Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 24 de maio de 2021 Páx. 25665

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2021 pola que se convoca o procedemento de selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona COVID-19), susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (código de procedemento IG402B).

O Igape vai convocar para o 2021 o programa Re-acciona COVID-19: un programa de axuda que facilite a prestación de servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas que lles permitan adaptarse ao novo contexto económico. Neste tipo de programas é crucial a colaboración da Administración coas entidades prestadoras de servizos para asegurar a calidade da prestación, reducir a barreira de entrada para os solicitantes de axudas, definir con precisión o alcance do asesoramento e facilitar a difusión.

Por outra parte, a especialización necesaria para este tipo de servizos, xunto co efecto diferencial que ten para o beneficiario a prestación por parte de entidades con experiencia e cun equipo experto, fai recomendable que a selección das entidades colaboradoras se leve a cabo en réxime de concorrencia competitiva.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de atribuír a entidades colaboradoras a xestión de aspectos materiais da tramitación da subvención. No seu artigo 13.4 dispón que, cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, se seleccionarán previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación.

Por todo o anterior, en virtude do disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión do programa Re-acciona COVID-19 (código de procedemento IG402B).

Este programa terá as seguintes características:

1. O seu obxectivo será permitir ás empresas galegas acceder a servizos de asesoramento que melloren a súa adaptación no novo contorno económico.

2. A participación no programa será modular, de forma que as empresas poderán solicitar ao seu abeiro un ou varios dos seguintes servizos (ver as fichas do anexo III):

a) Reestruturación financeira e adecuación de estados financeiros, tras o impacto da COVID-19 e os novos modelos de negocio.

b) Preparación para a transmisión ou adquisición de unidades produtivas.

c) Elaboración, adaptación e implementación de plans estratéxicos de internacionalización da empresa ou sector ao novo escenario internacional.

d) Análise de mercados internacionais concretos, en relación á nova situación motivada pola emerxencia sanitaria COVID-19 e ás necesidades específicas do solicitante de cara á apertura ou permanencia no dito mercado.

e) Consultoría relacionada coa implementación de metodoloxías de traballo e procesos acordes aos principios da economía circular.

3. Os destinatarios dos servizos –beneficiarios da liña de axudas que se convocará- serán empresas galegas (inclúe autónomos), cunha caída de facturación significativa no ano 2020 respecto dea 2019, ás que se imporá un requisito de tamaño mínimo acorde co servizo a prestar: deberán contar cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.

4. Os servizos constarán de tres fases:

a) Formación e sensibilización (de xeito indicativo, 5 %-10 % do servizo).

b) Análise da empresa e elaboración dun informe de situación e plan de traballo concreto (de xeito indicativo, 15 %-20 % do servizo).

c) Execución do plan de traballo (de xeito indicativo, 70 %-80 % do servizo).

5. Os servizos prestaranse por parte das entidades colaboradoras seleccionadas, que recibirán unha compensación económica de 10.000 € polos gastos acaecidos, de acordo co artigo artigo 13.2.m) da Lei 9/2017, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

A presente convocatoria ten como obxecto seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, un máximo de tres entidades colaboradoras para prestar cada un dos servizos (máximo de 15 entidades en total). A cualificación como entidade colaboradora será válida para a/s convocatoria/s do programa Re-acciona COVID-19 do ano 2021.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será dun mes desde o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no DOG.

Artigo 3. Requisitos das entidades colaboradoras

1. Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

2. Deberán estar de alta censual na epígrafe de prestación de servizos e acreditar que á data da presente convocatoria prestan servizos de similar natureza a aqueles para os que optan a ser entidade colaboradora.

3. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e realizando as seguintes funcións:

a) Avaliación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda e da viabilidade e eficacia da execución do servizo.

b) Realización ante o Igape dos trámites para solicitar a axuda.

c) Desenvolvemento das accións vinculadas ao programa (prestación de servizos).

d) Xustificación da axuda e a súa certificación ante o Igape.

4. As entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións co Igape a través da súa oficina virtual.

Os autónomos e os empresarios individuais presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que, por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional, teñen acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos necesarios.

5. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo, que o soliciten no prazo que se indica no artigo 2 destas bases reguladoras e que resulten elixidos, de acordo co procedemento do artigo 8 para a prestación dun determinado servizo.

6. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán adherirse ao convenio de colaboración entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II desta convocatoria. O dito convenio posúe o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

7. As entidades colaboradoras estarán exentas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, previa autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

8. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

9. No caso de empresas vinculadas a que se refire o anexo I artigo 3.3 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, deberán elixir unha do grupo como representante de todas elas, de forma que sexa esta a que actúe como entidade colaboradora tramitando a totalidade das solicitudes de axuda.

10. A entidade colaboradora prestadora do servizo non poderá prestar servizos a beneficiarios que estean vinculados con ela ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

Artigo 4. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras

1. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

c) Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Igape.

d) Actuar en nome e por conta do Igape para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións.

e) Conservar a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación.

f) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.

g) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Comprobar antes de tramitar a axuda o cumprimento dos requisitos por parte dos solicitantes e a viabilidade e eficacia da execución do servizo.

b) Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda e cobramento a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

c) Prestar os servizos do programa Re-acciona COVID-19 de acordo coas condicións establecidas nas bases e coa oferta de servizo presentada, mediante a dedicación do equipo de traballo presentado. Calquera modificación posterior a esta oferta ou equipo, debida a causas sobrevidas ou proposta para mellorar a calidade do servizo, deberá contar co visto e prace do Igape.

d) Participar nos comités de coordinación establecidos polo Igape para a gobernanza do programa e seguir as directrices resultantes destes.

e) Contribuír á comunicación do programa, o cal inclúe, como mínimo, a publicidade no seu espazo web, participación nas actividades de difusión organizadas polo Igape, preparación e actualización da especificación do servizo prestado na páxina web do programa e preparación de casos de éxito documentais e en vídeo (o Igape poderá solicitar a elaboración dun máximo dun caso de éxito por cada 10 servizos prestados ou fracción desta decena).

f) Facilitar canta información e documentación se precise para avaliar os indicadores de resultado do programa e verificar a correcta aplicación das subvencións.

g) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do programa.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades interesadas deberán presentar unha solicitude distinta para cada tipo de servizo dos enumerados no artigo 1.2 na que desexen colaborar no programa. Ningún membro do equipo de traballo presentado nunha solicitude poderá presentarse en sucesivas solicitudes desta ou outra candidata, salvo que a súa participación na prestación do servizo teña funcións de dirección ou de apoio con unha dedicación inferior ao 5 % da estimada para o servizo, e esta circunstancia apareza de xeito explícito na solicitude. No caso de que se incumpra esta condición só se terá en conta a solicitude presentada en primeiro lugar.

Para presentar a solicitude deberán acceder obrigatoriamente á aplicación informática (http://tramita.igape.es) para cubrir segundo o procedemento do Igape co código IG284 a solicitude de adhesión (anexo I), na que se declarará a vontade de adherirse ao convenio publicado como anexo II destas bases.

Nesta aplicación deberá enumerar un conxunto de persoas que serán as autorizadas por parte da entidade colaboradora para tramitar telematicamente e asinar electronicamente as solicitudes de axuda e cobramento das subvencións. Para poder realizar estas tarefas, as persoas citadas deberán estar provistas de certificado dixital. A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC. O usuario e contrasinal utilizado para o acceso á oficina virtual do Igape serán, unha vez adherida a entidade, os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda, e para ver o seu estado.

2. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá á entidade colaboradora para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades colaboradoras interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Referencias dun mínimo de tres proxectos similares a aqueles aos que opta, prestados nos últimos tres anos pola solicitante, que inclúan cando menos unha descrición do traballo realizado, equipo e destinatario do servizo (extensión máxima de tres páxinas).

c) Oferta de servizo, que especifica o servizo que se compromete a prestar a entidade polo prezo fixo indicado no artigo 1.4. Debe incluír os elementos necesarios para avaliar a participación da entidade segundo o baremo do artigo 8. A oferta de servizo non superará as 30 páxinas de extensión e deberá adaptarse ao esquema seguinte:

– Índice.

– Presentación da entidade.

– Descrición do servizo: poderán describirse variantes en función do grao de madurez da empresa, tamaño, sector, etc.

– Presentación do servizo á PEME: dun máximo de catro diapositivas na que se poña de relevo a proposta de valor e os detalles principais.

– Compromisos de dedicación ao servizo e condicións da garantía ofertada.

– Táboa de referencias cruzadas na que, para cada un dos criterios e subcriterios de valoración do artigo 8 se explique a(s) epígrafe(s) da oferta que a Administración debería ter en conta para a súa avaliación. A avaliación só terá en conta os contidos das epígrafes citadas para cada criterio.

– Equipamento de traballo: relación nominal das persoas que prestarán o servizo e breve currículo de cada unha.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 6.1 destas bases.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de adhesión como entidade colaboradora será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 10. Instrución do procedemento de adhesión

1. Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición e se arquivará o expediente.

2. Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia do documento «oferta de servizo» ou a presentación deste documento nun formato ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.

3. Os requirimentos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento. Pode acceder ao citado requirimento co seu usuario e contrasinal. Entenderase rexeitado cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición do requirimento sen que se aceda ao seu contido.

4. O órgano instrutor comprobará o cumprimento dos requisitos das entidades colaboradoras e avaliará as solicitudes de adhesión elixibles de acordo co seguinte baremo:

a) Calidade derivada das características do servizo: 40 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i) Metodoloxía aplicada ás fases de sensibilización e formación (ata 5 puntos).

ii) Metodoloxía aplicada á fase de execución (ata 10 puntos).

iii) Compromisos concretos de resultados e forma de asegurar estes (ata 15 puntos).

iv) Flexibilidade na adaptación do servizo ás necesidades da empresa receptora do mesmo (ata 6 puntos).

v) Ferramentas software que se van transferir á empresa, no caso de que se propoñan (ata 2 puntos).

vi) Grao no que a presentación do servizo á peme, entregada como parte da oferta, reflexa adecuadamente a proposta de valor e os detalles do servizo (ata 1 punto).

vii) Prazo e condicións de garantía ofertadas (ata 1 punto).

b) Compromisos de dedicación á prestación de servizo: 30 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i) Número de horas en contacto presencial coa empresa (válido tamén videoconferencia) que vai dedicar a cada servizo (ata 15 puntos).

ii) Número de horas noutras tarefas que vai dedicar en cada proxecto (ata 8 puntos).

iii) Número de efectivos dispoñibles no equipamento para a prestación do servizo (7 puntos).

c) Experiencia dos compoñentes do equipo de traballo: 30 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i) Experiencia media dos membros do equipo de traballo como prestadores de servizos en proxectos similares (no alcance dos servizos, a funcionalidade deste, o tipo de empresas ás que van dirixidos ou o coñecemento necesario para executalos) (15 puntos).

ii) Tempo de experiencia (6 puntos).

iii) Diversidade das competencias agregadas dos membros do equipo, na medida na que poida ser beneficioso para o servizo a realizar (5 puntos).

iv) Resultados obtidos nos proxectos, no caso de que se indiquen (4 puntos).

5. A partir dos resultados da avaliación elevarase proposta de selección coma entidade colaboradora ás entidades que obtiveran maior puntuación para cada un dos tipos de servizo indicados no artigo 1.2. Seleccionarase un máximo de tres entidades en cada servizo.

6. En caso de empate nas puntuacións, elixiranse en primeiro lugar os solicitantes que teñan implementado un plan de igualdade segundo a declaración responsable que cubrirán no formulario de solicitude. De persistir o empate, decidirase a favor da solicitude que obtivese máis puntos na valoración do criterio a). Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio b), e así sucesivamente. Por último, darase preferencia ás solicitudes segundo a súa orde de presentación.

7. Non se seleccionará ningunha entidade que obtivera menos de 50 puntos na avaliación.

Artigo 11. Resolución

O prazo máximo para que o director do Igape resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de tres meses desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG. Pasado o devandito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

A resolución será conxunta e indicará que solicitudes foron rexeitadas por non cumprir requisitos, a valoración das solicitudes válidas e os solicitantes que acadan a condición de entidade colaboradora.

A resolución conxunta será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

Na páxina web do Igape (www.igape.es) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 13. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Resto de normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convenio de colaboración entre o Igape e a entidade colaboradora _________________ _______________ para a xestión de axudas relativas ao programa Re-acciona COVID-19.

Dunha parte, Fernando Guldrís Iglesias, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con CIF Q 6550010J, domiciliado en Complexo Administrativo San Lázaro. s/n, 15707 Santiago de Compostela. Está facultado para este acto en virtude de _________.

Doutra parte, ___________________________, con NIF____________, actuando en nome e representación da entidade _________________________________________con NIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para o programa Re-acciona COVID-19, estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Igape e os beneficiarios das axudas do programa.

II. Que a entidade _______________ foi seleccionada para a prestación de servizos do programa Re-acciona COVID-19 de acordo coa «Resolución do _________________ pola que se pola que se convoca o procedemento de selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona COVID-19), susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19».

III. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto da colaboración

O presente convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre a entidade ______________________________ e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de acordo coa Resolución do _________________ pola que se pola que se convoca o procedemento de selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona COVID-19), susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, en diante, denominada «a convocatoria de selección de entidades colaboradoras».

Segunda. Condicións de execución, axuda do Igape e procedemento de tramitación

As condicións de execución dos servizos, os requisitos dos beneficiarios e das entidades colaboradoras, a axuda do Igape e o procedemento de tramitación serán as que aparecen na convocatoria de selección de entidades colaboradoras. O alcance mínimo dos servizos será o indicado na oferta de servizos presentada pola entidade colaboradora.

Terceira. Entidade colaboradora

A entidade _______________________ é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 3 da convocatoria de selección de entidades colaboradoras, que acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia previstas, e que resultou elixida polo Igape para a prestación de servizos do programa Re-acciona COVID-19.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais do establecido no artigo 4 da convocatoria de selección de entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

a) Divulgar a liña de axudas do Igape, dar información fidedigna desta e darlle publicidade á iniciativa. Co obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, se é o caso, realicen as entidades colaboradoras sobre este convenio, deberán comunicarse previamente ao Igape.

b) Asegurarse de que as partes que interveñen na liña de axudas sexan informadas do financiamento comunitario. Así, por exemplo, calquera documento relacionado con esta liña de axudas destinado ao público ou aos beneficiarios conterá una declaración na que se informe do devandito financiamento.

c) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das subvencións, poñer todos os medios dispoñibles para facilitarlles o acceso a esta liña de axudas aos beneficiarios e colaborar na difusión deste programa.

d) Cumprir as obrigas previstas para as entidades colaboradoras no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Comprobar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como a corrección da documentación que se lles esixe para percibir a subvención.

f) Realizar a prestación acollida ao programa Re-acciona COVID-19 unicamente cando o estado da aplicación informática lle indique a existencia de crédito e a corrección da información introducida para o expediente.

g) Tramitar ante o Igape, por conta do beneficiario, as solicitudes de axuda e cobramento para operacións de compra dos bens subvencionables. A tramitación destas solicitudes será obrigatoriamente por vía electrónica, para o que é necesaria a sinatura dixital das persoas para tal efecto designadas, así como a provisión por parte da entidade colaboradora dos medios técnicos necesarios (ordenador convenientemente configurado, escáner, conexión á internet, etc).

h) Comunicar aos solicitantes, dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático a data na que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento e os efectos do silencio administrativo (negativo).

i) Dado que a compensación á entidade colaboradora polos gastos acaecidos na prestación dos servizos, segundo o establecido no art. 13.2.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establécese en 10.000 € que se vai satisfacer entre o beneficiario e o Igape, a entidade colaboradora anticipará mediante desconto en factura a axuda do Igape, que será, en todo caso, a indicada pola aplicación informática de xestión do programa. A contía prevista da axuda será a seguinte:

• No caso de que o beneficiario poida recuperar o IVE, a axuda será de 7.664,46 € sobre o importe subvencionable de 8.264,46 € (92,74 % de intensidade). O beneficiario recibirá unha factura por 8.264,46 € + IVE cun desconto polo importe da axuda. Pagará, deste xeito, 600 € máis o IVE da totalidade (2.335,54 € en total). O IVE recuperarao posteriormente na súa declaración. A factura será soporte da cesión do crédito da axuda á entidade colaboradora. En virtude desta cesión, o Igape aboaralle á entidade colaboradora o importe de 7.664,46 €.

• No caso de que o beneficiario acredite que non pode recuperar o IVE total ou parcialmente, este será subvencionable na proporción correspondente. A axuda incrementarase ata o límite de 9.400 € sobre o custo subvencionable de 10.000 € (94 % de intensidade máxima). O importe da axuda, incluíndo a parte subvencionable de IVE, será aboada á entidade colaboradora directamente polo Igape.

j) Reflectir na factura do servizo obxecto de subvención a cesión de crédito da axuda, indicando con claridade os seguintes datos:

i. Data de emisión.

ii. Nome ou razón social e NIF do beneficiario.

iii. Descricións do servizo prestado.

iv. Importe neto do servizo segundo o prezo fixado, que conformará a base impoñible da factura.

v. IVE e total da base impoñible máis IVE.

vi. Axuda do programa Re-acciona COVID-19 do Igape segundo o indicado pola aplicación informática do Igape. Na factura debe figurar o importe da axuda, a base impoñible, o IVE e constar o seguinte literal:

«programa Re-acciona COVID-19: axuda do Igape como cesión de crédito do beneficiario á entidade colaboradora».

vii. Total que ten que pagar o beneficiario (o beneficiario ten que pagar o total IVE incluído menos a axuda do Igape).

viii. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

k) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables dos servizos subvencionados, así como dos importes aboados polo Igape, de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Custodiar, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación, a documentación correspondente ás operacións realizadas, da que remitirán copia dixitalizada ao Igape para proceder á resolución e cobramento das axudas.

m) Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

n) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento dos requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

o) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais do establecido no artigo 4 da convocatoria de selección de entidades colaboradoras, a entidade colaboradora comprométese a:

a) Coñecer o contido das bases reguladoras do programa e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

b) Posuír a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 3 da convocatoria de selección de entidades colaboradoras.

c) Consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Igape nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

d) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Comunicar ao Igape calquera variación que se poida producir nos datos recollidos nos documentos presentados.

Sexta. Obrigas do Igape

O Igape obrígase a aboar por cada operación aprobada e debidamente xustificada ao abeiro deste convenio e das bases reguladoras da axuda, a prol do beneficiario, a través da entidade colaboradora adherida, o importe da axuda que corresponda segundo as bases reguladoras do programa Re-acciona COVID-19.

Sétima. Control

A entidade colaboradora someterase ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que se vai realizar polo organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará á entidade colaboradora da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

Oitava. Publicidade dos datos

De conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación incluirán as axudas concedidas, ao abeiro das bases reguladoras e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades colaboradoras para os efectos da aprobación da operación, e a referida publicidade.

Novena. Procedementos internos para a tramitación de operacións

As partes adheridas ao convenio comprométense a seguir as normas de procedemento interno que se establezan, se é o caso, necesarias para asegurar a maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

En particular, o Igape resérvase a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Oficina Virtual, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

Décima. Denuncia do convenio

Será causa suficiente para a resolución do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da outra cun mínimo de 30 días de aviso previo. A resolución suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte aos beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décimo primeira. Natureza

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios desta lei para resolver as dúbidas e lagoas que puidesen presentarse. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse polo director xeral do Igape, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo segunda. Vixencia

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura polo director xeral do Igape e estenderá a súa vixencia ata o 30.12.2022 sen prexuízo das prórrogas, que, se é o caso, así se pactasen por acordo expreso das partes, unha vez tramitadas as habilitacións oportunas.

Décimo terceira. Remisión normativa

Para todo o non previsto neste convenio aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares (DOG nº 82, do 30 de abril), na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, haberá que aterse ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Data, sinatura e selo:

---------------------------------

O director xeral do Igape

Fernando Guldrís Iglesias

Data, sinatura e selo:

----------------------------------

O/a representante legal da entidade colaboradora

_____________________________________

Anexo III

Fichas descritivas dos servizos

Entregables comúns a todos os servizos: xustificante da formación impartida, xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, que incluirá en todo caso a identificación do equipo que prestou o servizo.

A descrición que se realiza a continuación é indicativa. Cada entidade pode achegar a súa propia aproximación, dentro dos obxectivos xerais de cada servizo.

a. Reestruturación financeira e adecuación de estados financeiros, tras o impacto da COVID-19 e os novos modelos de negocio.

Obxectivo: mellorar a estrutura financeira de empresas viables con dificultades financeiras debidas á situación económica.

Desenvolvemento: a partir dun diagnóstico da situación deberá prepararse, en estreita colaboración co equipo da empresa, un plan de viabilidade e a documentación necesaria para a atracción de novo financiamento e/ou para o refinanciamento da débeda preexistente. Deberá acompañarse á empresa na fase de procura e negociación de financiamento, tanto bancario coma doutro tipo cando sexa aplicable, e na posta en marcha das medidas propostas. Debe darse ao equipo directivo e financeiro da empresa ferramentas de seguimento que lle permitan monitorizar o proceso por eles mesmos.

Entregables: plan de viabilidade, alternativas de financiamento, solicitude(s) de financiamento.

Resultado desexado: maior solidez financeira mediante a reestruturación de activos e de pasivos, obtención de capacidade financeira adecuada aos plans da empresa, consecución de financiamento adicional, mellora da xestión da empresa.

b. Preparación para a transmisión ou adquisición de unidades produtivas.

Obxectivos: levar a cabo unha análise externa e obxectiva sobre o valor dunha empresa ou unidade produtiva desta e dos seus riscos asociados, de xeito que se facilite o proceso de compravenda.

Desenvolvemento: poderá ser solicitado tanto pola empresa vendedora como pola compradora. Incluirá unha análise das principais continxencias (laborais, fiscais, financeiras, concursais –se é o caso- e outras), due diligence, valoración, garantías adicionais, proposta de medidas que se vai adoptar. Acompañamento da empresa solicitante no proceso de compravenda.

Entregables: informe da revisión, informe de recomendacións, informe descritivo das fases do proceso de compravenda.

Resultado desexado: permitir a supervivencia de actividades produtivas viables mediante a súa adquisición.

c. Elaboración, adaptación e implementación de plans estratéxicos de internacionalización da empresa ou sector ao novo escenario internacional.

Obxectivo: axudar á empresa a vender nos novos mercados internacionais máis coherentes co seu negocio.

Desenvolvemento: análise da madurez en produto, márketing, vendas e tecnoloxía da empresa. Deseño do plan de internacionalización (estudo de mercado, acceso a mercados internacionais a través de plataformas, e-commerce propio, creación de contido, promoción deste, mellora das operacións internas, etc.). Acompañamento durante a execución das primeiras medidas.

Entregables: plan de acceso a mercado internacional, avaliación das actividades executadas.

Resultado desexado: venda en novos mercados, adquisición de competencias de venda dixitais.

d. Análise de mercados internacionais concretos en relación á nova situación motivada pola emerxencia sanitaria COVID-19 e as necesidades específicas do solicitante de cara á apertura ou permanencia en dito mercado.

Obxectivos: reducir para a empresa o risco de acceso ou permanencia no mercado dun país, tendo en conta a nova situación económica.

Desenvolvemento: análise das operacións da empresa (se existisen) nun mercado concreto, actualización de información externa de mercado, análise das principais continxencias e oportunidades aplicables á empresa, proposta de medidas que se vai adoptar. Acompañamento da empresa solicitante no proceso de adopción de medidas.

Entregables: informe da revisión, informe de recomendacións, avaliación de resultados.

Resultado desexado: manter a presenza internacional das pemes, aproveitar novas oportunidades derivadas da situación económica.

e. Consultaría relacionada coa implementación de metodoloxías de traballo e procesos acordes aos principios da economía circular.

Obxectivos: creación de novos modelos de negocio circulares nas empresas galegas, redución de efectos nocivos ao ambiente.

Desenvolvemento: sensibilización sobre a economía circular. Análise de oportunidades de actuación (servizalización, implementación de sistemas de loxística inversa, sistemas de control e redución da pegada medioambiental, etc.). Selección de medidas e acompañamento na execución.

Entregables: plan de actuación, avaliación das medidas executadas.

Resultado desexado: sensibilizar ás empresas galegas sobre a economía circular e dispor de boas prácticas e modelos para programas de apoio.