Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 30 de abril de 2021 Páx. 21570

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 71/2021, do 29 de abril, polo que se modifica o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

O 18 de setembro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, a través do cal se determinan os órganos superiores e de dirección que conforman as diferentes consellerías.

Tal e como se expoñía no dito decreto, a optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión, a racionalización, o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas e a mellora continua son principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia.

A nova redacción do artigo 61 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, introducida a través da súa reforma mediante a Lei 8/2021, do 25 de febreiro, establece a necesidade da aprobación dunha Estratexia galega de saúde como documento estratéxico plurianual de carácter integral que defina prioridades e obxectivos comúns para os eidos da saúde pública, da prevención de riscos sanitarios, da promoción da saúde, da prestación de asistencia sanitaria e da docencia, formación, investigación e innovación sanitarias.

Por outra banda, os traballos do Consello Técnico de Atención Primaria, creado mediante a Orde do 8 de xullo de 2019 para levar a cabo un proceso de definición estratéxica do novo modelo de traballo deste nivel asistencial, están próximos á súa conclusión definitiva.

Na actualidade, con motivo da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, os órganos superiores e de dirección actualmente existentes na Consellería de Sanidade están centrando a súa atención de xeito prioritario na xestión da situación epidemiolóxica e asistencial derivada da COVID-19.

En consecuencia, só a creación dun centro directivo propio e independente permite cubrir nestas circunstancias a necesidade de acelerar os procesos de elaboración dunha Estratexia galega de saúde que fixe as prioridades transversais das distintas unidades da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, así como de implementación das medidas derivadas da conclusión dos traballos de reforma do modelo de Atención Primaria.

Procede, pois, modificar a estrutura dos órganos superiores e de dirección que actualmente integran a Consellería de Sanidade creando unha Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, de acordo co artigo 25.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de abril de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 8 do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia

O artigo 8 do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, queda redactado nos seguintes termos:

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Saúde Pública.

3. Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Servizo Galego de Saúde.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

3. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Disposición transitoria. Adscricións de órganos e/ou unidades á nova dirección xeral

Mediante a resolución ou resolucións oportunas da persoa titular da Consellería de Sanidade determinaranse os órganos e/ou unidades que se adscribirán á dirección xeral que se crea como consecuencia da nova estrutura orgánica que se fixa neste decreto, mentres non se proceda a adaptar, mediante as correspondentes modificacións, os decretos 136/2019 e 137/2019, do 10 de outubro, polos que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, respectivamente.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación á Consellería de Facenda e Administración Pública

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento de gasto.

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións orzamentarias para dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de abril de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Turismo