamento de representante ou apoderado legal único, con poder bastante para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria lle corresponda.

1.5. Compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe da subvención que se aplicará a cada un.

1.6. Compromiso de non disolución da agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación específica:

2.1. Ficha resumo do proxecto e da empresa (anexo II). Coas actividades que se pretenden desenvolver de conformidade coa base primeira punto dous.

2.2. Memoria económico-financeira (anexo III). (Que inclúa un orzamento completo e detallado de investimento subvencionable que se prevé realizar no cal figuren os gastos subvencionables sinalados na base décimo sexta así como a previsión de ingresos).

2.3. Copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito que amose a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou otros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Agadic poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de non ter pendente de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma.

– Concesión de subvencións e axudas.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Concesión pola regra de minimis

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeira. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo gobreno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo segunda. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceira. Instrución do procedemento

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados por un único acto pola dirección da Axencia, elevándoos á presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro.

2. Ao se tratar dunha convocatoria aberta en que se dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, unha vez esgotado o crédito da partida orzamentaria asignada se inadmitirán posteriores solicitudes e a dita circunstancia publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

4. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderalle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

En todo caso, non se admitirán a trámite, e ditarase a resolución de inadmisión e arquivo, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na base sexta.

Décimo cuarta. Resolución da convocatoria

1. Unha vez instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente e da documentación requirida, ditará as propostas de resolución das solicitudes recibidas con indicación do importe económico proposto, e irá elevando á Presidencia da Agadic cada unha delas.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164), deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberanse ditar e notificar no prazo máximo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, serán motivadas e farán mención expresa das persoas beneficiarias e da contía da axuda, dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitados e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen terse ditado resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo quinta. Notificacións de resolucións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexta. Aceptación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. A entidade beneficiaria deberalle remitir á Agadic unha memoria económica financeira (anexo III) adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada, e, como máximo, pola diferenza entre ambas cantidades. Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

Décimo sétima. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables todos os necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e que se realicen no período subvencionable. En concreto, terán a dita consideración:

1.1. Gastos derivados da implantación de medidas sanitarias dirixidas ao público asistente e aos traballadores.

1.2. Gastos derivados da implantación ou adaptación de tecnoloxía dixital para promoción na internet e redes sociais, venda de entradas e control de accesos.

1.3. Gastos de contratación de películas cun límite de 300 euros por título de cinema europeo ou de terceiros países con baixa representación na cota de pantalla anual e de 400 euros por título de cinema galego, cando permanezan un mínimo dunha semana consecutiva en carteleira.

1.4. Gastos de deseño e realización de campañas de reapertura de salas e/ou captación de público

1.5. Gastos relacionados con actividades de promoción da cinematografía galega.

1.6. Gastos non descritos entre os anteriores e derivados da realización do proxecto, sempre que se xustifique convenientemente a necesidade na memoria explicativa, cun límite do 20 % da suma dos conceptos relacionados nos puntos anteriores (1.1-1.5).

1.7. Gastos de persoal propio e gastos xerais de mantemento da sala e xestión da estrutura da empresa, cun límite do 40 % do importe do proxecto presentado.

2. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais.

Décimo oitava. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria terá que presentar nos lugares sinalados na base décimo segunda destas bases, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), a documentación que a continuación se indica:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

Debe incluír imaxes ilustrativas da actuación efectuada, da inclusión do logotipo da Xunta de Galicia e da marca Xacobeo 2021.

b) Memoria económico-financeira do estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE así comos os ingresos percibidos (anexo III).

c) Declaración de axudas (anexo IV).

d) Facturas ou documentos xustificantes de gastos, de acordo co establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (BOE núm. 289, do 1 de decembro), de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

e) Documentos xustificativos do seu pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

f) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Carta de pagamento de reintegro no supostos de remanentes non aplicados así como os xuros derivados destes, no suposto que o beneficiario tivese concedido o anticipo.

2. Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado, tampouco xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tiques cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

3. O prazo para presentar a documentación xustificativa rematará o 10 de novembro de 2021.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devengadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

4. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Agadic poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado, que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

6. En canto á subcontratación, observarase o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a persoa titular da Dirección da Agadic ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo novena. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Agadic.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, a xustificación dos gastos conforme o artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o beneficio da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Agadic, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Agadic a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. No caso de agrupacións, todos os integrantes presentarán cadansúa declaración.

e) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control. Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. A tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.1. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente, por si mesmo, o correspondente certificado. No caso de agrupacións, todos os integrantes presentarán cadansúa declaración.

g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

h) As persoas beneficiarias deberán incluír na programación das salas a proxección dun clip promocional de non máis de 90 segundos de duración, facilitado pola Agadic, nun mínimo de 24 sesións en cada unha das pantallas das que dispoña o local de exhibición, durante o período subvencionable.

i) Nas accións promocionais e no material de difusión que se realice ao abeiro do proxecto, as persoas beneficiarias deberán incluír os logotipos da Xunta de Galicia e Xacobeo 2021, seguindo as súas respectivas normativas de identidade corporativa.

j) Subministrar á Agadic, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, a información necesaria para o cumprimento pola Agadic, das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésima. Pagamento e pagamentos anticipados

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. Poderanse realizar pagamentos anticipados, mediante resolución motivada, que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo do 90 % da axuda pública correspondente ao investimento, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia de conformidade co disposto no artigo 63.3 do Decreto 11/2009, do 6 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009 o Consello da Xunta poderá eximir da constitución de garantía, para aqueles beneficiarios non incluídos nos supostos de exoneración do artigo 65.4 do Decreto 11/2009.

2. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada ou dos pagamentos anticipados en canto o beneficiario non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega; a Agadic procederá á comprobación e conseguinte verificación destes datos sen perxuízo do establecido na base décima, así como no suposto de pagamentos anticipados.

Non se poderá estar incurso en ningunha das situacións previstas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia.

Vixésimo primeira. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésimo segunda. Perda do dereito ao cobramento e reintegro das subvencións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente o anticipo percibido, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non comunicar á Agadic a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo custo subvencionable.

c) Non comunicar á Agadic a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido na base vixésimo segunda, punto 2.

d) Non xustificar ante a Agadic o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

e) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Agadic, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

4. Procederá a perda parcial do cobramento da subvención o incumprimento parcial, entendendo por este sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, a Agadic poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

– No caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción e os seus xuros de demora.

– No caso de incumprimento dalgunha das obrigas específicas das persoas beneficiarias establecidas na base décimo novena reducirase un 2 % por cada incumprimento o importe da subvención e, se o caso, deberán reintegrases as cantidades percibidas na dita proporción.

5. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo terceira. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file