Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 7 de xuño de 2021 Páx. 28127

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2021, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se deixa sen efecto a inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia da denominada Torre de Escuredo, no Grove, provincia de Pontevedra.

A Torre de Escuredo foi incluída no Rexistro de Bens de Interese Cultural en virtude da Resolución da Dirección Xeral de Belas Artes e Arquivos do Estado de data do 17.10.1994. Este inmoble incluírase nunha lista duns 165 monumentos de arquitectura militar da Comunidade Autónoma de Galicia, considerando que lle correspondía a aplicación do previsto na disposición adicional segunda da Lei 16/1985, do 26 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE), que indica que «Considéranse, así mesmo, de interese cultural e quedan sometidos ao réxime previsto na presente lei os bens a que se refiren os decretos do 22 de abril de 1949, 571/1963 e 499/1973».

A devandita relación refire inmobles que polas súas características responderían ao mencionado no Decreto do 22 de abril de 1949, que recolle baixo a protección do Estado todos os castelos de España e promove o seu inventario documental.

Pola súa parte, o artigo 88.1.a) da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), amplía a definición alén do termo castelo para pasar a denominala como bens propios da arquitectura defensiva. En concreto, o texto indica: «Os bens propios da arquitectura defensiva, entendendo por tal todas as estruturas construídas ao longo da historia para a defensa e o control dun territorio do que forman parte. No conxunto da arquitectura defensiva destacan singularmente os castelos, as torres defensivas, as murallas e os muros circundantes urbanos, as construcións defensivas con baluartes e os sistemas defensivos que configuran, os arsenais navais, os cuarteis, as baterías de costa, as polvoreiras e os restos de todos eles, con independencia do seu estado de conservación, de se se encontran soterrados ou descubertos ou de se se integran ou non noutro ben inmoble. Todas estas tipoloxías de inmobles construídos antes de 1849 teñen a consideración de bens de interese cultural».

No ano 2020 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recibe unha solicitude para modificar a devandita declaración xa que, ao seu xuízo, a edificación non corresponde coa motivación da súa inclusión no rexistro referido.

Segundo o recollido no artigo 24.1 da LPCG, a declaración dun ben de interese cultural unicamente poderá deixarse sen efecto, en todo ou en parte, seguindo os mesmos requisitos e trámites necesarios para a súa declaración. Tomando en consideración que a inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural deste ben non se realizou por medio dun decreto específico senón por unha resolución da dirección xeral competente na materia, con base nunha interpretación da disposición legal da tipoloxía e orixe da edificación como castelo ou arquitectura defensiva, é polo que a modificación deste rexistro, na actualidade, corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por medio dunha resolución, na cal debe recollerse que non corresponde a aplicación da devandita consideración xenérica por imperio da lei, xa que a edificación non se encadra na clasificación tipolóxica de referencia.

A información dispoñible na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a Torre de Escuredo, no Grove, non remite en ningún caso a unha edificación do tipo castelo nin dos propios da arquitectura defensiva nos termos en que está recollido na lexislación vixente. De feito, as descricións existentes mencionan unha vivenda caracterizada pola súa formalización modernista de primeiros do século XX.

Á vista das devanditas circunstancias e despois do informe de órganos consultivos e dos servizos técnicos da dirección xeral, exercendo as competencias atribuídas polo artigo 24 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e en virtude do que dispón o artigo 24 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio),

RESOLVO:

Primeiro. Deixar sen efecto e excluír do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia o inmoble denominado Torre de Escuredo no termo municipal do Grove.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello do Grove.

Disposición derradeira

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, –competencia delegada na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, segundo o disposto no punto primeiro e) da Orde do 9 de febreiro de 2021, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nas xefaturas territoriais desta consellería (DOG febreiro de 2021)–, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural