Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 19 de maio de 2021 Páx. 24525

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 7 de maio de 2021 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís para a realización de programas de ocio educativo e tempo libre durante a campaña de verán 2021 para colectivos xuvenís (código de procedemento BS304A).

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á mocidade no ámbito do ocio e do tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro, a Consellería de Política Social inclúe entre os seus obxectivos o de favorecer a participación da mocidade en actividades deste tipo e para iso convoca, cada ano, a oferta de servizos e recursos para a campaña de verán.

Mediante a presente orde preténdese articular a utilización das instalacións xuvenís de que é titular a Consellería de Política Social, conscientes de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a mocidade non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para iso, unha necesidade que pode ser aínda máis complexa na situación actual derivada polo impacto social da COVID-19.

En consecuencia, co obxecto de lle facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer educativo e tempo libre sen ánimo de lucro durante a Campaña de verán 2021, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A Consellería de Política Social convoca a presente oferta do uso das súas instalacións xuvenís para a Campaña de verán 2021, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304A).

Artigo 2. Servizos ofertados e duración das quendas

O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:

a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

b) Do material, excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación e que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

c) Xerencia e persoal de servizo.

A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I.

O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último, o xantar do último día de estadía concedida.

Os custos de traslado á instalación, tanto o día de chegada como o de saída, serán por conta da entidade ou grupo adxudicatario.

Artigo 3. Entidades e grupos destinatarios

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

a) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

b) Os consellos locais e municipais de xuventude.

c) Corporacións locais.

d) Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa mocidade.

e) Grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para a realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Artigo 4. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes dos grupos de persoas mozas non asociadas presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as demais entidades establecidas no artigo 3.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. No número de prazas solicitadas incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento de actividades de tempo libre. Así mesmo, incluiranse as persoas que acompañen as persoas mozas en calidade de responsables destas, ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de sete (7) días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Documentación complementaria

A documentación complementaria relacionada no artigo 12 presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Inscrición no Rexistro de Entidades Xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Inscrición no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Criterios de adxudicación

1. Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

a) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma galega, e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Consellos locais e municipais de xuventude galegos.

c) Corporacións locais galegas.

d) Grupos de persoas mozas galegas non asociadas, segundo o establecido no artigo 3.

e) Outras entidades públicas ou privadas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que o soliciten con fins asistenciais.

f) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, entidades que realicen actividades coa mocidade e grupos de persoas mozas, domiciliados noutras comunidades autónomas.

2. Pola súa banda, dentro do previsto no número anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

b) As que soliciten un maior número de días ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

c) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente aos/ás seus/súas membros ou ás persoas asociadas.

d) As entidades e grupos que non dispuxeron de prazas na última convocatoria do uso de instalacións xuvenís dependentes da consellería ou, no caso de empate, nas dúas últimas convocatorias, agás que, no caso de renuncia, non a comunicasen no prazo establecido, caso en que pasarán a ocupar o último lugar nos criterios de adxudicación.

e) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar as persoas participantes.

3. No caso de persistir o empate, realizaríase un sorteo por medios informáticos para determinar as entidades ou grupos adxudicatarios.

Artigo 9. Instrución e resolución

1. O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia.

2. A valoración das solicitudes presentadas corresponderalle a unha Comisión de Valoración constituída para o efecto, e que estará integrada:

a) Pola persoa titular da xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude, que a presidirá.

b) Polas persoas titulares das xefaturas dos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

3. A Secretaría da Comisión, con voz pero sen voto, corresponderalle a unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, nomeada por resolución da persoa titular da citada dirección xeral. No caso de ausencia será substituída por outra persoa funcionaria da citada dirección xeral nomeada do mesmo xeito.

4. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión de Valoración, elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano competente para resolver será a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

6. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia, conforme o sinalado no artigo 10, no prazo máximo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde. Se vence o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

Artigo 10. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

Artigo 11. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa. Se non o for, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Reserva de prazas, primeiro pagamento e renuncia

1. Unha vez notificada a resolución, as entidades beneficiarias están obrigadas, no prazo de 5 días hábiles:

a) A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 25 % do importe correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable, nin descontable no seguinte pagamento, no caso de que decaia a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, nin se a entidade adxudicataria anula a reserva de utilización da instalación ou reduce o número de usuarios/as previstos/as ou os días de uso solicitado.

b) A presentar a seguinte documentación, dirixida ao Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social correspondente á provincia en que estea a instalación adxudicada:

1º. Breve proxecto de actividades que se van realizar. As actividades incluídas no proxecto deberán, en todo caso, respectar os dereitos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidas na Constitución española, así como as medidas hixiénico-sanitarias propias da instalación e as ditadas polas autoridades sanitarias competentes para facer fronte á COVID-19.

2º. Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante.

3º. Xustificante do aboamento do 25 % expresado anteriormente.

2. Se, transcorrido o prazo de 5 días hábiles desde a publicación da adxudicación non se cumpre o disposto no número anterior, declararase expresamente a revogación da adxudicación e a desistencia da solicitude, a través da oportuna resolución que será ditada nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. As prazas adxudicadas quedarán dispoñibles conforme o procedemento sinalado no artigo 13.

3. No caso de que algunha entidade ou grupo non formal renuncie ás prazas adxudicadas, estas quedarán dispoñibles conforme o procedemento sinalado no artigo 13. As renuncias deberán presentarse conforme se indica no artigo 7.

No caso de non comunicar a renuncia no prazo dos 5 días hábiles seguintes ao da publicación da resolución de adxudicación, na convocatoria seguinte a entidade ou grupo pasará a ocupar o último lugar dentro dos criterios de preferencia e prioridade descritos no artigo 8.

Artigo 13. Dispoñibilidade das prazas non ocupadas

1. No caso de que, unha vez adxudicadas as prazas conforme os artigos precedentes, queden prazas sobrantes, disporase delas en fase de resultas.

As prazas dispoñibles nesta fase de resultas serán publicadas na páxina web de xuventude (http://xuventude.xunta.es/).

2. As entidades e os grupos que presentaron unha solicitude no prazo do artigo 4 e non resultaron adxudicatarias por aplicación dos criterios recollidos no artigo 8 terán prioridade para o acceso a estas prazas. Disporán da prioridade sinalada durante un prazo de 5 días hábiles contado a partir da publicación das prazas de resultas na páxina web.

As entidades e grupos interesados remitirán a súa solicitude de prazas mediante un correo electrónico, no enderezo ofertaconcertada.benestar@xunta.gal, cunha antelación mínima de 7 días hábiles á data de inicio da estadía que se solicita.

A adxudicación das prazas de resultas realizarase por orde de recepción de solicitudes.

3. Unha vez rematado o período de prioridade sinalado no número 2, as prazas restantes dispoñibles poranse á disposición de calquera entidade ou grupo interesado que cumpra os requisitos do artigo 3, mediante a apertura dun novo período de solicitudes. Estas novas solicitudes presentaranse tamén por correo electrónico, no enderezo ofertaconcertada.benestar@xunta.gal, cunha antelación mínima de 7 días hábiles á data de inicio da estadía que se solicita.

A adxudicación das prazas de resultas a estas entidades e grupos non prioritarios realizarase, así mesmo, por orde de recepción de solicitudes.

Artigo 14. Autorización de uso temporal

1. Transcorridos 15 días hábiles desde a finalización do prazo establecido no artigo 12, a entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación conforme o modelo dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es e aboar o 75 % do importe correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de persoas usuarias ao inicio da actividade é menor do confirmado, ou se o número de días é, así mesmo, inferior ao confirmado.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso e o xustificante do segundo ingreso presentaranse no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da provincia en que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación das persoas responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións exixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre.

Nos cinco días hábiles anteriores ao comezo da ocupación deberá presentarse, no Servizo de Xuventude e Voluntariado da xefatura territorial, a relación de persoas usuarias das prazas adxudicadas.

2. Cumpridas as condicións anteriores, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social facilitaralle á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

Se, transcorridos os diferentes prazos establecidos neste artigo as entidades beneficiarias non fixeron os pagamentos correspondentes, procederase de acordo co disposto no número 2 do artigo 12.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias estarán obrigadas:

a) A cumprir os requisitos exixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude.

b) A observar as normas de réxime interno da instalación da que sexan adxudicatarias, así como as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

c) A cumprir as medidas hixiénico-sanitarias da propia instalación, así como aquelas ditadas polas autoridades sanitarias competentes para facer fronte á COVID-19.

d) A responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto. As actividades que desenvolva o grupo non teñen a consideración de actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que os riscos, accidentes e danos derivados das actividades que desenvolva a entidade ou grupo serán responsabilidade exclusiva da dita entidade ou do grupo adxudicatario.

e) A aboar o importe dos danos que se produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

f) No caso de que se queiran utilizar as piscinas da instalación adxudicada, cada entidade deberá dispor do seu propio persoal socorrista.

Artigo 16. Tarifas

1. Os prezos dos servizos ofertados nesta orde aparecen recollidos no anexo I, punto A.1, da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

De conformidade co disposto na Orde do 1 de abril de 2016, aqueles grupos que figuren inscritos no rexistro da Consellería de Política Social como entidades prestadoras de servizos sociais gozarán dun desconto do 50 % sobre os prezos sinalados.

Así mesmo, conforme o disposto na Orde do 1 de abril de 2016, as asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade domiciliadas na Comunidade Autónoma galega e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado terán un desconto do 50 % sobre os prezos sinalados.

2. O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que se atoparán á disposición das persoas interesadas na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou en calquera xefatura territorial da Consellería de Política Social.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar os actos ou instrucións para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

ANEXO I

Provincia

Instalación xuvenil

Datas

Nº prazas ofertadas

Total de prazas

A Coruña

Albergue xuvenil Marina Española-Bergondo

15-20 de xuño

60

250

23-28 de xuño

60

1-10 de setembro

60

Campamento xuvenil Espiñeira-Boiro

26 de agosto-4 de setembro

70

Lugo

Albergue xuvenil Area-Viveiro

21-30 de xuño

70

206

Campamento xuvenil A Devesa-Ribadeo

26 de agosto-4 de setembro

46

Residencia Xuvenil LUG I

19-23 de xullo

30

26-30 de xullo

30

2-6 de agosto

30

Pontevedra

Campamento xuvenil Pontemaril-Forcarei

23 de agosto-4 de setembro

70

130

Albergue xuvenil As Sinas-Vilanova de Arousa

21-30 de xuño

60

586

missing image file
missing image file