O Pleno do Concello de Vigo, en sesión ordinaria do día 28 de abril de 2021, adoptou o seguinte acordo:
«Primeiro. Aprobar inicialmente o instrumento de medidas de ordenación tramitado no expediente 17165/411, redactado pola empresa Otima, S.L. por encargo da entidade Eduarven 14, documentación técnica presentada no rexistro desta XMU con datas do 8.4.2021 (Cód. Web. W536802-4625) e 9.4.2021, asinada dixitalmente con sinaturas válidas polos directores dos traballos, o avogado Diego Gómez Fernández (avogado núm. 1647 ICA Vigo) e o arquitecto Francisco Javier Rivas Barros, denominado Instrumento de medidas provisionais de ordenación no ámbito do polígono 32 do PERI IV-04 do Calvario (Vigo) como ordenación provisional, de conformidade co previsto na Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
Segundo. Someter o instrumento inicialmente aprobado a información pública polo prazo de vinte días, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nun dos xornais de maior difusión na provincia, no Portal de transparencia e na sede electrónica municipal. Así mesmo, notificarase individualmente a todas as persoas titulares catastrais de terreos afectados. Durante o mesmo tempo en que se realiza o trámite de información pública, solicitaranse das administracións públicas competentes os informes sectoriais e as consultas que resulten preceptivos. Os informes sectoriais autonómicos deberán ser emitidos no prazo máximo dun mes; transcorrido este, entenderanse emitidos con carácter favorable.
Terceiro. Declarar a suspensión, polo prazo máximo de dous anos, do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelamento, edificación e demolición nos ámbitos do territorio en que as novas determinacións supuxesen a modificación da ordenación urbanística vixente, nos termos previstos na lexislación vixente e de acordo co reflectido no resumo executivo incorporado ao instrumento de ordenación provisional inicialmente aprobado. Esta suspensión levantarase, en todo caso, unha vez aprobado definitivamente o dito instrumento».
Para os efectos do disposto no punto segundo da parte dispositiva deste acordo, a documentación íntegra aprobada inicialmente poderá consultarse na seguinte ligazón: https://hoxe.vigo.org/movemonos/urb_plan_gest_1aa.php?lang=gal#/ e no departamento de Información de Urbanismo, sito na planta baixa do edificio da Xerencia de Urbanismo (praza do Rei, s/n, Vigo) con cita previa no teléfono 986 81 03 44, para a súa consulta e a presentación de cantos documentos ou escritos de alegacións se consideren convenientes. O prazo de información pública comezará a contar desde a primeira publicación e rematará pasados vinte días desde a última publicación.
Vigo, 10 de maio de 2021
O alcalde
P.D. (Resolución do 11.7.2019)
María José Caride Estévez
Vicepresidenta da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo