Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 2 de xuño de 2021 Páx. 27174

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 84/2021, do 12 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

No capítulo I, artigo 12.un da Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, prevese que durante o ano 2021 só se poderá proceder no sector público delimitado no artigo 11, e no marco do disposto ao respecto na lexislación básica estatal, á incorporación de novo persoal con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo dos correspondentes orzamentos de gastos.

O artigo 19.un.1 da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021, establece que a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público, a excepción dos órganos mencionados no número un.e) do artigo anterior, se regulará polos criterios subliñados neste artigo e se suxeitará a unha taxa de reposición de efectivos do 110 por cento nos sectores prioritarios e do 100 por cento nos demais sectores.

No número 3.A) do mesmo artigo 19, a Lei considera sectores prioritarios para os efectos da taxa de reposición ás administracións públicas con competencias educativas para o desenvolvemento da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en relación coa determinación do número de prazas para o acceso aos corpos de funcionarios docentes.

Polo anterior, tendo en conta a planificación educativa e a taxa de reposición a que se fixo referencia no parágrafo anterior, cómpre aprobar a oferta de emprego público relativa aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce maio de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición

O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público relativas á taxa de reposición é de 1.372.

Artigo 3. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición distribuída por corpos

Corpo de mestres: 652.

Corpo de profesores de ensino secundario: 692.

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas: 20.

Corpo de profesores de artes plásticas e deseño: 8.

Artigo 4. Prazas de promoción interna

Ademais das prazas de reposición de efectivos a que se fai referencia nos artigos 2 e 3 deste decreto, ofertaranse as seguintes prazas de promoción interna:

Acceso ao corpo de profesores de ensino secundario: 230.

Acceso ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño: 2.

Artigo 5. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do 7 % para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. A distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presente pola quenda de reserva supere a proba e non obteña praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 6. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas establecerase, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 7. Acumulación das prazas

1. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de ingreso libre acumularanse ás convocadas no dito sistema, na correspondente especialidade.

2. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de acceso acumularanse ás prazas convocadas polo dito sistema, cando sexa o caso, na correspondente especialidade.

3. As prazas que, se é o caso, quedan vacantes dos sistemas de acceso non se acumularán ás prazas do sistema de ingreso libre.

Artigo 8. Non superación do número máximo de prazas convocadas

Os tribunais non poderán declarar que superou as fases de oposición e concurso un número superior ao de prazas que lle sexan asignadas. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, se for o caso, a través da estimación de recursos, non poderá declarar que superou as fases de oposición e concurso polo sistema de ingreso libre un número superior ao conxunto de prazas convocadas relativas á taxa de reposición.

Artigo 9. Presentación electrónica das solicitudes

As solicitudes de participación nos procedementos selectivos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá, ademais, convocar o procedemento para que os funcionarios docentes de carreira que dependan directamente dela poidan adquirir unha nova especialidade dentro do corpo a que pertencen.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de maio de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade