O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, dispón que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/das profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.
A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión gratuíta de bens da Comunidade Autónoma a outras administracións públicas, fundacións públicas e entidades sen ánimo de lucro, sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o cesionario quedará obrigado a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.
A Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento de seus fins, que actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.
Mediante escrito de solicitude presentada no rexistro electrónico, do 18 de febreiro 2021, con número de entrada 2021/10147811, a Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal (A Coruña) solicitou a cesión en propiedade dun artefacto flotante de circulación forzada (batea) do cal é titular a Xunta de Galicia e que está adscrito á Consellería do Mar.
A dita confraría destinará o ben a fins de utilidade pública ou interese social e, de xeito especial, á mellora dos bancos marisqueiros en autorizacións da entidade co fin de levar a cabo unha extracción responsable e sostible, polo que se considera oportuno cederlle en propiedade o citado ben.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das facultades que me confiren a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1
Acordar a cesión en propiedade á Confradía de Pescadores da Pobra do Caramiñal do artefacto de circulación forzada, xunto co material que hai no seu interior para o seu correcto funcionamento (cubetas, bandexas, barutos de cribado, bandexas de almacenaxe, etc...)
Artigo 2
A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:
a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, os bens cedidos destinaraos a entidade cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial á mellora dos bancos marisqueiros en autorizacións da confraría.
b) Coa cesión outórgaselle á Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal a propiedade do ben moble cedido.
c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos da conservación, mantemento e transporte dos bens mobles cedidos.
d) Tanto se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado, como se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de valoración pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.
Artigo 3
A cesión formalizarase mediante acta subscrita pola Secretaria Xeral Técnica desta consellería ou funcionario/a en quen delegue, e nela deberán constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.
Artigo 4
Correspóndelle á Consellería do Mar verificar a aplicación do ben cedido sinalado no artigo 1 co obxecto de comprobar que se aplican aos fins que deron lugar á cesión, para o cal poderá adoptar cantas medidas sexan necesarias.
Disposición derradeira primeira
A Consellería do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar