Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 7 de maio de 2021 Páx. 23085

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2021 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia, ordenada pola Resolución do conselleiro de Sanidade do 22 de abril de 2021, pola que se encarga a esta fundación a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas correspondentes á categoría de persoal de servizos xerais.

En cumprimento dos artigos 9.3 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procederase a dar publicidade á encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia, ordenada pola Resolución do conselleiro de Sanidade, do 22 de abril de 2021, coas seguintes características:

1. A actividade obxecto da encomenda é realizar os traballos de apoio para a realización das probas selectivas correspondentes do Servizo Galego de Saúde na categoría de persoal de servizos xerais, polo sistema de acceso de discapacidade intelectual, programadas para o día 24 de abril, en xornada de mañá, de conformidade cos requirimentos técnicos que se detallan na correspondente resolución, relativos ás obrigas da entidade encomendante, as directrices de execución e o cronograma das actividades que se van desenvolver.

A categoría convocada é a de persoal de servizos xerais, polo sistema de acceso de discapacidade intelectual.

2. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico de acordo co artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na medida que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia. De acordo co artigo 47 da citada Lei 16/2010, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021

José Flores Arias
Xerente do Servizo Galego de Saúde