Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 20 de maio de 2021 Páx. 24759

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 6 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2021/22 (código de procedemento ED330B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

Os artigos 4.1 e 83.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establecen, respectivamente, que o ensino básico é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas, e que a comunidade autónoma pode conceder bolsas e axudas ao estudo para garantir a igualdade no exercicio do dereito á educación.

A presente orde integra as diversas modalidades de gratuidade solidaria dos libros de texto dos niveis obrigatorios de ensino: participación no fondo solidario de libros de texto en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria; axudas para adquirir libros de texto en 1º e 2º de educación primaria e en educación especial; e axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial.

Finalmente, hai que mencionar que o calendario de implantación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, de modificación da Lei orgánica de educación (LOMLOE), concretamente os puntos 3 e 4 da disposición derradeira 5ª, regulan a aplicación das modificacións que a citada lei introduce nos currículos nos termos seguintes: no curso 2022/23: 1º, 3º e 5º de educación primaria, e 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria; e no curso 2023/24, 2º, 4º e 6º de primaria, e 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria.

Actualmente, o artigo único da Orde do 29 de maio de 2013 determina o período de vixencia dos libros de texto en 6 anos. Non obstante, a consideración de que o aconsellable é vincular calquera cambio nos libros de texto que esgotaron o período de vixencia de 6 anos ao proceso de implantación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, e á conseguinte adaptación dos currículos, constitúe unha circunstancia excepcional que xustifica a ampliación do período de vixencia dos libros dos cursos 4º e 6º de EP e 1º e 3º da ESO durante o curso 2021/22.

Esta ampliación harmoniza o cambio dos libros de texto coa adaptación dos currículos derivada do cambio lexislativo, e resulta compatible co respecto das exixencias de calidade pedagóxica e científica dos libros de texto á disposición do alumnado a través do fondo solidario e co respecto do principio de sustentabilidade financeira.

Na súa virtude, e en exercicio das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Normas xerais: axudas, contías, obrigas e compatibilidades

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos e para o curso 2021/22, o procedemento administrativo ED330B relativo:

a) Á participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (en diante, EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (en diante, ESO), cursos en que, necesariamente, se manterán os libros de texto do curso 2020/2021.

b) Á convocatoria de axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (en diante, EE), así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído nas disposicións adicionais primeira e segunda desta orde.

c) Á convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

2. O alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2021/22 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, terá dereito á axuda para adquirir material escolar, así como ás establecidas nas disposicións adicionais primeira e segunda, se reúne os requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 2. Asignación de libros e contía das axudas

1. A asignación de libros de texto correspondentes aos cursos 3º, 4º, 5º e 6º de EP e a todos os cursos de ESO que estean dispoñibles no fondo solidario do centro efectuarase:

a) Ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias.

b) Terá preferencia para esta adxudicación o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.

Esgotados os libros dispoñibles no fondo solidario, o centro docente adquirirá os libros de texto complementarios que sexan necesarios para garantir:

a) Ao alumnado con renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: seis (6) libros de texto.

b) Ao alumnado con renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: catro (4) libros de texto.

c) Ao alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %: seis (6) libros con independencia da renda.

O importe máximo que aboará a consellería a cada centro por cada libro complementario adquirido será de 35 € en EP e 40 € en ESO.

2. A contía das axudas para adquirir libros de texto será:

a) Para o alumnado de 1º e 2º de EP:

1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 210 €.

2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 140 €.

b) Para o alumnado matriculado en EE, en centros específicos ou en unidades de EE de centros ordinarios, ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, a contía das axudas será de 275 € con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

c) Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o importe da axuda será o maior correspondente ao ensino e curso en que estea matriculado, con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

d) Para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, a que se refire a disposición adicional segunda desta orde:

Alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de EP:

1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 210 €.

2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 140 €.

Alumnado de ESO:

1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 240 €.

2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 160 €.

3. A contía da axuda para adquirir material escolar destinado a alumnado matriculado en EP e en ESO con renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 € será de 50 €.

O alumnado que estea en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia e o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Artigo 3. Renda per cápita da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, a renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2019 entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.

2. A renda da unidade familiar será o resultado de sumar as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Cando se presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2019, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non se presentase, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

3. Nos casos de violencia de xénero non se terán en conta os ingresos do agresor para determinar a renda per cápita da unidade familiar.

Artigo 4. Membros computables da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) Os pais non separados legalmente nin divorciados ou, de ser o caso, o titor ou titores do alumnado.

b) Os/as fillos/as menores de idade con excepción dos emancipados. Terán a mesma consideración que os/as fillos/as as persoas en situación de tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído.

c) Os/as fillos/as maiores de idade discapacitados ou incapacitados xudicialmente, sempre que estean suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

d) Os/as fillos/as solteiros menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar.

e) Os proxenitores separados legalmente ou divorciados con custodia compartida forman unha unidade familiar cos fillos que teñen en común.

f) A persoa que, por novo matrimonio, en situación de unión de feito ou en situación de afectividade análoga ás anteriores con convivencia, resida no domicilio familiar coa persoa proxenitora do alumnado, agás nos casos de custodia compartida.

2. Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos do punto anterior.

3. Non terá a consideración de membro computable:

a) A persoa proxenitora que non conviva co alumnado nos casos de separación legal ou divorcio, agás no caso de custodia compartida.

b) O agresor nos casos de violencia de xénero.

4. En todo caso, terase en conta a situación persoal e a composición da unidade familiar en 31 de decembro de 2019, agás no relativo á violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.

Artigo 5. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias de libros procedentes do fondo solidario do centro ou de axudas para adquirir libros de texto terán as seguintes obrigas:

1. Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2020/21.

Está excluído desta obriga o alumnado beneficiario de axuda para adquirir libros de texto de 1º e 2º de EP (agás que cambiase de centro antes do 31 de marzo de 2022, caso en que deberá devolver os libros no centro de orixe), o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo a que se refire a disposición adicional segunda, sempre que os libros ou o material adquirido non se poidan reutilizar.

A falta de devolución dos libros de texto será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2021/22.

2. Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2021/22 e devolvelos ao rematar este, en xuño ou setembro, segundo o caso.

3. Destinar o importe do vale para libros a adquirir, única e exclusivamente, os libros de texto que indique o centro en que estea matriculado o alumnado.

4. Destinar o importe do vale para material, única e exclusivamente, a adquirir o material escolar que necesite.

5. Respectar as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Compatibilidades

A axuda para ser beneficiario/a de libros de texto procedentes do fondo solidario do centro ou para adquirir libros de texto e material escolar será compatible con calquera outra axuda para a mesma finalidade doutras entidades públicas ou privadas.

Artigo 7. Financiamento das axudas e do fondo solidario

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade financiará:

1. A adquisición de libros de texto complementarios dos existentes no fondo solidario dos centros docentes, con cargo á aplicación orzamentaria 10.31.423A.628.0, por importe total de 5.100.000,00 € para o ano 2021 e na contía de 400.000 € para o ano 2022.

2. As axudas para adquirir libros de texto con cargo á aplicación orzamentaria 10.31.423A.780.0, por importe total de 6.000.000 € para o ano 2021 e na contía de 400.000 € para o ano 2022. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

3. As axudas para adquirir material escolar con cargo á aplicación orzamentaria 10.31.423A.480.0, por importe total de 5.100.000 € para o ano 2021 e na contía de 400.000 € para o ano 2022.

Os importes correspondentes aos capítulos IV e VII poderán ampliarse conforme o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou, de ser o caso, polo importe doutras achegas do Ministerio de Educación e Formación Profesional para a mesma finalidade.

As contías correspondentes ao capítulo VI poderán ser ampliadas se as dispoñibilidades orzamentarias o permiten.

CAPÍTULO II

Procedemento: normas xerais

Artigo 8. Competencia e procedemento

1. Corresponderá aos centros docentes sostidos con fondos públicos, a través das aplicacións informáticas, tramitar as solicitudes de participación e realizar os demais actos de xestión previstos nesta orde.

Os centros privados concertados actuarán como entidades colaboradoras na xestión do fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar. Esta colaboración formalizarase presentando obrigatoriamente por vía electrónica o modelo normalizado (anexo V) desta orde a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, utilizando o PR004A dirixido á Dirección Xeral e Centros e Recursos Humanos, indicando no asunto «Anexo V. Aceptación da participación como entidade colaboradora», ata o 22 de xuño de 2021 (este incluído).

2. A persoa titular da consellería competente en materia de educación resolverá o procedemento de concesión dos fondos destinados a adquirir libros de texto e material escolar, na forma regulada nesta orde. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación tramitarán as correspondentes ordes de pagamento.

3. O presente procedemento tramitarase de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

4. Así mesmo, de acordo co artigo 23.4 e 5 da citada lei, o prazo máximo para tramitar o procedemento será de cinco (5) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia; transcorrido este, a solicitude poderá entenderse desestimada por silencio administrativo negativo.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.1. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con que conviva en acollemento familiar.

2. A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2021/22, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, en que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2021/22. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean no mesmo centro.

Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2021/22, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2020/21. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a súa entrada en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o alumno resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.

En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito indicando en cal desexa que se tramite.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «fondolibros» (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O formulario de solicitude (anexo I) tamén estará dispoñible:

a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal.

b) Nas dependencias das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.

c) Na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Así mesmo, a aplicación informática permitiralles aos centros docentes xerar solicitudes unha vez introducidos os datos.

5. A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, cumpre os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, que se compromete a conservar en bo estado e a devolver ao finalizar o curso os libros de texto e o material reutilizable recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda para libros de texto.

Artigo 10. Prazo para presentar solicitudes

1. O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2021 (este incluído).

2. O alumnado que, unha vez transcorrido o prazo indicado, pase a estar en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia ou se incorpore a un centro docente sostido con fondos públicos procedente de fóra de Galicia ou dun centro situado en Galicia pero non sostido con fondos públicos, poderá presentar a solicitude no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2022.

3. O alumnado que repita 4º da ESO e aquel que non obteña praza en formación profesional básica no curso 2021/22 e formalice a matrícula no curso da ESO que lle corresponda, cando non presentasen solicitude de participación no fondo solidario nin de axuda para adquirir material escolar no prazo indicado, tamén poderán presentala no prazo dun (1) mes desde a formalización da matrícula.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.

En caso de separación ou divorcio, deberán achegar, ademais, a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

Excepcionalmente (cando non sexa posible facelo polos medios anteriores), poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:

1º. Certificado ou volante de convivencia.

2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

Nos casos especiais en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.

c) Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor ou titores carezan de DNI e NIE.

2. No caso de presentación de documentación complementaria, cómpre distinguir:

a) Documentación complementaria da solicitude (anexo I). Esta documentación complementaria presentarase presencialmente no centro docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) Presentación, mediante o PR004A, do anexo V, anexo VI, anexo VII ou dos talóns de cargo. Esta documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación daquela en que fose realizada a emenda.

c) Nos casos indicados nas letras a) e b), as persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal, familiar e económica en 31 de decembro de 2019, agás no caso de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoas interesada se opoñan á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.

b) DNI ou NIE da persoa representante do/da solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa titular da libraría e/ou da súa representante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

d) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar expedido pola Administración autonómica, de ser o caso.

e) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ou superior ao 33 %), da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, de ser o caso.

En ambos os casos, a data de referencia é o 31 de decembro de 2019.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para consultar:

a) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na falta desta, o certificado tributario de imputacións no exercicio 2019 da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, de ser o caso.

b) NIF da entidade titular da libraría.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Publicación de actos

De conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, daráselle publicidade á listaxe provisional e definitiva de persoas beneficiarias de libros de texto do fondo solidario, á listaxe provisional e definitiva de solicitudes excluídas, indicando a causa de exclusión, e á relación provisional e definitiva de solicitudes de axudas para adquirir libros de texto e material escolar nas cales se detecten deficiencias, indicando a deficiencia detectada ou a documentación de que carezan.

Estes actos publicaranse única e exclusivamente no taboleiro de anuncios situado no interior do recinto escolar.

Así mesmo, as persoas solicitantes poderán acceder por vía electrónica ao seu expediente, a través da aplicación fondolibros, empregando a Chave 365 ou o certificado dixital da Fábrica Nacional da Moeda e Timbre.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os trámites posteriores ao inicio do procedemento deberán realizarse presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos para facilitar a realización dos ditos trámites, que poderán ser empregados por elas.

Artigo 15. Asesoramento, documentación ou autorizacións, requirimento e emenda

1. Os centros docentes prestarán asesoramento ás persoas interesadas para facilitar que cubran as solicitudes de forma correcta. Cando as solicitudes e a documentación se presenten no centro, o persoal deste que as recolla comprobará que está toda a documentación que a persoa solicitante indica no recadro «documentación que se presenta» do anexo I e, así mesmo, os documentos preceptivos que hai que presentar en caso de oposición á consulta automatizada.

2. A comprobación electrónica automatizada ou a achega da documentación necesaria para determinar a renda per cápita da unidade familiar ou calquera outra circunstancia alegada na solicitude ten carácter preceptivo.

3. O centro deberá requirir as persoas interesadas para que corrixan as deficiencias detectadas na solicitude, aclaren a documentación presentada ou acheguen a documentación complementaria necesaria para constatar que concorren os requisitos previstos nesta orde.

Artigo 16. Devolución dos libros de texto do curso 2020/21 e gravación na aplicación

1. Ao rematar o curso 2020/21, o alumnado beneficiario de libros de texto ou do material substitutivo dos libros cando sexa reutilizable, tanto se o recibiron do fondo solidario como se o adquiriron coa axuda para libros de texto, deberá devolvelo ao centro para a súa incorporación ao fondo solidario para o curso 2021/22.

O prazo máximo para devolvelos será o 22 de xuño de 2021, agás para o alumnado de ESO que teña algunha materia pendente, que poderá quedar co libro correspondente ata que se examine e, como máximo, ata o 7 de setembro de 2021.

2. O centro docente gravará a devolución na aplicación fondolibros para coñecer, en 1 de xullo de 2021, o número provisional de exemplares dispoñibles e útiles de cada materia.

Os exemplares de ESO que devolva o alumnado despois dos exames de setembro gravaranse na aplicación ata o 13 de setembro de 2021 (este incluído).

3. A aplicación fondolibros permitirá xerar un documento de «recollida» dos libros de texto efectivamente devoltos, que terá a sinatura da persoa titular da dirección, o selo do centro e a sinatura do representante legal do alumnado, cando este último así o solicite.

Artigo 17. Xestión de solicitudes de libros de texto e de material escolar do curso 2021/22

1. A tramitación das solicitudes de participación no fondo de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar de cada alumno/a para o curso 2021/22, nas fases de gravación, validación, comprobación da renda, admisión e exclusión, realízase na aplicación fondolibros da forma seguinte:

a) O centro gravará as solicitudes recuperando a información de matrícula que xa conste no sistema informático Xestión Administrativa da Educación (XADE), e completará e actualizará a información existente coa indicada na solicitude.

Cando a aplicación fondolibros non recupere a información de XADE, a solicitude poderá gravarse manualmente introducindo todos os datos indicados nela.

Cando a solicitude se presente por vía electrónica, o centro recuperará a información e a documentación introducida no sistema polo solicitante, e completaraa coa información necesaria para a posterior validación.

Para tal efecto, a aplicación informática fondolibros enviará unha comunicación diaria á dirección de correo electrónico do centro sempre que durante o día anterior se presentasen solicitudes por esta vía.

Así mesmo, na pantalla de inicio da aplicación fondolibros aparecerán reflectidas as solicitudes electrónicas pendentes de validar polo centro.

b) A dirección do centro ou o persoal que designe validarán as solicitudes que estean correctamente cubertas, acompañadas pola documentación completa ou, de ser o caso, as autorizacións necesarias para a consulta electrónica automatizada de datos.

c) A aplicación fondolibros comprobará a renda das solicitudes validadas, nos casos de consulta electrónica automatizada; cando se achegase a documentación en papel, o persoal do centro comprobará os ingresos e gravará o resultado na aplicación informática.

d) A continuación, as solicitudes do alumnado matriculado que devolvese os libros pasarán ao estado de admitidas ou, de ser o caso, excluídas, indicando a causa de exclusión; o alumnado da ESO con algunha materia suspensa estará admitido pendente de matrícula.

2. Non obstante, a concesión ou, de ser o caso, a denegación, axustarase aos requisitos específicos fixados nesta convocatoria para: participar nos libros de texto existentes no fondo solidario; ser beneficiario/a da garantía de libros de texto complementarios ou da axuda para adquirir libros de texto, segundo o nivel dos estudos; ser beneficiario/a da axuda para adquirir material escolar.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os centros docentes publicarán, do xeito establecido no artigo 13, a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18 bis. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) y 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.

CAPÍTULO III

Normas específicas do fondo solidario de libros de texto

Artigo 19. Publicación de listaxes provisionais e definitivas de 3º, 4º, 5º e 6º de EP e 1º, 2º, 3º e 4º da ESO.

1. Trámites. A xestión das solicitudes de participación no fondo solidario de libros de texto axustarase, en todo caso, aos seguintes trámites:

a) O centro docente gravará na aplicación fondolibros as solicitudes de participación e a emenda das deficiencias nestas ou na documentación preceptiva.

b) A continuación, cada centro xerará para cada curso:

1º. A listaxe provisional de solicitudes admitidas.

2º. A listaxe provisional de solicitudes excluídas, indicando a causa de exclusión: por estar presentadas fóra de prazo; por falta de emenda das deficiencias da solicitude e/ou da documentación; ou por falta de devolución dos libros de texto recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda nos cursos anteriores.

c) As persoas interesadas poderán reclamar nos dous (2) días seguintes ao da publicación da listaxe provisional; o centro deberá resolver e gravar as reclamacións na aplicación fondolibros.

d) Finalmente, publicará a listaxe definitiva de solicitudes admitidas cos libros asignados e, de ser o caso, o número de libros complementarios que correspondan; así mesmo, incluirá as de solicitudes excluídas.

A publicación destes actos axustarase ao previsto no artigo 13 desta orde.

2. Prazos. Os prazos para realizar os actos de xestión indicados nas letras anteriores poderá fixalos o centro docente, en función das súas necesidades, de forma que quede garantido que os representantes legais do alumnado os coñecen con antelación. O centro só poderá publicar unha única listaxe provisional e unha única listaxe definitiva, respectando as datas que el fixase.

Cando o centro non fixase os seus propios prazos, as datas límite para realizar os trámites indicados no punto 1º serán:

a) Para gravar solicitudes e emendas (EP e ESO): o 6 de xullo de 2021.

b) Para publicar as listaxes provisionais (EP e ESO): o 9 de xullo de 2021.

c) Para gravar o resultado de reclamacións: o 16 de xullo de 2021.

d) Para publicar as listaxes definitivas:

– De EP (3º, 4º, 5º e 6º): o 20 de xullo de 2021.

– De ESO (1º, 2º, 3º e 4º): o 15 de setembro de 2021.

Artigo 20. Traslado do alumnado

No caso de traslado do alumnado antes da entrega dos libros de texto, o centro de orixe marcará a solicitude como trasladada e a persoa interesada solicitará a alta no centro de destino; cando se produza o traslado despois da entrega dos libros, actuarase igual, logo de devolución dos libros recibidos no centro de orixe.

Artigo 21. Adquisición de libros de texto complementarios, xustificación e pagamento

1. Unha vez esgotados os libros de texto dispoñibles no fondo solidario do centro, se algún alumno ou alumna queda sen os libros indicados no artigo 2.1 desta orde, o centro docente adquirirá os libros complementarios necesarios para acadar este número mínimo garantido.

A devandita adquisición realizarase, preferentemente, a través das librarías/establecementos da zona de referencia do centro educativo.

Todos os libros que se adquiran deberán estar dispoñibles en calquera libraría/establecemento da comunidade autónoma.

2. Para xustificar esta adquisición, os centros gravarán na aplicación informática fondolibros o número de libros complementarios adquiridos por curso, así como a suma dos importes de todas as facturas. A persoa titular da dirección do centro ou aquela que designe xerará o informe de xustificación de adquisición de libros de texto complementarios (anexo VII) desta orde.

Este informe, unha vez selado e asinado manualmente ou asinado dixitalmente pola dirección do centro, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, utilizando o PR004A, dirixido á Dirección Xeral e Centros e Recursos Humanos, indicando no asunto «Anexo VII. Xustificación da adquisición de libros de texto complementarios».

Se o importe xustificado supera o importe resultante de multiplicar a contía máxima por libro (35 € en EP e 40 € en ESO) polo número de libros complementarios adquiridos, tramitarase o pagamento polo importe máximo e non se aboará a diferenza.

Non obstante, o importe por curso poderá superar o importe máximo dese curso, sempre que se compense coa correspondente minoración noutro/s curso/s, de xeito que o importe total xustificado non supere o importe máximo por centro, como indica o punto anterior.

Cando o centro realizase unha xustificación por un importe pero, debido a novas incorporacións ou a outras circunstancias, necesite xustificar un importe superior, realizará unha xustificación acumulativa, é dicir, a suma dos importes xa xustificados e dos novos importes, e tramitarase o pagamento pola diferenza.

3. Os centros docentes deberán xustificar as adquisicións de libros complementarios efectuadas o antes posible e, en todo caso, ata o 29 de outubro de 2021. As xustificacións complementarias derivadas de novas incorporacións poderán facerse ata o 19 de abril de 2022.

4. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, unha vez recibida e revisada a xustificación enviada polo centro, procederá á súa validación e tramitará as correspondentes ordes de pagamento, logo das correspondentes resolucións de concesión do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.

Artigo 22. Entrega dos libros de texto do curso 2021/22

1. En EP (3º, 4º, 5º e 6º), o centro poderá entregar os libros de texto asignados a cada alumno/a o día que publique a súa listaxe definitiva ou o día seguinte; tamén poderá pospor a entrega ata o inicio do curso.

2. En ESO (1º, 2º, 3º e 4º), o centro entregará os libros a partir do 15 de setembro de 2021 e, en todo caso, antes do 24 de setembro.

3. En ambos os casos, no momento da entrega dos libros de texto, o centro docente xerará a través da aplicación informática fondolibros un documento de «entrega», que terá a sinatura da persoa titular da dirección, o selo do centro e a sinatura do representante legal do alumnado, ao cal se lle entregará unha copia.

CAPÍTULO IV

Normas específicas de xestión das axudas para adquirir
libros de texto e material escolar

Artigo 23. Xeración e entrega dos vales para adquirir libros texto e material escolar

1. Vale para adquirir libros de texto. Cando o alumnado de 1º e 2º de EP, EE ou con necesidades específicas de apoio educativo a que se refire a disposición adicional segunda desta orde estea admitido, o centro docente, a través das aplicacións informáticas, xerará e entregará o vale para adquirir libros de texto, sempre que conste que está matriculado para o curso 2021/22 e que devolveu os libros dos cursos anteriores, cando proceda.

2. Vale para adquirir material escolar. Cando o alumnado de EP, ESO ou de EE estea admitido, o centro docente, a través das aplicacións informáticas, xerará e entregará o vale para adquirir material escolar, sempre que conste que está matriculado para o curso 2021/22 e que devolveu os libros do curso pasado.

3. O vale para adquirir libros de texto (anexo III) e o vale para adquirir material escolar (anexo IV) estarán selados e asinados pola persoa titular da dirección do centro. Cada unha destas axudas dará lugar á xeración do seu propio vale, que será único para cada alumno/a. Nas aplicacións informáticas quedará constancia da data de xeración de cada vale.

O centro deberá levar un sistema de control dos vales entregados, de xeito que, en todo momento, poida efectuarse calquera comprobación ao respecto, especialmente a data de entrega á persoa beneficiaria.

O centro nunca expedirá un novo vale, en caso de que a persoa beneficiaria ou a libraría o extravíen.

4. Se o persoal do centro detecta algún erro no vale despois da súa entrega, deberá poñerse en contacto coa persoa interesada para requirirlle a súa devolución. Unha vez recuperado, dará de baixa a solicitude, o que supón a anulación do vale e a necesidade de cubrir unha nova para xerar outro vale cos datos correctos.

Cando sexa a persoa interesada a que detecte algún erro no vale entregado, disporá de dez (10) días para emendar a solicitude e devolver o vale recibido ao centro.

Artigo 24. Deficiencias, emenda e, de ser o caso, exclusión

1. O centro docente publicará no taboleiro de anuncios a relación de solicitudes con indicación das deficiencias detectadas ou documentación da que carezan, para que a persoa solicitante, no prazo de dez (10) días, emende as deficiencias ou remita os documentos preceptivos.

2. Cando a persoa interesada emende as deficiencias da solicitude ou da documentación, o director ou o persoal que designe procederán a validalas, a comprobar a renda (artigo 17.1.c) e a xerar e entregar o vale para adquirir libros de texto ou o vale para adquirir material escolar (artigo 23).

3. Quedarán excluídas as solicitudes que non se puidesen validar por estaren presentadas fóra de prazo, por falta de emenda das deficiencias da solicitude e/ou da documentación ou por falta da devolución dos libros de texto recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda.

Así mesmo, estarán excluídas as solicitudes que superen os límites de renda per cápita da unidade familiar fixados nesta orde: 10.000 € en axudas para adquirir libros de texto e 6.000 € en axudas para adquirir material escolar.

Artigo 25. Adquisición dos libros de texto e do material escolar

1. As persoas beneficiarias, unha vez que estean en posesión do vale, poderán adquirir no establecemento da súa elección:

a) Os libros de texto do curso en que estea matriculado o alumnado usando o vale para adquirir libros de texto.

O alumnado matriculado en EE, cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % que non empregue os libros de texto do curso en que estea matriculado ou con necesidades específicas de apoio educativo a que se refire a disposición adicional segunda desta orde, poderá adquirir os libros doutros cursos ou o material específico que determine o centro docente.

No caso de alumnado matriculado en EE, a persoa titular da dirección poderá coordinar a adquisición deste material específico en distintos establecementos utilizando os vales do alumnado, sempre que dispoña da autorización por escrito das persoas beneficiarias.

b) O material escolar necesario, usando o vale para adquirir material escolar.

2. Con carácter xeral, o uso dos vales para adquirir libros de texto e material escolar deberá axustarse ás seguintes regras:

a) No vale deberán figurar a sinatura da persoa titular da dirección do centro e o selo do centro, a sinatura da titular do establecemento e o selo deste.

b) A persoa beneficiaria deberá identificarse para usar o vale. Nunca deberá asinar o vale antes de recibir a totalidade dos libros de texto ou do material escolar, e a correspondente factura onde figuren estes de forma detallada.

A sinatura do vale e a súa entrega implica a súa conformidade cos libros de texto recibidos e, de ser o caso, co importe indicado polo establecemento no recadro establecido para tal efecto.

c) O establecemento receptor non poderá, en ningún caso, requirir á persoa que lle anticipe o importe nin asine o vale antes de recibir os libros ou o material escolar correspondente.

d) Se o importe dos libros de texto ou do material escolar adquirido é inferior ao valor do respectivo vale, o persoal do establecemento deberá introducir no recadro establecido para tal efecto a contía exacta da venda, que debe coincidir coa factura que se emita aos pais ou ás persoas citadas no artigo 10.1); e se o importe é superior ao valor do vale, a diferenza será aboada polo solicitante. A consellería non asume máis que o importe máximo consignado no vale.

e) Os vales non poderán fraccionarse, é dicir, o importe total de cada vale só se poderá utilizar nun único establecemento.

f) A admisión do vale implica que o establecemento acepta as condicións desta orde.

g) Todos os libros que se adquiran cos vales de 1º e 2º de primaria deberán estar dispoñibles nas librarías da comunidade autónoma.

Artigo 26. Xestión de vales por traslado do alumnado ou por devolución voluntaria

1. Vales para adquirir libros de texto. No caso de traslado do alumnado antes de usar o vale, o centro de orixe destruirá o vale e marcará a solicitude como trasladada; a persoa interesada solicitará a alta no centro de destino. Cando se produza o traslado despois do uso do vale, o centro de orixe, despois de recoller os libros, marcará a solicitude como trasladada; a persoa interesada solicitará a alta no centro de destino.

2. Vales para adquirir material escolar. Se o alumnado se traslada despois de entregado o vale, usará este, e o centro fará constar na aplicación fondolibros que o vale non foi devolto. En caso contrario, será o centro de destino o que lle xere o vale.

3. Devolución voluntaria de vales para adquirir libros de texto e material escolar. No caso de que a persoa solicitante devolvese os vales entregados, o centro docente deberá dar de baixa a solicitude correspondente ao vale devolto.

Artigo 27. Comunicación alta/baixa/modificación de datos dos establecementos e presentación dos talóns de cargo

1. As librarías e establecementos que xa estean rexistrados para aceptar e tramitar vales para adquirir libros de texto e vales para adquirir material escolar non terán que darse de alta.

En caso contrario, deberán rexistrarse presentando obrigatoriamente por vía electrónica o modelo normalizado (anexo VI) desta orde a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, utilizando o PR004A, dirixido á Dirección Xeral e Centros e Recursos Humanos, e indicando no asunto «Anexo VI. Rexistro de librarías».

2. Os establecementos, unha vez entregados os libros de texto e o material escolar, elaborarán de forma separada:

a) Un talón de cargo en que incluirán, única e exclusivamente, o importe por vales para adquirir libros de texto.

b) Un talón de cargo en que incluirán, única e exclusivamente, o importe por vales para adquirir material escolar.

En ningún caso se mesturarán no mesmo talón de cargo importes procedentes de vales para adquirir libros de texto con importes procedentes de vales para adquirir material escolar.

3. En cada talón de cargo deberán figurar, polo menos, os seguintes datos:

• O nome/apelidos/razón social, NIF ou NIE do/da titular do establecemento, que se comprobarán de acordo co previsto no artigo 12 desta orde.

• Os datos do establecemento (denominación comercial, enderezo completo, concello e provincia).

• A data do talón de cargo.

• O número de talón de cargo.

• A relación de todos os códigos de vale que se xunten ao talón de cargo.

• O importe total dos vales relacionados no talón de cargo.

4. O talón de cargo polo importe de vales para adquirir libros de texto deberá ir acompañado dos vales correspondentes ás axudas para adquirir libros de texto na mesma orde en que aparezan relacionados no talón.

E o talón de cargo polo importe de vales para adquirir material escolar tamén deberá ir acompañado dos vales correspondentes ás axudas para material escolar, na mesma orde en que aparezan relacionados no talón.

En ningún caso se aceptarán fotocopias de vales, nin vales nos cales falte algunha das sinaturas obrigatorias (titular da dirección do centro, responsable da libraría, persoa beneficiaria); tampouco vales que teñan emendas, borróns ou partes que resulten ilexibles.

Así mesmo, o importe do talón de cargo debe coincidir coa suma dos importes dos vales relacionados (debe terse en conta que, nalgún caso, o importe gastado pode ser inferior ao total do vale).

En ningún caso se tramitará un talón de cargo cando exista algún problema en calquera dos vales achegados, mentres o establecemento non o emende.

5. Os talóns de cargo e os vales correspondentes a cada un deles presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, utilizando o PR004A dirixido á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da provincia onde estea situado o establecemento, indicando como asunto «Talón de cargo libros de texto» ou «Talón de cargo material escolar».

6. A persoa titular do establecemento poderá consultar na aplicación o estado de tramitación dos seus talóns de cargo, mediante unha clave asignada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 28. Tramitación e pagamento

1. Para tramitar e pagar os vales para adquirir libros de texto e material escolar poderá consultarse o DNI ou NIE da persoa titular da libraría, o NIF da entidade titular da libraría e o DNI ou NIE da persoa representante, de acordo co previsto no artigo 12 desta orde.

2. O persoal das xefaturas territoriais introducirá e validará os talóns de cargo na aplicación informática axudaslibros. En caso de deficiencias que afecten o contido do talón de cargo ou os vales achegados, ou cando o importe do talón non coincida co resultante de sumar todos os vales que o acompañen, non tramitará o pagamento e requirirá o titular do establecemento para que o emende.

3. Logo das correspondentes resolucións de concesión do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos tramitará as ordes de pagamento, nas cales incluirá os talóns de cargo dos establecementos debidamente validados.

Artigo 29. Prazos para usar e tramitar os vales e para presentar ao pagamento os talóns de cargo

1. As persoas beneficiarias deberán usar os vales nas librarías e demais establecementos o antes posible e, en todo caso, antes do 8 de abril de 2022.

2. Os titulares das librarías e demais establecementos deberán presentar os talóns de cargo correspondentes aos vales entregados nas librarías en 2021 o antes posible e, en todo caso, ata o 10 de decembro de 2021. O prazo para presentar os talóns de cargo correspondentes aos vales entregados entre o 10 de decembro de 2021 e o 8 de abril de 2022 comeza o 3 de xaneiro de 2022 e remata o 19 de abril de 2022.

En todo caso, se os erros dun talón de cargo de 2021 impedisen validalo e non se emendasen antes do 10 de decembro, a libraría deberá emitir un novo talón de cargo con data de 2022 para tramitar o pagamento.

Disposición adicional primeira. Alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de EP ou 1º, 2º, 3º e 4º da ESO

Ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de EP ou en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO en calquera centro sostido con fondos públicos, incluídos os que participan no proxecto E-DIXGAL, cando, a xuízo do centro docente, non poida usar os libros de texto ou o material dixital do curso en que estea matriculado e non existan libros adecuados no fondo solidario, o centro expediralle un vale coa axuda establecida no artigo 2.2.b) desta orde, e poderá adquirir libros doutros cursos ou material didáctico e complementario específico que o centro docente determine en cada caso.

Disposición adicional segunda. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de EP e 1º, 2º, 3º e 4º da ESO

Cando, a xuízo do centro docente, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo matriculado en cursos incluídos no fondo solidario de libros de texto (3º, 4º, 5º e 6º de EP e 1º, 2º, 3º e 4º da ESO) non poida usar os libros de texto ou o material dixital do curso en que estea matriculado e non existan libros adecuados no fondo solidario en ningún curso, o centro expediralle un vale coa axuda establecida no artigo 2.2.d) desta orde, co cal poderá adquirir libros ou material didáctico e complementario específico que o centro docente determine en cada caso.

Esta situación deberá acreditarse cun informe do centro que xustifique a necesidade de adquirir o material indicado para o alumno e a imposibilidade de empregar os libros de texto do fondo solidario de calquera curso, que debe quedar arquivado xunto coa solicitude.

Disposición adicional terceira. Composición e xestión do fondo solidario de libros de texto dos centros docentes sostidos con fondos públicos

1. Todos os centros docentes sostidos con fondos públicos deberán dispoñer dun fondo solidario de libros de texto, que estará integrado:

a) Por todos os libros de texto e/ou material reutilizable procedente do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto do curso 2020/21, que o alumnado beneficiario está obrigado a devolver.

b) Polos libros de texto e o material didáctico vixente e útil voluntariamente cedido ao fondo.

2. Os centros docentes sostidos con fondos públicos desenvolverán as funcións de xestión do fondo previstas nesta orde, e poderán solicitar a colaboración da ANPA para realizar as funcións de recollida dos libros de texto, inventario, clasificación e entrega dos libros ao alumnado.

Disposición adicional cuarta. Colaboración dos centros na difusión e participación nesta convocatoria

1. A dirección de cada centro educativo deberá publicar esta convocatoria no taboleiro de anuncios e/ou na páxina web do centro para que sexa coñecida por todos os sectores educativos da comunidade.

2. O contido da orde e a información complementaria exporanse no portal educativo da consellería no seguinte enderezo: http://www.edu.xunta.gal

Disposición adicional quinta. Conservación da documentación, control e revisión dos procedementos.

1. As solicitudes e toda a documentación presentada polas persoas que soliciten participar no fondo solidario de libros de texto ou axudas para adquirir libros de texto ou material escolar, así como as facturas do fondo solidario de libros de texto, deberán quedar debidamente arquivadas no centro á disposición das comprobacións que se poidan realizar.

2. A persoa solicitante deberá comunicar calquera alteración dos datos contidos na solicitude ou na documentación á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Así mesmo, a dita dirección xeral poderá requirirlle á persoa solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, dispoñer que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos proporcionados e realizar actividades de inspección e verificación para asegurar o correcto destino das axudas e uso dos libros adquiridos con estas ou recibidos do fondo solidario do centro.

3. De conformidade co disposto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a condición de persoa beneficiaria baséase na concorrencia dunha determinada situación que só requirirá acreditar, con carácter previo á concesión, que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos nesta orde.

4. Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda recibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, especialmente, no caso de que se detecte que o importe recibido non foi empregado na adquisición de libros de texto e/ou material escolar. Así mesmo, procederá devolver os libros indebidamente recibidos ao fondo solidario do centro.

Para estes efectos, os centros docentes informarán a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos no caso de que detecten que algunha persoa beneficiaria non dispón dos libros de texto e/ou material escolar correspondente.

5. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas poderán realizar, mediante os procedementos legais pertinentes, as comprobacións oportunas respecto ao destino e á aplicación das subvencións, para o cal tanto as persoas beneficiarias coma os centros docentes quedan obrigados a facilitarlles canta información lles sexa requirida.

Disposición adicional sexta. Deber de confidencialidade

O profesorado e o resto do persoal de administración e servizos dos centros docentes sostidos con fondos públicos que, con motivo do desenvolvemento das súas funcións, accedan a datos persoais e económicos do alumnado e das familias quedarán suxeitos ao deber de confidencialidade e á lexislación sobre protección de datos.

Disposición adicional sétima. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional oitava. Exención de tributación

De acordo co previsto no artigo 7.j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, as axudas reguladas nesta orde son rendas exentas.

Disposición adicional novena. Lexislación aplicable

Para o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño), e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desta lei.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas) ou recurso contencioso - administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 8, 10 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición derradeira segunda. Autorizacións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación e o desenvolvemento desta orde e para dirixir e coordinar o procedemento.

Disposición derradeira terceira. Modificación do artigo único da Orde do 29 de maio de 2013 pola que se determina o período de vixencia dos libros de texto e demais materiais curriculares (DOG núm. 102, do 30 de maio).

En uso da facultade conferida na disposición adicional primeira do Decreto 89/1993, do 19 de abril (DOG núm. 78, do 27 de abril), que regula determinados aspectos en materia de libros de texto e materiais curriculares para as ensinanzas en réxime xeral, engádese o seguinte parágrafo ao punto 1 do artigo único da Orde do 29 de maio de 2013:

«Non obstante, debido á concorrencia dunha circunstancia excepcional, como é a implantación dos novos currículos derivados da entrada en vigor da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, de modificación da Lei orgánica de educación, durante o curso 2021/22 amplíase o período de vixencia dos libros de texto dos cursos 4º e 6º de EP e 1º e 3º da ESO».

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file