Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 20 de maio de 2021 Páx. 24752

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Lourenzá para a delimitación do núcleo rural tradicional do Bordón.

Con data do 4 de novembro de 2021 tivo entrada documentación datada en agosto de 2020, redactada polos arquitectos Ángel Luis Monteoliva Díaz, Pablo Mella Sánchez e Íñigo Miranda de Osset, con dilixencias de aprobación provisional polo Concello Pleno do 17 de setembro de 2020, para os efectos da súa aprobación definitiva.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), establece no artigo 83.6 que as modificacións dos instrumentos de planeamento urbanístico que teñan por obxecto a delimitación de solo de núcleo rural se tramitarán segundo o procedemento establecido no artigo 78.

O Servizo de Urbanismo fixo un requirimento de integridade documental o 4 de decembro de 2020, contestado polo Concello de Lourenzá achegando nova documentación o 8 de febreiro de 2021. Esta nova documentación inclúe unha addenda de documentación, asinada polos técnicos redactores, en que se emenden as deficiencias indicadas no citado requirimento.

I. Antecedentes.

I.1. Tramitación do expediente. De acordo coa documentación remitida polo Concello, cómpre mencionar as seguintes actuacións máis salientables:

– Proxecto para a tramitación ambiental, datado en febreiro de 2018.

– Informe ambiental estratéxico do 6.8.2018.

– Anuncios de exposición pública e notificacións a propietarios, realizados en xaneiro de 2020, publicados no DOG, nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia o 30.1.2020.

– Proxecto para a aprobación inicial, datado en novembro de 2019.

– Informes sectoriais emitidos por Subdelegación do Goberno (10.6.2020), Telecomunicacións (18.1.2021), CHC (2.3.2020 (non competente), Augas de Galicia (17.7.2020), AXI (23.3.2020), DXPC (2.4.2020 favorable condicionado), Ministerio de Defensa-Sub. X. Patrimonio (17.3.2020) e Ministerio de Fomento (5.9.2019, favorable condicionado).

– Proxecto para a aprobación provisional, datado en agosto de 2020.

– Informe técnico municipal previo á AP do 3.9.2020.

– Informe xurídico da Secretaría do Concello previo á AP do 3.9.2020.

– Certificación do acordo de aprobación provisional adoptado o 17.9.2020.

I.2. Outros antecedentes. O Concello de Lourenzá conta cunhas normas subsidiarias de planeamento (NSP) aprobadas definitivamente con data do 31.1.1995, que delimitan solo non urbanizable de núcleo rural tradicional. O núcleo do Bordón non consta delimitado.

II. Aspectos xerais. Contido.

A proposta recolle a delimitación do núcleo rural do Bordón, cunha superficie de 1,8270 ha, caracterizado como rural tradicional (NRT).

Ese núcleo non está incluído nas NSP. No expediente estúdanse as condicións para a súa delimitación segundo o contido na LSG e no seu regulamento (RLSG). O ámbito está ao carón da estrada de titularidade estatal N-634 e encóntrase incluído na zona de concentración parcelaria de Lourenzá-norte. Contén varios elementos patrimoniais, que se recollen nun catálogo.

No proxecto que delimita o núcleo recóllense ordenanzas reguladoras e non se prevén espazos destinados a usos dotacionais.

III. Análise e observacións.

III.1. A delimitación dun núcleo rural non recollido no planeamento en vigor xustifica o interese público da modificación (artigo 83.1 da LSG).

III.2. En relación coas determinacións exixibles, o asentamento delimitado conta co topónimo oficial do Bordón, recoñecido no Nomenclátor oficial de entidades da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000), e axústase ao establecido na lexislación urbanística.

III.3. Para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento achegarase un documento refundido do proxecto aprobado provisionalmente e a addenda de documentación, todo debidamente dilixenciado con referencia á aprobación do Pleno, incluídos o extracto da avaliación ambiental (artigo 25 NNTTPP, anexo 6) e a ficha de vixencia de planeamento tras a aprobación do documento en tramitación (artigo 26 NNTTPP, anexo 7). Tamén se achegarán os datos xeográficos en soporte vectorial xeorreferenciado.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto delimitacións de solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c), en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento municipal do Concello de Lourenzá para a delimitación do núcleo rural tradicional do Bordón, coa suxeición á presentación do indicado no punto III.3 anterior.

Segundo. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Terceiro. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Cuarto. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

Quinto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2021

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo