Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 20 de maio de 2021 Páx. 24800

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2021, conxunta da Consellería de Sanidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se habilitan os puntos de vacinación fronte ao SARS-CoV-2 como oficinas de rexistro para a obtención do sistema de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, Chave365, durante o proceso de vacinación fronte á COVID-19.

O protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobado pola Orde do 6 de febreiro de 2014, regula o sistema de claves concertadas Chave365 como mecanismo alternativo aos certificados electrónicos para a identificación e sinatura das persoas interesadas.

O sistema iniciou o seu funcionamento mediante a Resolución conxunta do 3 de setembro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se acorda a posta en funcionamento de Chave365, servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A dita resolución establece que, para utilizaren este servizo, as persoas interesadas poderán darse de alta en Chave365 electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente en calquera dos órganos ou unidades administrativas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia que realicen as funcións de rexistro de usuarios Chave365.

A Resolución conxunta do 15 de setembro de 2016, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Consellería de Sanidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se acorda a habilitación dos centros de saúde e hospitais do Sistema galego de saúde como centros acreditadores do servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, Chave365, estendeu a posibilidade de darse de alta en Chave365 aos ditos centros do Sistema galego de saúde.

Actualmente máis de 200.000 persoas son usuarias do sistema de identificación e sinatura Chave365 o que lles permite o acceso a distintos servizos electrónicos do sector público autonómico, como a sede electrónica ou o servizo É-Saúde.

No ano 2020 e no contexto da crise sanitaria ocasionada pola expansión do coronavirus COVID-19, declarada pandemia pola Organización Mundial da Saúde (OMS) o 11 de marzo de 2020, a Xunta de Galicia promoveu o desenvolvemento e posta en marcha do sistema Passcovid.gal na Orde do 18 de agosto de 2020 pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

A dita orde establece que o sistema Passcovid.gal estará dispoñible para as persoas usuarias a través dunha aplicación para dispositivos móbiles, como un máis dos instrumentos que se utilizarán na Comunidade Autónoma galega na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Non se trata, polo tanto, dun elemento illado, senón dun complemento a outros xa aplicados dentro da estratexia global da Administración autonómica de loita contra o virus e os seus posibles rebrotes.

Este sistema de información ten entre as súas finalidades ofrecer a través da aplicación un soporte dixital para facilitar a posta en funcionamento das medidas que adopten as autoridades competentes na xestión da crise sanitaria. Para o acceso de xeito identificado ao sistema Passcovid.gal utilízase o sistema de claves concertadas da Xunta de Galicia (Chave365).

A situación de crise sanitaria persiste e conseguir a inmunización da poboación a través da vacinación xeral considérase a medida máis poderosa e eficaz para o control da pandemia. Nestes momentos a Comisión Europea está a coordinar a xestión para a dispoñibilidade das vacinas para todos os Estados Membros da Unión Europea (UE) mediante o Plan de vacinación fronte á COVID-19.

O 27 de decembro de 2020 comezou o Programa de vacinación de Galicia fronte á COVID-19. Os criterios de vacinación quedan recollidos nas sucesivas versións do Plan galego de vacinación fronte ao SARS-CoV-2, da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

A Comisión Europea propuxo a creación dun certificado dixital verde co fin de facilitar a libre circulación segura da cidadanía na UE durante a pandemia de COVID-19. Neste certificado constaría información relativa á situación de vacinación da persoa portadora, á realización de probas PCR con resultado negativo, ou a terse recuperado da COVID-19.

En liña con esta proposta da Comisión Europea, a Xunta de Galicia vai comezar a emitir certificados de vacinación, que no momento da aprobación do certificado dixital verde pasarán a estar aliñados cos criterios nel establecidos para garantir a súa validez en todos os Estados membros da Unión Europea.

O certificado de vacinación e o certificado dixital verde estarán dispoñibles en soporte dixital para as persoas vacinadas polo Servizo Galego de Saúde a través dos sistemas É-Saúde e Passcovid.gal, ademais da súa posible emisión en soporte papel. Para poder acceder ao soporte dixital será requisito imprescindible a identificación inequívoca das persoas usuarias, mediante as modalidades de identificación xa establecidas en cada un dos sistemas de información.

O certificado de vacinación é un instrumento de especial relevancia na xestión desta pandemia, polo que é de interese social achegalo ao maior número de persoas posible e, en concreto, a cada persoa que estea vacinada.

Coa finalidade de facilitar ás persoas a dispoñibilidade do sistema Chave365, e de conformidade co establecido na Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como na Resolución conxunta do 3 de setembro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se acorda a posta en funcionamento de Chave365, habilítase a posibilidade de que as persoas interesadas se dean de alta en Chave365 no mesmo punto de vacinación no momento de seren chamadas para a dita vacinación. Desta maneira, calquera persoa, se así o autoriza, poderá acceder a través do seu dispositivo móbil a calquera dos sistemas antes mencionados, e acceder ao seu certificado de vacinación ou certificados posteriores que recollan esta información.

A disposición adicional primeira da Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autoriza a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En definitiva, á vista do exposto,

RESOLVEN:

Primeiro. Habilitación de puntos de vacinación como oficinas de rexistro para a obtención do sistema Chave365

1. Habilítanse os puntos de vacinación establecidos no marco do proceso de vacinación fronte ao SARS-CoV-2 como oficinas de rexistro para a obtención do sistema de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, Chave365, por parte das persoas convocadas no proceso de vacinación.

A esta habilitación daráselle publicidade a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Se no momento de comparecer para a vacinación a persoa interesada manifesta a súa conformidade coa alta en Chave 365, aplicarase o establecido na Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico Galicia, así como na Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico Galicia, isto é:

a) A persoa acreditará a súa identidade no punto de vacinación mostrando o documento nacional de identidade (DNI) ou a tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE). Os cidadáns comunitarios que non teñan a tarxeta de residencia presentarán o certificado de rexistro de cidadáns da Unión e o seu pasaporte.

b) Se se produce unha identificación positiva por parte do persoal empregado público encargado da vacinación, desencadearase un proceso automatizado que xerará e comunicará unha clave de acceso que será enviada ao teléfono móbil da persoa interesada.

3. Para a alta en Chave365 utilizaranse os datos identificativos que constan no sistema do Servizo Galego de Saúde e que constarán no formulario de vacinación que se utiliza para o rexistro no proceso de vacinación.

4. A persoa usuaria poderá modificar os seus datos, darse de baixa no sistema ou rexenerar a súa clave de acceso de acordo co establecido nas normas citadas no punto 2.

Segundo. Vixencia

A presente resolución estendera a súa vixencia ata a finalización do proceso de vacinación derivado da actual situación de emerxencia sanitaria.

Terceiro. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021

Mar Pereira Álvarez

Directora da Axencia para a Modernización

Tecnolóxica de Galicia

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade