Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 25 de maio de 2021 Páx. 25815

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas, para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN421G).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, e mantén a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre as súas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

O Inega establece este sistema de subvencións, co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables. Máis concretamente, preténdese fomentar a utilización da biomasa forestal con fins enerxéticos, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a biomasa é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos. Por criterios similares é necesario fomentar tecnoloxías como a solar térmica, a xeotérmica e a aerotermia.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2021 ascende a 2.650.000 euros financiados con fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Tratase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no obxectivo temático 4, favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, na prioridade de investimento 1, fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables, e no obxectivo específico 2, aumentar a participación e distribución das enerxías renovables para usos térmicos, en particular a biomasa, biogás e biocombustibles para o transporte, en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020, Feder nun 80 %, computándose como cofinanciamento nacional ou investimento privado o investimento privado elixible dos beneficiarios.

O uso das enerxías renovables pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade e, por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista de cara ao futuro, materializando esta a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 142/2016, de 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de enerxías renovables térmicas e convocar todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica (código de procedemento IN421G).

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As axudas recollidas nestas bases reguladoras, a excepción daquelas en que os beneficiarios sexan administracións públicas locais ou entidades xurídicas sen ánimo de lucro que non poidan emprender actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

As entidades xurídicas sen animo de lucro cando realicen actividades económicas de forma regular estarán suxeitas ás condicións que se establecen no citado capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 41.6.b) Axudas ao investimento para a promoción de enerxía procedente de fontes renovables do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 14 de xuño de 2014.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 6.1 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 27 destas bases.

2. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Entendese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outros compromisos que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Medida: Fomento das actividades asociadas ao ciclo do aproveitamento da biomasa térmica e outras tecnoloxías renovables.

Liña de axuda

Destinatarios

Aplicación orzamentaria

2021

2022

Total

Biomasa

Administración pública local

06.A3.733A.760.5

404.719,27

335.280,73

740.000

Empresas e autónomos

06.A3.733A.770.5

360.965,84

299.034,16

660.000

Entidades sen fins de lucro

06.A3.733A.781.1

82.037,69

67.962,31

150.000

Xeotermia

Empresas e autónomos

06.A3.733A.770.6

425.000,00

42.500,00

467.500

Aerotermia

Empresas e autónomos

06.A3.733A.770.6

550.000,00

55.000,00

605.000

Solar térmica

Empresas e autónomos

06.A3.733A.770.6

25.000,00

2.500,00

27.500

Total

1.847.722,80

802.277,20

2.650.000

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 18 destas bases reguladoras.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades delas dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos.

2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarias deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas dos sectores excluídos do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, no seu artigo 1.3, entre as que figuran:

a) As empresas do sector da pesca e da acuicultura segundo se recolle no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013.

b) Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:

– Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

– Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta aos produtos primarios.

3. Non poderán ter condición de beneficiarias as empresas que operan no sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A do CNAE-2009 e, en concreto, as clases desde a 1.11 á 02.40, ambas excluídas como beneficiarias.

4. Non poderán concederse axudas con fondos Feder, segundo o disposto no artigo 3.3 do Regulamento (UE) 1301/2013, do 17 de decembro de 2013, nos seguintes ámbitos:

a) Investimentos para lograr redución das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes de actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.

b) As empresas consideradas en crise antes do 31 de decembro de 2019 ou que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 6. Investimentos subvencionables

1. Son subvencionables:

a) O equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares, bomba de calor, caldeira...). No caso da biomasa, o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

b) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo de montaxe e conexionado.

f) No caso da enerxía xeotérmica, o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondeos, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, outros.

g) No caso de redes de distribución de calor con biomasa, o custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes. A obra civil necesaria da sala de caldeiras.

2. Non son subvencionables:

a) O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable.

Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1, da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

En todo caso, aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) As obras de mantemento.

d) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

e) A obra civil non asociada á instalación dos equipamentos nin os gastos de legalización.

f) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foron obxecto de axuda anteriormente.

Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 7. Proxectos que se subvencionan e investimentos elixibles

1. Características dos equipos subvencionables.

Co obxectivo de garantir ao máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente.

Para tal efecto, no caso que sexa necesario, as instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE) respecto a instalacións térmicas, coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE.

1.a) Biomasa.

No caso das caldeiras de biomasa, os equipamentos térmicos terán una cualificación enerxética en modo calefacción igual ou superior a D para que o proxecto sexa subvencionable, sempre e cando esta cualificación enerxética sexa de aplicación.

1.b) Bombas de calor.

No caso das bombas de calor, os equipamentos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, nas condicións nominais de temperaturas establecidas na norma que os afecte (UNE-EN 14511 ou equivalente). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas, 7/35 ºC para bombas de calor aire auga e 7/20 ºC para bombas de calor aire/aire. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberá achegarse a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP.

Non serán subvencionables os equipamentos tipo monobloc de bomba de calor para auga quente sanitaria.

1.c) Solar térmica.

Considéranse nesta epígrafe as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se destinen a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción no sector doméstico e terciario unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2 ºC).

2. Investimento elixible.

O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema dependendo da tipoloxía do proxecto.

2.a) Biomasa.

Tipoloxía

Tipo de equipo xerador

Rango de potencias

Custo elixible máximo por potencia sen IVE (€/kW)

A1

Estufas de aire, cociñas calefactoras e xeradores de aire quente

P ≤ 25 kW

225-5 P

P > 25 kW

100

A2

Cambio de queimador en equipamanto existente que non sexa de biomasa

50

B1

Equipamentos térmicos que utilicen leña, hidroestufas ou insert/cheminea de auga

P ≤ 20 kW

300- 5 P

20 kW < P ≤ 40 kW

250-2,5 P

P > 40 kW

150

B2

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V < 1.000 litros

P ≤ 40 kW

300

40 kW < P ≤ 440 kW

310-(P/4)

P > 440 kW

200

B3

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible con V ≥ 1.000 litros

P ≤ 40 kW

325

40 kW < P ≤ 440 kW

335-(P/4)

P > 440 kW

225

P: potencia nominal total do sistema de caldeira(s) (kW).

V: capacidade do sistema externo de acumulación de combustible (litros).

Nas tipoloxías B1, B2 e B3, no caso de que a caldeira incorpore un sistema de limpeza automática de intercambiador, o custo elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) poderá incrementarse en 50 €/kW adicionais.

Non se admitirán nunha mesma solicitude varias caldeiras de distintas tipoloxías.

Para efecto desta convocatoria considéranse redes de distribución de enerxía térmica cando desde unha mesma sala de caldeiras, con potencia total das caldeiras de biomasa de máis de 200 kW, se distribúa enerxía térmica a máis de dous (2) edificios ou no caso de que sexan dous (2) edificios que a distancia entre ambos supere os 80 metros. Tamén se consideran conceptos subvencionables as ampliacións de redes existentes ou en fase de execución sempre que as infraestruturas que se desenvolvan nestas ampliacións cumpran os criterios establecidos no parágrafo anterior.

O custo elixible máximo destes proxectos será o dobre da cantidade que lle correspondería no caso de que fose unha instalación de biomasa sen considerar os elementos características dunha rede de distribución de enerxía térmica, custos máximos que se calcularían a partir da táboa anterior.

2.b) Xeotérmica.

Tipoloxía

Características do equipamento

Rango de potencias

Investimento elixible máximo por potencia sen IVE (€/kW)

A1

Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado horizontal

P ≤ 10 kW

1.300

10 kW < P ≤ 30 kW

1.300-10 · (P-10)

30 kW < P ≤ 100 kW

1.100-2 · (P-30)

P > 100 kW

960

A2

Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado vertical

P ≤ 10 kW

1.900

10 kW < P ≤ 30 kW

1.900-25 · (P-10)

30 kW < P ≤ 100 kW

1.400-3 · (P-30)

P > 100 kW

1.190

P: potencia térmica útil da bomba de calor (kW), debidamente xustificada coa documentación achegada, tal e como se indica no artigo 10 (documentación complementaria).

2.c) Aerotermia.

O investimento elixible máximo será de 600 €/kW para as bombas de calor aire/auga e 400 €/kW para ás aire/aire, sendo avaliada a potencia tal e como se indica no artigo correspondente a documentación complementaria.

2.d) Solar térmica.

Segundo a tecnoloxía utilizada, a contía máxima da subvención será a seguinte:

Tipo de instalación

Investimento elixible máximo

Paneis planos

1.500 euros/kW (*)

Tubos de baleiro

1.000 euros/m2 (**)

(*) A potencia en kW calcularase a partir da superficie útil de captación (de apertura) e da curva de rendemento do panel, con temperatura de entrada 45 ºC, temperatura ambiente 15 ºC e 800 W/m2 de radiación.

(**) Superficie de apertura.

Tendo en conta que na presente convocatoria se refiren as que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III do Regulamento (UE) núm. 651/2014 como axudas ao investimento para a promoción da enerxía procedente de fontes renovables (artigo 41.6.b), establécese como redución, polo investimento equivalente menos respectuoso co medio natural, un 20 % dos valores da tipoloxía B3 da táboa dos custos elixibles de biomasa, valores que están establecidos en función da potencia da instalación. Para as tipoloxías A de biomasa, a redución será dun 20 % sobre os valores dos seus custos elixibles máximos, reducións que tamén serán aplicables aos proxectos de enerxía solar térmica.

Artigo 8. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarias

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais

80 %

Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica)

80 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas en 10 puntos porcentuais

50 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto de biomasa será de 250.000 €. En proxectos de aerotermia e xeotermia, a axuda máxima será de 100.000 € e en solar térmica 15.000 €.

3. A contía máxima por beneficiario será de 500.000 €.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 9. Forma e prazo de presentación das solicitudes e a documentación complementaria

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG. Se a finalización do prazo coincide en día inhábil prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, como así o establece o artigo 10.1, letra a), da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

4. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a) Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá, como mínimo:

1º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) e unha memoria técnica en que se describirán, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación. Tamén incluirá unha xustificación do calor útil demandado e emisións evitadas de gases de efecto invernadoiro.

2º. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro ou similar). Esbozos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

3º. Folla de características dos equipamentos xeradores. No caso da biomasa incluirase a documentación relativa ao índice de eficiencia enerxética ou rendemento.

4º. Orzamento desagregado.

5º. Oferta técnica dun provedor no caso de que o solicitante sexa unha empresa, autónomo ou entidade sen ánimo de lucro.

6º. No caso da xeotermia, aerotermia e solar térmica os certificados de rendemento dos sistemas xeradores coas seguintes especificacións:

– Xeotérmica e aerotermia.

Certificado do coeficiente de rendemento en modo calefacción (COP) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que os afecte (UNE-EN 14511 ou equivalente). Para acreditar este coeficiente, deberá xuntarse a certificación emitida por Eurovent, a EPHA ou por un laboratorio de ensaio externo acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. Tomarase como temperaturas de referencia para o cálculo do COP 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas, 7/35 ºC para bombas de calor aire/auga e 7/20 ºC para bombas de calor aire/aire.

Para o cálculo da axuda por potencia, considerarase a potencia calorífica nominal en modo calefacción. Para iso achegarase a ficha técnica do catálogo do fabricante do equipamanto (e a correspondente ligazón web de consulta) onde veña recollida esa potencia ou capacidade calorífica en condicións nominais de ensaio segundo normativa (UNE-EN 14511 ou equivalente).

– Solar térmica.

Resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa), que serviu de base para a emisión da resolución de certificación.

b) Para acreditar a titularidade ou dispoñibilidade dos terreos admitiranse os seguintes documentos: titulo de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado, en ambos os dous casos, de declaración responsable (asinada polo representante legal da empresa solicitante) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

c) As administracións locais, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

3º. Certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

d) As empresas, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas letras a) e b) deste artigo.

e) Documentación adicional obrigatoria: as empresas, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

f) As empresas deben acreditar a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

g) Documentación adicional obrigatoria: cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, ademais deberán achegar:

1º. Unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda.

2º. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

O pagamento dos servizos que prestan as ditas empresas baséase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se dese lugar a modificación do contrato existente entre ambas as partes.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no paragrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo. Todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións incluída a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible ou estimable.

h) As entidades sen ánimo de lucro, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas letras a) e b) deste artigo e ademais deberán achegar a documentación que acredite a representación con que se actúa.

i) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e a Facenda autonómica.

c) DNI/NIE do solicitante, cando se trate dunha persoa física.

d) NIF da entidade solicitante, cando se trate dunha persoa xurídica.

e) Consulta dos administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.

f) DNI/NIE da persoa representante, cando se trate dunha persoa física.

g) NIF da entidade representante, cando se trate dunha persoa xurídica.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esa consulta deberá indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia, expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 15. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido no artigo 8 das bases reguladoras, no marco dos números 7 a 9 do artigo 41.7 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 23 destas bases reguladoras.

Artigo 16. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde á directora do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 17. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O xefe do departamento de Enerxías e Planificación Enerxética.

b) O xefe da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Dous técnicos do Inega (un da Xerencia e outro da Área de Enerxías Renovables).

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

4. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan suficientes para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que fosen admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 18. Criterios de valoración

1. Características técnicas dos principais equipamentos (ata 50 puntos).

a) Biomasa.

1º. Prestacións segundo as características do equipamento xerador (ata 30 puntos).

Valorarase o equipamento xerador tendo en conta os seguintes criterios:

i. Rendemento (20 puntos).

Utilizaranse os seguintes valores para definir as puntuacións desta subepígrafe, utilizando o valor da etiquetaxe enerxética cando lle sexa de aplicación ao equipamento térmico e o rendemento en caso contrario.

Valor da clase de eficiencia enerxética incluída
na etiqueta en modo calefacción

Rendemento (R)

P: 20 puntos

A+++

R ≥ 95 %

P: 18 puntos

A++

75<R<95 (1)

P: 16 puntos

A+

P: 12 puntos

A

P: 8 puntos

B

P: 4 puntos

C

P: 0 puntos

D

R=75 %

(1) O resto dos equipamentos puntuaranse proporcionalmente.

ii. Fluído caloportador (5 puntos).

Auga: 5 puntos.

Aire: 0 puntos.

iii. Sistema de alimentación do combustible (5 puntos).

Automática: 5 puntos.

Manual: 0 puntos.

2º. Calidade enerxética do combustible empregado polo equipamanto (ata 10 puntos).

Este apartado valorarase tendo en conta o combustible utilizado:

– Pélet: 10 puntos.

– Estelas: 6 puntos.

– Leña: 3 puntos.

– Residuos forestais e outros tipos de biomasa: 1 punto.

3º. Sistema de limpeza automática do intercambiador (10 puntos).

b) Aerotermia, xeotermia e solar térmica.

Nesta epígrafe avaliaranse os coeficientes de rendemento enerxético dos principais equipamantos, COP no caso das bombas de calor e o rendemento de paneis solares en termos de kW/m2, rendemento obtido a partir dos coeficientes de ensaio indicados na epígrafe correspondente.

No caso das bombas de calor outorgarase unha puntuación de 0 puntos para as bombas de calor con COP de 3,5 e a máxima puntuación para as de COP igual ou superior a 5,5. O resto de bombas de calor puntuarase proporcionalmente.

No caso dos paneis solares outorgarase unha puntuación de 0 puntos para os paneis solares con ratio igual ou inferior a 0,4 kW/m2 e a máxima puntuación para os iguais ou superiores a 0,55 kW/m2. O resto de paneis solares puntuaranse proporcionalmente.

2. Grao de utilización da instalación segundo o uso e a demanda (ata 20 puntos).

Tendo en conta o uso enerxético e a demanda da instalación avaliarase o seu grao de utilización considerando a calor útil demandada e a capacidade de xeración da instalación.

3. Ratio investimento/potencia da instalación (ata 30 puntos).

Avaliarase en relación coas ratios de investimento máximo elixible por potencia do proxecto segundo as bases. Outórgase 0 puntos aos proxectos cuxa ratio investimento/potencia supere un 120 % do custo máximo elixible que lle corresponde polas súas características e a puntuación máxima para aqueles cuxa ratio sexa inferior ao 80 % do custo máximo elixible. O resto dos proxectos puntuarase proporcionalmente.

Os empates que, se é o caso, se produzan dirimiranse aplicando os criterios na orde que a continuación se expón:

1. Maior puntuación obtida na epígrafe Características técnicas dos principais equipos.

2. Menor valor da Ratio investimento/potencia da instalación.

3. Maior puntuación obtida na epígrafe Grao de utilización da instalación.

Artigo 19. Instrución dos procedementos de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto, declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta realizada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Sen prexuízo do establecido na epígrafe anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 20. Resolución de concesión

1. Elaborada a relación prevista no artigo 17.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención, as obrigas dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de prelación resultante da aplicación dos criterios de baremación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, se é o caso, da súa emenda.

Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 22. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos na epígrafe seguinte.

Cando a modificación do proxecto afecte o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), o Inega deberá emitir unha resolución de modificación (anexo DECA) que recolla as ditas modificacións e, se é o caso, os valores estimados dos indicadores de produtividade.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento, sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 24. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 21.2 destas bases reguladoras.

Artigo 25. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as comprobación e verificacións que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control, e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Os beneficiarios someteranse ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos números 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013) así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeos.

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos unha vez rematado o proxecto, no caso de grandes empresas, o período mínimo será de cinco anos, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013), sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario dos terreos en que se instalen os equipamentos xeradores en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a un 1.000.000 € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Inega informará os beneficiarios das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

No caso das operacións non recollidas no parágrafo primeiro, todos os documentos xustificativos estarán dispoñibles durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

8. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

9. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:

a) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional do Inega e a Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo que dá apoio á operación e o lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario informará o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia e Feder: a) facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña de un, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión. b) colocando, polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio.

O Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 especifica nos artigos 3 e 4 a forma en que debe crearse o emblema e as súas características técnicas.

O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

10. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder 2014-2020, implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións a que fai referencia o artigo 115, número 2, e co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda: http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Es/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx.

12. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

Artigo 27. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de xullo de 2022.

Artigo 28. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 19 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei correspondan.

Artigo 29. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 27 destas bases reguladoras, e deberán estar, nese momento, os investimentos plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento polo solicitante da subvención concedida, presentará toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo II, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o solicitante. Sempre que o custo elixible da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 40.000 € sen IVE (en concepto de execución de obra) ou a 15.000 € (cando se subministran bens ou se prestan servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica) o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é o orixinal ou copia do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha composición das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario acreditar as 3 ofertas no suposto de que, polas especiais características dos gastos que se subvencionan, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non o IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

b) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

No caso das administracións públicas, presentaranse facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número de factura obxecto do pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto ou documento similar) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de nota promisoria, para efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

3º. Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 27 das bases reguladoras.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, dado un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4º. No caso da Administración local, certificación expedida pola secretaría ou persoa responsable do control de legalidade da entidade en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención.

c) Fotografías dos principais equipamentos instalados.

d) Os concellos, para as obras públicas que promovan, deberán achegar o acordo municipal de aprobación do proxecto.

e) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

f) O beneficiario achegará un certificado asinado polo técnico instalador, en que se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Naqueles proxectos de xeración térmica con potencia superior a 70 kW deberá achegarse o certificado de dirección de obra asinado polo técnico. Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro da consellería competente en materia de industria, o beneficiario deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de que sexa necesario.

4. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir os indicadores de produtividade asociados a estas bases reguladoras, que son CO30, Capacidade adicional para producir enerxía renovable (MW), e CO34, Redución anual estimada de gases efecto invernadoiro IGEI) (toneladas equivalentes de CO2/ano).

Artigo 30. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 €, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 31. Perda do dereito a subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramanto da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 60 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento do proxecto de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito, non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de tres ou cinco anos, segundo se trate de pemes ou de grandes empresas.

e) Suporá a perda da subvención, cando se trate de operacións que comprendan investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos se, nos 10 anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión (excepto cando o beneficiario sexa unha peme) ou no prazo que determina a normativa de axudas de Estado.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas ou outras obrigas), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada nesta epígrafe só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 32. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013), que xa foron mencionadas no número 4 do artigo 25 das bases reguladoras.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral de la Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 34. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos das operacións, tal e como se define no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013).

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 €, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material do investimento e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

3. O Inega realizará comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polos beneficiarios no relativo ao tamaño da empresa e a consideración como empresa en crise.

Artigo 35. Remisión normativa

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e se derroga o Regulamento (CE) no 1083/2006 do Consello, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

h) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

i) Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

j) Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

k) Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS), versión consolidada.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file