Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 7 de maio de 2021 Páx. 23074

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2021 pola que se convocan cursos para persoal do Concello da Coruña.

De acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Concello da Coruña para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal do Concello da Coruña que se encontre en situación de servizo activo (incluído permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 18 de maio de 2021.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.), de acordo cos criterios de selección, poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección das actividades formativas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios selectivos que serán empregados son os aprobados polo Concello da Coruña publicados no xestor de contidos Alfresco.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. O seguimento das actividades formativas

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá, en primeiro lugar, realizar todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar na proba de avaliación final.

En segundo lugar, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará en liña ao final dela.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. Nestas actividades as probas de avaliación finais serán en liña. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Concello da Coruña poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Concello da Coruña reservan para si o dereito a suspender ou cancelar as actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Concello da Coruña garantirán nas actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV21032.

Área de coñecemento: Unión Europea: políticas públicas e procedementos comunitarios.

Nome do curso: Deseño e xestión de proxectos europeos.

1. Obxectivos.

Proporcionar ás persoas participantes unha visión xeral acerca dos principais fondos e programas da Unión Europea de maneira que poidan identificar aqueles que resulten máis apropiados para cofinanciar os proxectos. Así mesmo, proporcionaránselles os coñecementos e ferramentas básicas necesarias para poder elaborar, presentar, xestionar e avaliar proxectos cofinanciados por fondos europeos.

2. Destinatario/as.

Persoal ao servizo do Concello da Coruña dos subgrupos C1, A2 e A1.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 25 h.

Edicións: unha.

Datas: do 5 ao 29 de outubro de 2021.

Proba final en liña: 4 de novembro de 2021, ás 9.30 h.

4. Contido.

Módulo 1. O marco financeiro plurianual e a política de cohesión.

Módulo 2. Deseño e elaboración de proxectos e presentación de candidaturas.

Módulo 3. Xestión de proxectos cofinanciados por fondos europeos.

Módulo 4. Avaliación de proxectos.

Código: CV21034.

Área de coñecemento: Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades.

Nome do curso: Organización e simplificación do traballo administrativo.

1. Obxectivos.

Coñecer os factores máis relevantes que poden axudar a administrar mellor o tempo e facelo máis produtivo. Coñecer ferramentas web que permitan realizar un traballo máis eficiente e de calidade.

Fomentar procedementos sinxelos que eviten organizacións burocráticas, lentas e ineficientes.

2. Destinatario/as.

Persoal do Concello da Coruña.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación

Duración: 12 h.

Edicións: dúas.

Datas:

Primeira edición: do 1 ao 14 de xuño de 2021. Proba final en liña: 17 de xuño de 2021, ás 9.30 h.

Segunda edición: do 15 ao 27 de setembro de 2021. Proba final en liña: 30 de setembro de 2021, ás 9.30 h.

4. Contido.

– Ferramentas para a xestión do tempo: atallos de teclado, accesos directos, modelos, predeterminación de formatos, automatización de tarefas, combinación de correspondencia, macros e táboas dinámicas.

– Ferramentas web: funcións e características dos arquivos en PDF, formularios, enquisas, almacenamento de datos, códigos QR, conversores, PDF a Excel, OCR online, etc.

– Técnicas de optimización da xestión do correo electrónico: arquivos de carpetas persoais, as tarefas, regras e alertas, xestión do spam, listas de distribución, marcas de seguimento, exportar e importar información, autotexto, autocorrección, etc.

– Técnicas para mellorar a calidade do correo electrónico: a sinatura electrónica, a tarxeta de presentación electrónica, o formato do correo, os temas e as galerías de estilos.

Código: CV21035.

Área de coñecemento: Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas.

Nome do curso: Os convenios de colaboración: elaboración e tramitación.

1. Obxectivos.

Este curso ten por obxecto o estudo da figura do convenio como instrumento de colaboración e cooperación no ámbito das administracións públicas ao cal estas poden recorrer en determinados supostos para o exercicio das súas funcións. Logo da entrada en vigor da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas, esta figura conta cun novo marco xeral regulador que resolve, en parte, a inseguridade xurídica existente na anterior norma.

Así mesmo, nos diferentes módulos que integran o programa trataranse de analizar, por unha banda, os requisitos formais de validez dos convenios e o seu contido mínimo, e, por outra banda, os trámites que son preceptivos no procedemento para a subscrición de convenios, tendo en conta as especialidades neste procedemento no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se analizarán os diferentes requisitos de publicidade e transparencia que nesta materia exixe a normativa aplicable.

2. Destinatarios/as.

Persoal funcionario ao servizo do Concello da Coruña dos subgrupos C2, C1, A2, A1.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 h.

Edicións: unha.

Datas: do 1 ao 20 de outubro de 2021.

Proba final en liña: 25 de outubro de 2021, ás 9.30 h.

4. Contido.

– Módulo 1. As relacións de colaboración interadministrativa: a figura do convenio na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

1. Introdución.

2. As relacións de colaboración interadministrativa. Principais novidades introducidas pola Lei 40/2015, do 1 de outubro. A figura do convenio: definición e tipos de convenios.

3. Outros instrumentos de colaboración e figuras afíns: especial referencia aos convenios de concesión directa de subvencións.

4. Estudo das principais diferencias entre a figura do convenio e o contrato.

– Módulo 2. Elaboración dos convenios: requisitos formais de validez, suxeitos, contido, eficacia e extinción.

1. Requisitos formais de validez.

2. Suxeitos e contido dos convenios.

3. Eficacia, extinción e efectos da resolución dos convenios: a liquidación do convenio.

– Módulo 3. Procedemento para a subscrición de convenios: trámites preceptivos. A tramitación dos convenios na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Procedemento para a tramitación de convenios: trámites preceptivos segundo a Lei 40/2015, do 1 de outubro.

2. Procedemento para a tramitación de convenios no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia: normativa específica de aplicación, elaboración da memoria xustificativa e informes preceptivos.

– Módulo 4. Publicidade e transparencia en materia de convenios. Protección de datos e confidencialidade.

1. A publicidade en materia de convenios nas diferentes normas de transparencia e bo goberno. Obrigas específicas de información sobre convenios: artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. O Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

3. Cláusulas en materia de protección de datos e confidencialidade.

Código: CV21036.

Área de coñecemento: Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas.

Nome do curso: Prestacións da Seguridade Social e cotizacións.

1. Obxectivos.

– Aproximación ao dereito da Seguridade Social afondando nas materias de cotización e nas diferentes prestacións do sistema.

– Facilitar a comprensión da materia e a aprendizaxe do cálculo de bases de cotización e de prestacións da Seguridade Social.

2. Destinatario/as.

Persoal ao servizo do Concello da Coruña.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 h.

Edicións: unha.

Datas: do 6 de setembro ao 5 de outubro de 2021.

Proba final en liña: 8 de outubro de 2021, ás 9.30 h.

4. Contido.

Lección 1: relación do asegurado coa Seguridade Social. Actos de encadramento. Inscrición de empresas. Afiliación. Altas e baixas na Seguridade Social.

Lección 2: cotización I. Suxeitos obrigados e responsables da obriga de cotizar. Bases e tipos de cotización.

Lección 3: cotización II. Cálculo de bases de cotización por enfermidade común e accidente de traballo

Lección 4: requisitos xerais do acceso ás prestacións e prestacións a curto prazo.

Lección 5: prestacións periódicas da Seguridade Social.

Código: CV21037.

Área de coñecemento: Coñecementos transversais.

Nome do curso: Prevención de riscos laborais en oficinas e despachos.

1. Obxectivos.

Formar os/as traballadores/as en materia de seguridade e saúde laboral segundo o establecido no artigo 19 da Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais.

2. Destinatario/as.

Persoal ao servizo do Concello da Coruña que preste servizos en oficinas e despachos.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 15 h.

Edicións: catro.

Datas:

Primeira edición: do 3 ao 17 de xuño de 2021. Proba final en liña: 22 de xuño de 2021, ás 9.30 h.

Segunda edición: do 16 ao 30 de xuño de 2021. Proba final en liña: 5 de xullo de 2021, ás 9.30 h.

Terceira edición: do 6 ao 20 de setembro de 2021. Proba final en liña: 23 de setembro de 2021, ás 9.30 h.

Cuarta edición: do 24 de setembro ao 8 de outubro de 2021. Proba final en liña: 14 de outubro de 2021, ás 9.30 h.

4. Contido.

Módulo 1. O posto de traballo con PVD.

Módulo 2. Medidas de emerxencia.

Módulo 3. Riscos psicosociais: prevención do estrés.

Módulo 4. Os primeiros auxilios.

Código: CV21038.

Área de coñecemento: Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas.

Nome do curso: Revisión dos actos en vía administrativa.

1. Obxectivos.

O obxecto do curso é expoñer, desde un enfoque práctico, o réxime xurídico da revisión dos actos en vía administrativa na recente Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), analizando os instrumentos que prevé o ordenamento xurídico para garantir o sometemento pleno da Administración pública á lei e ao dereito.

Ao longo do curso afondarase na análise das distintas vías para deixar sen efectos os actos administrativos que non son conformes co dereito ou corrixir os erros que padeza, identificando, en función do vicio presente no acto, o procedemento previsto para a súa revisión.

O curso centrarase na análise dos actos impugnables ou revisables e dos órganos competentes para a súa resolución e farase nel un estudo detallado das clases de recursos administrativos: reposición, alzada e extraordinario de revisión, así como das cuestións relativas á revisión de oficio dos actos administrativos e demais institucións xurídicas relacionadas coa anterior, como a declaración de lesividade, a revogación ou os límites á revisión de oficio.

2. Destinatarios/as.

Persoal ao servizo do Concello da Coruña.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 25 h.

Edicións: dúas.

Datas:

Primeira edición: do 3 ao 28 de xuño de 2021. Proba final en liña: 1 de xullo de 2021, ás 9.30 h.

Segunda edición: do 4 ao 29 de novembro de 2021. Proba final en liña: 3 de decembro de 2021, ás 9.30 h.

4. Contido.

1. Introdución: novidades da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en materia de revisión dos actos en vía administrativa.

2. Revisión de oficio. Declaración de lesividade. Revogación de actos e rectificación de erros.

3. Recursos administrativos. Réxime xurídico xeral e regras comúns á tramitación de recursos.

4. Estudo dos recursos administrativos: recurso de alzada, recurso de reposición e recurso extraordinario de reposición.

5. Reclamacións previas á vía civil e laboral.