Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 20 de maio de 2021 Páx. 24798

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 6 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2021/22 (código de procedemento ED330B).

BDNS (Identif.): 564529.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Aquelas familias con alumnado matriculado en centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos nas modalidades de gratuidade solidaria que se relacionan a seguir:

a) Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (EP), e en 1º, 2º, 3º e 4º de ensino secundario obrigatorio (ESO).

b) Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, e en educación especial (EE), así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído na disposición adicional primeira da orde.

c) Axudas para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

Segundo. Obxecto

As distintas modalidades de axudas teñen como obxecto apoiar as familias con menos ingresos co fin de que dispoñan dos libros de texto e material escolar.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2021/22 (código de procedemento ED330B).

Cuarto. Importe

Fondo solidario de libros de texto: financiado cunha dotación total de 5.100.000,00 euros para o ano 2021 e de 400.000,00 euros para o ano 2022.

Axudas de libros de texto: financiadas cunha dotación total de 6.000.000 euros para o ano 2021 e de 400.000 euros para o ano 2022. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Material escolar: financiado cunha dotación total de 5.100.000 euros para o ano 2021 e de 400.000,00 euros para o ano 2022.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2021. O alumnado que se incorpore ao centro docente fóra deste prazo disporá dun mes contado a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2022.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade