Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 10 de maio de 2021 Páx. 23259

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).

A Xunta de Galicia conta coa Estratexia galega de RSE 2019-2021 que ten como un dos seus retos estratéxicos contar con «empresas con valores», mediante a promoción e o impulso dos valores da RSE como ferramenta de competividade, produtividade e xeración de emprego de calidade. Unha das accións para lograr este reto é favorecer un emprego de calidade que contribúa a unhas mellores condicións laborais, a unha maior capacitación e á xeración dun medio que fomente a creación de oportunidades de inserción e igualdade.

Tendo como marco de actuación esta estratexia, a Consellería de Emprego e Igualdade fomenta a RSE, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, apoiando a elaboración e implantación de plans de igualdade, a adopción de medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo, dando cumprimento ao establecido pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e ao Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

O Decreto 215/2020, do 3 de decembro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade e atribúelle á Dirección Xeral de Relacións Laborais a execución das competencias en materia de RSE e o impulso e desenvolvemento das políticas de igualdade laboral e de fomento da adopción de medidas de corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas.

O importe global das axudas desta convocatoria ascende a un total de 2.613.000 € que figura na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Polo exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Secretaría Xeral da Igualdade, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, ámbito de aplicación e financiamento

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, axudas e incentivos a pemes, a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo e para implantar a igualdade laboral, código de procedemento administrativo (TR357C), adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral, código de procedemento administrativo (TR357D), así como implantar sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial (RSE), código de procedemento administrativo (TR357B), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Período

Poderán ser subvencionables as accións para as cales se concede a axuda ou incentivo que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2021 e ata a data de final do prazo de xustificación das actividades establecido no artigo 35.

Artigo 3. Liñas das axudas

Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:

Liña I. Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos definidos no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

Liña II. Conciliación (TR357D) que, pola súa vez, comprende tres subliñas:

Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.

Subliña II. 2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.

Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.

Liña III. Certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial. Poderán ser as que se relacionan ou equivalentes: empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación), Global Reporting Initiative (GRI); United Nations Globlal Compact (Pacto Mundial); ISO 19600, SGE 21, Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente), SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade), ISO 45001 (seguridade e saúde laboral), certificación empresa saudable, así mesmo selo horarios racionais (SHR).

Artigo 4. Financiamento e normativa reguladora

O orzamento total desta orde de axudas ascende a 2.613.000 €.

1. A concesión das axudas da liña I realizarase con cargo á aplicación 11.03.324A.474.1, código de proxecto 2019 00023, por un importe total de 689.500 €.

2. No caso da liña II, subliña 1, a concesión dos incentivos realizarase con cargo á aplicación 11.03.324A.474.0, con código de proxecto 2016 00299, por un importe total de 247.500 €.

3. No caso da liña II, subliña 2, a concesión dos incentivos realizarase con cargo á aplicación 11.03.324A.474.0, con código de proxecto 2016 00299, por un importe total de 747.500 €.

4. No caso da liña II, subliña 3, a concesión das axudas realizarase con cargo á aplicación 11.03.324A.771.0, con código de proxecto 2016 00298, por un importe total de 619.000 €.

5. No caso da liña III a concesión das axudas realizarase con cargo á aplicación 11.03.324A.474.1, código de proxecto 2019 00023, por un importe total de 309.500 €.

6. Se unha vez atendidas as solicitudes presentadas nas subliñas 1 e 2 da liña II queda remanente nalgunha delas, poderase incrementar o crédito dunha destas subliñas co crédito sobrante da outra.

7. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III

1. As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas, e deberán contar cun mínimo de 6 persoas traballadoras durante todo o período de execución das axudas.

Tamén poderán presentar solicitude as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia co mesmo número de persoas traballadoras que no punto anterior.

No caso da liña I (plans de igualdade) as empresas deberán contar como mínimo con 15 persoas traballadoras e cun máximo de 100.

Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras por conta allea na data da presentación da solicitude.

O disposto nesta orde respecto do persoal traballador enténdese aplicable tanto ás persoas traballadoras por conta allea como ás persoas socias traballadoras das cooperativas de traballo asociado sempre que estean no réxime xeral da Seguridade Social.

Para todas as liñas será necesario que as entidades solicitantes teñan unha taxa de estabilidade cando menos do 50 % desde o 1 de xaneiro de 2021 e durante todo o período de execución das axudas. Para o cálculo desta porcentaxe só se terán en conta as persoas traballadoras con contratos indefinidos a tempo completo sobre o total dos contratos das persoas traballadoras da empresa.

2. As entidades solicitantes deben estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social para os efectos de subvencións e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

3. No caso da liña I, as solicitantes deberán atoparse nalgún dos supostos seguintes:

a) Empresas que implanten dunha maneira voluntaria un plan de igualdade nos termos exixidos para os plans legalmente obrigatorios.

Para estes efectos, enténdese voluntaria a implantación do plan de acordo co procedemento de negociación establecido segundo o artigo 5 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

b) Cando a empresa implante, en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa, un plan de igualdade nos termos exixidos para os plans legalmente obrigatorios.

4. No caso de grupo de empresas, ou empresas vinculadas segundo a definición do artigo 18 Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades, só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa, e soamente se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro administrativo.

5. Así mesmo, non se outorgarán axudas a empresas ou grupos empresariais que xa fosen beneficiarios destas axudas, polos mesmos conceptos, en anos anteriores.

6. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro nin as entidades públicas.

CAPÍTULO II

Liña I. Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C)

Artigo 6. Conceptos subvencionables

Nesta liña poderán ser obxecto de subvención, ben de maneira conxunta ou ben por separado, os seguintes conceptos:

a) Os custos da elaboración dunha diagnose da empresa desde a perspectiva de xénero. Esta diagnose será elaborada segundo o establecido no artigo 7 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

b) Os custos derivados da elaboración dun plan de igualdade que recolla as accións ou medidas que corrixan as deficiencias detectadas na diagnose previa, e que, como mínimo, deberá conter as medidas establecidas no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

c) Os custos derivados da primeira fase da implantación das medidas prioritarias previstas no plan de igualdade que xa teña aprobado a entidade. Non poderá solicitarse axuda por este concepto na mesma convocatoria en que se soliciten os supostos a) e b).

d) A contratación, no grupo de cotización 1 ou 2, a xornada completa e como mínimo dun ano dunha persoa con titulación de grao e con experiencia e/ou coñecementos acreditados en materia de igualdade, co obxecto de asesorar e coordinar en calquera das fases de elaboración e implantación do plan de igualdade.

Artigo 7. Contías das axudas

a) Ata o 80 % dos custos que leve consigo o proceso de diagnose previa da empresa cun máximo de 3.000 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata de 5.000 € nos demais supostos.

b) Ata o 80 % dos custos derivados da elaboración dun plan de igualdade, cun máximo de 1.500 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata de 3.000 € nos demais supostos.

c) Ata o 80 % dos custos derivados da implantación das medidas prioritarias previstas na primeira fase do plan de igualdade cun custo máximo de 1.000 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata 2.000 € nos demais supostos.

d) Unha contía de 12.000 € pola contratación como mínimo dun ano dunha persoa experta en igualdade.

A contratación prevista na letra d) é compatible coas axudas recollidas nas letras a), b), e c).

Artigo 8. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da escritura de constitución da entidade solicitante, de tratarse dunha persoa xurídica, que acredite o seu domicilio social e a representación da persoa que actúa e asina a solicitude.

b) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

c) Orzamento detallado dos custos para os cales se solicita a subvención, emitido por unha entidade experta en igualdade. A entidade experta deberá acreditar que conta con persoal cunha formación mínima de 150 horas en coñecementos específicos en xénero, igualdade entre mulleres e homes, integración da perspectiva de xénero, prevención e loita contra a violencia de xénero ou outros estudos de xénero ou unha experiencia mínima de dous anos no ámbito da igualdade entre mulleres e homes.

d) Se a solicitude é para os supostos a) e b) do artigo 6:

– Compromiso da dirección da empresa de levar a cabo un plan de igualdade de acordo co capítulo III da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

– Acta de constitución da Comisión Negociadora do plan de igualdade en que debe acreditarse a representación das persoas traballadoras que formen parte dela e a forma de elección.

e) Se a solicitude é só para o suposto b) do artigo 6:

– Copia da diagnose previa da situación da empresa.

f) Se a solicitude é para o suposto c) do artigo 6:

– Nº de depósito no Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia (Rexcon) de acordo co establecido no artigo 11 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

g) Se a solicitude é para o suposto d) do artigo 6:

– Copia do contrato xunto coa documentación xustificativa da súa formación ou experiencia nesta materia ou compromiso por parte da empresa de que se vai contratar unha persoa experta en igualdade.

CAPÍTULO III

Liña II. Conciliación (TR357D)

Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo

Artigo 9. Requisitos específicos das empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas que alén de cumprir cos requisitos do artigo 5 desta orde, non pertenzan aos sectores da economía da tecnoloxía da información e a comunicación (TIC) e que:

a) Formalicen, polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a dous anos, cunha persoa xa vinculada á empresa por contrato laboral e xornada completa, cunha antigüidade de polo menos un ano, e/ou

b) Contraten ex novo persoal na modalidade de teletraballo a xornada completa, e asinen coa persoa traballadora un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a dous anos.

Artigo 10. Requisitos do acordo de teletraballo

1. O teletraballo, xa forme parte da descrición inicial do posto de traballo ou se inicie posteriormente, debe en ambos os casos documentarse mediante o «acordo individual de teletraballo» que deberá cumprir con todos os requisitos establecidos no Real decreto lei 28/2020, do 22 de setembro, de traballo a distancia.

2. O acordo de teletraballo debe indicar, de forma separada e numerada, o contido mínimo establecido no artigo 7 do Real decreto lei 28/2020, do 22 de setembro, de traballo a distancia, e deberá fixar un número mínimo de horas de dedicación ao teletraballo que non poderá ser inferior ao 50 % da xornada semanal ordinaria.

Artigo 11. Contía dos incentivos

As axudas consistirán nun incentivo de 2.000 euros por persoa traballadora cun acordo de teletraballo, ben por adaptación do contrato que teña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 8.000 euros por empresa.

O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina. Este incremento non será aplicable a aquelas empresas que xa o obtivesen noutras convocatorias.

Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria

Artigo 12. Requisitos específicos das empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias, as empresas que alén de cumprir cos requisitos do artigo 5, establezan nun convenio colectivo de empresa, ou mediante un acordo entre a empresa e quen exerza a representación legal das persoas traballadoras ou, na súa falta, coa totalidade do cadro de persoal, medidas de flexibilidade horaria. Poderá acordarse calquera medida de flexibilidade como sistemas de compensación de días e horas, xornada laboral continua ou semana laboral comprimida, permisos especiais no caso de emerxencias familiares e por un período non inferior a dous anos.

Artigo 13. Requisitos do acordo de flexibilidade horaria

O acordo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar de xeito que queden reflectidas as melloras propostas con respecto á situación anterior e o compromiso de que as ditas medidas se manterán durante, cando menos, dous anos.

Artigo 14. Contía dos incentivos

As axudas consistirán nun incentivo de 10.000 euros por empresa solicitante.

O límite máximo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Subliña 3. Subvencións para a adquisición de elementos
tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo

Artigo 15. Empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas que conten cos requisitos do artigo 5 desta orde e teñan un acordo de teletraballo en vigor na data de presentación da solicitude.

Non serán beneficiarias destas subvención aquelas empresas que pertenzan a sectores TIC da economía.

Artigo 16. Actividades subvencionables

1. Será subvencionable a adquisición dos elementos tecnolóxicos seguintes: computador persoal, medios materiais para o acceso a internet e todos aqueles periféricos necesarios para as tarefas para desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware necesarios para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.

2. Non será subvencionable o software nin outro tipo de gasto distinto do sinalado. Así mesmo, non serán subvencionables os tributos e impostos indirectos susceptibles de repercusión (IVE), de recuperación ou compensación.

Artigo 17. Contía das axudas

1. As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 20.000 euros por empresa.

2. A axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas en que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

Artigo 18. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Documentación xenérica:

a) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

b) Copia da escritura de constitución da entidade solicitante, de tratarse dunha persoa xurídica, que acredite o seu domicilio social e a representación da persoa que actúa e asina a solicitude.

2. Documentación específica.

Subliña 1: memoria explicativa das actuacións que se vaian realizar para establecer o teletraballo, na cal deberá especificarse a identificación das persoas coas que se vai subscribir un acordo de teletraballo e a forma de selección.

Subliña 2: memoria explicativa das actuacións que se vaian realizar para establecer a flexibilidade horaria, que deberá expoñerse en forma de táboa comparativa, en que se poidan examinar as condicións laborais existentes antes do acordo de flexibilidade que se pretende implantar e as melloras propostas.

Subliña 3:

a) Acordo de teletraballo en vigor.

b) Orzamento desagregado por conceptos dos gastos derivados do investimento que se vai realizar (sen IVE).

CAPÍTULO IV

Liña III. Certificacións de RSE (TR357B)

Artigo 19. Contía da axuda

Será o pagamento do 80 % dos custos que leve consigo o proceso da certificación ou verificación cun máximo de 2.000 € por empresa.

Artigo 20. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Orzamento detallado dos custos para a obtención da certificación ou verificación para a cal se solicita a subvención.

b) Copia da escritura de constitución da entidade solicitante, de tratarse dunha persoa xurídica, que acredite o seu domicilio social e a representación da persoa que actúa e asina a solicitude.

c) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

CAPÍTULO V

Competencia e procedemento

Artigo 21. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 22. Forma e lugar de presentación de solicitudes (anexos I, II ou III)

1. As solicitudes das distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha destas e, de ser o caso, por cada unha das subliñas.

2.As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I, II ou III) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 23. Forma de presentación da documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos administrativos

1. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa presentación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 24. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

DNI/NIE da persoa solicitante.

NIF da entidade solicitante.

DNI ou NIE da persoa representante.

Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tibutarias coa AEAT.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

Alta no imposto de actividades económicas (IAE), no caso de ser unha persoa autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e presentar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 25. Prazo de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á cal estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei, o incumprimento desta obriga determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 27. Publicación na BDNS

En cumprimento co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 28. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na norma de convocatoria ou non se presenta a documentación exixida, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, despois da resolución que deberá ser pronunciada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O procedemento de concesión dos incentivos e subvencións recollidos nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Avaliación das solicitudes

1. Unha vez instruídos os expedientes pasarán, para o seu exame, á Comisión de Avaliación que informará o órgano instrutor, quen elevará a proposta á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, quen por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, será quen resolva poñendo fin á vía administrativa.

2. A Comisión de Avaliación estará formada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, quen a presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, unha persoa que ocupe o posto de xefatura de sección do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, que actuarán como vogais, e unha persoa funcionaria designada pola presidencia da Comisión, quen exercerá as funcións de secretaría. No caso das axudas das liñas I e II, poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa experta da Unidade Administrativa de Igualdade da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade.

Na composición da Comisión de Avaliación procurarase acadar unha presenza equilibrada entre mulleres e homes.

3. A dita Comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a persoa que exerza a presidencia, ou persoa en que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñan non puider asistir, será substituída por un funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

4. A Comisión de Avaliación, de maneira motivada, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 30. Criterios de avaliación

1. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas, dentro de cada liña e de cada subliña, consonte os criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

a) Segundo o tipo de empresas (de 0 a 5 puntos):

Empresas de 6 (15 no caso de plans de igualdade) e ata 20 persoas traballadoras: 5 puntos.

Empresas de máis de 20 e a ata 30 persoas traballadoras: 3 puntos.

Empresas de máis de 30 persoas traballadoras: 1 punto.

b) Segundo a taxa de estabilidade do persoal da entidade: entenderase por tal a porcentaxe de persoas traballadoras fixas e a tempo completo sobre o total do cadro de persoal da entidade:

Do 51 % ata o 80 %, 1 punto.

Máis de 80 %, 2 puntos.

c) Incidencia no contorno xeográfico en que se desenvolve a actuación: 2 puntos no caso de que a entidade solicitante teña o centro de traballo en que se desenvolva a súa acción nun municipio rural. Son municipios rurais aqueles que non contan con ningunha zona densamente poboada no nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl)”.

d) Se a persoa administradora da empresa é unha muller ou no caso dos consellos reitores de cooperativas se a composición maioritaria está formada por mulleres: 3 puntos.

e) Pola integración laboral de persoas con discapacidade: 1 punto.

No caso de empresas que empreguen un número de 50 ou máis persoas traballadoras a porcentaxe de integración deberá ser superior ao 2 % para a súa valoración.

f) Só para o caso do suposto c) da liña I: pola existencia, dentro do plan de igualdade da empresa, de medidas de apoio á inserción, permanencia e promoción laboral das mulleres en xeral e das que sofren violencia de xénero en particular: 5 puntos.

g) Só para o caso da liña II:

1º. Polo período de tempo polo que se establecen os acordos de teletraballo ou flexibilidade horaria, en cómputo anual e superior ao mínimo de dous anos: 2 puntos por ano, ata un máximo de 4 puntos (só no caso das subliñas 1 e 2).

2º. Por ter implantado un plan de igualdade: 3 puntos.

2. No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate, a orde establecida nos propios criterios de valoración sinalados no número 1 deste precepto. No caso de persistir o empate, terase en conta a data de presentación da solicitude.

3. Unha vez instruídas todas as solicitudes, no caso de que o importe das axudas que se concedan sexa inferior ao orzamento previsto nesta orde, non se procederá a aplicar os criterios de avaliación.

Artigo 31. Resolución e recursos

1. Despois da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente emitirá a correspondente resolución que se lles notificará ás empresas solicitantes.

2. Consonte o sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os 3 meses. Transcorrido este prazo sen que se dicte resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

3. As resolucións que se emitan neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que pronunciou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As empresas comunicarán a resolución de concesión destas axudas solicitadas ás persoas representantes das persoas traballadoras, ou á totalidade do cadro de persoal se non houbese esa representación, indicando a actividade subvencionada e a contía concedida.

5. As resolucións que se emitan neste procedemento deberán comunicar ás empresas beneficiarias das axudas, o importe destas e informar sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Artigo 32. Práctica da notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 33. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 34. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades solicitantes dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento efectuarase a favor das empresas beneficiarias, de modo nominativo e único, pola súa totalidade e despois de que acrediten os gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como incentivo ou subvención e unha vez comprobado polo órgano xestor que seguen cumprindo cos requisitos exixidos para a concesión da subvención.

3. En todo caso, a forma de xustificación deberá axustarse ao previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e en ningún caso serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 35. Prazo de xustificación

O prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro de 2021, agás que na resolución de concesión se estableza, motivadamente, unha data posterior.

Artigo 36. Documentación acreditativa

O pagamento das subvencións e dos incentivos quedará condicionado á presentación da documentación que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

1. Documentación xenérica:

1.1. Documento acreditativo de que a empresa comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a resolución administrativa de concesión dos incentivos e axudas solicitadas. No caso de que non haxa representantes legais, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa. Para deixar constancia de que a dita comunicación foi recibida, as persoas destinatarias deberán identificarse nela co seu DNI, nome, apelidos e sinatura.

1.2. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo IV desta orde.

1.3. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo V desta orde.

1.4. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de xustificación das axudas.

2. Documentación específica:

2.1. Para a liña I, elaboración e implantación de plans de igualdade.

Para os supostos a), b) e c): facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento.

Para a letra a): a diagnose previa da situación da empresa.

Para a letra b): a copia da solicitude de certificación do plan de igualdade presentada ante Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade e o número de depósito no Rexcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia) polo que se acredite o depósito do plan de igualdade cos requisitos a que fai referencia o artigo 6.b) desta orde.

Para a letra c): memoria elaborada pola Comisión de Seguimento e Avaliación do estado de implantación das medidas prioritarias establecidas no plan de igualdade.

Para a letra d): contrato se o que presentou na solicitude foi o compromiso, alta na Seguridade Social, memoria xustificativa das actividades levadas a cabo pola persoa contratada en materia de igualdade, tales como número de reunións, circulares internas ou enquisas, precisando datas e número de persoas traballadoras consultadas e, se é o caso, documentación relativa á elaboración e implantación do plan de igualdade (extensión máxima: 10 folios).

Para as letras a) e b): se a resolución da subvención foi favorable para os dous supostos acumulativamente: solicitude de certificación do plan de igualdade dirixida ao Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade e a comunicación do número de depósito no Rexcon.

2.2. Para a liña II:

1º. No caso da subliña 1 (teletraballo):

a) Documentos de alta na Seguridade Social e do contrato correspondente onde figuren as cláusulas específicas da súa inclusión como persoa teletraballadora, segundo o artigo 13 do Estatuto dos traballadores, cando se trate dun contrato ex novo. De tratarse dunha modificación do contrato de traballo dunha persoa xa vinculada á empresa achegarase o acordo de teletraballo asinado polas partes cos requisitos establecidos no artigo 10 desta orde.

b) Sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas de teletraballo, tales como, de existir, os partes diarios elaborados por parte da persoa teletraballadora onde quede constancia das actividades desenvolvidas, así como informes que a persoa teletraballadora envía ao seu departamento, coas tarefas desempeñadas e os obxectivos conseguidos cada día que desempeña a súa actividade desde o seu domicilio.

2º. No caso da subliña 2 (flexibilidade horaria):

a) Número de depósito no Rexcon do acordo de empresa sobre flexibilidade. No caso de que a empresa careza de convenio colectivo propio e se lle aplique un convenio colectivo sectorial que non recolla un sistema de flexibilidade: acordo de empresa coa representación legal das persoas traballadoras ou, no caso de que non haxa a dita representación, con todas as persoas traballadoras da empresa.

b) No caso de que a empresa teña convenio colectivo propio que non recollese sistema de flexibilidade, acordo da Comisión Negociadora do propio convenio.

c) Memoria onde se reflicta o grao de cumprimento das medidas incentivadas.

3º. Para a subliña 3 (investimentos):

a) Facturas dos gastos para os cales se concede a axuda, xunto cos xustificantes bancarios acreditativos do pagamento.

2.3. Para a liña III: certificacións de RSE.

1º. Certificación ou informe de verificación ou validación emitidos por entidade certificadora acreditada polo estándar ou norma implantada.

2º. Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a empresa beneficiaria da subvención presentase a documentación exixida, requiriráselle para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando a Dirección Xeral de Relacións Laborais na comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, poñerao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo, comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

4. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención en canto a empresa beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigacións tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO VI

Obrigacións, compatibilidade, seguimento e control

Artigo 37. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia

1. A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida nos anexo I, II ou III desta orde.

2. As subvencións desta orde son compatibles coas axudas concedidas por outros entes públicos ou privados, tendo en conta que, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas ao amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de incentivos previstos nesta.

3. Unha entidade non poderá solicitar para a mesma persoa traballadora os incentivos das subliñas 1 e 2 da liña II.

Artigo 38. Obrigacións das beneficiarias

Son obrigacións das entidades beneficiarias as que se detallan no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se está ao día das súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigacións asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, funcións para as cales poderá designar, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, persoal técnico ou funcionario da devandita consellería.

6. A obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 39. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destes incentivos e axudas, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 40. Perda do dereito ao cobramento

Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial das axudas no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 41. Reintegro

1. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Emprego e Igualdade iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total da actividade para a cal se concedeu o incentivo ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobro ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

c) O incumprimento das obrigas sinaladas no artigo 38.3 desta orde dará lugar ao reintegro da totalidade do incentivo ou da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

e) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.

g) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

h) O incumprimento da obriga sinalada no artigo 38.4 desta orde dará lugar ao reintegro do 2 % do incentivo ou da subvención concedida.

i) A obrigación de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

j) Na liña I, a denegación da emisión da certificación solicitada á Unidade Administrativa de Igualdade da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade dará lugar ao reintegro total da subvención.

k) As empresas beneficiarias das axudas da liña II, subliña 3 deberán destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 2 anos segundo o artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento desta obriga de destino será causa de reintegro das axudas concedidas nos termos establecidos no artigo 33 da referida lei.

Artigo 42. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data de ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 43. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social levarán a cabo funciones de control, avaliación e seguimento das liñas de actuación.

2. Para realizar as devanditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao seu dispor para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións e dos incentivos concedidos para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Durante o ano natural seguinte á concesión da axuda para a elaboración e implantación de plans de igualdade (liña I, letras b e c ), a empresa beneficiaria presentará ante o órgano xestor a certificación emitida polo Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 44. Axudas baixo condicións de minimis

1. As axudas establecidas nesta orde están sometidas ao réxime de axudas de minimis; por tanto, non poderán exceder dos límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector de transporte por estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo establécese no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas solicitadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercutan aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Disposición adicional. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obrigación e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas empresas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas pronunciadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para pronunciar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file