Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 11 de maio de 2021 Páx. 23560

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2021 pola que se convoca o webinario Catro décadas do Estado autonómico: balance e perspectivas desde Galicia.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e aos obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto asinado o 10 de maio de 2021,

RESOLVO:

Convocar, no marco do programa de actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia, o webinario Catro décadas do Estado autonómico: balance e perspectivas desde Galicia, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos e contido

Todos os indicadores de uso común mostran a extraordinaria descentralización en España desde finais dos anos setenta, pasando de ser un dos países da OCDE máis centralizados a estar no máis alto. De feito, dentro da Unión Europea, o Estado español lidera as clasificacións de descentralización fiscal máis comúns, superando mesmo aos países federais cunha longa tradición. Non hai ningún país para emular a nivel mundial. Todos mostran defectos e disfuncionalidades e ou ben optaron por solucións que puidesen considerarse controvertidas en relación ao ditado da literatura económica e política sobre o federalismo, ou ben probaron fórmulas imposibles de replicar para España, debido ás condicións históricas ou legais derivadas da nosa pertenza á Unión Europea. Inevitablemente, o modelo español debe ser propio e diferenciado, axustado ás nosas particularidades.

Con motivo do corenta aniversario da nosa autonomía, procede dispoñer dunha perspectiva desta descentralización para clarificar, en primeiro lugar, se existiu un amplo apoio social e político ao proceso e unha satisfacción xeral e crecente dos cidadáns, así como se razóns tanto políticas (as tensións independentistas) como económicas (a Gran Recesión), puideron xerar un certo descenso neste apoio.

En segundo lugar, neste seminario web analizarase se o dinamismo e a intensidade do proceso xeraron disfuncións e desenvolvementos desequilibrados. En particular, farase fincapé en se se acometeron ou non as necesarias reformas a nivel institucional para o bo funcionamento dun Estado como o español, así como se se cultivou suficientemente a cultura da diversidade propia dos estados federais e se aproveitou a descentralización para experimentar e aprender as mellores prácticas.

Doutra banda, prestarase especial atención á cuestión da nivelación interterritorial, especialmente intensa cando se trata dos recursos dos gobernos autónomos. Neste punto, o webinario pretende arroxar conclusións acerca dos resultados da política rexional do noso país no últimos corenta anos, dilucidando se os investimentos territorializados estatais e as transferencias de nivelación (que permiten reforzar o capital humano e tecnolóxico nas comunidades autónomas receptoras) conseguiron o seu obxectivo de reequilibrio territorial.

Finalmente, tratarase de determinar a incidencia que ten a descentralización en España no cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, advertindo dos problemas que puido carrexar o nivel do goberno rexional nos anos da Gran Recesión, pero sen esquecer o papel xogado pola propia Administración central e a Seguridade Social.

Segunda. Persoas destinatarias

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus entes instrumentais.

Terceira. Desenvolvemento

Data: xoves 20 de maio de 2021.

Modo de impartición: telepresenza.

Horario: das 12.00 ás 14.00 horas.

Duración: 2 horas lectivas.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

• Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

• Conexión estable a internet.

• Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

• Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispón deles).

Cuarta. Número de prazas

60.

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas, unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área na que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en nome do curso: Webinario Catro décadas do Estado autonómico: balance e perspectivas desde Galicia.

3. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 14 de maio de 2021.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co indicado na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, no que deberán achegar a documentación que acredite a Administración á que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Oitava. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningún das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou foron excluídas de acordo co disposto no punto segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como máximo o día 19 de maio de 2021, ás 14.00 horas, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. O seguimento e a puntualidade:

a) É obrigatorio o seguimento da sesión desta actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de seguimento desta actividade.

c) Respecto ao non seguimento:

1. O non seguimento da actividade deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas da actividade pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si la facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria la promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de seguimento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento foise igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública