Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 7 de maio de 2021 Páx. 23103

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2021 pola que se regula o período de prácticas das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 1 de marzo 2018.

Dando cumprimento ao ordenado na base III.2 da Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e finalidade

O período de prácticas integrado no proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) e modificado pola Orde do 13 de marzo de 2018 (DOG núm. 59, do 23 de marzo) consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos previamente adquiridos polo persoal aspirante.

As prácticas terán como finalidade a súa preparación para o exercicio das funcións específicas tanto da especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria como da especialidade de contabilidade e intervención.

Segundo. Organización e dirección

Encoméndase á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública a organización e dirección do período de prácticas.

Terceiro. Destinos en prácticas

Os destinos en prácticas, por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, serán os obtidos como consecuencia da adxudicación de postos derivada da elección de destino convocada pola Resolución do 8 de abril de 2021 (DOG núm. 71, do 16 de abril).

A realización de prácticas non comporta en ningún caso o desempeño dun posto de traballo.

O persoal funcionario en prácticas estará baixo a dependencia da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e Administración Pública e da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

Cuarto. Duración e xornada de traballo

O período de prácticas comezará o día 10 de maio de 2021.

Segundo o disposto na base III.2 da convocatoria do proceso selectivo, o período de prácticas terá unha duración de dous (2) meses.

Desenvolverase de luns a venres co horario laboral xeral para o persoal da Administración da Xunta de Galicia (das 7.45 ás 15.15 horas).

Quinto. Sistema de cualificación

Unha vez rematado o período de prácticas o persoal funcionario nomeado coordinador das prácticas pola persoa titular da dirección xeral baixo cuxa dependencia prestou servizo remitiralle á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio un informe en que manifeste expresamente se o persoal funcionario en prácticas cumpriu ou non satisfactoriamente coas tarefas encomendadas.

A declaración definitiva de apto/a ou non apto/a competerá ao tribunal cualificador do proceso selectivo, logo de informe proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

Para a avaliación das persoas funcionarias en prácticas é preciso que estas prestes servizo polo menos o 90 % da duración total das prácticas. No caso de que non fose posible por causa de forza maior debidamente xustificada, quedarán dispensados/as de facelo, logo de solicitude do/da interesado/a, mediante resolución da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio. Quedarán obrigados/as a realizar o período de prácticas coa promoción inmediatamente posterior ao momento de desaparición da causa impeditiva, coa prelación que lle corresponda atendendo á puntuación obtida na fase de oposición.

Sexto. Non superación do período de prácticas

O persoal aspirante que non supere o período de prácticas perderá todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, mediante resolución motivada da Consellería de Facenda e Administración Pública por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública e logo do informe favorable da Comisión de Persoal.

Sétimo. Situación durante o período de prácticas

Durante o período de prácticas o persoal aspirante será nomeado persoal funcionario en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais disposicións de aplicación.

Oitavo. Réxime disciplinario

O persoal funcionario en prácticas estará sometido ao disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo, nos termos establecidos no seu artigo 1.1.

Noveno

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública