Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 11 de maio de 2021 Páx. 23566

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021 pola que se amplía o crédito dispoñible para o exercicio 2021 das bases reguladoras das axudas para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio, susceptibles de seren financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (código de procedemento IG524E)

Mediante a Resolución do 26 de novembro de 2020 publicouse no DOG núm. 244, do 3 de decembro, o Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e convocáronse as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

No punto cuarto do Resolvo establecíase un crédito inicial de 3.000.000 € para o ano 2021, así como que o director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Mediante a Resolución do 18 de febreiro de 2021, publicada no DOG núm. 35, do 22 de febreiro, ampliouse o crédito dispoñible en 4.000.000 € máis, susceptible de ser financiado no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, coa intención de atender unha maior cantidade de solicitudes, tendo en conta o ritmo de presentación de solicitudes.

Unha vez pechada a convocatoria, as previsións de asignación de axudas realizadas para a ampliación de crédito anterior, resultaron moi curtas, dado o número de solicitudes presentadas nos días previos ao remate da convocatoria. Para dar unha axeitada resposta á demanda real e atender a maior cantidade de solicitudes posible é necesaria unha nova ampliación orzamentaria por un importe de 4.000.000 € adicionais.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único. Amplíase en 4.000.000 €, para o exercicio 2021, o crédito das bases reguladoras das axudas para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio, susceptibles de seren financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, que queda establecido do seguinte xeito:

Partida orzamentaria

Ano 2021

06.A1-741A-7700

10.200.000 €

06.A1-741A-4702

     800.000 €

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica