Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 14 de maio de 2021 Páx. 23961

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2021, conxunta da Academia Galega de Seguridade Pública e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

No ano 2007 creouse a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), por medio da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro (DOG núm. 16, de 23 de xaneiro), como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellería competente en materia de interior e xustiza.

A Academia Galega de Seguridade Pública ten orientada a súa actuación ao:

1. Enriquecemento do capital humano dos servizos de seguridade pública mediante a súa capacitación a través da formación, a innovación e a excelencia.

2. Compromiso de xerar e transferir as bases de coñecemento para a mellora das políticas en materia de seguridade pública.

3. Impulso da calidade nos servizos de seguridade pública para unha mellor atención ao cidadán e maior satisfacción dos seus xestores.

As funcións formativas da Academia Galega de Seguridade Pública son as seguintes:

1. No ámbito da formación xudicial e penitenciaria e da seguridade privada: organizar e realizar nas materias de seguridade pública, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e cos ministerios competentes en materia de xustiza e interior, así como con outros organismos, universidades ou centros de investigación, actividades dirixidas á formación de xuíces e fiscais, dos funcionarios de institucións penitenciarias e dos traballadores da seguridade privada, a través do asinamento dos oportunos convenios.

2. No ámbito da formación policial:

– Elaborar os programas formativos e impartir os cursos dirixidos ao ingreso e á promoción interna nas distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais, así como a súa formación continua, perfeccionamento e especialización.

– Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.

– Facilitarlles aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais.

3. No ámbito da formación de protección civil, bombeiros e axentes forestais:

– Elaborar os programas formativos e impartir os cursos de formación e perfeccionamento dirixidos aos integrantes dos servizos de protección civil e aos membros dos corpos de bombeiros das entidades locais coas que se formalice o correspondente convenio de colaboración.

– Impartir os cursos dirixidos aos axentes forestais.

– Colaborar coas entidades locais na selección e formación continua do persoal integrante dos corpos de bombeiros e de protección civil.

– Facilitarlles aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos de bombeiros e protección civil, establecéndose os convenios oportunos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en adiante Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se fose o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable a efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no apartado anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito de formación da Academia Galega de Seguridade Pública:

a) Emisión de diplomas e documentos de accións formativas realizadas pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no apartado anterior serán:

a) A Academia Galega de Seguridade Pública como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Academia Galega de Seguridade Pública como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «Academia Galega de Seguridade Pública» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e a realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «Academia Galega de Seguridade Pública» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega
de Seguridade Pública

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia