Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 20 de maio de 2021 Páx. 24756

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se culmina o procedemento de expansión do ámbito territorial de aplicación da tarifa específica Xente Nova ao conxunto do transporte público da competencia da Xunta de Galicia.

1. A Orde do 18 de decembro de 2019 pola que se regula a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (DOG nº 248, do 31 de decembro), ampliou a idade dos seus beneficiarios aos menores de 21 anos, e preveu a expansión do ámbito territorial de aplicación da tarifa Xente Nova a toda a Comunidade Autónoma, dispoñendo que a dirección xeral competente en materia de transportes acordaría, logo da tramitación contable oportuna, as datas das sucesivas ampliacións deste ámbito territorial ata abranguer a totalidade da Comunidade Autónoma, consonte o posibilite a dispoñibilidade de sistemas de cancelación a bordo dos medios de transporte.

2. Consonte o indicado na citada Orde do 18 de decembro de 2019, a tarifa Xente Nova resultou inicialmente de aplicación no ámbito das denominadas áreas de transporte metropolitano de Galicia, constituídas polo conxunto de concellos situados no contorno das cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo, que decidiron incorporarse ao Plan do transporte metropolitano impulsado pola Xunta de Galicia.

Este ámbito territorial sería obxecto dunha primeira ampliación mediante o Acordo do 11 de marzo de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade (DOG do 13 de marzo), no cal se prevía a dita ampliación na zona de Pontevedra e na provincia de Ourense a partir do 23 de marzo de 2020. Non obstante, logo da declaración do estado de alarma polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, esta ampliación sería deixada sen efecto por un novo acordo, do 11 de marzo de 2020, para ser finalmente retomada o 4 de xuño de 2020, data en que, ante a mellora na situación sanitaria, a Dirección Xeral de Mobilidade acordou finalmente implantar aquela primeira expansión con data do 15 de xuño de 2020 (DOG núm. 114, do 12 de xuño).

3. Adicionalmente, mediante a Resolución do 17 de decembro de 2020, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, para o ano 2021 (DOG nº 259, do 28 de decembro), ampliouse o dito prazo de vixencia da tarifa Xente Nova dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2021, mantendo as previsións de expansión do seu ámbito territorial de aplicación ata acadar o conxunto da Comunidade Autónoma.

4. Os servizos públicos interurbanos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral a que resultará de aplicación a tarifa Xente Nova son os que foron adxudicados e implantados no ámbito dos procedementos de licitación 1/2019 DXM, 2/2019 DXM e 1/2020 DXM. Neste momento, atendendo ao contido dos correspondentes contratos de concesión, todos eles deben dispor xa de sistemas de cancelación a bordo compatibles coa tarxeta do transporte público de Galicia.

Este proceso de mellora tecnolóxica por parte das empresas concesionarias dos servizos públicos de transporte foi acompañado, pola súa vez, dunha maior dispoñibilidade de oficinas habilitadas pola entidade financeira colaboradora, nas cales se expiden as tarxetas do transporte de Galicia e, de xeito singular, a tarxeta Xente Nova, necesarias para a operatividade desta tarifa gratuíta.

Deste xeito, ao disporen xa as empresas concesionarias que prestan os servizos públicos de transporte dos medios tecnolóxicos precisos, realízase a extensión, a todo o territorio da Comunidade Autónoma, desta actuación de promoción do transporte público entre os máis novos.

En virtude do exposto e de conformidade co establecido na Orde do 18 de decembro de 2019,

RESOLVO:

Único. Realizar, con efectos do 21 de maio de 2021, a expansión definitiva do ámbito de aplicación territorial da tarifa Xente Nova aos servizos públicos interurbanos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral da titularidade da Xunta de Galicia que se desenvolvan no conxunto da Comunidade Autónoma galega, para calquera relación de tráficos que teña orixe e destino en Galicia.

As condicións de acceso e utilización desta tarifa serán as establecidas pola Orde do 18 de decembro de 2019 pola que se regula a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (DOG nº 248, do 31 de decembro).

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ante este mesmo órgano administrativo, ou ben, alternativamente, poderá ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde a súa notificación ou publicación.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade