Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 12 de maio de 2021 Páx. 23726

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 28 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ás librarías de Galicia para a realización de actividades de difusión do libro e da lectura en 2021, e se procede á súa convocatoria para o dito ano (código de procedemento CT224C).

A Constitución española no artigo 44 establece a obriga dos poderes públicos de promover e tutelar o acceso á cultura como dereito da cidadanía. Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia atribúe o marco competencial en materia de cultura á Xunta de Galicia.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no artigo 11 recoñece o papel das librarías como puntos esenciais de venda de libros, así como axente cultural activo indispensable para que a industria do libro manteña a súa pluralidade e creatividade, e para a consolidación do tecido cultural da sociedade.

As librarías de Galicia constitúen un elo indispensable na cadea de valor e de comercialización do libro, así como un espazo fundamental de mediación e de dinamización cultural a través do contacto entre autores/as e lectores.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade establece subvencións de apoio ás librarías de Galicia, relativas a cubrir os gastos das actividades de difusión do libro e de fomento da lectura levadas a cabo este ano 2021.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que acrediten a condición de ser titulares de libraría, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, de acordo co establecido nesta orde (código de procedemento CT224C).

As axudas van dirixidas a apoiar o sector libreiro galego, no que se refire aos gastos derivados das actividades destinadas ao fomento da promoción da lectura e de difusión do libro e de creadores galegos (escritores/as, ilustradores/as e tradutores/as) ou de fóra de Galicia, en 2021.

Para os efectos desta orde, considéranse actividades de promoción da lectura e de difusión do libro e dos creadores/as, entre outras, as presentacións, encontros, lecturas ou actividades similares, levadas a cabo no espazo físico do establecemento libreiro, ou fóra da libraría, así como actos de difusión dos libros a través da páxina web e das redes sociais da libraría, difusión na prensa, radio, internet ou a través doutros medios.

As actividades deberanse realizar desde a publicación desta orde no DOG e ata o 15 de novembro de 2021.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2021.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que acrediten a súa condición de titulares de librarías e desenvolvan a súa actividade en Galicia, de acordo co establecido nesta orde.

2. En todo caso, estarán suxeitas ás limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

3. Non se poden beneficiar das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.770.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, por un importe de 30.000 €.

2. Quedarán excluídas desta axuda aquelas librarías que, logo de aplicado o baremo previsto nesta orde, acaden unha puntuación inferior ao 50 % do máximo total.

3. A axuda non pode superar en ningún caso os 3.000 € por libraría.

4. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O importe final adxudicado a cada entidade determinarase proporcionalmente ao resultado da valoración resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 11 desta orde, coas limitacións establecidas neste artigo.

Artigo 4. Natureza e concorrencia das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde para apoiar as librarías galegas quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) nº 1407/2013. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000,00 € nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

3. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as librarías que sexan persoas xurídicas e para os seus representantes, así como para as persoas físicas que sexan autónomas.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. As librarías das cales sexan titulares persoas físicas, é dicir, aquelas que non prestan servizos na libraría e, polo tanto, que non teñan a obriga de darse de alta como autónomas, opcionalmente, poderán presentar as súas solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

A. Documentación de carácter xeral:

– De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da libraría solicitante, tanto se é persoa física como xurídica. A representación deberase acreditar a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

– Copia do último recibo do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Certificado de exención do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Declaración responsable de exención do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– No caso de que a libraría, sexa persoa física ou xurídica, non conste inscrita nas bases de datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e/ou da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar unha certificación que acredite o motivo polo cal non figura inscrita nas ditas bases de datos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achege.

B. Documentación específica:

– Memoria detallada das actividades de difusión de libros que vai levar a cabo a libraría, con indicación da data, o lugar, o número de actividades, a/as persoa/s participantes, o público asistente, breve descrición da actividade e o orzamento detallado de cada unha das epígrafes.

– Memoria detallada das actividades de difusión de libros que se van levar a cabo na páxina web da libraría, prensa, radio, internet ou calquera outra canle, con indicación da data, número de actividades, persoa/s participantes, público asistente, breve descrición da actividade e orzamento detallado de cada unha das epígrafes.

– A documentación que se achegue coa solicitude debe estar obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia.

– A Secretaría Xeral de Cultura poderalles pedir ás persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou os orixinais que considere necesarios para acreditar os datos que figuren na solicitude, incluídos albarás, facturas, etc.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para as librarías que sexan persoas xurídicas e os seus representantes, así como para as persoas físicas que sexan autónomas. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

– As librarías que sexan persoas físicas, aquelas que non teñan a obriga de darse de alta como autónomos, opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

– As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

– Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

– No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Certificación de domicilio fiscal.

j) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Procedemento de instrución

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha Comisión de Avaliación que se axustará aos preceptos contidos na sección terceira da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

3. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, segundo os criterios establecidos nesta orde. O dito órgano colexiado, Comisión de Avaliación, estará constituído polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, nomeado/a pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

– Vogais:

A persoa titular da Xefatura do Servizo do Sistema de Bibliotecas.

A persoa titular da Xefatura do Servizo do Libro, Publicacións e Depósito Legal.

Una persoa funcionaria de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

4. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios establecidos no artigo 11 desta orde, e a repartición económica realizarase proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites determinados no artigo 3.

5. Ningunha libraría poderá recibir unha axuda que exceda o 80 % do custo total das actividades realizadas.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraraas a Comisión de Avaliación a que fai referencia o artigo 10, número 3, de acordo cos seguintes criterios e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

1) Actividades de difusión de carácter presencial na libraría:

a) Polo número de actividades:

– Ata 5 actividades, incluídas: 5 puntos.

– Máis de 5 actividades: 10 puntos.

b) Polo menos 2 das actividades coa presenza de autor/a (escritor/a), ilustrador/a ou tradutor/a: 15 puntos.

2) Actividades de difusión de carácter presencial fóra da libraría:

a) Polo número de actividades:

– Ata 5 actividades, incluídas: 5 puntos.

– Máis de 5 actividades: 10 puntos.

b) Polo menos 2 das actividades coa presenza de autor/a (escritor/a), ilustrador/a ou tradutor/a: 15 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 50 puntos.

Actividades de difusión de carácter non presencial na libraría:

a) Difusión a través da páxina web da libraría: 10 puntos.

b) Difusión a través de redes sociais ou doutras canles dixitais: 10 puntos.

c) Difusión na prensa escrita e/ou dixital, na radio ou noutros medios distintos: 10 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 30 puntos.

Artigo 12. Proposta de resolución

Unha vez avaliados os proxectos segundo os criterios establecidos no artigo 11 desta orde, a Comisión de Avaliación remitirá o seu informe á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro que, como órgano instrutor, elaborará a proposta de resolución na cal se incluirá unha listaxe que indique a puntuación asignada a cada proxecto.

Artigo 13. Resolución

O órgano instrutor trasladará a proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, quen ditará a resolución de concesión, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web https://www.cultura.gal. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

3. O prazo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 14. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións administrativas, provisional e definitiva, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://www.cultura.gal

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

No suposto de que algunha libraría non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular unha proposta de resolución complementaria en que se adxudique o importe dispoñible a aquelas solicitudes valoradas pola comisión e que resultasen beneficiarias sen alcanzaren o límite fixado no artigo 3.3 destas bases.

Artigo 18. Xustificación

1. As librarías beneficiarias das axudas, para percibiren a subvención, quedan obrigadas a acreditar a realización das actividades subvencionadas e a xustificar a totalidade do orzamento no prazo establecido nesta orde. En caso de non xustificaren a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A xustificación das axudas deberase realizar do seguinte xeito:

2.1. Para o pagamento débese presentar, antes do 30 de novembro de 2021, a seguinte documentación:

– A/as factura/s xunto co xustificante do pagamento realizado á/ás persoa/s participante/s na actividade de difusión, de ser o caso.

– A/as factura/s xunto co xustificante do pagamento realizado polo alugamento, acondicionamento dos espazos ou calquera outro gasto para a realización das actividades fóra da libraría, de ser o caso.

– Material fotográfico, copia de material divulgativo en que quede acreditada a realización da/das actividade/s presenciais na libraría.

– A/as factura/s xunto co xustificante de pagamento realizado ao diario escrito e/ou á radio en que se realizou a difusión.

– Comunicación que acredite a plataforma ou plataformas dixitais onde se realizou a difusión.

– Material divulgativo, de ser o caso, tal como carteis, folletos... en que se acredite a realización das actividades, que se deberán xustificar mediante a correspondente factura e o xustificante de pagamento.

– Factura/s xunto co xustificante do pagamento da divulgación na páxina web e/ou nas redes sociais, de ser o caso.

– Calquera outra que xustifique un gasto imprescindible para a realización das actividades obxecto desta orde.

Artigo 19. Pagamento

1. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase gasto realizado e pagado o que se acredite entre a data de publicación desta orde no DOG e o prazo de xustificación previsto nesta orde.

2. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e/ou entidade que emitiu a factura.

3. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

5. A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

6. Cando as actividades sexan financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberanse acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, a persoa peticionaria deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

4. Se para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, débese cumprir co que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

5. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requiran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 21. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 24. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file